sábado, 15 de marzo de 2014

III RUTA DO LACON (Cuntis)


Pois sí, amigos. O 9 de marzo estivemos en Cuntis na Ruta do Lacón que neste 2014 acadaba a súa terceira edición. E vista a progresión ascendente que está a acadar, da man do CDM Xesteiras e os seus colaboradores, esperemos que sexan moitas as que lle resten. E iso contando que este ano esta ruta coincidíu con outros grandes eventos na orbe do BTT como a propia Transgalaica. Pois ben, esta edición da Ruta do Lacón cos seus 38 quilómetros presentábase como especialmente apetecible por dúas razóns. A primeira, que era prácticamente a primeira ruta na que, despois de meses e meses de incesantes choivas (“E se chove, que chova!” dicían), iamos gozar dun tempo soleado e temperaturas máis propias dun mes de xuño que dun mes de marzo, circunstancia que se unía ó atractivo que esta ruta ten para moitos, e particularmente para quen suscribe estas palabras. O segundo dos alicientes estaba na lembranza da apoteose de choiva, lama, frío e auga na que se convertira a edición de 2013 que, se ben lle deu á ruta un punto épico, tamén desluceu un tanto o percorrido, causou cuantiosas averías e, xa de paso, destrozou as pernas de moitos bikers (entre eles este sufrido biker). Esta III Ruta do Lacón, definitivamente, pintaba moi ben e facíase apetecible.


Deberon de ser tan atractivas esas dúas circunstancias e as ganas de rutas que xa dende ben cedo a Praza das Árbores da vila termal ateigouse de bikers chegados de todas latitudes, que charlaban animadamente entre cafés, cos últimos axustes nas bikes e algún que outro reencontro postinvernal; e todo animado polo xa mítico speaker das rutas do CDM Xesteiras, ¡un crack! Por alí andaba tamén un tal Gustavo César Veloso (vilagarcián, 2º da Volta a Portugal 2013, para máis señas), que é un asíduo desta ruta e que sempre ten o detalle de acompañarnos no percorrido.


Despois dun sorteo inicial de premios, xa coas raiolas de sol batendo nas felicies caras dos bikers (inevitable rememorar as facianas atenazadas de frío un ano antes), e coa ansia de probar o que nos tiñan preparado nos montes cuntienses, deuse a saída e o grupo de máis de 600 bikers comezou a estirarse polas rúas do centro de Cuntis, nas que a actividade feiral co gallo da festa do Lacón comezaba a ser notoria. Algún xa tiña máis a mente na volta que na saída mesma. Berros, cánticos, fotos, ‘caballitos’, bromas cos veciños que nos animaban, toma de posicións... ¡ambientazo!


En poucos quilómetros xa estabamos enfilando os montes da comarca por pistas da zona entre as casas. Logo chegaron as primeiras ramplas nas que houbo que subir coroas, cesar os coloquios e apretar un pouco os dentes. Este biker, que saíu dende as relagadas posicións traseiras, ó tempo que ía avanzando posicións, puido desfrutar do bo ambiente e camaradería que reinaba en todo o grupo. E, pese ó cuantioso dos participantes, apenas houbo embotellamentos, algo ó que tamén contribuiron eses primeiros metros para estirar o grupo como tamén a criba das primeiras ramplas. Unha vez collido o ritmo, as subidas parecían máis levadeiras de non ser porque, curva tras curva, o único que había eran.... máis subidas ata onde alcanzaba a vista. Iso sí, subidas duras pero que transcorrían por zonas empedradas, entre muros, e cruzando algún que outro regueiro e que ó final sempre tiñan como premio unha trialera, a cada cal máis bonita, máis técnica e máis divertida e todas perfectamente acondicionadas, sinaladas, limpas e con cadansúa escapatoria (malchamada ‘alternativa’). A única ‘pega’ que tiñan era que remataban.


Tralo primeiro dos avituallamentos (todos perfectamente ubicados), a ruta transcorreu durante un bo tramo polo alto dos montes á par dos eólicos do monte Cabalar, unha zona sen dúbida sobrecolledora pola inmensidade da cor verde que a regaba baixo unha paisaxe despexada e pola que avanzaba un camiño irregular, cheo de buratos e pozas de auga nas que había que xogar a atinar onde estaba a parte menos fonda. Un non podía evitar lembrar a choiva, a néboa e o vento que un ano antes nos acompañara precisamente naquel camiño. Nembargantes, a calor que nese intre comezaba a apretar de modo xeneroso facía agradable a sensación de enlamarse un pouco. Foi nesa zona que quen vos escribe sufreu un pequeno despiste nun cruce, culpa única e exclusivamente miña (e solventado cun clásico “marcha atrás”) xa que o marcado foi impecable e a organización non lle “chorou” ó material con cintas a cada paso e sobre todo o dispendio en ‘spray’. Neste capítulo, resultan particularmente destacables as frechas pintadas enriba da propia terra do chan, as ramas e as xestas das marxes dos camiños pintadas (¡ata nas subidas!) e as árbores con todas as súas raíces tuneadas de laranxa en cada trialera.


Despois tomamos unha zona de baixada por unha zona desbrozada a conciencia para enlazar outra baixada entre arboledos, á que a luz das raiolas do sol filtrándose entre as follas e as ramas lle confería un aspecto enteiramente primaveral, nunha zona que nos levaba xa a outro avituallamento. Un abundante e nutritivo segundo avituallamento que só con velo alonxaba calquera síntoma de pájara (¡e menos mal co que nos agardaba!), situado despois dunha longa e bonita baixada; xa iniciada a marcha de novo, o trazado volvía a empinarse cara arriba. Volta a subir coronas e a pelexarse coa bike e, se tocaba, retorcerse e tirar de habilidade nas zonas máis duras e técnicas, que as había para dar e tomar. Para compensar, todo sexa dito, tamén cruzabamos algún regueiro que nos obligaba a mollar os pés que, comoqueira que o sol xa pegaba ben, era de agradecer. Algún aproveitou para darse o primeiro chapuzón do ano.


Hai que deixar claro que cando os amigos do CDM Xesteiras anuncian sorpresas a “bombo e platillo”, un pode esperar de todo. E cando digo de todo é de-to-do.



E claro, xa sexa porque as forzas nas pernas non eran as do principio, xa sexa por curiosidade ou xa porque había que administrar a última reserva, dei en ollar o contaquilómetros para corroborar que realmente xa non quedaba moito para a meta. O teu cerebro xa fai cábalas e lévate a unha placenteira conclusión á que o resto do teu sistema locomotor aplaude a rabiar: a sorpresa é trialera final e, despois, a comer. E foi nunha destas que, súbitamente, nun cruce un dos membros da organización me indica unha nova subida da que non se vía nin o final ¡sorpresa, sorpresa... ‘made in’ CDM Xesteiras! Alá como podes tiras para arriba, por unhas ramplas rectas que non tiñan fin, a pleno sol, ollando con abnegación como os 38 km anunciados esmorecían nas primeiras ramplas desa eterna, infernal e despiadada subida. E para unirse a esta “festa”, cómo non, aparecen os convidados de honra: os tiróns. Tiróns que incrementaban en calidade e cantidade cada vez que, na procura da zona máis cómoda, pisaba o regueiro de lama que baixaba polo medio do camiño e que fixeron que máis dun santo fose mal nomeado pola miña parte.


Pero como todo ten o seu premio, ó final da subida sorpresa ós bikers agardábannos dúas máis. A primeira, un bendito, glorioso, sublime, divino e redentor avituallamento líquido non anunciado situado no mesmo final da subida “sorpresa”. A máis quilómetros, máis avituallamentos, ¡así se fai! E este veu coma auga de maio. Uns quilómetros máis adiante a segunda sorpresa: o comezo da trialera final. Unha espectacular baixada de case tres quilómetros que fixo que todo signo de fatiga fose esquecido dun plumazo. Divertida, impecable, técnica e rápida ó mesmo tempo, que fixo as delicias de quenes nos tiramos polo monte abaixo deslizando as bikes, que rodaban placenteiras, e rematando a trialeira, como guida do pastel, nunha espectacular zona de curveo (fonte de cuantiosas caídas o ano anterior). Unha quilometrada final e chegada a meta con 45 quilómetros de percorrido. E todo para rematar cun efectivo lavado de bicis, duchas e un fastuoso despliegue de aperitivos finais, entre charla e charla con outros bikers e departindo sobre as vicisitudes da xa finiquitada III Ruta do Lacón.


Como non hai nada perfecto neste mundo, como pegas podemos sinalar un rego apenas visible e bastante profundo que atravesaba unha baixada a metade de ruta sen sinalizar e que fixo que moitos tivesen que tirar de habilidade para zafar do susto e que sorprendía polo meticulosos que foran os organizadores sinalando ata o máis nimio dos obstáculos. Por outro lado, destacar que houbo unha pequena confusión terminolóxica dado que as ‘alternativas’ ás trialeras (á marxe de que o fosen) reducían o percorrido, respondendo máis propiamente a unha ‘ruta corta’ que a unha verdadeira ‘escapatoria’, que era o que pensaban moitos bikers.
  

En resumo, todos e cada un dos participantes coincidimos no alto que deixou o listón esta edición da Ruta do Lacón: sobresaínte en tódolos aspectos, “sorpresas” incluídas. As facianas de satisfacción e as reiteradas felicitacións á organización foron boa proba delo, felicitacións que dende a ASCIGA facemos extensivas a todo o CDM Xesteiras. O traballo e a organización dunha ruta coma esta sempre merece o aplauso e o agradecemento de quenes o disfrutamos, e abofé que os amigos do CDM Xesteiras coa ruta deste ano gañaron o gañaron a base de ben. Xa nos está a tardar a IV Ruta do Lacón. Ide descontando os días...


Crónica: Luis M. Martínez.