sábado, 5 de enero de 2013

Comezamos a rodar:




Benvidos todos a “Asfalto e Arrós” este blog que hoxe estreamos pretende ser un espazo común para tódolos amantes de dar pedais, sen maior distinción: dende profesionais exitosos ata o “matao” con sobrepeso que sae só ós domingos; dende o que colle a bici a diario ata o que a mercou e a pousou no faiado; dende o que entrena duramente ata o que sae só a polo pan ós domingos (e procurando as costas abaixo); dende o que lle gusta apretar nas subidas ata o que disfruta soltando os freos na baixada; dende o que herdou una bici de paseo de seu irmao maior ata o que deixou de beber coa intención de aforrar para a sua MTB de dobre suspensión; dende a que non lle gusta o casco porque se lle riza o pelo ata a “fiera” (que habelas hailas) capaz de deixar en evidencia a calquer “machotiño”. Elites, máster ou “globeros”, todos temos algo en común: duas rodas e dous pedais capaces de levarnos á fin do mundo.

Dende aquí e a partires de hoxe trataremos de darvos a coñecer saídas e rutas interesantes, anécdotas, humor, fotos, seguridade vial, atendermos queixas e suxerencias, así como calquera iniciativa que queirades iniciar e á que dende aquí lle poidamos dar pulo, todo relacionado co mundo dos pedais.

Pretendemos xerar un espazo de diálogo no que poñer en común opinión e experiencias, comparar e compartir entrenos, quedar para saír (a entrenar ou de paseo), dar publicidade a eventos que se celebren na nosa terra, etc.

Hai poucas sensacións máis fermosas que dar pedais, sentí-lo aire na cara, percibir que ti e a túa bici podedes camiñar xuntos cara onde sexa, descubrir lugares dunha fermosura incríble, lugares onde non te levou o coche nin a moto, só aquela coa que tes unha relación especial que non é doada de describir, aquela que te fai sufrir e disfrutar ó mesmo tempo, aquela que te fai esquecer todo e ordear as ideas á mesma vez, aquela que te frustra e te motiva a cada pedalada, a que consegue que sigas adiante cando todo está costa arriba. Pensamos que todos estes sentimentos merecen cando menos un espazo coma este, por iso dende aquí a miña benvida a todos!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario