jueves, 14 de mayo de 2015

A ENQUISA DA VERGONZA DA DXT

Estes días vos vimos advertindo da estafa que dende as institucións se pretende cometer plegando o interese colectivo e a seguridade de todos ás gañas de amasar cartos duns poucos. Isa é a impresión que nos queda despois de sabermos que a obrigatoriedade do uso do casco, que non houbo valor de impoñela contra opinións, recomendacións i estudos científicos se pretende impoñer agora pola porta de atrás, mediante os novos baremos de indemnizacións en accidentes de tráfico que, unha vez aprobados, poderán dar paso a que a viuva dun ciclista esmagado por un camión non vexa un peso de indemnización polo feito de que ese día, o seu marido, o pai dos seus fillos, a súa vida... non puxese o casco para ir polo pan.

Ó mesmo tempo, de xeito paralelo, a Dirección Xeral de Tráfico está a levar a cabo unha malintencionada enquisa na que pretende, con falsedades i enganos, que cale na opinión pública a necesidade de que os ciclistas conten con un seguro de responsabilidade civil.

Este é o link da enquisa en cuestión: http://bicidgt.encuesta-t.com/

Acto seguido a aseguradora Maphre lanza unha campaña para a captación de ditos seguros. Este é o cartaz que vemos rodar pola rede:

A oferta fala dun seguro de 37€ sen maior concreción.



Dende a ASCIGA vimos de enviar ó ente dirixido por María Seguí un escrito poñendo de manifesto o noso malestar. 

Nada mellor para que coñezades a mensaxe que lle transmitimos que copiarvos o texto de xeito íntegro:









Texto: 

"Á DIRECCIÓN XERAL DE TRÁFICO


Ó abeiro das últimas medidas da Dirección Xeral de Tráfico en relación ó colectivo ciclista, que esta Asociación pretende representar, e en relación á situación da utilización da bicicleta en España, como afectados, resúltanos imperativo manifestar una serie de consideracións ó respecto.

É de público coñecemento que a postura desta Asociación respecto da actividade da DXT é moi crítica. Nin somos os únicos nin é unha postura inxustificada. Proba do primeiro é o vídeo gravado por Perico Delgado tras dimitir como colaborador de dito ente no que deixa ás claras as súas deficiencias na preocupación pola mobilidade ciclista.

Dicimos tamén que temos motivos fundados para criticar duramente á Dirección Xeral que encabeza actualmente dona María Seguí; de feito hai tempo que vimos “contando” nós mesmos as vítimas ciclistas nas nosas estradas fartos de tanta manipulación.

Agora vimos de coñecer a publicación dunha “enquisa” (http://bicidgt.encuesta-t.com/) na que de maneira falaz a DXT di preocuparse pola seguridade ciclista. O que se observa, en cambio, nas preguntas de dito “documento” é unha clara intención de interpor máis trabas á circulación en bicicleta polas nosas vías. De todas elas a máis flagrante, por sesgada e tendenciosa, que non imos pasar por alto e pola cal esiximos unha inmediata rectificación é a seguinte:

“3.2. En algunos países como Suiza existen seguros personales que cubren la responsabilidad del vehículo y del conductor ciclista en caso de accidente. ¿Implantaría este tipo de seguro para el vehículo y el conductor ciclista en España?”

En España existen seguros persoais que cobren dita responsabilidade, tanto privados como os que ofrecen todas e cada unha das Federacións de Ciclismo do noso territorio con cadansúa licenza. É obvio que na DXT coñecen perfectamente esta circunstancia e que a intención é, unha vez máis, manipular a opinión pública.

Por todo o exposto esiximos:
-            Pública RECTIFICACIÓN por parte da Directora Xeral, dona María Seguí.
-            RETIRADA INMEDIATA da publicación da súa páxina web e de calquera outro lugar de público acceso.
-            ELIMINACIÓN e destrución de todos os datos recollidos ata o de agora pola citada enquisa.
-            ABANDONO definitivo da iniciativa.
               
En Santiago de Compostela, a 12 de maio de 2015."


De novo e máis ca nunca: coidádevos aí fora A DXT NON PODE CONDUCIR POR ELES!