jueves, 29 de agosto de 2013

Auténtica violencia de xénero.



Dende un primeiro momento fun moi crítico coa mal chamada lei de violencia de xénero, por unha banda porque fai quebrar un dos piares básicos de calquera sociedade moderna e que a nosa Constitución consagra no artigo 14: a igualdade. Non me vale a xustificación da discriminación positiva da parte máis feble, xa que non se trata de outorgar unha praza na administración ou unha beca, se trata do Código Penal, e no ámbito penal a discriminación só pode ser negativa.
Por outra banda o nome co que o goberno progresista nos presentou esta reforma foi un despropósito e unha patada na boca á gramática, xa que en Castelán, ó igual que no Galego, o xénero pertence ás cousas. As persoas teñen sexo.


E despois desta excursión lexislativa nos centramos no que nos importa. Queremos propoñer aproveitar a expresión “violencia de xénero” para aplicala onde acae mellor, isto é, á violencia que se exerce a diario dende un coche (masculino) cara unha bicicleta (feminino).
Son numerosos os paralelismos que se dan (salvando as distancias, co máximo respecto e sen frivolizar o máis mínimo) entre a situación de continuo acoso e maltrato que se dá entre automovilistas-ciclistas e maltratadores-maltratadas:


En ambos casos existe un claro desequilibro en canto ó que a forza física se refire.

O medo e a crenza de que non serve para nada leva ás vítimas a non denunciar.

O medo xera na parte feble un complexo que leva á vítima a tratar de evitar novas agresións e acosos renunciando a cousas ás que lexítimamente ten dereito.

Nos dous casos se emprega por parte do agresor a chamada “violencia psicolóxica”.

En moitas ocasións o resultado é a morte.



Proba destas últimas circunstancias atopámola os últimos días nada menos que no perfil que ten en Facebook a Garda Civil de Tráfico (ignoramos se de modo oficial) onde, despois de que o administrador compartise un vídeo que trataba de sensibilizar sobre as numerosísimas vítimas ciclistas, aparecían ducias de comentarios en contra do noso colectivo. Todos faltos de rigor, sen sustento normativo algún, e que non facían máis que reflexar por escrito a ignorancia gravísima da normativa reguladora do tráfico e as actitudes que os ciclistas sufrimos na estrada a diario. Transcribo algúns a modo de exemplo:

1.       ¿No se podría empezar a hablar del peligro que suponen los ciclistas en las vías?  O perigo supono circular nun vehículo a motor, está socialmente recoñecido así e por iso se esixe un seguro obrigatorio.
2.       Yo me pondré una cámara en el coche, y mandaré 2 denuncias al día, que son los ciclistas que me cruzo y que, teniendo carril bici, se lo pasan por el forro. Non existe absolutamente ningunha obriga de circular por un carril bici, polo de agora.
3.       Como respetemos a los ciclistas si el 99.99 % de ellos van como salvajes por las carreteras que no llevan casco .chaleco refletante .luz y cinturon de seguridad. Ó marxe do “cómico” que resulta o comentario, o feito de que un ciclista incumpla calquera norma non quere dicir que a súa vida non se deba respectar.
4.       Una carretera de montaña, sin arcén, como te encuentres dos ciclistas en paralelo y un vehículo de frente, en una curva cerrada a derechas, en subida, aunque vallas a sesenta, que el ciclista no va ni a 10, si no se produce el desastre, es un milagro y esto se da… más sentido común por parte de legisladores y ciclista. Este me gusta particularmente, me queda a dúbida de qué supón o seu autor que pasa se en lugar de dous ciclistas se atopa con un vehículo agrícola (tractor, segadora, alpacadora…).
5.       Llegando el día cuando tienen que tener bajo ley seguro de responsabilidad civil, carnet y que pagan impuestos para usar las carreteras, si todo mi respecto. Xa comentamos máis arriba por qué se esixe seguro ós vehículos a motor e non ás bicis, polo mesmo motivo non se lles esixe carnet e, polo que respecta ós impostos, todos pagámolo IVE das nosas bicis, o IRPF, etc. Supoño que o autor do comentario se refire ó Imposto de Circulación de Vehículos de Tracción Mecánica e a resposta sería tamén clara, nunha bici non se realiza o feito impoñible que fai nacer a obriga do pago de dito imposto, unha bici non xenera desgaste algún nas vías… a este respecto xa temos escrito algo neste blog.
6.       Las carreteras están hechas para los coches, no para las bicicletas. A bicicleta circulaba polas nosas estradas décadas antes de facelo o primeiro automóvil. Outro tema que xa temos tratado aquí.
7.       Para q carallo andan en la carretera? Este debe de ser veciño. Unha pena, eu non podo responder, supoño que cada quen terá o seu motivo, todos tan lexítimos coma os de quen vai en coche.
8.       Yo les veo bien tranquilos en filas de dos o tres charlando y no se retiran de la carretera que se supone que tienen que hacer una fila. Supoño que o autor deste comentario irá sempre calado no seu coche prestando a máxima atención ós sinais de tráfico, aínda que observando a súa ignorancia das normas que regulan a circulación (tienen que hacer una fila) ata o dubido. A pregunta é: sabe vostede que un grupo de 30 ciclistas circulando en línea ocupa 70 metros de estrada? Ónde pretende vostede adiantar con seguridade nese caso?
9.       El domingo iba a mi casa y tenía 3 ciclistas en paralelo, les llamé la atención y la respuesta fué un corte de mangas, que hago?? les atropello o me aguanto? Comezando por que empregar o claxon para recriminar unha acción a outro conductor está totalmente prohibido cabe preguntarse que é máis molesto: o dedo medio alzado ou o pitido na orella? O do atropello ímolo obviar polo de agora.
10.   Me gusta el video y tal y cual...pero por favor pido que saqueis un video que.diga "POR FAVOR CICLISTA CUANDO VEAS UN ARRIMATE AL ARCEN"....y tambien..que por favor si van ir de chachara por la carretera que se queden en casa coño! Outro ó que lle molesta que os ciclistas falen. Tamén lle hai que aclarar que non hai obriga de favorecer o paso ó coche (salvo ós vehículos prioritarios) pero sí unha obriga deste de axeita-la súa velocidade á do ciclista e deixar un mínimo de 1,5 m para adiantar.
11.   Lo malo de los ciclistas, es que si circulan dos o mas. Se creen los amos de la carretera. A ver si viendo el vídeo se les bajan los humos. Sen palabras.

Todos estes comentarios foron copiados tal como foron escritos, pido desculpas polas faltas pero non lles quixen cambiar nin unha coma. Son unha mostra clara de que o ciclista na estrada xera desconfianza, incluso odio, por parte dos restantes condutores e o máis grave é que ese xeito de pensar, que polo que se ve está bastante xeneralizado entre os automovilistas, se traduce en condutas que a diario nos poñen en grave perigo mentres que a DXT se limita a esixirnos que poñámo-lo casco.

Hai só uns días comezaba a Volta a España 2013 coa triste nova do falecemento de tres ciclistas nas 24 horas previas. Foi por iso que se manifestou ó respecto alguén que debe de ter algunha idea do que falamos, Joaquim “Purito” Rodriguez: “El ver una imprudencia de un ciclista no quiere decir que te acerques a él para darle un aviso o que le quieras amenazar, porque al final pasa lo que pasa y eso se traduce en una muerte".


Sempre que sacamos un tema que afecta á seguridade viaria nos gusta tamén propoñer unha solución. Este caso non vai ser menos. Todos temos escoitado a alguén falando na taberna ou entre amigos recoñecendo: “Se me volven examinar do carnét non aprobo nin de broma”. En efecto, a normativa cambia, esquecemos cousas e collemos malos costumes, é unha condición innata no home. Pero non estamos a falar da lista dos reis godos ou da táboa periódica. Estamos a falar de vidas, de moitas vidas. É por iso que a proposta só pode ir encamiñada a renovar os coñecementos elementais sobre seguridade viaria de forma periódica, que como vimos nos comentarios analizados é moi necesario. Resumindo: é indispensable establecer unha reválida das probas de aptitude para a licenza de conducir, tanto teóricas como prácticas.
Voltando ó paralelismo co que comezabamos, e reiterando o respecto total ás vítimas, semella que propoñer como solución a tanta morte o uso do casco resulta tan obsceno no caso do ciclista como no caso do maltrato machista.

Unha aperta, e coidádevos na estrada, xa sabedes que a DXT non pode “conducir por eles”!!!

sábado, 24 de agosto de 2013

RUTAS BTT: A saída.

Un dos grandes problemas en canto á organización das rutas BTT, nas que tantos de nós gustamos de participar, xorde en canto se dá a sinal de comezo: a saída. 



As aglomeracións, embotellamentos, paróns, lentitude na circulación, enganchóns, caídas, problemas nos pasos estreitos… son propios das saídas das rutas e dificultan enormemente o paso dos primeiros quilómetros, sobre todo se neles nos topamos cunha subida, na que as diferencias entre os participantes se agudizarán e os referidos problemas irán a maiores. E se é a primeira ou unha das primeiras rutas BTT ás que acodes, pódeste mergullar nunha sensación de agobio e caos que che fagan renegar deste tipo de rutas. Trátase de circunstancias que, son perfectamente evitables, non só por parte das organizacións, que xa normalmente teñen previstas anticipadamente estas cuestións, senón tamén por parte dos participantes, quenes, mediante certos comportamentos, podemos esquivar estes problemas e disfrutarmos mellor destes eventos ciclistas.

Como dicimos, as organizacións das rutas BTT, que en Galicia acostuman a alcanzar un nivel sobresaínte, teñen previstas tódalas medidas necesarias para axeitar o percorrido ó número de participantes. Algunhas, por unha parte, optan por facer saídas progresivas en función da distancia a percorrer, é dicir, o inicio da marcha faise por grupos que se forman polos ciclistas en función do percorrido elixido (ruta longa ou curta, normalmente), o cal lles reporta maior fluidez de circulación a cada un dos grupos e ó conxunto en xeral. Un exemplo da efectividade deste sistema de saída puidémolo comprobar na I Ruta BTT Concello de Rianxo, organizada pola Peña Ciclista Castro Barburdo Por outra banda, non necesariamente de forma separada da anterior, a maioría das organizacións decántanse por un percorrido previo, normalmente entre 2 e 4 quilómetros, para que o grupo se estire e cada quen busque o seu sitio e tome posicións para afrontala ruta, algo que soe funcionar pero que queda ó abeiro da distancia dese percorrido, do número de participantes e outras circunstancias. Por citar algunha, foi a opción da BTTinto deste ano, ruta señeira na que, ainda que separaron ós da modalidade combinada, o groso dos participantes tomou a saída conxuntamente serpenteando por entre os edificios e as casas do concello de Ribadumia durante aproximadamente 4 quilómetros.


Pero as medidas anteriores poden ser realmente efectivas se os participantes adoptamos unha serie de comportamentos nas saídas, sobre todo se estamos a afrontar a nosa primeira ruta BTT. Trátase dunha serie de sinxelos consellos prácticos  que, ainda que “ninguén naceu aprendido”, contribuirán a mellorar o teu desfrute da ruta e, asemade, favorecer o desenvolvemento colectivo da mesma evitando incidencias nas que te poidas ver envolto. Convidámosvos a que aportedes as vosas propias experiencias e, dese xeito, contribuir á elaboración dun protocolo ‘made in’ ASCIGA.

  • Ten en consideración o percorrido que queres realizar de antemán. Con independencia de que logo cambies de idea, levar preconcebido o trazado que queres facer (se existe a opción) pode axudarche a afrontar a saída. Normalmente a organización pon a disposición dos participantes o perfil da ruta e as súas modalidades, o coñecido coma 'track' (en plataforma Wikiloc, ou semellantes).Se vas facer un trazado curto, non debes apresurarte nin obsesionarte por ter moita xente diante, por mor do tempo (ás veces limitado), estas posicións axéitanse mellor a quenes fan un percorrido longo e tí, en troques, poderás tomalo con máis calma. Polo tanto, se tés en mente facer o percorrido longo, preocúpate de posicionarte o máis adiante posible (¡non necesariamente na liña de saída!) para así, cando dea comezo a ruta non ter que estar tomando posicións cando a xente circula máis xunta, co perigo de provocar caída, nin andar apresurando a quenes queren facer a ruta con máis calma.
  • Ten presente a túa condición física. Fagas un trazado máis longo ou máis curto, máis duro ou máis suave, valora as túas aptitudes físicas á hora de posicionarte na saída. Ainda que as rutas non son competitivas, é propio deste tipo de eventos que existan premios para os máis rápidos polo que é recomendable que deixes as primeiras “liñas” de saída para os que van máis fortes e, se te ves capaz de aguantar o ritmo, debes procurarte unha praza nelas. Pensa que se vas a desfondar na primeira rampla e botar pé a terra, podes provocar caídas entre os que sí teñen forzas para subir ou unha caída en cadea se os que te circundan e seguen van “xustiños”.

  • Procura o teu ritmo. Ainda que é algo que se soe facer co paso dos quilómetros, axeitar a cadencia e o esforzo para distribuilo ó longo do trazado pode facerse perfectamente dende a saída. Observa ós demáis participantes, neses primeiros quilómetros “preliminares” ó verdadeiro percorrido, verás xente tomando posicións apresuradamente e outros que rodan de vagar. Entre uns e outros hai un mundo de beteteiros entre os que podes atopar alguén, ou un grupo, cun ritmo semellante e co que poidas ir cómodamente sen enturbiar o ritmo doutros (o grupo sempre se distingue mellor).
  • Anticípate. Se chegas cedo, máis que nada no caso de querer sair diante, e feitos os trámites necesarios previos (recollida de dorsal, estiramentos, cafeciño, etc.), sen maior dilación, colle o teu sitio na saída. Se te vas tomar a ruta con calma, como xa dixemos, non é preciso que te deas especial présa ainda que sí é mellor que non te demores xa que a saída require certa orde para facilitalo traballo da organización, e os membros desta prefiren ter á xente preparada e non a un grupo de bikers deambulando sen ton nen son, que poden desembocar nun caos de saída froito das présas.
  • Respeto. A regla universal das rutas BTT é igualmente aplicable á saída. Se non puideches tomar a posición que querías podes pedir que che cedan paso, pero ten presente que nadie está obrigado a facelo. Non te abras paso, non empurres a outros participantes, non provoques entullos onde non os hai por queres sair máis adiante. Así que se chegaches “tarde, mal e arrastro” sé consecuente con elo e tómao con calma. Do mesmo xeito, se outros bikers van adiantando e tomando posicións, déixaos pasar e non lles entorpezas gratuitamente o paso; suporán unha molestia menos cando percorras tramos máis saturados de bikers. Se es tí quen pide paso, faino amablemente: non tés ningunha prioridade e, se che ceden o paso, é unha cuestión de cortesía entre compañeiros.


A saída é un momento crucial das rutas tanto competitivas como non competitivas xa que son a semente da que vai partir todo o demáis e o que vai marcar o seu desenvolvemento. De ahí estes catro consellos, tan asequibles como esenciais, pero que de ser adoptados por cada participante individualmente, á hora de dar comezo a unha ruta BTT, poden mellorar o disfrute colectivo da mesma, sobre todo nas sempre multitudinarias saídas nas que tantos percances teñen lugar. Trátase, en suma, de que todos disfrutemos destes magníficos eventos que tan bo nivel acadan na nosa terra e dos que os participantes foráneos sempre deixan constancia.



Luis Miguel Martínez.

miércoles, 14 de agosto de 2013

II Desafío Ezequiel Mosquera




O pasado sábado 10 de agosto un pelotón de algo máis dun cento de bravos deportistas acudiron “desafiantes” á chamada de Ezequiel Mosquera dende Os Ancares. Nesta segunda edición da marcha que leva o nome do ciclista de Teo houbo algunha novidade respecto da pasada edición pero o mesmo ánimo de superación por parte de participantes e organizadores.


Logo do fallo intento do pasado mes de maio, no que 30 cm de neve nos privaron de facer un só quilómetro, aínda que non das risas ós que demos chegado a Piornedo, a organización tomou a axeitada decisión de dar comezo ó percorrido neste novo intento dende Becerreá. Deste xeito a proba se fai máis accesible ós participantes aínda que perde o punto mitolóxico do final na aldea de Piornedo.




Chegados a Becerreá todo estaba disposto, recollida de dorsais e chip (fundamental ter un tempo na ascensión ó Pan do Zarco para medirnos cos profesionais cando eles se atrevan, jeje), un agasallo, control de firmas e a formar. Na saída agradecemento do anfitrión ós bravos participantes, presentación e entrega de agasallos ós padriños, Pedro Nimo e Fede Pérez, dos cales un non queda seguro de saber quén
é o cómico e quén o atleta; advertencias de rigor e partida cara o que Eze nos describía como “territorio comanche”. Por diante catro duras ascensións cunha calor abafante e co coloso Pandozarco (“El coloso en llamas”, qué calor!) apenas a 40 km da saída.

A primeira ascensión da xornada, o porto da Serra Morela. Se cadra unha das subidas máis fermosas que coñezo. O asfalto está coma un prato, comeza nunha zoa sombría entre árbores e á medida que vas ascendendo, con pendentes razoablemente esixentes que permiten subir a ritmo, vai desaparecendo a vexetación dando paso a unha paisaxe máis agreste onde o sol lle traballaba as costas con ímpeto a todos os valentes. En cada unha das xa escasas sombras un garda civil coa súa moto resgardándose do astro rei.


Coroouse a Morela en grupo, con algúns participantes descolgados e sufrindo xa o que ía ser unha xornada para titáns. Arriba abastecemento, líquido e sólido, e “parrafada”.



Continuámola marcha, un repeito, dor de pernas, baixada revirada, outro repeito, máis dor de pernas, baixada rápida e revirada, un letreiro: “Comeza Porto”. Velaí o ven!


A ascensión ó Pan do Zarco comeza cun regueiro de corredores ciscados ó longo do percorrido por mor do perigoso da baixada e mailo feito de ter saído algún grupo por diante. Tomándoo con calma nas primeiras ramplas, xa sabía o que viña despois, as sensacións son moito mellores que na pasada edición, semella que o duro adestramento se reflicte nas pernas… pasa Eze, a un ritmo que che fai pensar que vas pinchado, cunha facilidade tremenda e o que ven á mente de novo son os adestramentos, qué pouco valoramos o ciclismo de competición!


Viramos á dereita en Murias onde xa sabía que chegaba a hora da verdade, a algún acompañante de viaxe cólleo de sorpresa, sería moi interesante colocar un micrófono nese punto e gravar as expresións da xente ó ver aquel “repeitiño”, repeitiño que xa non suaviza ate 8 Km máis adiante…

Imos preparados: 34 de prato pequeno e 27 e 28 atrás, máis vale que sobre… Pero non contabamos cun novo amigo: o sol. Non é o mesmo subir a 15 graos que facelo a máis de 30. O pulso non baixa, levas sensación de ir gardando pero o 1 e mailo 9 permanecen como primeiras cifras na pantalla do pulsómetro, podes pagalo máis adiante… Bebendo cada 100m comezas a pensar na auga que votaches pola cabeza e polo lombo, pero tamén facía falla… unha animalada.



Repeito tras repeito os quilómetros van caendo e, molestias aparte, o ritmo segue sendo constante. Avistámolas pallozas, onde sei que hai unha fonte coa auga máis fresca e pura que te poidas imaxinar. Alivio… e sorpresa. Ó chegar alí observo un numeroso grupo de veciños que se achegaran a ver ós bravos deportistas en plena ascensión, e non viñeran sos: música, churrasco e café de pota a disposición de quen viñese “apajarado”. 


 








-Un bidón de auga que quedan mémos de 3 Km e quero mellorar o tempo do ano pasado, jeje. Nunca medio litro de auga me chegara a tan pouco. Por fortuna ó coroar a organización tiña previsto un bo abastecemento do que demos boa conta.


Reagrupamos e continuamos cara o Piornedo. A baixada é rápida e perigosa, seguida dun repeito duro que nos volve facer retorcer a todos: ciclistas, transmisións, cambios, llantas… 


Cruzámo-lo Piornedo, aldea preromana, un fortín durante séculos que cada ano, semella que voltará ser conquistado polos amigos de Ezequiel Mosquera a golpe de pedal. Dúas ascensións por diante: o alto do Portelo e Pedrafita do Cebreiro. Nada en comparación co pasado pero coa incertidume do prezo que o Pan do Zarco nos  tería feito pagar na súa peaxe.


O pelotón completamente espallado, grupiños pequenos buscaban xa o ritmo máis cómodo para irse achegando a Becerreá, fin deste Purgatorio ciclista que unha magnífica organización nos ofrece ano tras ano.


O máis rápido empregou 5 horas e 20 minutos en completa-lo percorrido, o máis lento 8 horas e 1 minuto. Eu non teño claro a cal darlle máis valor. Se cadra o realmente importante fose rematar, ou dar coroado o “Coloso dos Ancares”; ou se cadra o máis importante fose que ante tanto sufrimento e loita a bo ambiente e o compañeirismo fosen a bandeira que todo o pelotón portou ate a meta levando como estandarte o bo humor.


Noraboa a todos os que estivestes alí, e tende claro que lle podedes dicir a todos, sen temor a equivocarvos, que: REALMENTE SODES BRAVOS!!!


lunes, 12 de agosto de 2013

III RUTA BTT DO XESTEIRAS (Cuntis)


O domingo pasado, un caluroso día 11 de agosto, celebrouse na localidade pontevedresa de Cuntis unha nova edición dunha das rutas BTT máis señaladas durante o periodo estival: a III Ruta BTT do Xesteiras. A localidade termal, un ano máis, deu acollida a un gran número de participantes que acadou a cifra de 463 inscritos para a ruta BTT e 87 para a andaina. Nin a calor presente dende as primeiras horas matinais nin a dureza do percorrido, análogo ó da edición anterior, botaron para atrás ós participantes que acudiron, se cabe con máis ganas, á convocatoria do CDM Xesteiras e incentivados polo bo saber facer nestos mesteres dos seus integrantes, especialmente a do animoso e retranqueiro speaker. E, como non podía ser menos, a ASCIGA participou desta festa do BTT.


Así pois, concluidos os prolegómenos demos comezo á ruta puntualmente e con ACDC soando de fondo, devorando os primeiros quilómetros cun paseo polas rúas de Cuntis, nas que os veciños saían á porta uns para aplaudir e animar ós participantes e outros atraidos polo cuantioso dos mesmos. Dado que tomei a saída na parte central-traseira do grupo, e como a intención era facer a ruta longa, vinme na necesidade de ir adiantando posicións de xeito constante e, por momentos, difícil, collendo algún embotellamento breve, pero esta circunstancia deume a ocasión de departir e comentar con moitos dos participantes e constatar, risas mediante, o bo ambiente que reinaba.


Despois de pasados algúns camiños de monte e pistas polas aldeas da zona, nas que os veciños animaban, entramos xa definitivamente no monte con estreitos camiños entre arboredas, por intres, frondosas. Arredor do quilómetro 5 o terreo comezou a picar cara arriba de xeito progresivo, coas primeiras ramplas que obrigaron xa a tirar de pedal con intensidade, se ben as zonas máis chans permitían recuperar ben. Despois dun breve problema cun pao que se ensarillou na patilla do cambio, retomei a marcha e seguín superando bikers que, a maior ou menor ritmo, pedaleaban con ánimo decidido. Non tardaron en divorciarse a ruta curta e a ruta longa, a cal porfiei en seguir. A dificultade desta opción pronto se fixo evidente cando se comezaron a acumular, unha tras outra, ramplas que, ainda sen presentar unha dureza excesiva, sí fixo que algúns puxesen pé a terra e foron metendo fatiga por doses nas pernas. A calor, xa entón, facíase asfixiante e poñía un punto de dureza a maiores. Os tramos ó abrigo das sombras eran bendecidos polos participantes máis que nunca.


Seguiron uns tramos de rodaxe sen ramplas, pero de pendente constante, sempre ascendendo, serpenteando polos montes da zona, entre espectaculares pinares. Pasados uns quilómetros así, un pequeno tramo en baixada conduciunos, virando á dereita, á primeira das dificultades serias da xornada: o  impoñente cortalumes do Couselo; unha subida duns 350 metros, moi empinada constantemente e con tres picos de inclinación sitos na entrada, parte central e saída. Na entrada a brutal e repentina inclinación obrigaba a tirar de potencia e técnica no manexo da bicicleta, ó tempo que andar áxiles co cambio de desarrollo para non botar pé a terra, solución pola que moitos optaron; seguidamente mantendo o ritmo e a cadencia afrontei a restante subida entre xente que desistía e outros que intentaban infructuosamente montar de novo na bicicleta. Superado o pico central, cheguei con folgos á derradeira rampla que, cun plus de esforzo por mor dos cambios de “carril” que obrigaban a facer os que se paraban, dei en superar. Restaban apenas uns metros de subida, xa máis levadeira, para chegarmos ó avituallamento. Foi nese punto que reapareceu o speaker para, nun dos momentos de maior esforzo, azuzar ós ciclistas cos seus comentarios. Un dos momentos divertidos da xornada, ainda que a máis dalgún os comentarios non lle facían moita gracia.


Despois do nutrido avituallamento, continuaba a ruta por unha senda en ascenso con partes técnicas polo estado do terreo, marcado ainda na súa morfoloxía pola forte erosión da auga caída este inverno. Cada vez os participantes a superar eran menos e os ritmos destes xa eran para terlle respeto. Así as cousas, seguidamente veu un terreo de baixada, limpa e con pista ancha para que as miñas xa tocadas pernas recuperasen un chisco. Foi así que o terreo empinou para arriba de novo con zonas que poñían a proba o manexo de pedais e manillar, cada vez con maior pendente ata chagar a unha brutal subida por unha trialera. Un trago e ¡alá vamos! Subindo co manillar pegado á boca, sentado apenas na punta do sillín fun avanzando, metro a metro, pedalada a pedalada, entre outros bikers que xa botaran pé a terra pero que apupaban ós que subiamos como se fosen ‘hooligans’ (¡qué grande é o ciclismo!), con palmadas, berros e aplausos. Ainda dei sacado algún respiro para agradecelo. Paseniñamente, uns metros máis adiante alvisquei o final desta subida, que era unha pedra que obrigaba a dar un último e contundente golpe de pedal. Apenas recuperado o alento e avanzados unha ducia de metros... ¡sorpresa! Subida polo cortalumes que dá a estación meteorolóxica. Arriba, a maioría dos poucos que se animaran a intentalo subían coa bicicleta de lado. Con “calma e boa letra” comecei a ascensión. Por intres pensei en botar pé a terra pero, vendo a cima cada vez máis preto e vendo que as pernas respondían apretei nun esforzo final que me permitíu alcanzalo cumio.


Comezaba neste punto unha prolongada baixada por pistas anchas ata chegar a un novo avituallamento líquido. Logo seguín por unha trialera que baixaba serpenteando pola ladeira do Xesteiras cun terreo inclinado á dereita que puña a proba a habilidade dos que por alí pasaron. Uns metros máis adiante, nova baixada, esta vez polas xa famosas trialeras do Xesteiras por unha estreitísima senda entre as árbores, cunhas trazadas perigosas, técnicas, rápidas por intres e, sobre todo, moi divertidas. Cos brazos destrozados da baixada, tocou unha nova subida de dous ou tres quilómetros para unhas pernas que xa experimentaban fatiga e un corpo no que a calor xa facían mella. Ó final desta había un avituallamento líquido que todos agradecemos enormemente. Aquí comecei unha nova baixada na que dei en xuntarme con outros tres bikers que, xuntamente, fixemos os últimos dez quilómetros relevando e tirando forte, a un ritmo brutal, apretando nas baixadas e exprimindo as pernas nas subidas. Atopamos coa sorpresa de termos que cruzar un río, o cal ó principio nos extrañou, pero que, confirmado que a ruta descorría por alí, a molladura dos pés foi unha bendición. Despois de desviarnos nun cruce chegamos á meta os catro xuntos.


Un tempo de 2 horas e 19 minutos sobre unha distancia de 33,4 km. Un tempo de esforzo e desfrute froito do traballo dunha experimentada e constante labor dos membros do CDM Xesteiras e organizacións colaboradoras, soamente eclipsada pola indesexable interferencia dun malnacido que, segundo nos enteramos, porfiou en facer desaparecer e alteralas sinais e indicacións deixadas coidadosamente para a ruta. Esa foi a causa de que moitos, entre eles eu, sufrísemos desvíos ou desorientacións de maior ou menor grao.


Pese ó anterior, tanto a ruta en sí mesma coma a labor persoal realizada para facela posible foron de dez. O CDM Xesteiras non defrauda e, dende aquí, transmitímosllela nosa noraboa. Un trazado divertido de principio a fin, un gran ambiente de ciclismo, unha ruta que nos impregna de monte galego, diversión a raudales dende a saída ata a entrega de premios (simbolizado no gran speaker), avituallamentos completos, etc. Non falta ningún ingrediente para non incluila nas grandes rutas do almanaque BTT. O que é seguro é que para o ano repetiremos, e animámosvos a todos a apuntarvos e participar desta festa do ciclismo.