lunes, 11 de enero de 2016

HOXE RODAMOS CON... Martín Lestido.






Hoxe desprazámonos até Padrón, e rodamos cara a zona do Barbanza con Marín Lestido.



Martín Lestido, un padronés de 23 anos, acaba de fichar en profesionais co equipo rumano Tusnad Cycling Team, co que leva correndo dende agosto. Acadou bos resultados nas probas por etapas na categoría amateur, e tamén participou en varias probas profesionais. As últimas, un noveno posto no seu debut co equipo na Volta a Bulgaria, e un bo resultado no Tour of Almaty.










Martín xa nos agarda no punto de encontro á nosa chegada lucindo as cores do seu novo equipo como bo PROFESIONAL. Ogallá que a puntualidade non mude en ganas de adestrar se non a entrevista vai quedar algo coxa, jejeje 
Martín xa nos agarda no punto de encontro á nosa chegada 

 

 
Pregunta: No teu caso cales foron os motivos que te levaron a optar polo ciclismo?
Resposta: De pequeno gustábame case todo o deporte e practicaba varios, pero acabei optando polo ciclismo porque o meu pai competía e me meteu o gusanillo. Logo empezaron a correr tamén varios rapaces da miña zona, e aí xa me metín de cheo. E ata agora.

P: Todos medramos con pósters e fotos pegados nas paredes da habitación. Que foto había no teu armario?
R: Ter ter non tiña ningún jajaja. Sempre me gustou moito Andy Schleck e tamén Fabian Cancellara, aínda que non teña nada que ver coas miñas características coma corredor.

P: Xa máis de preto, aínda que acabas de comezar (coma quen di), hai xa algunha persoa que supoña un piar importante na túa carreira? Aqueles que se nomean nas roldas de prensa cando se logran cousas importantes...
R: Pois podería nomear a moitas persoas, pero principalmente a meu pai que foi o que fixo os primeiros esforzos para que eu competira, ao meu amigo e compañeiro Luís Mariño que mo ensinou case todo cando cheguei á categoría; e tamén ao meu adestrador Pablo Berea.

P: Como ves o ciclismo en Galicia? Hai nivel? Hai carreiras? Hai clubes, canteira? Que votas en falla?
R: O ciclismo galego ten moito nivel, nos últimos anos sumamos moitos corredores bos ao noso pelotón, pero penso que agora mesmo estanse descoidando bastante as escolas e xa non se ven tantos nenos. De clubes non podemos queixarnos, e xa non só en élite, porque tamén hai moitos equipos  aficionados. O principal problema  aquí é que hai poucas carreiras, a Copa de España por exemplo non ten ningunha proba en Galicia, e a Volta a Lugo desapareceu no 2015. Ao final, se non hai carreiras, os corredores acaban marchando a equipos de fora.  E o que máis voto en falla é ter un equipo profesional, ou mesmo continental, para dar saída a todos os que estamos agora mesmo a un bo nivel.

P: E cousas positivas?
R: Penso que cada vez hai máis xente que practica ciclismo a todos os niveis, e iso fai que cada vez teñamos máis cultura da bicicleta.  E tamén que a pesar de non haber equipos aos que pasar a profesionais, a xente segue esforzándose e perseguindo a súa oportunidade. Os nosos corredores teñen un gran nivel.

P: Coñecen os teus amigos (non ciclistas) como é a túa “vida escura” cada vez que desapareces para ir adestrar? Como cres que te ven?
R: Agora todos os meus amigos saben o que fago, pero cando coñeces a alguén e lle dis que non podes saír, ou ir de cea, e lle contas por qué... ao primeiro non o entenden, non coñecen o sacrificado que é este deporte. Logo, cando llo explicas, normalmente pensan que estás tolo, ou que é algo inhumano. Pero ao final acábano vendo coma algo normal, algo que forma parte de ti... e soen ser moi comprensivos coas miñas ausencias.

P: Hoxe (polo día que saímos) é unha xornada tranquila pero, como é o adestramento ó longo do ano? Cantos quilómetros caeron adestrando no 2015?
R: Hoxe so estamos soltando as pernas, pero o adestramento normal consiste sobre todo en moitas horas enriba da bicicleta, unhas 4 ou 5 diarias. Tamén hai que ter en conta todo o que non é bici: preparación física, estiramentos, o descanso, a dieta... ao final, pasas todo o día, é case coma un adestramento constante. En canto aos kilómetros, non podo dicilos con certeza, pero seguramente andaríamos preto dos 23 mil, ou pode que algún máis. E kilómetros de avión tamén uns cantos, jeje.

P: En Galicia o tempo non axuda nada e todos sabemos deses adestramentos que “contan dobre” (polo que adestras ti e o que deixan de adestrar os que quedan na casa), como afrontas eses días de choiva e frío? Cóntanos algún truco ou segredo que nos poida facer a vida máis doada?
R: Puff, pois afróntanse coma se pode, uns días mellor e outros peor, pero si quedas na casa cada vez que chove ao final non saes nunca. O mellor truco é saír en grupeta, cada día anima un aos outros e acompañado as horas pasan máis rápido. Non hai moito máis que se poida facer contra iso.

P: E no referente ó tráfico, es dos que se indigna cos automobilistas? Dos que protesta? Dos que se resigna? Dos que teñen medo? Como te enfrontas ó tráfico?
R: Iso tamén depende moito do momento, non é o mesmo que che adianten mal cando acabas de saír da casa que cando levas xa 5 horas e moitos coches poñéndote en perigo... Lévase con certa resignación, pero debo dicir que eu son dos que protestan bastante.

P: Imos agora co futuro. Acabas de renovar co Tusnad Cycling Team rumano para toda a tempada 2016. Que agardas desta tempada? Que podemos agardar nós de ti?
R: É todo unha experiencia nova. Polo momento non temos de todo definido o calendario, aínda que sei que correremos probas en España, así que tampouco coñezo demasiado os meus obxectivos. O que si teño claro é que quero aproveitar ben esta oportunidade, desfrutar moito a experiencia e dalo todo. E se podo, tentarei desputar algunha carreira das que participe. 




P: Esta fichaxe é froito da traxectoria brillante na que xa te tes enfrontado ó pelotón profesional, como é por dentro? Abunda máis o “pata negra” ou a “empanada” (empanada mental dalgún, se entende, jejeje)?
R: De momento non corrín demasiado cos profesionais, pero tiven a sorte de coincidir por exemplo con xente coma Fabio Aru no Tour de Almaty en outubro, e con outra xente moi boa nos Campionatos de España e nas carreiras nas que participei coa selección, e a verdade e que sempre tiven moi boa acollida. Nisto non teño queixa.

P: O noso deporte ten un argot moi extenso. Expresións, frases, berros de guerra... Cal é a túa favorita? Algo que nos axude a rematar de coñecerte un pouco mellor...
R: Hai tantas que usamos de maneira tan espontánea que me costa dicir algunha... pero sempre me fixo bastante gracia a de “andas menos que un carro de polos”.

P: Para ir rematando: contades ti ou o equipo con algunha canle de comunicación nas redes sociais onde seguir a vosa tempada? Habemos estar todos pendentes!!!
R: O equipo ten páxina de Facebook, Tusnad CyclingTeam, onde poñen información e fotografías do que imos facendo nas carreiras ou nas concentracións, a mediados deste mes por exemplo faremos unha no levante. O problema é que escriben en rumano ou en húngaro, así que eu irei contando algunhas aventuras nas miñas redes: Martín Lestido en Facebook e @martinlestido en Instagram e Twitter.