martes, 9 de julio de 2013

"Put me back on my bike", a dopaxe en xullo por favor!!!



Dicía miña avoa: "feita a lei, feita a trampa".

As sospeitas de dopaxe no Tour apareceron nos anos 30 da man da cocaína e as anfetaminas, usadas estas últimas polos exércitos de Hitler para combate-la fatiga e mante-la alerta da tropa, a dúbida sobre o seu consumo xa acompañaba a un Jaques Anquetil que se afanaba en beber leite ante as cámaras presentándoa como fonte única da súa fortaleza.


De aquí en diante a sospeita sobre o uso de sustancias que potenciasen o rendemento físico foi unha constante ate que o 13 de xullo de 1967, nas durísimas ramplas do Mont Ventoux, un desatado Tom Simpson, que trataba de remontar os minutos cedidos nas xornadas anteriores, perdía a vida provocando un punto de inflexión histórica no tema que hoxe nos ocupa. “Put me back on my bike” (Subídeme de novo á bici) murmuraba mentres a súa vida se lle escapaba das mans ó mesmo tempo que a vitoria que tanto ansiaba. Foi a mostra definitiva de que o desexo de vencer podía poñerse por enriba da propia vida na lista de prioridades dun deportista e de que se antollaba imprescindible exercer unha función paternalista sobre estes dende as institucións.
Podemos situar o piar virtual da loita contra a dopaxe na estrada que ascende ó Mont Ventoux e cuxa base é preservar a vida e a saúde do ciclista.
Unha longa listaxe de sospeitas e denuncias seguen a esta dramática etapa ata o día de hoxe. Algo cambiou, algo nos fixo perder o norte, ou máis ben ás institucións encargadas de velar polos ciclistas, e moi especialmente á UCI cando, décadas máis tarde, o presidente deste estamento internacional fala sen rubor de sancionar a un ciclista que leva anos tristemente falecido, Marco Pantani.



Dicía que algo nos quedou no camiño porque, tal como vimos de comentar, o obxecto principal no inicio da loita contra a dopaxe foi, e non debería deixar de ser, a preocupación pola saúde do ciclista. Todo así, me gustaría que o señor McQuaid nos explicase de qué xeito vela pola saúde de Chris Froome e Alberto Contador sancionando a un defunto; ou o que é máis grave: de qué forma se protexe ó propio Pirata? Neste caso está claro que a acción UCI, a federación italiana e resto de estamentos deportivos chegan con máis de 9 anos de retraso, e que claramente lle fallaron ó máis grande escalador de todos os tempos (co permiso da Águia de Toledo). Deste modo, igual que a sospeita da dopaxe planea sobre os deportistas, a sombra da avaricia sementa de penumbras toda a actuación do estamento internacional máis importante no mundo do ciclismo.

O feito de retirar os títulos a un defunto que, ó marxe doutras consideracións, non pode exerce-la súa defensa, coa base dunhas mostras de sangue que, nun claro ataque á intimidade e á personalidade do deportista, seguen sobrevivindo ó seu propietario a perpetuidade, ó igual que unha débeda nunha herdanza, para seguilo criminalizando e á espera de tempos mellores (economicamente falando) para a súa estirpe, ate o día do Xuizo final, non debe ser a fin nin o obxecto da loita contra a dopaxe. 




Tal como comentamos a morte de Simpson é o paradigma e o faro que debe guiar toda actuación por parte da UCI e resto de organismos encamiñadas neste senso.


A evolución do propio deporte e as intereses económicas que moven, a día de hoxe, ós equipos profesionais fan que a tentación e a iniciativa no uso de sustancias prohibidas non parta do propio deportista en moitas ocasións, se non de quen guía a súa carreira. Proba desta afirmación é claramente o uso da EPO, a súa administración resultaba máis económica ós equipos que realizar longas e custosas concentracións en altura que, casualmente, proporcionan os mesmos beneficiosos resultados. Hoxe en día, estandarizado o seu control nas análises, os equipos volven a Serra Nevada na pretemporada.


Volvendo agora ó encabezamento desta entrada: por qué non se escoita falar da dopaxe en xullo, en plena tempada? Por qué as “cazas de bruxas” sobre os ciclistas se producen anos despois cando as arcas do retirado están ate os topes de € ou $? Se algún mal produciu a dopaxe sobre a súa saude… non será xa un pouco tarde?


Ó contrario do que nos contan, a dopaxe non vai por diante do control posto que a evolución técnica é a mesma xa que nos atopamos no mesmo campo. Se coñecía o modo de eludir os controis de urina, igual que tras o positivo de Landis apareceron as micro-transfusións e do mesmo xeito que o que hoxe “da pulo” no pelotón é ter un TUE (algo así como “tratamento terapeutico autorizado”).


Lonxe do afirmado na entrevista-show con Ophra o que empurraba a Lance Armstrong nos seus sete Tours era a testosterona. Lastrado pola súa enfermidade, un certificado médico lle permitía aumentar de xeito artificial, durante a competición, os niveis dunha  sustancia que supón o 90% dun ciclista nunha volta de 3 semanas. Tema, o da sanción ó texano que xa temos tratado neste foro.


Insistimos ó longo deste artigo na necesidade de que a UCI se preocupe realmente da saúde dos ciclistas durante a súa vida en activo. Estase a disputar o Tour de 2013 e, burlando o poderoso velo co que os equipos e a propia UCI cobren os datos médicos dos profesionais (nada criticable, si se fixese o mesmo cos datos dos defuntos e a memoria do Pirata, por exemplo), coñecemos xa algún caso que pode preocupar ós que amamos este deporte e respectamos ós seus heroes.



“Chuletóns” aparte, a emerxente aparición no pelotón internacional de figuras que adoecen de enfermidades incompatibles co propio deporte tinguen de novo de sospeita a figura dos heroes. Co caso omiso da UCI, mentres estas vítimas da avaricia institucional sigan producindo pingües beneficios económicos seguirán arriscando a súa saúde, ou non. Son, por exemplo, os casos de Chris Froome aqueixado de bilharzia ou Nairo Quintana co "mal do defunto".


Non pretendo sementar sospeitas de ningún tipo dende aquí, e moito menos sobre os “titáns” máis duros do mundo do deporte, pero sí me gustaría someter unha cuestión a consideración: está a UCI a preocuparse pola saúde dos ciclistas?



Vos non sufrades enfermidades “raras” e seguide a disfrutar sobre a bici!!!
 



miércoles, 3 de julio de 2013

Galegos no Tour.



Como todos saberedes este pasado sábado comezou a 100ª edición do Tour de France. Cen anos de historia, de loita agónica e de lendas do noso deporte. Xamáis se esquecerán, por moito dano que se lle queira facer a este deporte as batallas infernais que mantiveron heroes da talla de Fausto Coppi, “Un uomo solo al comando”; Eddy Merckx, “O Canibal”; a potencia de Miguel Induráin, a hexemonía de Lance Armstrong, a irrepetible forma de escalar de Marco “O Pirata” Pantani…



Son centos os nomes que lembramos e imposible acordarse de todos. Pero hoxe queremos que nos axudedes a facer un exercicio de memoria para rememorar entre todos a aqueles veciños da nosa terra que tamén lograron conquistar os Pirineos, que se partiron o lombo nas infernais ascensións ós Alpes e que tinguiron para sempre a súa faciana da cor e o brilo especial que outorga o aire case mitolóxico que se respira nos Campos Elíseos alá contra o final de xullo.

Emilio (foto) e Manuel Rodriguez Barros. Dunha familia de tradición ciclista de Ponteareas conicidiron en 1954 en París dous irmáns. 43º e 45º respectivamente na xeral xuntos suman cinco participacións na ronda francesa. Emilio chegou a gañar a Volta a España en 1950. Tamén foi campión nacional en ruta en 1954.
 Un pioneiro. Ourensán, recadeiro de talleres na xuventude era o máis rápido da capital e decidiu probar fortuna na competición. "Una vez fui en Vespa con un compañero y las dos bicis desde Torrelavega a Cataluña". No 62 se impuxo a Bahamontes no Naranco, ahí queda iso!
Correu tres Tours dende 1963 e a día de hoxe afirma: "La gente no ve la parte de sufrimiento que tiene este deporte. No se trata solo del entrenamiento, sino de la esclavitud que tiene a veces formar parte de un equipo, esperar a que cuenten contigo, la llegada de las caídas, etcétera".


Unha aportación dun dos nosos amigos de Facebook. Case nada: no "top ten" do Tour en cinco ocasións, un terceiro posto na xeral compartindo podio no 74 nada menos que co "Canibal" ó cal lle chegou a levar tres etapas da ronda gala. Vicente López Carril, un auténtico súperclase que levou o soar dos "Rumorosos" ate o Parque dos Príncipes.





Comeza unha tradición ciclista na vila de Padrón. Un portento físico, pura potencia, todo pulmón. Suso Blanco Villar é un animal sobre as dúas rodas que acadou a meta de París en 1986 e 1988.

Votando a vista atrás, e buceando nas hemerotecas, tamén encontramos outro bravo galego  que acudiu á disputa da carreira ciclista máis importante do mundo, un pequeno ciclista de Ponteareas. Nunca tivo moita planta, pero carallo cómo andaba! Él é Álvaro Pino. Gañador dunha Volta a España co equipo BH, participou en catro edicións da Ronda Gala obtendo como mellor resultado dous 8º postos.






En 1991 o sangue galego volve a latexar nun corazón polo Tourmalet arriba. Se trataba de Jose Manuel Oliveira, corredor padronés que compartía equipo con nomes da talla de Manuel Jorge Dominguez ou Peio Ruiz Cabestany. Clase sobre dúas rodas.







Un traballador nato. Puro pulmón. Chegou por primeira vez ó Tour en 1993 da man do equipo Kelme outro padronés, José Ángel Vidal. Nada menos que Roberto Heras e Fernando Escartín como xefes de filas. O seu mellor ano poida que fose o 2000 no que o seu equipo se impuxo na clasificación por equipos, e incluso estivo a piques de lograr unha vitoria parcial ó ser quen de facer chegar unha longa escapada por diante do pelotón, ó final, no sprint se impuxo Bettini naquela 9ª etapa.



Esa etapa que o cruel destino lle roubou a Vidal acadaríaa anos máis tarde un rapaz de Redondela, Marcos Serrano. O 20 de xullo de 2005 se impoñía en Mende, co mérito engadido de que esa etapa a tiña entre cella e cella un tal Lance Armstrong e o seu Discovery Channel.








No ano 77 nace en Mos un dos mellores ciclistas que deu a nosa terra. Un auténtico pura sangue, Óscar Pereiro. Xa en 2005 se impuxo na meta de Pau, obtendo tamén o premio á combatividade, non houbo un día que non a montara, gañándose, por parte de Armstrong o alcume de “Fucking Pereiro”. No ano 2006 consegue ser o primeiro galego en gañar o Tour de France.



Impresionantes loitas foron as que mantivo tamén no Tour de Francia outro galego de sangue brava, un escalador dos que xa non quedan, Ezequiel Mosquera…







Perdón, aquí mellor imos deixarlle un espazo a don Alberto Núñez Feijoó para que nos dé unhas explicacións que xa se demoran demasiado.

Tardaremos moito en ver outro galego triunfando no Tour, pero non será por falta de bravura, fagámono-lo mirar!!!