Hai uns días
saltaba a polémica no Tour despois da etapa que remataba no Mont Vetoux, etapa
que calificabamos de “chapuza” e na que, segundo o noso criterio tres dos
máximos favoritos puideron ser sancionados.
A través do noso
Facebook puidemos comprobar como as opinións eran de todos os gustos e quixemos
afondar algo máis no tema xa que nos resultaba interesante e sempre é unha boa
ocasión para coñecer algo máis deste mundo que tanto nos apaixona.
Hoxe falamos con
Iván Lorenzo, Presidente do Comité Técnico de
Árbitros da Federación Galega de Ciclismo.
Iván atópase nesa
parte da carreira que adoita pasar desapercibida, están agochados, non saen na
tele pero a súa labor é fundamental para que unha proba ciclista poida funcionar.
ASCIGA: Antes de
nada nos gustaría coñecer como se lle da alguén por querer ser xuíz-árbitro?
Xeralmente cando somos novos todos queremos ser Perico, Induráin, Contador...
segundo a época.
IVÁN: Sen dúbida, os
rapaces teñen como espello aos grandes corredores, aqueles que lles fan levantarse
do sofá e coller a bici despois de ver unha etapa do Tour, por poñer un
exemplo. No meu caso particular, fun
ciclista federado ata a categoría cadete, logo centreime nos estudos
universitarios pero continuei usando a bicicleta como cicloturista. Un tempo
despois, hai xa dez anos, decidín volver a tomar contacto directo co mundo do
ciclismo federado, pero desta vez, dende unha perspectiva obxectiva do mesmo, como xuíz árbitro.
A: El cal é o
camiño a seguir? Que preparación ou requisitos debe ter un xuíz-árbitro?
I: O primeiro que se lle esixe a un aspirante a xuíz árbitro
(así é como se denomina á categoría na que se comeza neste estamento) é que se
sinta atraído polo ciclismo, lóxicamente valórase tamén un mínimo de
experiencia, normalmente a xente que toma a decisión de comezar na arbitraxe
son excorredores ou mesmo antigos directores deportivos. O seguinte paso, logo
dun ano como mínimo como aspirante a xuíz árbitro, é a preparación de cara ao
exame de xuíz árbitro rexional, para logo continuar coa formación arbitral e
chegar a acadar categorías arbitrais máis altas.
A: Unha vez aquí.
Como é a groso modo un día de carreiras? Cal é o traballo antes, durante e
despois da proba?
I: Loxicamente iso depende da proba ou modalidade en
cuestión, pero o noso traballo comeza coa comprobación e estudo do regulamento
particular da proba, que se realiza días antes da celebración da mesma, logo
tamén é importante a labor administrativa, como a comprobación das licencias
dos corredores. Xa durante a proba, a nosa labor radica no correcto transcorrer
da proba a nivel deportivo, velando polo cumprimento dos regulamentos que rexen
a mesma, así como validar as clasificacións tanto da etapa como dos pasos
intermedios, se é o caso. O noso traballo, unha vez concluída a proba soe ser a
de atender, se é preciso, as posibles reclamacións.
A: Agora que xa
coñecemos un pouco mellor o voso traballo ímosche poñer a exame. Imos analizar
as tres accións que comentabamos o outro día e ver o que di o Regulamento ó
respecto e comparar a túa análise coa resolución adoptada no Tour:
A primeira acción
á que faciamos referencia é o “tras coche” de Fabio Aru despois de sufrir unha
avaría e ter que cambiar de bicicleta:
Curiosamente
nesta ocasión si puidemos percibir o voso traballo durante a retransmisión da
proba xa que todos escoitamos o asubiar dun pito en directo. Que significa ese
pito?
I: Ese silvatazo que
se escoitou en directo foi realizado polo xuíz que nese momento presenciou esa
acción, segundo o regulamento UCI, unha vez detectada esta acción en
particular, ou mesmo outras que contempla o regulamento, o xuíz, antes de
sancionar, debe advertir a acción ao corredor e ao vehículo en cuestión, e así foi como se actuou neste caso
particular.
A: Logo a acción
de Aru, e do seu compañeiro podería ser merecedora de sanción? E cal podería
ser?
I: Neste caso non, porque momentos despois da advertencia
preceptiva do xuíz, a posible acción antiregulamentaria cesou, é dicir, o
regulamento insiste en que para sancionar a acción esta debe ser continuada
logo da advertencia do xuíz.
O que aconteceu
na subida do Mont Ventoux foi todo un despropósito dende o punto de vista
organizativo, niso estamos todos de acordo. No incidente coa moto víronse
involucrados tres corredores: Mollema, Porte e Froome. Este último, líder da
carreira, quebrou o cadro da súa bici quedando esta inservible. Todos vimos
tamén como o británico botaba a correr cargando coa súa máquina abandonándoa
apoiada a unha moto uns metros máis adiante.
Que di o
Regulamento neste caso? Todos lemos e escoitamos falar do xa famoso artigo 14
pero, é aplicable a este caso?
I: O regulamento, loxicamente, non contempla todas as
accións posibles nunha proba ciclista, e este é un claro exemplo. Aquí entra a
interpretación do regulamento en cuestión, interpretación que debe ser
realizada polo Xurado Técnico do Tour de Francia, 15 xuíces árbitros da elite
mundial. Certamente o artigo 14 fala sobre a imposibilidade de realizar parte
do percorrido sen bicicleta, pero non foi o que se adoptou nesta acción
particular.
A: Pero Froome
non foi sancionado, cal foi logo a resolución que se adoptou?
I: O artigo 2.2.029, que fala sobre incidentes que poidan afectar ou falsear o
desenrolo regular da proba, e aquí situaríamos ao público presente na subida do
Mont Ventoux. O público non é un elemento de carreira, como poden ser os
vehículos da cápsula de seguridade da proba, e, lembremos, a orixe do incidente
foi a excesiva presencia de público, que provocou o frenazo da moto e a
posterior caída dos corredores en cuestión, por tanto, baixo o meu criterio,
decisión totalmente acertada por parte do Xurado Técnico.
Xa para rematar
imos co colombiano Nairo Quintana. No medio do esperpento montado nas ramplas
do último porto da xornada a cámara dun afeccionado puido gravar ó corredor
agarrado nunha das rodas de reposto dunha moto de Mavic.
Neste caso que
atopamos no Regulamento?
I: Efectivamente
accións como esta son antirregulamentarias.
A: Tampouco houbo
sanción...
I: Existe unha máxima para sancionar a un corredor, o feito
en cuestión debe ser visto directamente polos xuíces, nunca a través dun vídeo
dun afeccionado; pensemos que nunha proba como o Tour de Francia participan
arredor de 200 corredores, existen infinidade de cortes, especialmente nas
subidas cara aos portos de montaña, de xeito que é case imposible controlar ao
100% as accións do corredores durante todo o percorrido. De tódolos xeitos,
estou convencido de que este foi un feito puntual, e que non chegou a
beneficiar claramente ao corredor en cuestión.
A: Xa só nos
resta agradecer a Iván a súa atención e o seu tempo e agardamos non só ter
arroxado algo de luz sobre as accións analizadas se non ter dado a coñecer o
importante traballo que se realiza "behind the scenes" polos señores comisarios en
cada carreira.
Agardamos tamén que a todos vos teña resultado esta publicación polo menos a metade de interesante que a nós realizar a entrevista. Sempre procuramos aprender algo de todo canto fagamos e hai que dí que non se pode saber de todo, pero é imprescindible ter o teléfono de quen o saiba, jejeje