miércoles, 24 de mayo de 2017

"PARA PEDIR RESPECTO HAI QUE RESPECTAR" ou o síndrome do ciclista acomplexado.




Como faciamos esta mañá coa imaxe mediática de Óscar Pereiro no noso perfil de Facebook volvemos votar man do sensacionalismo cun titular chamativo para captar a vosa atención sobre estas liñas i é que consideramos que hai unha grande desinformación sobre o que se está a cociñar agora mesmo nas "máis altas esferas". Proba disto era o propio artigo que publicaba MARCA esta mañá no que entrevistaban a Pereiro e Carlos Sastre. Obviamente ambos son enormes coñecedores do que acontece a diario nas vías cando se circula en bicicleta e o xornalista acude a eles como opinión de referencia pero sen ter a menor idea (o xornalista) do tema que se está tratando.

Somos os primeiros e recoñecer que ninguén se converte nun santo polo mero feito de ir en bicicleta e que "túzaros" hai en todas partes, ambas expresións acuñadas pola propia ASCIGA no desenvolvemento da súa actividade hai xa anos. O ser humano ten defectos e virtudes a partes iguais, ninguén observa un comportamento esquisito das normas ó longo da súa vida e na bici tampouco.

Feita unha aclaración que non había ser necesaria pasamos ó tema que nos ocupa. Actualmente temos sentados á "Mesa da DXT" ó mesmísimo Ministro de Interior xa que os temas a tratar son tremendamente graves e a situación nas nosas estradas dantesca. Fornte a él, á propia Dirección Xeral de Tráfico e á Fiscalía representantes do mundo do ciclismo e da seguridade viaria NON ESTÁN A FALAR DA LEI DE TRÁFICO nin do seu Regulamento. Non se está a tratar de prioridades de paso, de semáforos pechados nin de límites de velocidade.

Moitos incluso dos que pensades acudir o vindeiro domingo ó Obradoiro é probable que non coñezades en profundidade o que está acontecendo alí e cales poidan ser as súas consecuencias. É probable que a responsabilidade sexa en parte nosa por non dar contado con máis detalle o que vai acontecendo logo imos tratar de situarnos mínimamente.

Poida que o punto máis importante a tratar sexa a "despenalización do homicidio" que se produciu coas últimas reformas do noso Código Penal e que xa amosou unhas desastrosas consecuencias. Vivimos nun Estado onde un homicidio pode saír de balde, iso é o primeiro que se está a esixir: RECUPERAR O RESPECTO POLA VIDA dentro do noso Código Penal.

Mesa Nacional da Bicicleta, Asociación de Ciclistas Profesionáis e Real Federación Española de Ciclismo están pedindo que se corrixa o erro da despenalización das faltas, que conleva que abandonar un ciclista nunha cuneta sexa impune, e a consideración dos homicidios causados por condutas graves en sinistros de tráfico con resultado de morte como delitos dolosos e non imprudentes, que resultan na práctica impunes. En palabras de ConBici: "con la existencia de una amplia conciencia social sobre la gravedad de conducir bajo los efectos de alcohol y drogas o con un patente  exceso de velocidad, no puede ya considerarse que quien lo hace es un imprudente. El que conduce en tales condiciones admite la posibilidad cierta de causar un homicidio, sabe que puede suceder en muy alto grado y, aún así, consiente en que esa probabilidad se materialice".

A risco de resultar unha lectura pesada trataremos de explicalo con claridade, a ver se hai sorte: Temos no noso ordenamento dúas formas de cometer un delicto: con dolo (intención de causar o mal, mala fe) ou imprudencia (na que se causa o mal sen ningunha intención de facelo).

A modo de exemplos: 
- Quen acoitela a outro con intención de matalo comete un homicidio doloso, a súa intención orixinaria era matar a esa persoa concreta.
- Un terrorista que coloca un explosivo nun tren non sabe en principio a quen vai matar, nin a cantas persoas vai matar nin sequera se vai matar a alguén xa que poida que finalmente ninguén suba a ese tren. Sin embargo non se imputa aquí un delito imprudente, para iso existe a figura do dolo indirecto que podemos resumir en que o individuo asume a posibilidade de que coa súa conduta pode certamente matar e se condea por homicidio doloso.

Non debería ser necesario pero imos aclarar aquí que non estamos a chamar terroristas ós que non respectan o 1,5 M, aínda que en certos casos poderiamos falar largo e tendido sobre isto.

ConBici no seu comunicado deixao ben claro, quen realiza unha actividade tremendamente perigosa como é conducir un vehículo a motor baixo os efectos de alcol ou drogas, a unha velocidade excesiva ou con temerario desprecio pola vida dos demáis e como consecuencia mata a unha persoa non está a cometer un delito imprudente, ESTÁ MATANDO CON DOLO.

Estas son as principáis reivindicacións, entre outras, que se levarán o vindeiro domingo ó Obradoiro e nada teñen que ver con sinais de stop, semáforos ou beiravías. Por suposto que vos pedimos sempre que respectedes as normas de tráfico na bici, non habería que ter que repetilo, pero así o faremos sempre. Iso sí, quitade xa dunha vez esa teima da cabeza de que "para pedir respecto hai que respectar", nada no mundo merece máis respecto que a vida humana e, como indicabamos esta mañá, poñer un homicidio na mesma balanza que non respectar un semáforo (que non os respectades moitos, lambóns!) é unha tremenda obscenidade.

Agardámosvos o domingo no Obradoiro para reivindicar o dereito á vida.

Unha aperta, e coidádevos ahí fóra. 



viernes, 21 de octubre de 2016

Desmontamos a Escola de Ciclismo de Maceda da man de Xulio Conde









ASCIGA: Estamos xa pechando o 2016, e á hora de facermos repaso o primeiro que nos ven á cabeza é o nome dunha vila, unha vila que despois do vivido neste ano que remata xa todo o mundo do ciclismo saberá localizar no mapa, estamos a falar de Maceda. A vila ourensá respira ciclismo e todo o acontecido alí ó longo da tempada que remata da boa conta diso. Para falar de Maceda viñemos ata aquí a falar con Xulio Conde e, en boa lóxica, o primeiro paso será saber quen é Xulio Conde.




XULIO: Pois so, ou polo menos así me sinto,  un apaixonado do ciclismo en todas as súas disciplinas. Son case 30 os anos que levo enriba dunha bici, dende que con 17 anos empecei a andar nela, pero sempre  desfrutando. Dende finais de 2004, metinme na tarefa de por en marcha unha Escola de Ciclismo dentro do CC Maceda, e hoxe en dia, 12 anos despois, pois sigo metido nese fregado, no de seguir xestionando non xa so a Escola, si non que tamén o equipo que se ten formado con rapaces e rapazas da Escola. Aquelo que empezou como un pequeno xogo, co paso do tempo foise convertendo en algo moito mais grande, pero sempre sen perder a idea ca que xurdiu que non foi outra, que os rapaces e rapazas de Maceda , puideran desfrutar xogando enriba dunha bici.

ASCIGA: Agora que xa todos coñecemos a Xulio (os que non o coñeciamos) imos tratar de facer un percorrido con el a través da historia da Escola de Ciclismo J. A. Hermida de Maceda utilizando imaxes, un pequeno experimento que veremos como sae...



ASCIGA:Comezamos por aquí. Queremos que nos contes quen é este señor e que significa para o CC Maceda.





XULIO: Pois J.A. Hermida, e oriundo de Maceda. Seus pais son desta zona, e el dende pequeno soe vir a pasar algúns dias por acá, sobre todo en Nadal. Coñecino cando el tiña 15 anos, e dende entón funo seguindo. Cando no ano 2004, acadou a medalla de prata nas Olimpíadas de Atenas, pois pensei, que era un bo momento, para por en marcha en Maceda unha Escola de Ciclismo, centrada un pouco, no mundo do BTT, e así foi. Falámolo, e no mes de decembro, cando el viu a Maceda, púxose en marcha o que hoxe en dia e a Escola JA HERMIDA.





ASCIGA: E como falamos dunha escola, hai cativos. Con cantos rapaces conta agora mesmo a Escola? E dende que idades estamos a falar?

XULIO: A Escola empezou con 15 rapaces e rapazas, e hoxe estamos xa case en 80 repartidos entre as categorías de principiantes, alevíns, infantís, cadetes, juniors...  Algúns empezan con 5 anos.
Como nos, concibimos isto coma un xogo, pois entendemos, que aínda que empeces tan pronto non lles vai supor nada mais, que o de poder xogar un par de horas a semana enriba dunha bici, xunto con outros rapaces e rapazas.



ASCIGA: Parécenos interesante o xeito de traballar con eles, temos visto vídeos e fotografías pero: como se programa o traballo con eles dende que entran a formar parte da Escola e como se leva a cabo?





XULIO: Partimos da filosofía de que os rapaces e rapazas, nas idades nas que forman parte dunha Escola, o que deben e simplemente xogar e divertirse enriba dunha bicicleta. Nesas idades, o principal e traballar con eles conceptos como o equilibrio, a técnica, habilidades,..... Con esta premisa e ca que traballamos, e así o que facemos os monitores, e crear espazos, moi pensados, nos que eles poidan a vez que xogan e se divirten, pois están desenrolando e mellorando en técnica, en equilibrio, e noutras moitas habilidades.....
Pensamos , que e moi interesante, que os rapaces e rapazas , poidan xogar xuntos, independentemente da súa idade, xa que por imitación , aprenden uns de outros. Así nas horas de Escola, non os separamos en grupos de idades, e no mesmo espazo, poden estar a xogar rapaces de 5 anos con outros xa non tan rapaces de 19 anos our mais. Crease así un ambiente especial , no que uns se axudan a outros, a vez que xogan .
Deste xeito , tamén se forxa , dende abaixo, o concepto de traballo en equipo e grupo.  Así cando xa chegan a categorías  como cadetes e júniors, e xa empezan a ter que adestrar , pois podemos seguir facendoo como grupo, co que deste xeito , todo e moito máis fácil para eles.
Todo comenza na Escola. Unha vez que chegan a cadetes, e si o que lles gusta e o mundo da competición, pois pasan a formar parte do equipo . O equipo , centra a sua actividade no BTT , e ciclocross. Esto e por cuestions de espazo e infraestructuras. Pero tamén practican Estrada, Duatlon.... xa que o que interesa nestas idades e que proben e vexan todas as disciplinas.
Para o funcionamento de todo isto, tamén e moi importante , a implicación que os pais teñen na Escola e no Equipo. O grupo que logramos consolidar nestes anos , non so e de rapaces e rapazas , si non que tamén de pais, formando así unha gran familia.





ASCIGA: Comezamos a entrevista cunha imaxe con nome propio, retomamos aquel camiño: podemos falar de “relevo”?

XULIO: Penso que si. Esta imaxe e moi importante e significativa. Foi o último campionato do Mundo para Hermida como Elite, e o primeiro para Pablo como Elite. Pablo, que dende hai uns anos compite co MMR, formouse e saiu da Escola JA Hermida, ca que sigue mantendo unha moi estreita relación no dia a día, compartindo moitas saídas de bici con eles.
Por iso que o relevo, e o herdeiro de toda unha lenda como Hermida teña saído da Escola pois significa moito.  

ASCIGA: Asumida a decepción que supuxo a non presenza nos Xogos de Río, como podemos valorar a tempada de Pablo e como se presenta a vindeira?

XULIO: A temporada de Pablo  ten sido simplemente impresionante. Pablo ano a ano vai subindo un escalón e nunca ten dado un paso atras. Neste ano, que se estreaba como Elite, subiu aínda mais. Eu non diríra que a non presenza en Rio teña sido unha decepción ,anque penso que por resultados si que tiña que ser escollido. A temporada que nos deu Pablo ,foi impresionante. Era un ano moi complicado para dar o salto a categoria elite, xa que era ano olimpico, e todos os corredores, de todos os paises,  iban estar moi fortes e competitivos para acceder as Olimpiadas.  E Pablo ,na sua estrea na categoria tamen o estivo. Chegou facer top ten nun Mundial, e iso son palabra maiores, chegou meterse varias veces entre os 10 primeiros na Copa do Mundo, e iso e moito, pero chegar a pisar o podium, sendo terceiro en Vallnord, pois xa di o nivel o que estivo Pablo , e sobre todo pensar onde pode estar no futuro.... sempre sen prisas e sin presion.




ASCIGA: Os resultados do traballo da Escola non rematan con Pablo, velaí ven tamén Iván pisando forte, xa o vimos competir a nivel internacional, toda unha experiencia para el... imaxinamos. Custa moito manter os pés destes rapaces na terra?


XULIO: Si , Iván e outro dos valores que ten saído da Escola, e detrás del veñen outros e outras. A parte de ser xa un dos mellores júniors a nivel estatal, habitual na selección española tanto en CX como en BTT, pois xa esta a dar os seus primeiros pasos a nivel internacional. Chegar a ser 8º nun mundial tan duro como e o de CX no seu primeiro ano como júnior, pois xa o sitúa a nivel internacional. Por diante queda moito camiño por recorrer, e tendo a referencia de Pablo, sabe que ten que ir paso a paso, e sempre medrando, cos pes na terra. Iso teno moi claro, xa que dende pequeno foi educado e formado neso dentro da Escola. 




ASCIGA: Diciamos na presentación desta entrevista que había ciclismo en Maceda, e non queda no traballo coas promesas da casa se non que o máis selecto do MTB nacional se deu cita este verán en Maceda nos Campionatos de España. Puxemos unha imaxe do Eliminator que se disputou polas rúas da vila. Algúns “restos de festa” vemos que aínda quedan por aquí, como foi a acollida do evento polos veciños?


XULIO: Os Campionatos de España foron un autentico reto para nos, xa que non estabamos habituados a organizar unha proba que durara tres dias, que tivera tanta participación, e sobre todo que necesitara tanta infraestrutura.  Partiamos da experiencia de ter organizado probas, e sobre todo de ter visto e vivido moi de cerca moitas probas importantes como Copas do Mundo, Mundiais, Campionatos de España..... co que tiñamos claro como queriamos que foran os Campionatos. Temos moi claro, que ante todo somos unha Escola , e como Escola, temos moita implicación moi importante de todos os pais e nais en cada cousa que organizamos e facemos. Quixemos estender esta implicación o resto do pobo, e a verdade que todo o pobo se implicou dun xeito extraordinario. Vivírono moi intensamente e iso notouse. Sabiamos dende o principio que para que unha proba teña éxito e saia ben, e moi importante a implicación de toda a xente do clube e do lugar onde se celebra. E así tentamos que fora. O pobo volcouse ca proba, decorando e dándolle una ambiente, penso que especial.
A verdade, e que dende fai tempo , percibimos que  todo o que estamos a facer, ten moi boa acollida no pobo, e a xente apóianos e respáldanos. E que igual o ciclismo hoxe en Maceda esta a ser visto, como unha seña de identidade do pobo.

ASCIGA: E despois do esforzo e o traballo, que serán difíciles de transmitir ó lector, que sabor de boca deixaron estes Campionatos? Satisfeitos?


XULIO: O traballo foi moito,  moito, xa que non so foi organizar os Campionatos, si non que tamén esta o día a día do clube, da Escola..... os viaxes, as carreiras, os adestramentos, as clases.... e todo elo non seguiuse facendo coma sempre, polo que os Campionatos supuxeron un plus extra.
Quedamos moi satisfeitos , de como saíron. Sabemos no que faiamos e o que habería que mellorar, pero a gran cantidade de parabéns recibidas, fixeron que nos sentiramos moi satisfeitos de como foi todo. E tamén o feito de ver a todo o clube implicadísimo, e a todo o pobo de Maceda, pois fixeron que nos sentiramos mais que satisfeitos.
A implicación, incluso dos nosos patrocinadores, como e Academia Postal,  e tamén a Deputación de Ourense, foi moi positiva. 





ASCIGA: E como a bici chama pola bici... rematamos con La Vuelta. Había que pechar o ano como merecía, non si?


XULIO: A verdade e que este ano esta sendo realmente incrible para todo o entorno do Clube e da Escola. Con todo o que levamos vivido neste 2016, penso que nunca o imos a esquecer. Empezamos o ano co 8º posto de Iván nun Mundial de CX. Mais adiante , a gran tempada de Pablo, co 10º no mundial, 3º en Vallnord..... e mais,   sentindo os seus éxitos como si foran da Escola. Despois chegaron os Campionatos de España , colocando a Maceda , no mapa do BTT español. Tamén os múltiples éxitos deportivos, con medallas en Campionatos de España , de Galicia; a convocatoria de corredores ca selección Galega, ca Española.... Tamén os éxitos a nivel equipo, gañando o Open de Galicia BTT XCO por equipos ,e quedando 2º no Open de España. Os múltiples recoñecementos públicos, entre eles , o premio a Mellor entidade deportiva na promoción do deporte base, dos Premios Deporte Galego 2015, pois fixeron que este ano fora moi especial.
O cume, foi quizais , o dia da saída de La Vuelta de Maceda, por todo o que iso supón. O feito de que os rapaces e rapazas da Escola puideran vivir a Vuelta, dende dentro, sentíndose como protagonistas ao lado de figuras mundiais como Contador, Fromme, Valverde..... e todo elo no teu propio pobo, ao lado da túa casa..... foi algo, que penso que non se esquecerán nunca. Somo conscientes , de que vai ser moi difícil, que La Vuelta , poida estar de novo por Maceda, de aí que se vivira a saída dun xeito moi especial e intenso.
Foi realmente moi bonito, sobre todo por como o viviron os rapaces e rapazas da Escola.




ASCIGA: E como a vida non para xa temos aí unha nova tempada, comezamos xa co CX e repetimos todo de novo... Coméntanos por enriba os proxectos e metas á vista de cara a 2017.


XULIO: Xa estamos ca nova temporada, neste caso de Ciclocross. As expectativas son boas, xa que este ano temos un grupo moi bo de rapaces, e rapazas, moi ilusionados e con moitas gañas, e sobre todo, porque son un grupo moi consolidado de traballo, que levan xa anos traballando e divertíndose xuntos. Os resultados serán o de menos, o importante e que este ano desfruten en cada adestramento, en cada viaxe, en cada carreira como eles o saben facer... e que sigan medrando como ciclistas, pero sobre todo como persoas.
As metas para o 2017 son as metas de cada ano dende que  empezamos. Somos ante todo unha Escola, e como tal queremos contribuír a formar , non so rapaces e rapazas que crezan e ser formen neste caso dende o mundo do ciclismo e do deporte. Queremos contribuír a que o deporte , sexa algo moi positivo para eles na súa formación como persoas.
Os resultados, son o reflexo, moitas veces de que este obxectivo,  se vai cumprido, xa que pensamos que cando un rapaz desfruta, entón rende. Para desfrutar, ten que ter un entorno favorable, e iso e o que sempre tentamos ter.
A nivel deportivo , e sempre tendo en conta que aca a ninguén se lle esixe nada, simplemente tratamos de apoiar , os rapaces , e darlle a oportunidade de poder competir onde o seu nivel o demande, tentaremos de estar en todos os eventos importantes en Ciclocross e BTT,  incluso en Copas do Mundo ,como xa imos facer neste inverno con Iván Feijoo.
O que si temos con proxecto importante para este novo ano, o de seguir creando instalación propias axeitadas para poder seguir traballando cos rapaces en condicións óptimas. Así en breve vanse a iniciar as obras na Nave cuberta, que dispomos, grazas o Concello de Maceda, e a Xunta de Galicia, para crear nela un pump track cuberto. Son desas cousas realmente importantes .
Temos tamén outro proxecto bonito que queremos por en marcha neste 2017, e que parte dun dos nosos monitores , David, que é o de achegar o ciclismo, a bicicleta a outros sectores, a persoas con discapacidades. Queremos que o ciclismo sexa para eles unha ferramenta de rehabilitación e integración. Queremos ver o dia, en que rapaces con discapacidades poidan adestrar e xogar co resto de rapaces e rapazas da Escola.