jueves, 26 de diciembre de 2013

O PEOR 2013 DAS NOSAS VIDAS. NON HAI OUTRO (POR SORTE)


Estamos a piques de rematar o 2013. Un ano cheo de sensacións agridoces, de noticias positivas para o noso colectivo e outras que non o son tanto, un ano con importantes novidades que nos tocan de preto, e outras que nos tocan... outras cousas. Case que acolléndonos a un comportamento tópico por estas datas, decidimos facer unha pequena análise, un balance do que nos supuxo este ano 2013 como colectivo.


Dende unha perspectiva POSITIVA, debemos facer mención de moitas anécdotas, cuestións e aspectos que nos imprimen certo optimismo de cara ó 2014. Neste 2013 puidemos demostrar que no ciclismo sabemos facer as cousas ben, loitar como colectivo, defendernos, solidarizarnos. Seguimos sendo eses que saímos ós montes e ás estradas co simple propósito de dar pedais e que, cando nos cruzamos con outros compañeiros, nos saudamos humildemente coma se nos coñecésemos “de toda a vida”; mentres que noutros deportes seguen repetíndose as pelexas entre afeccionados, con encontros de “alto risco” (así declarados), con desfalcos a facenda e dispendios de centos de millóns de euros que resultan insultantes nos tempos que corren. Somos un exemplo. Nese sentido, pese a que as axudas públicas se dirixen cara outros lados, o ciclismo segue moi vivo.

Este ano a Volta a España reviviu unha das edicións máis emocionantes que se recordan e, aínda que foi Horner quen se levou “o gato á auga”, todos quedamos abraiados co espectáculo que, xunto co americano, nos brindaron Nibali, Roche, Valverde, Cancellara, Purito, Pinot, Barguil, Pozzovivo e compañía. Un evento no que os ciclistas galegos mostramos que somos moitos e que nesta terra respiramos ciclismo e vivimos a bicicleta con paixón, como o amosou a masiva participación na etapa previa ó seu inicio con final no monte Lobeira e tamén abarrotando os arcéns co paso dos ciclistas nas etapas, coas beirarrúas das nosas vilas repletas de xente ata que non collía un alfiler, berrando e apupando en cada ascenso, deixándonos notar en todas as etapas. Somos terra de ciclismo. Abofé.

Na Volta a Portugal, dous galegos, Alex Marque e Gustavo César Veloso, coparon o podio este ano. E iso, por moito que se empeñen en borralo ou manchalo, é algo que non se esquece.


No Tour deste ano, dominado con puño de ferro por Chris Froome, ‘Purito’ Rodríguez , merecidísimamente declarado mellor ciclista do ano, dando guerra onde outros claudicaron acabou coándose no último escalón do podio nos Campos Elíseos, por detrás do corredor do Sky e de Nairo Quíntana.

Quizais, eventos deportivos aparte, a noticia do 2013 foi a irrupción de Fernando Alonso e o seu proxecto de equipo no pelotón internacional inicialmente destinado a absorber, licencia ProTour mediante, a estrutura do extinto Euskaltel. Xesto que no seu día loubamos na ASCIGA e que, faltaría máis, non deixaremos de facer pese ás discordancias co equipo vasco, cuxas excesivas pretensións e esixencias, malograron o proxecto. Difuminándose esta pretensión inicial nos últimos meses, ‘Magic’, afeccionado como é o ciclismo, persiste na procura dos elementos que lle permitan conformar un equipo ciclista e abofé que o acabará facendo.

No mundo da “roda gorda” tamén tivemos boas noticias. Puidemos corroborar que Jose Antonio Hermida co seu renovado título de campión de España e o seu podio na Copa do Mundo en Canadá, segue sendo o noso baluarte e que conserva gasolina para estar na pelexa cos de adiante, aínda que lonxe dos inalcanzables Absalon e Schurter (este último intratable). O noso galego por excelencia, Pablo Rodríguez Guede, continúa a súa progresión imparable. Este ano, nas filas do potente BH Suntour, deu un salto cualitativo e móstrase coma unha gran baza, renovando o campionato de España e con grandes actuacións no Campionato do Mundo. A gran promesa do Mountain Bike español segue progresando e é un galego. Non fai falla decir nada máis.


Outra galega, Lucía Vázquez, deunos unhas cantas alegrías no ano que esmorece e demostrou que hoxe por hoxe a nivel nacional non ten rival, proclamándose Campiona do Open de España de XCO, superando a Sandra Santayes, e, por se iso non lle chegase, tamén se erixiu en Campiona da Copa de Portugal. Pese a todo, soamente as limitacións e falta de apoios lle impediron acadar un gran resultado nas probas da Copa do Mundo nas que participou. Non obstante, vistos os resultados deste ano e o seu carácter loitador, para o 2014 os resultados semellan prometedores.


Pola súa parte, este ano vivimos unha das máis notables e esperadas noticias no noso deporte: o regreso da campeonísima Marga Fullana, quen, despois de cumprir a sanción que se lle impuxera, voltou con máis ganas que nunca de poñerse “ó choio”, participando en innumerables probas deportivas.

Ademais, este ano as rutas BTT, nas que tanto gustamos de participar e organizar, acadaron un éxito sobresaínte pese a que as axudas seguen a ser reducidas en comparación con outros deportes e eventos. Algo que nos vén a significar que o ciclismo, tamén o de montaña, non soamente está moi vivo senón que, pese ó pouco que poida gustar en certos sectores, segue medrando. O número de rutas segue incrementándose e, de feito, este ano vivimos o comezo de moitas delas que están chamadas a facerse un oco no calendario: BTT Concello de Valga, BTT San Martiño (Teo), BTT Laxe dos Bolos (Caldas de Reis), BTT Santiago de Compostela, BTT Concello de Rianxo, BTT Concello de Negreira, etc. Outras seguen consolidándose coma eventos xa consagrados coma a BTT Cidade de Ourense, que xa vai pola súa cuarta edición; a Ruta do Lacón (Cuntis) que medra cada ano; a xa tradicional Quedada do Carballiño que acadou este ano a súa terceira edición; e, como non, a BTTinto (Ribadumia) que en 2013 rozou os dous millares de participantes nun evento de enorme éxito en cantidade de participantes e calidade da organización. Dende a ASCIGA queremos manifestar o noso total e absoluto apoio ós organizadores para que manteñan estes eventos e os sigan celebrando, e ós bikers animámosvos a participar e a ser condescendentes cos erros cometidos: lembrade que aquí non acostumamos a dispoñer das axudas e as facilidades que outros deportes disfrutan.


Pese á importancia das cuestións positivas que vimos de mencionar, no que atinxe ás cuestións NEGATIVAS do 2013 debemos dicir que estas gañan e por goleada, quizais non en cantidade, pero si na súa importancia cualitativa.

En primeiro lugar, cómo non, as vítimas. Todas as palabras do mundo non bastarían para amosar unha ínfima parte da dor e a carraxe que nos produce ver cómo compañeiros e amigos se deixan a vida na estrada por, sinxelamente, saír a dar pedais sen facerlle mal a ninguén. E este ano 2013 foi especialmente luctuoso. Invádenos unha sensación de impotencia cando vemos, sobre todo, como os homicidas saen impunes pese á flagrancia dos seus delitos e ás probas de cargo contra eles, máis cando fuxen do lugar do delito, deixando ó ciclista moribundo, coma no caso de Óscar Bautista, reflectido no encabezado destas palabras; tendencia esta de fuxir que este ano, por desgracia, convirtiuse en moda. De toda esta impune barbarie baste o exemplo da conductora que, a pesar de estar a piques de varrer a un grupo enteiro de ciclistas en Barcelona, sen respectar distancia de seguridade no adiantamento, nin as normas para realizar dita maniobra, e atentando contra a seguridade da circulación, foise “de rositas” para a súa casa; e ós nosos compañeiros e, por extensión, ó colectivo ciclista ¿qué nos quedou? Pois palmadiña na espalda e “adeus, moi boas”. Quedámonos, como contrapunto, coa reivindicación de respecto para o colectivo, e que aquí reiteramos, feita na homenaxe ó noso compañeiro Cristóbal Hermida de Bueu, que morreu atropelado salvaxemente un camión por un ‘despiste’ do conductor. Levaba casco.


E é aquí cando a Directora da DXT, doña María Seguí, deu en “preocuparse” por nós erixíndose ela mesma en estandarte da nosa loita pola seguridade viaria. Mala hora na que o fixo. Vendeu, insistiu, porfiou, publicitou e verborreou unha e outra vez a falaz “priorización no uso da bicicleta” (así o vomitaron no texto do Regulamento) na nova regulación, ata o punto de ‘disfrazarse’ de ciclista, mentres afeccionados á bicicleta dos de verdade morrían nas estradas. ¿Cales eran as medidas para fomentar o uso da bicicleta e aumentar a seguridade do noso colectivo? Sorpresa, sorpresa: o uso do casco. Sí, coma o que levaba posto Cristóbal Hermida. O mesmiño. Non vamos a dicir nada máis do aquí dito e que xa vimos manifestando ó longo do ano. Soamente insistimos en que o esquecemento da Educación viaria (tantas veces mencionada neste espacio), que nos parece a máis axeitada medida, é un desgraciado tributo a todos os ciclistas que se deixaron a vida, sobre todo cando, como demostramos aquí, se manipulan as cifras de falecidos.


En segundo lugar, por se iso fose pouco, este ano a moda de “matar ciclistas” acadou especial renome e habitualidade nos montes: as trampas para ciclistas. Aínda que á señora Seguí pareza non importarlle, tamén no monte estamos sometidos ás normas de circulación, pero a día de hoxe aínda non nos explicou cómo o casco nos pode salvar dos arames de espiño á altura do pescozo nas baixadas, os cepos nos camiños, os punzóns escondidos, etc. E é que a man dos criminais.dito en termos modísticos, estivo en 2013 especialmente creativa e innovadora converténdose nunha “divertida” tendencia capaz de esganar a ciclistas, cortar xugulares ou amputar extremidades.


E non podemos deixar no tinteiro o sempiterno binomio dopaxe-ciclismo ou, por dicir as cousas como realmente son, a manipulación do binomio dopaxe-ciclismo, sinxelamente porque este nos tocou ben de preto. Lance Armstrong foi o caso mediático deste ano, caso do que se vén a lanzar recentemente un documental en plena sintonía coa opinión oficial. Deste caso xa temos falado aquí largo e tendido. Para nós, o caso sangrante e a inxustiza é o do estradense Alex Marque, vixente campión da Volta a Portugal quen, tendo a connivencia da UCI e todos os informes médicos acreditativos do tratamento e da infiltración nun xeonllo, vén de ser acusado falazmente de dopaxe; acusación que, de non ser polas probas esgrimidas polo propio Alex e as proclamas de todos os que o defendemos, serían asumidas gratuitamente pola sociedade a costa da presunción de inocencia que semella que para nós, os ciclistas, nin está nin se lle espera.

No deportivo, quedámonos coa nota negativa que nos supuxo o fracaso (non se nos ocorre outra forma de chamalo) da armada española nos Mundiais de Ciclismo celebrados en Florencia. Con membros coma Valverde, ‘Purito’, Contador, Castroviejo e demáis, levabamos a mellor selección en anos e, sen embargo, tivemos que conformarnos cos escalóns inferior do podio, ainda hoxe non entendemos por qué, ante a hábil xogada do portugués Rui Costa.


Para variar, seguimos sen dúas cousas que se nos albiscan como moi importantes: un equipo galego, o cal xa tiñamos; e a explicación da súa ausencia, mentres despilfarramos os cartos noutro tipo de eventos e mentres se nos intenta contentar cun par de etapiñas na Volta a España, non vaia a ser que protestemos moi alto, ¿non sí, Alberto?



Así pois remata un ano do que, pese ó moito e bo que vivimos, nin sequera de lonxe non podemos extraer conclusións positivas. Non só porque no que atinxe ós nosos problemas como colectivo se aportan solucións equívocas, que se adoptan “tarde, mal e arrastro”, senón porque todo balance será negativo namentres os ciclistas sigamos a ser vilipendiados sen que ninguén mova un dedo por nós, sen ter máis resposta que o silencio para as nosas reivindicacións.



Ninguén nos regalará nada. Por iso no 2014 co voso apoio, coas vosas ideas e coas vosas aportacións na ASCIGA seguiremos traballando por e para o colectivo ciclista e defendendo os nosos intereses. ¿Por qué? Porque un mundo con máis bicicletas, é un mundo mellor.

jueves, 19 de diciembre de 2013

FORZA MARQUE!!!




Antes de comezar a falar do “caso Marque” temos que, a modo de introdución, tratar de deixar claro “a qué xogamos”, isto é: todo o rebumbio que está a afectar ó bravo ciclista estradense ven orixinado por unha publicación nun medio do noso país. Tiven un profesor de relixión que dicía que o gran pecado dos xornalistas neste país era a falta de formación especializada, e non lle faltaba razón. Deste xeito, os “panfletos” que vemos nos nosos quioscos verten todo tipo de informacións e opinións sen sequera “peneiralas” (tal como lles chegan) movidos, nas máis das veces, por ocultos intereses.



Para centrarnos un pouco estamos ante un deporte, o ciclismo, maltratado e vexado a máis non poder polos medios de comunicación. Si, ese mesmo xornal que ataca a un ciclista por infiltrarse nun xeonllo mitifica a outros deportistas (doutros deportes obviamente) cando “lesionados” saen a xogar infiltrados: qué valentes!!! Carles Puyol, Rafa Nadal, Cristiano Ronaldo, Jorge Lorenzo… escándalos de dopaxe? Non carallo, heroes. Eles si.


Para máis indignación o control ó que son sometidos estes “outros deportistas” é irrisorio. Na LFP (Liga BBVA) se realizan "unha chea" de controis cada xornada… 4 en concreto. Si, dos 22 equipos de primeira división pasan un “control” 4 xogadores (dous de cada equipo) nun partido escollido aleatoriamente. Por qué entrecomiño “control”? Porque estas análises son de urina, nunca sanguíneos. Motivo? A LFP dí que son moi caros. A “mellor liga do mundo” non se pode permitir 600€ que custa unha analítica para velar pola saúde dos seus protexidos… e iso que cada pouco lle morre un no campo.



Pasamos ó que nos interesa. Como xa temos falado algunha vez, a meta dos controis anti-doping non é outra que protexer a saúde do deportista. Xa puxemos esto en dúbida algunha vez sentenciando que o que move á UCI non é este senón outros intereses, económicos maiormente, cando propón sancionar ó Pirata nove anos despois do seu pasamento.



Dopouse Álex Marque? Ata onde nós, e tamén o “xornalisto” que ven de manchar a súa imaxe, podemos saber, aparece unha substancia nunha análise realizada durante a pasada Volta a Portugal que se xustifica claramente coa documentación, selada pola propia UCI, aportada polo corredor o mesmo día que foi acusado publicamente. Unha das primeiras cousas que nos chamou a todos a atención aquel día foi o comunicado emitido por Movistar Team no que afirmaban que non contaban con Alejandro para a vindeira tempada e publicado antes sequera de que o ciclista comparecese ante os medios para dar algún tipo de explicación.


Semella unha falta de lealtade clarísima. Falta de lealtade que (ó igual que a de Valverde en Florencia) sería penada coa morte de estarmos en guerra… pero non, afortunadamente isto só e ciclismo, isto só é toda unha vida adicada a dar pedais. Esta falta de lealtade podería vir xustificada por unha vontade do equipo de verse a salvo de calquera tipo de sospeita de mala praxe, máis esta teoría non se ten en pé cando teñen un xefe de filas que xa fora, este si, sancionado por dopaxe e un “segundo de abordo” competindo con un TUE, unha especie de todo vale médico, que pon en entredito, cando menos, os motivos de ter roto o contrato con Marque.
 
Se a isto lle sumamos a fichaxe de Igor Antón horas antes de que se filtrase a calumnia sobre Marque non queda moita dúbida acerca de ónde partiu esa información nin de cales son eses escuros intereses que a moveron: A COBARDÍA DO EQUIPO MOVISTAR!!!



Non imos rematar esta crítica só no equipo navarro. Qué pasa coa UCI? Por qué este segredo? Hai aberto ou non un expediente sancionador? E se o hai, por qué lle permitiu tomar parte da Volta a Portugal cando foi debidamente informada polo corredor das circunstancias médicas concretas previamente?


Qué pasa coa Federación Española de Ciclismo? Un corredor leva o noso ciclismo ó máis alto polo mundo adiante e non vai ser arroupado inmediatamente e sen ambaxes pola RFEC? Imos ter que ser os galegos os que nos plantemos o vindeiro sábado na Praza do Concello de A Estrada para que saiba que O CICLISMO, O DE VERDADE, o apoia? Non lle caiba a menor dúbida a ninguén dentro da Federación que así será, e o tamaño deste apoio será proporcional á vergonza que deberán sufrir o seu presidente e restantes responsables por non estar alí a carón de todos nós!!!
Deica o sábado amigos!!!

domingo, 8 de diciembre de 2013

I RUTA BTT CONCELLO DE VALGA


Alongouse un pouquiño esta tempada, deixando menos tempo ó descanso e á recuperación, e todo por culpa da I BTT Concello de Valga. O evento prometía, os rapaces levaban tempo traballando e, polas fotos que subían ás redes sociais, traballaban arreo.

Con estes indicios de bo facer nos plantamos no Pavillón polideportivo de Valga ás 8:15 da mañá para recolle-lo noso dorsal, e con el un Chupa-Chups e unha barriña enerxética, ahá! Avisando con tempo…


Todo un “despliegue” de medios: arco de meta, pancartas, motos, quads, bombeiros, ambulancias e todas esas “chorradas” que a Federación Galega de Ciclismo esixe xunto cos permisos, seguros… por algo será, non sí?


Os primeiros quilómetros polo medio do pobo detrás do quad viñeron ben para ir entrando en calor. Moito “mihura” nas primeiras prazas antes de soar o “chupinazo”. E alá imos, cara arriba, como non! A metáfora taurina non foi desacertada, de feito, o cumio do primeiro repeito semellaba talmente a “entrada en Estafeta”, qué animalada. Poucos quilómetros lle aguantámolo ritmo ós primeiros xa que deu en ser unha Ruta con enorme nivel entre os participantes e realmente rompepernas xa nestes primeiros compases tal como prometera a organización.

Camiños, pistas, corredoiras… cruzamos vairas estradas, sempre coa presenza de membros da organización e protección civil, feito que nos enche de confianza en nos leva a entrar con moito ímpeto nalgún camiño… non é BTT se non das co cú no chan. Unha primeira subida razoablemente longa estira xa o grupo e comezamos a buscar cada quen o noso lugar. Xa metidos en faena comprobamos como o traballo dos organizadores da o seu froito: a marcaxe é correcta, en cada punto conflitivo hai persoal dando indicacións, cada camiño, corredoira, “single track”, etc, foron coidadosamente limpados, unha mágoa non teren quitado a lama de aquel treito en torno ó quilómetro sete, jeje. Nesta parte é de salientar unha zoa de baixada cruzando unha carballeira con moita árbore e folla seca na que subiu case tanto o pulso como para arriba, pero por efecto da diversión, tremendas derrapadas!!!



 Rematada a “festa”, rápido comentario co biker co que rodaba entón (por aquí hai que volver!), e volta ó choio, veña a quita-lo prato e apreta-lo cú. Unha subida, esta vez sí esixente de verdade que nos levaba ó primeiro e único abastecemento sólido e líquido: auga en un xel e tira, moi eficientes os rapaces!!!

Ata o final outra dura subida, vistas espectaculares, trazado fermoso… moito traballaron as desbrozadoras!!!, zoas duras, repeitos, outra vez a lama, máis repeitos, todo marcado á perfección… fatiga.

Á mañá, quecendo, vira unha especie de cimentación de pedra a carón do Pavillón e zas!!! Saíndo dunha corredoira, alí a estaba. Veña rapaz que non queda nada, vamos!!! Arrea se non quedaba, os derradeiros cincocentos metros tiñan unha porcentaxe enorme e, ca ansia de rematar semellaron 5 km… un regaliño da organización, para que volvades o ano que ven, jejeje.

Á chegada, recollida de dorsais, os “currantes” preocupándose polas impresións dos que viñamos de disfrutar, duchas, pinchos… non se pode pedir máis. Un 10 pola organización, da man do CC Trisquel, e un 12 polo percorrido: duro, ben marcado, fermoso, variedade, vistas… Se non puidestes ir, anda por aí o track, de verdade que paga a pena. Eu o próximo ano, volvo!!!


Desta vez, ademáis, tivemos a ocasión e a fortuna de ser partícipes da organización desta ruta que pasou o exame, podemos dicir, que con nota. Nembargantes, ese resultado viña sendo labrado polo CC Trisquel dende longo tempo con un concienzudo traballo non só no campo de batalla, traballando nos montes da zona, senón na retaguardia, cun pesaroso pero necesario traballo de papeleos e permisos coas diversas Administracións e Comunidades de montes. Reunións, pegada de carteles alí onde houbese un Trisquel, chamadas intempestivas e máis de unha noite de sono, dalgún dos organizadores. Pero foi o prezo do traballo ben feito e dunha preparación axeitada para que os bikers desfrutasen.


Finalmente chegou o día. O día D. O 17 de novembro, tan marcado no noso almanaque dende facía tempo. Ainda co cansanzo do día anterior, no que ultimamos os detalles, tocou erguerse moi cedo. Un café quente e arrancando. Ainda co frío intenso dunha mañá de novembro, cos amigos da noite esgotando as últimas horas nas portas das discotecas da zona, chegamos ó centro de operacións do pavillón de Cordeiro, o noso cuartel xeral. Como xa coñecía o meu cometido, arranquei cun compañeiro para o avituallamento do quilómetro 21. Coa friaxe da mañá e apenas cunhas raiolas de sol montamos o avituallamento: froita, auga, barras enerxéticas, xeles, etc. Todo tiña que estar listo. O sol xa se deixa amosar pero o frío non cede.

Hora da saída e comezan a chegarnos as primeiras mensaxes ós móviles. “Saída”, “Comeza a ruta”, “Todo segundo o indicado”, “Aí os van!”. Entre conversa en conversa, no avituallamento facemos apostas do que tardarán en chegar onda nós os bikers e seguen chegando mensaxes. “Mimá, cómo van!”, “Van coma tiros!”. Tamén comezan a chegarnos as primeiras imaxes. Pronto sentimos chegar unha moto e, canda ela, o primeiro (e esperable, por certo) participante que, coma un raio, para no avituallamento, “reposta” e arranca de novo. A contagotas chegan os seguintes que, imitando ó primeiro, fan unha parada digna da Fórmula 1. Présa, auga, bebida, un xel, referencias de tempo, etc.


Pronto o traballo comezou a acumulársenos polo número de bikers. Non obstante, pese á carga de ocupacións, un percatábase de dúas cousas. A primeira, que había moita lama no percorrido. E segundo, para moitos seguramente a causa do anterior, os bikers mostraban facianas de satisfacción e aprobación, sobre todo cando lles preguntaba pola ruta, o trazado, etc. “Dura, pero bonita”, dicía un. “Perfecto todo, inmellorable”, sentenciaba outro. “Máis me vale enlamarme ¿senón a onde vai pensar a parienta que fun cando chegue á casa?”. A pesares das facianas de sufrimento dos que ían chegando, o bo  humor foi a tónica xeral e só tivemos que lamentar dúas caídas sen maiores consecuencias. Así dá gusto. ¡Un 10 para os participantes!


Precisamente o último dos bikers en chegar a onda nós presentaba un aspecto lamentable: sucio, mollado e algo aturdido. Sufrira unha caída e, pelexando, deu chegado ó avituallamento. Sen embargo, e ainda lamentando non poder rematar o percorrido completo, non dubidou en resaltar o duro pero persoalmente satisfactorio do tramo que realizara. Cargando co posto de avituallamento, deixando todo limpo e levando ó noso amigo accidentado arrancamos para a meta. O que alí os outros trisqueles tiñan montado era unha auténtica festa. Todo o mundo resaltaba o bonita que lles resultara a I Ruta BTT de Valga pero tamén a dureza do seu trazado pero todos manifestaban a vontade de repetir.

O fin de festa con pinchos e sorteos e unha homenaxe a un dos trisqueles, Iván (o protagonista do cartel), accidentado fai uns meses e que retomaba a bicicleta nesta ruta, puxeron o colofón a unha experiencia única. Unha experiencia que, acostumado a desfrutalas dende afora como participante, puiden vivir dende o interior e traballando cóbado con cóbado cos compañeiros do CC Trisquel e que me resultou enteiramente satisfactoria, sobre todo á vista da opinión xeral dos participantes, que é a que vale.  Esperamos que fose a primeira de moitas edicións, o traballo ben merece a pena.

Aquí vos deixamos o enlace para que a repitades ‘on board’.

lunes, 7 de octubre de 2013

I RUTA BTT LAXE DOS BOLOS


O domingo día 29 de setembro tivemos o pracer de poder acudir ó estreo dunha nova ruta no sur de Galicia. A comarca do Umia, concretamente a parroquia de Saiar (Caldas de Reis) daba acollida á primeira edición da Ruta BTT Laxe dos Bolos, da man da peña ciclista os Escornabikes co apoio da fundación Galicia Sustentable, a Peña Ciclista Umia, Esmorga e outros colaboradores.


Anunciaban choiva abondosa para esa mañá pero a climatoloxía respectou ben ós participantes. Coas semanas de calor que levabamos, cos ceos cubertos e as chuvias da noite anterior quedou unha mañá sobresaínte para practicar ciclismo e disfrutar desa imaxe do monte galego desbordando cor verde, húmido, con pingueiras nas árbores, con lameiras exquisitas e unha temperatura máis que perfecta para dar pedais.

Así pois, rematados os prolegómenos, tomamos a saída uns 150 participantes, bastantes tendo en conta a climatoloxía dos días previos. Eu optei por tomar a saída dende a parte traseira, circunstancia que me dou a ocasión de poder atopar con vellos coñecidos, deses que non viches fai anos e vas a atopar nunha ruta BTT. Cousas da vida. Avanzando posicións, coma sempre neste tipo de eventos, un percátase pronto do bo ambiente imperante, entre comentarios e risotadas; todo nuns quilómetros de terreo chan ó longo dos cales o grupo se foi estirando.


Pronto irromperon no trazado as primeiras ramplas camiño do monte Xiabre e foron, paseniñamente, silenciando os comentarios e convertendo as risas en esbufos. Coñecedor do terreo polo que se movía a ruta, adoptei un ritmo medio alto que me fixo ir saltando cara adiante, de biker en biker, parando nalgún caso para preocuparme ás vítimas das primeiras avarías e pinchazos. Seguindo cara adiante, mantendo o ritmo e con boas sensacións nas pernas, as ramplas van quedando atrás. Rematada a primeira gran subida, tomamos unha trialera entre os pinos. A pica húmida e abundante entre algún burato e algunha pedra, facía que a bicicleta se deslizase rápida e áxilmente entre as árbores, pero esixindo certa técnica para non ir de fuciños ó chan nin probar a corteza dun pino galego.


Rematada esta trepidante baixada, rodei cun compañeiro do Armenteiraepunto (“malas compañías”, que diría miña nai) e con outro que ambos nos atopamos polo camiño; os tres fomos a bo ritmo dando comezo a unha nova subida. Unha nova subida que se prolongou durante quilómetros e quilómetros e na que só tivemos unha única paréntese, a do avituallamento, preto da canteira do Xiabre, practicamente no único tramo de asfalto que pisamos; un asfalto tan grata como sorprendentemente ausente da ruta. Alí, no avituallamento, recibimos uns inesperados apupos dunha veciña ó berro de "¡Veña, arreade que diante sólo van tres!". A muller galega, brava onde as haxa, sempre firme na crenza no esforzo e que non cede "nin nos amistosos". 

O noso grupete reemprendeu a marcha, con algunha que outra conversa, e ata apenas catro quilómetros do cumio avanzamos xuntos os tres, dado que foi xusto aí, nas ramplas máis duras, onde o noso amigo do Armenteiraepunto amosou que levaba un punto máis e o outro compañeiro un punto menos. Tanto é así que, pese ó bo ritmo mantido, rebentou ó berro de “¡Non podo cos c...óns!”. Eu tampouco tiña gasolina para moito máis, seguín como boamente puiden e quedei só entre ambos. Chegado ó último quilómetro, pechado de néboa, a ruta pisou asfalto, cousa que me fixo rodar máis cómodo e, inclusive, poñer un punto de ritmo máis ó tempo que infundín algo de ánimos noutros compañeiros ós que o alquitrán se lles atragantou e estaban a pasar un mal momento.


Logo diso a ruta derivouse cara unha baixada vertixinosa por pistas anchas, camiños con afiadas pedras e longuísimas trialeras rectas entre pinos de plantación, nas que a bicicleta se deixaba ir rápida pero perigosamente. Estas esixían andar espabilado cos freos posto que o terreo mollado producía un efecto deslizante moi notable. Os últimos 9 quilómetros desenvolvéronse por un terreo rompepernas de pistas de monte nas que a única perigosidade residía na gravilla que cubría a superficie e na que o meu exceso de presión nas rodas fíxome sufrir algún susto. Polo que logo souben, máis de un probou os barrancos que había ós lados por exceso de confianza. Pero abofé que o contou cun sorriso de ourella a ourella, pois a satisfacción foi a nota dominante.

Dúas horas e dezanove minutos de diversión polo monte e con tres compañeiros que me antecederon na chegada. Todos eles e os que foron alcanzando á meta coincidían unánimemente na boa valoración da ruta.



Quizáis o punto triste da xornada foi ter que comprobar in situ os efectos da man criminal do home, con numerosas e extensas zonas calcinadas do monte Xiabre que, coma no caso do Monte Pindo no norte de Galicia, roubáronlles ós participantes unhas vistas incomparables e indescriptibles das paraxes deste monte que domina a Ría de Arousa. Unhas manchas negras que tinguiron desa mesma cor o corazón de quenes sentimos como propio ese monte por frecuentalo tantas veces. 

Non obstante, a ruta foi un éxito rotundo tanto en participación coma en organización, sobre todo tendo en conta que se trataba da que agardemos que sexa a primeira das rutas Laxe dos Bolos. A guinda ó pastel foron refrescos, cervexas e empanada a fartar para tódolos valentes que se aventuraron a percorrer os montes da parroquia de Saiar no incríble trazado disposto polos Escornabikes. ¿Quen se apunta á seguinte?

viernes, 27 de septiembre de 2013

María Seguí, explicación ou dimisión!



Asqueado, indignado, enfurecido, vilipendiado… pero non sorprendido.


Como algún de vos saberá, esta mañá atendín telefónicamente unha chamada de “Aquí Galicia”, programa da Radio Galega, que nos pedía a opinión da ASCIGA ó abeiro dos datos que ven de presentar a DXT por voz da súa Directora Xeral.


Da conversa non se emitiu nin a metade baixo o pretexto de que o sinal do meu móbil non era bo. Casualmente non se escoitou a parte na que “metía caña” á DXT, pero iso contámolo outro día.


 A chamada me pillou lonxe da casa e me sorprenderon as cifras que me comentaba a xornalista, de modo que ó chegar o meu domicilio procurei contrastalas cos nosos arquivos. Non me sorprendeu o que me atopei, pero si a falta total de habilidade coa que estes fariseos tratan de enganarnos. Velaí vai o INFORME ASCIGA:




Esta imaxe está sacada do PDF que a DXT publicou o pasado mes de xaneiro. Na presentación ampulosa destes datos aparentemente positivos (xa temos comentado no blog a interpretación tendenciosa dos mesmos realizada pola DXT) o Ministro de Interior comezaba a “rompernos a cabeza” coa TEIMA DO CASCO, preparando o terreo para o ataque que estamos a sufrir día tras día nos medios e, previsiblemente, no novo Regulamento Xeral de Circulación.


As palabras do Señor Fernández Díaz resultaron para nós tremendamente dolorosas, máxime tendo en conta que aínda estaba quente o cadáver de Cristóbal Hermida, falecido en Ponteareas o 4 de xaneiro, e que perdera a vida debaixo dun camión CO SEU CASCO BEN POSTO.




Máis tarde coñecemos que se estaba a preparar un proxecto de Regulamento Xeral de Circulación. Outro despropósito destes “sepulcros brancuxados”. Fixemos unha ampla análise no noso blog (I, II, IIIIVV), pero como paradigma queda o comentario ó preámbulo (I) que establece falazmente como fin do proxecto a: “priorización del uso de la bicicleta”, quedando estas fermosas palabras reducidas a cinzas en canto nos metemos en materia reguladora.



Levamos demasiado tempo agardando unha soa medida destinada a lograr o respecto da vida do ciclista por parte dos restantes condutores, xa temos manifestado que NON QUEREMOS MÁIS XENTE NA CADEA POR HOMICIDIO IMPRUDENTE, queremos algo máis doado: RESPECTO. I este respecto ten que comezar pola propia DXT e os seus axentes. É sobre eles sobre quen cae o peso de cada vida perdida; a eles lles corresponde comezar dunha vez e para sempre a erradicar a VIOLENCIA VIARIA que sofre o ciclista a diario.



Imos agora á chicha: MARÍA SEGUÍ MINTE DESCARADAMENTE

Unha Directora Xeral facendo publicidade a unha marca? Neste país non sorprende, non sí?

Vos acabamos de amosar a imaxe dos datos que a DXT presentaba o pasado xaneiro: fixádevos na liña que pon BICICLETA 33 / 47, son os falecidos en 2011 e 2012. Trinta e tres e corenta e sete. XXXIII e XLVII, 33 e 47, cómo máis os escribo?


Onte a Dra. María Seguí deu unha rolda de prensa na que, obviando a estúpida e pouco afortunada comparación co accidente de Angrois, expoñía os que, supostamente, son os datos de falecidos dos últimos anos. Máis abaixo deixo o enlace pero permitídeme agora que o expoña así: lembrades aquel 33/47? Pois agora, en outubro, se transforma misteriosamente en 49/72. Sorprendente? Meditade un anaco. 













  
Qué burrada! Digoo así porque só un burro pode tratar de enganar así a unha persoa medianamente intelixente.


Obviamente a Dra. Seguí, Directora Xeral de Tráfico (esperemos que por pouco tempo), trata de amosar unha tendencia á baixa de vítimas a principios do ano próximo e, en lugar de traballar arreo para conseguilo, manipula os datos publicados anteriormente. Afortunadamente non estamos nunha novela de Orwell e existen as hemerotecas e o arquivo da ASCIGA.



Non vale como explicación que a Dra. Seguí descoñecese estes datos xa que pertencen a un informe que a Dirección Xeral que ela dirixe publicou o pasado xaneiro.


Non nos sirve que se trate dunha actualización de datos, por dous motivos:


 1.- Non se coñecen novos sinistros de 2011 durante o 2013, dous anos despois.


 2.-Por outra banda, e como xa temos criticado, SÓ SE COMPUTAN OS FALECIDOS NAS 24 HORAS SEGUINTES Ó SINISTRO.




A Directora Xeral de Tráfico MINTE DESCARADAMENTE. Trata de enganarnos e de camuflar a súa ineptitude e a do organismo que dirixe, e quén sabe qué escuras e mercantís intencións. Pero aquí, ó revés do que ocorre co resto da “calaña” política deste país, non se trata de cifras de paro, nin do cálculo do déficit… son vidas, MOITAS VIDAS SOBRE A MEMORIA DAS QUE MARÍA SEGUÍ ACABA DE CUSPIR.



Escribimos isto aquí porque, despois da desagradable EXPERIENCIA DE CENSURA sufrida esta mañá na Radio Galega, non confiamos en que ningún medio de comunicación se atreva a petar á porta de quen corresponde. Nós si o faremos, queda prometido, PORQUE ESTAMOS FARTOS!



Nada máis por hoxe, desfrutade da fin de semana e, como sempre, lembrade: coidádevos aí fora que a DXT non pode conducir por eles!