miércoles, 26 de junio de 2013

SPECIALIZED THE CAPTAIN

Retomamos hoxe un tema que, de cara ó verán no que acabamos de entrar, adquire especial relevancia. Ir dominando un pouco qué gomas imos precisar para segundo qué condicións ou se queremos unhas polivalentes é trascendental para sacarmos partido á mountain bike. O terreo, polo xeral, está agora máis seco e duro e, no caso de chover, a superficie xa non reacciona igual que durante as longas temporadas de choivas invernais. Con ese pretexto de tervos informados seguimos aumentando o catálogo de cubertas e a información sobre as mesmas para transmitirvos as sensacións que nos proporcionou levar cada unha delas. Coma sempre sen esquecer que o último exame e o realmente válido é o que vós facedes despois duns quilómetros rodando.

Hoxe tócalle a quenda a un neumático creado por un dos fabricantes de bicicletas punteiros no mundo: SPECIALIZED. A marca americana deu en crear unha gama de neumáticos axeitados ás esixencias dos usuarios das súas máquinas. Un deles é o que vos traemos hoxe: o Specialized The Captain.
                                                                                    

QUÉ NOS VENDEN. Os creadores deste neumático, influenciados por Ned Overend, o mítico biker de Specialized, afirman que “El The Captain es el neumático perfecto para una conducción controlada y predecible sobre cualquier camino. Con altos tacos centrales y un espaciado de los tacos perfecto para proporcionar tracción y velocidad, además de tacos laterales para curvas agresivas. Un buen espaciado de tacos hace que desalojen bien cuando la Madre Naturaleza se enfada”.


VENTAXAS. A nota esencial deste neumático é que estamos en presenza dun dos mellores neumáticos mixtos do mercado. Ainda que dista notablemente das cubertas de tacos pronunciados, os seus numerosos apéndices de tamaño medio-alto e cunha distribución espaciada pero constante proporcionan un moi bo agarre en superficies duras e de gravilla solta. Os tacos máis exteriores cumpren perfectamente o seu cometido e “avisan” en situacións de apuro. En xeral, a pesares do pronunciado dos tacos, sinaladamente os centrais, a súa disposición enfilada na parte central tradúcese nunha sensación rodadora bastante perceptible. Boa tracción atrás, sobre todo en baixada, e impecable comportamento adiante, amosándose moi fiable en calquer tipo de pendente.

INCONVENIENTES. Non hai grandes diferencias de peso entre as gamas normais e as gamas altas, froito do maior reforzo lateral destas últimas, excepción feita da versión S-Works. E é que as gamas standard adoecen duns flancos blandos en exceso pero que, por sorte, non son causa directa dos sempre fastidiosos trillazos xa que o globo do The Captain é xeneroso e compénsao perfectamente. Na versión que nós probamos, e a pesar do do impecable comportamento na roda dianteira, o The Captain deu mostras de sufrir bastante na roda traseira nas zonas técnicas e perigosas, sobre todo de pedras, xa que apareceron uns cortes que, se ben non deron en rachar de todo, sí son susceptibles de poder provocar pinchazos posto que a cámara é accesible á suciedade. A durabilidade tampouco é o seu punto forte (entorno a 800 km cun uso corriente).



RIVAIS DIRECTOS: MAXXIS Ranchero, SCHWALBE Racing Ralph, HUTCHINSON Python, GEAX Saguaro, KENDA Karma Pro.



CONSELLO. A grande demanda de neumáticos mixtos é perfectamente coñecida polos fabricantes de gomas. Así que se non es un maniático dos neumáticos, nin che van os grandes debates sobre a distribución dos tacos e non che gusta andar dándote quebradeiros de cabeza co tema da superficie e a climatoloxía só para o feito de ter que escoller unha roda, Specialized, marca punteira no mercado, pensou en tí para crear este neumático. Mellor como dianteiro que como traseiro, cumpre con creces o seu cometido e permíteche ir chegar a onde se che antolle: subirás perfectamente cos teus compañeiros “escaladores” sen perder pedal e sen ir excesivamente lastrado, llanearás sen perder demasiado a roda dos teus colegas rodadores e farás baixadas sempre cun agarre aceptable. ¡Polivalencia cento por cento!

lunes, 17 de junio de 2013

Qué sabemos dos pedais?



Cando “coller un pedal” deixa de ter nada que ver con Bacardi ou Jonhy Walker desaparecen os efectos da resaca á par que comezan a rondar certas dúbidas pola túa cabeza. Cando un comeza neste mundo, ó igual que sucede con calquera outro deporte, entra coma un elefante nunha cacharrería. Co auxe que están a coller, por exemplo, as marchas BTT últimamente todos temos visto algún participante con camiseta de algodón, zapatillas NIKE ou a sudadeira atada á cintura. 

O noso propósito de hoxe é axudar a xente que poida estar a empezar e teña dúbidas sobre o material co que se facer, e sobre se este será axeitado ó uso que se lle vai dar.
Unha das inevitables pedras nas que tropeza cada afeccionado que empeza na bici son os pedais, peza esencial na bicicleta que ten tantas posibilidades e opcións como peixes hai no mar e que fai dubidar a moita xente, entre outras cousas, sobre cándo é o momento axeitado para pasarse ós famosos pedais automáticos.


Este tipo de pedal non é máis que o cumio dunha evolución técnica que ó longo do tempo tratou de fixar o pé ó pedal, mediante unhas tiras de coiro primeiro que impedían vota-lo pé ao chan con rapidez en caso dun apuro e que chegaban a facer auténticos estragos nos pés dos ciclistas profesionais. Co paso dos anos, deron nos modernos modelos que podemos ver hoxe nas tendas especializadas.


Considerada por moitos a evolución técnica máis grande no mundo do ciclismo, foi Bernard Hinault quen, tras unha lesión no talón de aquiles e, da man de Look, deu, xunto cos seus mecánicos, nesta solución que anos máis tarde acabarían acollendo todos os equipos unha vez que, en 1984 Hinault se convertiu no primeiro gañador do Tour de Fance con esta evolución montada na súa bici.
Esta novidade tamén remataría por dar o paso ó monte e aparecería máis tarde no mundo do Mountain Bike.


Comezamos pola modalidade para estrada:

Os pedais automáticos aquí teñen unha base máis ancha, buscando unha fixación firme en todo momento. Os modelos son infinitos, cada marca saca o seu. Evidentemente entre os máis coñecidos están os de Look, descubridores do sistema, e as marcas de sempre como pode ser a xaponesa Shimano.


Hai varias consideracións a ter en conta á hora de pasarse ós pedais automáticos. Primeiramente este paso compre dalo unha vez que as saídas coa túa amiga comezan a ser habituais e intensas. Os beneficios son numerosos, dende conseguir un pedaleo máis uniforme e eficaz ata evitar lesións. Non obstante cobra unha importancia radical a correcta colocación das calas (peza que se fixa á bota e que une esta ó pedal) nas botas xa que, de non ser así, as molestias e unha posible lesión de xeonllo non tardarán en aparecer. Como sempre, vos aconsellamos que acudades para elo ó voso mecánico de confianza que, a bo seguro saberá aconsellarvos e incluso montarvos as calas nas vosas zapatillas novas.

Con respecto ás calas, ó marxe dos distintos tipos que cada marca adapta ó seu propio pedal atopamos outra peculiaridade: o distinto nivel de fixación. En concreto, e por poñer un exemplo, Shimano distingue o grao de fixación das súas calas en función da cor das mesmas:

Negro. Aporta a máxima fixación. Como punto negativo atopamos que aumentan as probabilidades de lesión ó evitar calquera clase de movemento do pé para acomodalo ás necesidades biomecánicas.

Gris. Supoñen o compromiso entre comodidade e fixación ó 50%.

Vermello. Aumenta a comodidade xa que permiten a máxima movilidade do pé, polo outro lado a sensación pode asemellarse á de leva-lo pé completamente solto.
 
Calas Look

Imos ó monte:

Pasados xa ó mundo BTT, aínda que a función dos pedais automáticos é a mesma, a cousa cambiache bastante.

Para comezar todos somos conscientes de que no monte as probabilidades de ter que vota-lo pé ó chan repentinamente aumentan de maneira importante. É por iso que o sistema para sacalo pé resultará sempre moito máis sinxelo sen que isto limite demasiado a fixación de este ó pedal. A parte de iso o sistema funciona en ambas direccións, tanto cara dentro como cara fora, dependendo das diferentes necesidades do momento.

Aquí, para aqueles que aínda dubiden se deben optar polos automáticos, ou ben para aqueles que tamén usen a bici no seu día a día, existe a posibilidade de montar os pedais mixtos, que levan sistema automático por un lado e son planos polo outro.

Máis aló o que atopamos son fundamentalmente dúas opcións:
A primeira ben podería vir constituída por uns Shimano , M520, M540… (ou o equivalente de calquera outra marca) entre os distintos modelos a variación é só no peso e o funcionamento é igual de sinxelo. 


Este modelo de automático na nosa terra ten un problema: en Galicia chove, ou non? É raro o día que non atopes lama no teu camiño, lama que se introducirá tanto no pedal como na cala da zapatilla e che dará non poucos problemas se te tomas o BTT con algo de seriedade.

Como todo ten solución existe tamén o modelo Cranckbrothers. 

Un pedal sinxelísimo e consistente en pouco máis que dous arames unidos por un muelle. É máis lixeiro e, como tantas veces, a solución máis sinxela trae enormes beneficios. A terra e a lama se colan con facilidade polos seus ocos polo que as probabilidades de que se atasquen se reducen enormemente.

Pouco máis que engadir en canto ó que pedais se refire. Visita a túa tenda e o teu mecánico che axudará a valorar cál é o modelo que mellor se amolda ás túas necesidades. Logo deberás valorar o factor económico xa que os pedais e as zapatillas poden chegar a sumar “unha salsa” e non é preciso nin aconsellable ir “moi de pro”; se trata de buscar aquilo que necesitas.
Esperamos tervos servido de axuda para atopar os vosos novos pedais. Como sempre agradecermos a Oliveira Bike pola súa inestimable axuda e atención.

Ata a próxima... ídelle dando!

viernes, 7 de junio de 2013

II BTTINTO RIBADUMIA


2 de xuño de 2013. 8 am. A ASCIGA arriba a Ribadumia para afrontar con ilusión a II BTTinto, organizada por Salnés Bici, o Clube Ciclista Armenteiraepunto e o CDM Xesteiras.

Aparcamos na entrada do pobo e achegámonos para a recollida de dorsais xa montados nas bicis e con todo listo. Un claro ambiente BTTeiro nos rodea. Recollemos os dorsais e buscamos unha cafetería onde tomar un último café para entrar en calor antes de comezar a “disfrutar sufrindo”.  Aínda andan, de mañaneo, polas rúas algúns mozos ós que a noite non lles chegou a nada coas caras enzoufadas en viño barrantes que nos dan o seu apoio á súa maneira: “- Dame a bici a mín meu!”, jejeje.


Dorsal 1510:
Era para min un día moi especial e os motivos eran moitos e moi variados. Non chegaba nas mellores condicións físicas pero era importante completa-lo percorrido xa que era a derradeira saída con Carolina, a miña humilde Conor que me leva acompañando nos últimos anos e que sempre deu máis do que se lle pediu.

Na saída me dou de conta de que un erro de novato me vai dar problemas. Déralle demasiada presión ás rodas e, por enriba, da válvula traseira sae un “globo” e non me atrevo a afrouxar o tapón por medo a ter que desmonta-la roda… veremos o que pasa!


O máis importante, para poder ter unha xornada tranquila na que poder buscar un ritmo cómodo era evitar como fose os temibles atascos que, abofé, se ían producir nos primeiros repeitos. De modo que apretamos o que puidemos nos primeiros quilómetros ata que ese sobre-esforzo e as primeiras ramplas realmente duras me fan perdela roda do meu compañeiro, moito máis en forma ca min.
Unha vez só, e superado o problema dos atascos busco un ritmo axeitado que me permita ter ese “puntiño” extra nos repeitos duros para superalos sen vota-lo pé a terra. Me superan algúns “galos” que tiveran problemas nos primeiros quilómetros e lles facilito o paso o mellor posible xa que esa non é a miña “guerra”, non hoxe.

Non tardo e darme de conta de que a presión excesiva da roda traseira me vai dar problemas (dato para anotar en vermello no caderno da experiencia), a adherencia é case nula e me vexo obrigado a votar pé a terra, ante a chanza do grande Eze Mosquera: “a potencia sen control non serve de nada!”. Resignación, é día de ir tranquilos.

Varios “resbalóns” máis, e incluso unha caída a causa deste erro de novato non afearon en absoluto un percorrido espectacular que a organización da BTTinto mimou con moito esmero dando como resultado unha proba dura e esixente, tanto con subidas durísimas como con baixadas non menos temibles. A dicir verdade brutais! Proba disto poden ser os 6 evacuados dos que deron conta os servizos de Protección civil.


Das subidas, a parte de auténticas paredes que nos tiñan preparadas, resaltar unha longa e esixente ate o avituallamento do campo de golf que, situada cara o final do percorrido fixo doer as pernas, pero doer de verdade!

Nas baixadas nos consta que máis dun sufriu demasiado cunhas trialeras para xente brava, labradas a lume de neumático no lombo dalgún dos montes máis fermosos que coñecín. Os que nos animamos a afrontalas, despois das preceptivas advertencias dos membros da organización á entrada de cada unha (“Hai que telos ben postos”, nos dicía algún mentres nos ofrecían un camiño alternativo) chegamos de novo a Ribadumia coa satisfacción inmensa de sermos sabedores de que nada hai imposible para un biker e a súa bici cando ambos se levan ben.
Tamén deixa moi bo sabor de boca o ambiente nas aldeas e parroquias polas que discorreu o percorrido onde os veciños agardaban o paso dos participantes á veira dos camiños e os nenos berraban entusiasmados ante as evolucións dos que decidían atreverse coas trialeras. Abofé que algún cativo se atreveu pola tarde coa súa propia bici, jeje, na terra hai canteira!

Moi boas sensacións nas pernas nos últimos quilómetros me animaron a afrontar aquelas baixadas e a parte de rodaxe final a tope. As bestas abríndose ó galope ó meu paso foi a escena que deu inicio a un acto final onde a natureza cobra portagonismo e o sufrimento deixa paso ó disfrute.
A miña valoración persoal pode ser a seguinte: o percorrido inmellorable, a organización sobresaínte, e a pega pode ser o avituallamento líquido que, ó estar limitado a unha bebida por persoa, ben puidera contar con augas de 1/5 litro que, polo menos, encheran o bidón. Unha única chata nunha xornada fantástica que fixo ferver a sangue galega das miñas veas e un recordo: NON ÁS MINAS!!!


Dorsal 0933

Era o día dunha das grandes citas do BTT galego, o día da BTTinto 2013. Levantas a persiana e o sol do amencer dun esplendoroso día báteche na cara e pensas “Vai ser un gran día de BTT”. Camiño de Ribadumia, de madrugada, as tonalidades do amencer van dando paso ó brillo dun maxestuoso sol. Chegados ó noso destino, coa bicicleta xa pola man, percibes que a friaxe da madrugada ainda é notoria e os raios de sol na pel fai que a sensación sexa placenteira; no punto de saída ciclistas e bicicletas xa abundan. Observando semellante panorama, ratificas: “Efectivamente, vai ser un gran día de BTT”. Recollémolos dorsais e tomamos un café rápido, pero agradecido polo corpo, para tomarmos posicións na saída na parte dianteira para evitarmos os embotellamentos que se facían previsibles. 2.000 participantes na BTTinto 2013 así o facían presaxiar.

Daquela, cunha notoria presencia de bikers, en Ribadumia ainda quedaban uns cantos prolongando a festa nocturna, deambulando entre animosos e sorprendidos por unhas rúas cheas de bicicletas. Moitos deles esgotarían as súas últimas forzas para animala saída antes de retirarse ás súas casas.


Xusto antes saída, con Terio Carrera de speaker, ollamos cara atrás e observamos unha paisaxe dominada polo colorido dos cascos que semellaba non ter fin. Tomada a saída, eu afánome en gañar posicións ainda que non co ímpetu do meu compañeiro que, áxil dende o comezo, deu en adiantar posicións de modo fulgurante ata tal punto que o perdín de vista. Como era coñecedor de que o percorrido era longo e duro, e como non sabía cando ía poder facelo con certo sosego, decido comer e beber algo antes de adiantar algunhas posicións. Mentres o fago observo con grata sorpresa cómo os veciños de Ribadumia, da vila e das aldeas, invaden a beira das calzadas para animar efusivamente ós bikers, quenes responden con efusivos saúdos e algún que outro xesto ou invertida. Entre os participantes, as conversas nestas primeiras curvas eran animadas, con risas e bromas. Ata que o terreno comezou a empinarse cara arriba. Foi entón cando voces altas e as risotadas se transformaron nun tenue murmullo e posterior silencio, os cambios escomezaron a renxer precipitadamente. Cada un buscou o seu ritmo. Persoalmente considerei preferible tomar a ruta con paciencia polo que adoptei un ritmo medio-alto, conservador, sen abafar,  máis pendente do pulsómetro que outra cousa.


Mentres atrás se formou algún que outro embotellamento, polo que soubemos despois, comezo a pasar bikers mantendo o ritmo, seguindo algunha que outra roda. Avanzado un bo tramo de subida atopo de novo co meu compañeiro que, ainda que con bo ritmo, parecía estar pasando un momento complicado. Rodamos uns quilómetros xuntos pero rematamos separándonos. Atopo cun vello coñecido doutra ruta e decido seguir o seu ritmo. A subida continuaba e o antes agradecido sol facía agora que descendesen pola cara as primeiras pingas de suor. A cantidade de xente fai, por intres, que o avance se atranque nas partes técnicas ainda que sen formar atascos. Zonas de auga con pedras que sobresaen e lameiras profundas no medio da subida provocan as primeiras dificultades. Quen suscribe estas liñas, de feito meteu a pat... digo, a roda dianteira nun buraco que lle fixo saborear a terra. Non apreciei  no padal nada dos aromas do Barrantes, todo sexa dito. Sigo avanzando, agora en solitario, nunha eterna subida pola que rodaba Ezequiel Mosquera, cuxa roda tomo durante un par de quilómetros. “Un día grande de BTT, en tódolos sentidos”, penso. Ó paso polas aldeas, os veciños non dubidaban en ofrecer auga e ánimos ós participantes.

As zonas de baixadas eran técnicas, rápidas e relativamente longas, polo que se desfrutaban con gusto, ainda que en determinados puntos o aumento da verticalidade obligaba a sacar o mellor de un mesmo e a andar fino co manillar. Nestes primeiros tramos da BTTtinto non houbo tregua posto que non había apenas tramos chans para rodar: sempre ibamos para arriba ou para abaixo. Alcanzo así o primeiro avituallamento, previo paso por unha zona de vellos muros de pedra con estreitos pasos. Un avituallamento nutrido e abundante, ainda que dosificado pola organización. Coas pernas con boas sensacións, retomo o camiño e formo unha dupla cun compañeiro e amigo. Marcámonos un ritmo un punto máis alto do que eu xa levaba, o cal nos fai ir deixando atrás a outros participantes que tamén levaba unha carencia nada despreciable. Chegamos a unha zona dunha baixada longa paralela a un río, con pista limpa de grava na que se puido apretar con gusto, ainda do risco de ir parar directamente ó río. Tras un pinchazo reparado nun tris, retomámolo descenso.

Rematada esta gran baixada o tedio da subida volveu para as pernas, que ata ese intre responderon ben. Nembargantes esta nova subida, que nos levaría ata os campos de golf e a un avituallamento líquido, semellou interminable e as zonas de subida técnicas comezaron a facer sufrir ás pernas para aguantar o ritmo. Os escasos terrenos chans, prestos para unha rodaxe máis cosntante, permitiron “un respiro”. Despois do avituallamento comezou un tramo de terreo chan que picaba algo para arriba que, daquela e coa calor facendo mella, era todo un Tourmalet para min. Aquí, neste tramo, entorno ó quilómetro 30 apreciei que as sinais se difuminaban por momentos pero enseguida te decatabas do desvío pola presenza de sinais da ruta curta ou porque algún outro biker, presentes en todo momento, facía a advertencia. Despois dunha trialera na que parei a axudar a un biker que saía de entre os toxos, perdín ó meu anterior compañeiro e, en consecuencia, o ritmo que levabamos. Non obstante, o “rescatado” non iba coxo precisamente. Sería quen me acompañaría ata o final.

Un final repleto de trialeras e “a trialera”, unha caída case vertical entre árbores moi próximas entre sí, na entrada da cal se colocara un membro da organización suxerindo a vía alternativa se de verdade lle tiñamos aprecio á vida o que desmotivaba a uns e encendía a outros. Para rematar, un espectacular e grandioso trazado polo Bikepark na que as doses de adrenalina se mesturaban coa dor das numerosas caídas producidas, e das que eu fun partícipe. Os últimos quilómetros foron dun percorrido suave, bo para rodar, con algún que outro repeito. Neste tramo atopábase o derradeiro avituallamento cun nutrido surtido de callos e viño tinto que provocou que máis dun demorase a chegada máis do que debera.


Cheguei á meta. Un tempo de 3 horas e 12 minutos e cunha distancia marcada de 45,20 quilómetros. Pese ó gran número de participantes que había en meta púidose lavar as bicis sen colas e tomar un refresco dos ofrecidos pola organización sen agobios. Un gran traballo por parte de Salnés Bici, o Clube Ciclista Armenteiraepunto e o CDM Xesteiras, co destacado papel de Monso, deseñador desta gratificante tortura de circuito. A boa disposición e o traballo conxunto desta xente, coas institucións e patrocinadores que colaboraron, deron como resultado unha exitosa BTTinto 2013, ben que coas pegas inherentes á masificación. As paisaxes polas que nos fixeron circular e o bo ambiente de principio a fixeron que á miña mente acudise un pensamento: “¡Qué gran día de BTT!”. Moi recomendable, que por algo é a festa do BTT galego.






jueves, 6 de junio de 2013

Mentiras e manipulacións da DXT.



Antes de nada me gustaría pedir desclupas ós poucos pero estimados seguidores de Asfalto e arrós por tervos esquecidos estes días pero un ten outras obrigas que ás veces tamén merecen atención. Durante este par de semanas pasaron cousas importantes pero non quero deixar no esquecemento un acontecemento que me chamou poderosamente a atención, imos ó tema:
O pasado día 26 publicaban varios medios os datos de sinistros comunicados pola DXT nesa fin de semana e houbo varias “cousiñas” que me gustaría someter a unha humilde crítica. Como sempre tratamos de ser o máis serios e obxectivos que nos é posible aquí vos vai o enlace a unha desas publicacións:




Transcribimos un fragmento para comentalo: “De los dos ciclistas uno ha muerto en Guadalajara el sábado y otro hoy en Murcia.”
Agora cruzamos os datos da DXT cos do arquivo da ASCIGA:


1.- Muere un ciclista de 71 años atropellado por un turismo con conductor ebrio.

2.- Fallece un ciclista tras ser atropellado por un turismo en Alhóndiga (Guadalajara).

http://www.europapress.es/sociedad/sucesos-00649/noticia-fallece-ciclista-ser-atropellado-turismo-alhondiga-guadalajara-20130525131708.html

 

3.- Fallece un ciclista mientras participaba en una marcha en Bizkaia.

http://www.elnortedecastilla.es/agencias/20130525/deportes/mas-deportes/cicloturismo-fallece-ciclista-cuando-participaba_201305251155.html

 

4.- Fallece un participante de la Maratón Ciclista BTT "Villa de Rota".

http://andaluciainformacion.es/rota/311348/fallece-un-participante-de-la-maraton-ciclista-btt-villa-de-rota/

 

NON ESTAMOS A INVENTAR NADA! Son datos publicados nos medios de comunicación e, por suposto, dende esta asociación pediremos unha explicación coherente á propia DXT polo que consideramos unha manipulación fraudulenta duns datos que afectan nada menos que á morte de persoas.

 

Por outra banda o pasado 28 de maio coñeciamos que un cidadán italiano era arroiado por un coche da Policía nacional en Madrid mentres circulaba en bicicleta. No informe que a DXT fai chegar ós medios se pode ler marcado en letra negriña que: “no llevaba elementos reflectantes ni luces ni casco, se cruzó en la vía”.

Muere un ciclista tras ser atropellado por un coche patrulla de la Policía Nacional 

 

E isto o afirma o informe con total impunidade ó mesmo tempo que recoñece que: “El accidente se produjo por causas que están siendo investigadas…”. Nos parece unha gravísima falta de respecto a un falecido tratar falazmente de culpalo da súa propia morte ante a opinión pública cando as causas do atropelo “están siendo investigadas”. Unha grande ousadía por parte do órgano que dirixe a Dra. María Seguí pero que, entendemos, non vai pasar inadvertido ó ollo vivo e atento do noso lector.

 

 Esperaremos á resposta da DXT antes de sentenciar de forma definitiva que manipulan flagrantemente os datos tratando de agochar a súa propia incompetencia e graves neglixencias, circunstancias que o rancio corporativismo que impera nos Corpos e forzas de seguridade do estado axuda a esconder ó publico coñecemento así como á acción da Xustiza. De outro xeito tampouco se explicarían casos como o do Xefe de tráfico de Soria que, pillado por un radar a 207 Km/h, tardou 6 meses en ser posto ante un xuíz polo obstrucionismo dos superiores tal e como recoñece a UGC, sindicato que realizou finalmente a denuncia (Sorprenden a 207 km/h al jefe de Tráfico de la Guardia Civil de Soria).

 

Non é hoxe, como xa dixen, o día no que sentenciemos á DXT por unha tendenciosa manipulación dos datos de falecidos, pero sí vos manteremos informados sobre a resposta que recibamos deste organismo. Mentres tanto desfrutade da vosa bici!