sábado, 31 de mayo de 2014

II RUTA VIKINGA CATOIRA


Calor, moita calor. Ahí podía rematar a nosa crónica da Ruta de Catoira. Pero non, alí houbo algo máis que temperaturas altas. Entre outras cousas unha ruta… non, un rutón. Pero comecemos, como se acostuma a dicir, polo principio.

Nunha esplendorosa mañá de maior, coa cor azul monopolizando o ceo, dirixinme a Catoira, terra de interminables historias e lendas ancestrais sobre os Vikingos, para participar na segunda edición da súa ruta BTT: a II RUTA VIKINGA. O éxito e a boa organización da primeira edición animaban a elo. Así que alí nos presentamos ben cedo. Procedemos entón coas formalidades de cada ruta: recollida de dorsais, lerias cos compañeiros e amigos, últimos axustes e pinceladas na bike.


Onda o pavillón municipal catoirense comezaba a acumularse un número de bikers importante, namentres os membros da organización despachaban dorsais e indicacións a ‘tutiplén’. Un total de entorno a 350 bikers fóronse colocando detrás do arco de saída. Despois dunha excelente e vistosa exhibición de Canicross (cans de tiro con bicicleta) fixen os últimos comentarios cos bikers que me acompañaban e listos para tomar a saída.


Co pistoletazo de saída, e coa intención de tomar a parte máis avanzada do grupo o antes posible, comezo a buscar ocos para adiantar posicións. Mirando ós lados e atrás observei que non era o único que estaba ocupados neses mesteres. Xa ubicado cos de adiante e unha vez finalizados os primeiros quilómetros de quecemento polas rúas e aldeas de Catoira, intento seguir o ritmo do grupo dianteiro dende a distancia. Observo como vou superando ás vítimas do ritmo dese grupo que, lenta e inexorablemente, van caendo del. E cando non o facía o ritmo daqueles, facíao a pendente ascendente pola que rodabamos, tenue pero suficiente como para facer estragos nas pernas máis animosas desas primeiras andanzas. Ainda que desisto de tentar seguilos consigo manter un ritmo constante bastante aceptable o cal, visto o que lles deparaba ós de diante, resultaba de por sí satisfactorio. O primeiro escollo técnico foi o paso pola zona dos muíños de vento. Moi vistosa, sí, pero obrigaba a andar lixeiro de pedais para acometer a subida e logo estar hábil co manillar e os freos para non probar o chan.


Logo dunha subida bastante dura, non por dureza senón pola súa lonxitude e constancia, os participantes xa iamos máis rodando máis dispersos; circunstancia perfecta para afrontar as primeiras baixadas e trialeras con marxe de manobra. A primeira destas últimas discorría por un eucaliptal no que era imposible non apreciar o traballo de desbrozadora e machada co que os membros de organización prepararan aquela baixada. E claro, coma sempre nestes casos, a nós tocounos a mellor parte: disfrutala. E iso sen deixar de lado a todos os membros dispostos en cada cruce e en cada zona perigosa, todos eles facendo as indicacións oportunas.


Así as cousas, por como se iba desenvolvendo a ruta un xa se percataba que na edición deste ano íamos ladear o mítico Xiabre, feito que respostaba tamén ó perfil máis rompepernas que se anunciaba da ruta respecto da súa anterior edición. Logo dunha divertida baixada por unha zona repleta de pedras que semellaban ameazar dende o chan en caso de caída e despois doutra trialera, demos en chegar ó avituallamento. Un avituallamento ben surtido no que a sólidos respecta pero que, tendo en conta a calor que apretaba xa entón, foi bendecido no que ó líquido se refire.


De ahí partimos a unha zona da ruta que semellaba unha montaña rusa. Subidas por paredes que facían que o corazón quixese sair do peito combinadas con vertixinosas baixadas. Permítome destacar unha baixada por unha zona de carballos pola que, ó paso que se ía baixando, ata a propia bike parecía querer dar as gracias do que se desfrutaba. Ata a molladura ocasionada polo cruce dun regato foi un detalle moi plausible.


A partires de ahí a ruta resultaba máis rodadora, coa baixada vertixinosa por algún cortalumes, feito que as pernas agradeceron. Pero tamén a vista xa que, sen desviar a atención do terreo que tiñamos diante, puidemos afastar a vista do manillar e abraiarnos co espectacular entorno dos montes polos que pasabamos. Con maior razón cando chegamos ó paseo fluvial de Catoira e puidemos rodar co constante acompañamento á dereita da desembocadura do Ulla coas emblemáticas torres de Catoira. Ata elas nos diriximos, tendo a ocasión un ano máis de poder pasar por xunto a este espectacular conxunto histórico. E velaí que os Vikinbikes, facendo honra ó seu nome, dispuxeron precisamente alí un grupo de vikingos dispostos a apupar (pacíficamente, eso sí) ós bikers. E a este grupo de tropas normandas acompañábanos na escena unha banda de gaitas. Todo o conxunto, torres, vikingos e banda de gaitas, selaron na memoria dos participantes un recordo imborrable. Todo un detallazo.


Dende ahí, e con apenas un par de quilómetros máis demos en regresar á vila de Catoira onde xa os organizadores tiñan todo preparado para a chegada dos aventureiros. Lavado das bikes e charlas con outros bikers acerca da ruta, deron lugar a unha farta de pinchos dispostos polos Vikinbikes que foron o colofón a unha gran xornada de mountain bike. ¿Algunha pega? Pois á marxe da calor, á que nada se lle pode facer salvo quedar na casa (e iso non é unha opción), apuntariamos un pequeno problema de sinalización moi puntual e, seguramente, debido ás malas artes dalgún retrasado á que a simple existencia das bicis parece molestarlle, posto que en xeral o marcado foi impecable.


En apenas dúas horas dei en completar o percorrido de 37 km pero, non obstante, tendo en conta a gran preparación e o gran traballo que en cada metro había, un quédase coa sensación de que “oxalá tivesen sido máis”. Pero iso, haberá que reservalo para a terceira edición na que os amigos do CC Vikinbike van ter moi complicado superar cualitativamente a ruta deste ano.

Aquí vos deilamos unha ligazón para vela 'on board'.
http://vimeo.com/95323845