sábado, 26 de enero de 2013

Marcha ciclista na honra de Cristóbal Hermida


O día 20 de xaneiro o Clube Ciclista de Bueu celebrou unha marcha conmemorativa na honra do seu presidente, Crisóbal Hermida, asesinado na estrada mentres practicaba o seu deporte, a súa paixón: a bicicleta. O acto era, ó mesmo tempo, un clamor contra a “violencia viaria” que a cotío sofren os que collen a bicicleta e un recordo para os que a colleron un día e non voltaron falecendo por mor desa sorte de violencia.


Á marcha acudiron ciclistas por centos, sobrepasando de modo folgado o millar, a pesar da climatoloxía adversa cunha persistente choiva nun día gris, quizáis evocador da tristura que, mesturada coa amarga impotencia, desprendía o acto que se celebraba. As pingas de choiva, as trasuntas bágoas de Cristóbal Hermida, foron un aliciente máis para todos os que coa súa bicicleta, do tipo que fose, alí se presentaron. Físicamente, efectivamente, foron moitos; nembargantes, a conciencia de todos os ciclistas que non puideron estar, ben que quixeran, estaba presente dende o comezo, en cada ciclista, en cada pedal, en cada quilómetro de estrada percorrido pola marcha.


Coa vantaxe que aporta o feito de analizalo acto coa distancia do tempo, comprobamos que o acto celebrado na honra de Cristóbal Hermida, tivo unha relativamente exitosa acollida, se ben limitada á prensa galega e ó día da marcha. Pero o que se conmemorou non debe, coma cada un dos ciclistas perecidos na estrada, quedar atrás no tempo coma se se tratase de algo anecdótico; porén os cliclistas debemos, como colectivo, seguir poñendo en alza o que alí se reclamou, para que a Administración non fique queda ante nomes como o de Cristóbal Hermida ou Iñaki Lejarreta. E iso é o que na ASCIGA faremos: ningún nome caerá no saco do esquecemento, a modo da súa transfiguración nun simple número para as estadísticas. Todo o contrario, cada un, erixirase no ariete que golpeará as conciencias da sociedade e arremeterá contra a burocracia administrativa co único obxectivo de que as medidas de protección do ciclista sexan reais e efectivas.



Porque o que o 20 de xaneiro se reivindicou, amén da honra do falecido, non foi unha cuestión caprichosa dos ciclistas, nin unha marcha gratuita; non se trataba de clamar contra recortes, nin sanidade, nin corrupción, nin dereitos sociais, nin traballo digno, nin desahucios nin dunha manifestación desas que, con todo o respeto que merecen as súas causas, tan boa acollida teñen na prensa. Non. Tratábase de reivindicar medidas en favor de algo moito máis importante e máis significativo: O DEREITO Á VIDA.


Gustaríanos dicir que Cristóbal Hermida foi o último mártir. Sexa como fore, D.E.P., amigo.



No hay comentarios:

Publicar un comentario