martes, 25 de febrero de 2014

Dopaxe? E iso qué é?



De qué falamos cando dicimos “dopaxe”?

Esta entrada pretende deixar clara a postura da ASCIGA sobre o tema máis polémico que rodea ó noso mundiño, a dopaxe.

Qué é a dopaxe?

Se ben, tecnicamente, a dopaxe constitúe o uso de substancias prohibidas na competición para obter unha vantaxe artificial sobre os competidores, o Código Mundial Antidopaxe e a AMA amplían irracionalmente esta definición incluíndo na mesma a posesión ou tráfico de ditas substancias, ou mesmo o simple feito de non presentarse a unhas probas fora de competición ou, incluso, non indicar o sitio no que o atleta se atopa EN TODO MOMENTO.

A postura da ASCIGA:

Partindo desta base, e no que ó ciclismo de competición se refire, debemos subliñar que a postura da nosa Asociación é a de rexeitamento total da dopaxe na súa definición técnica, así como de condea de todo aquel deportista, técnico ou director que a practique; se chame Contador, Valverde ou Perico (o dos palotes, non o outro). Queremos escapar da coñecida expresión “tolerancia cero” usada pola AEA nas súas campañas, por unha banda polas nosas discrepancias coa propia Axencia, e por outra polas connotacións que lle dá o feito de ser un lema usado previamente en campañas contra a violencia machista.

Por contra, discrepamos claramente de que se poida falar de dopaxe en certas ocasións. Concretamente, pouco teñen que ver con aquela “vantaxe artificial” sobre os competidores circunstancias como a posesión ou o tráfico de substancias dopantes. Estas actividades deben ser investigadas e sancionadas, incluso penalmente de constituíren delito, pero non se pode falar racionalmente de dopaxe mentres ditas substancias non entren no organismo de quen as posúe ou incluso doutro deportista. Quere isto dicir que estaremos ante un presunto traficante, que é unha cousa distinta.

Tampouco cremos que sexa correcto cualificar como dopaxe a falla de presentación de documentación, que si puidera ser sancionable, ou circunstancias máis preocupantes e que atentan contra Dereitos Fundamentais tan básicos como a intimidade do deportista; estamos a falar do feito de considerar un caso de “dopaxe” a circunstancia de non comunicar en todo momento o lugar onde o atleta se atopa. Isto supuxo na pasada Vuelta a España que Chris Horner (con 40 anos, casado e con fillos) tivese que soportar cómo o mundo enteiro especulaba coa súa dopaxe despois de publicarse ós catro ventos en qué hotel e habitación “fodeu na súa muller” esa noite.

Acabamos de discernir entre o que é dopaxe, o que deben ser infraccións, totalmente sancionables, perseguibles e censurables; e o que son ataques gratuítos á intimidade dos atletas.

A vara de medir.

Volvendo á definición, dixemos que a dopaxe era a obtención dunha vantaxe sobre os demais competidores, sobre os demais deportistas. Logo a dopaxe pode existir en calquera deporte. Non obstante, controis, esixencias, e regras non son iguais en todos eles. E aquí non imos falar de ciclismo, fútbol ou baloncesto; falaremos de “uns” e “outros”.

Nuns deportes os controis son fláccidos e as esixencias mínimas. Se realizan controis unicamente de urina a unha parte pouco significativa dos competidores, ou simplemente non se controla en absoluto coa connivencia de federacións e mesmo o COI.

Noutros deportes, máis controlados, se analiza “ate a médula” do deportista, é obrigatorio levar o seguimento dun “carnet biolóxico” onde quedan rexistrados e se estudan e comparan os resultados de cada proba, e non se permiten tratamentos que si se consinten noutras competicións. É simbólico o caso das infiltracións para evitar as dores dunha lesión e competir igualmente. É público e notorio que Rafa Nadal, Cristiano Ronaldo, Carles Puyol e Jorge Lorenzo teñen competido lesionados e baixo este tipo de tratamentos médicos, tratamentos plenamente vetados ós deportistas de fondo.

Partimos da base de que os deportistas son seres humanos, cos mesmos vicios e virtudes, coas mesmas tentacións de “facer trampas” i estas cualidades non van variar por decidirse á práctica dun ou doutro deporte. Logo, pasemos ó seguinte punto.

Purga e prevención.

Deixando sentada xa a “condición humana”, e corrompible, de todo deportista nos facemos a seguinte pregunta: hai máis dopaxe no ciclismo? E aquí imos tirar da metáfora que nos deixaba un amigo no noso Facebook hai uns días na que asimilaba a dopaxe co po que se acumula debaixo da cama. Tremendamente ilustrativa, esta metáfora nos levaba a dúas solucións posibles: se non se queren ver as pelusiñas voar debaixo da cama un pode pasar a aspiradora a diario ou negarse a levanta-la saba pra mirar.

Vendo a implacable control que se leva a cabo sobre os deportistas de fondo (ciclistas e atletas), comparándoa cos controis deficitarios, opacos e insuficientes doutros deportes e apelando de novo á “condición humana” dos deportistas é doado concluir que os deportes máis controlados sexan os máis limpos. 

Un toque de realidade.

Toda esta problemática que estamos a expoñer ten un trasunto práctico. En qué se traduce na práctica este control implacable sobre os deportistas. Existe un rexistro de substancias prohibidas ó cal calquera deportista pode acudir para saber se ese fármaco que ten nas mans está ou non prohibido. Un catálogo, con substancias dopantes, enmascarantes, outras que puideran servir para agochar un resultado positivo, outras que simplemente xeran desconfianza... Un catálogo tan extenso que a mera consulta é inútil, posto que lle resulta ó deportista máis doado memorizar aqueles catro medicamentos que pode consumir sen control.



É doado supoñer que un atleta ou un ciclista teña que tirar dunha pomada para tratar rozaduras na pel, moito ollo!, estes medicamentos teñen corticoides, terá que acudir ó seu médico para que emita un informe e presentalo co resto da documentación ante as institucións correspondentes. Ningún deportista está libre de "coller un catarro", pero deberá coidarse de ter toda esta documentación en regra antes de tomar un Frenadol ou unha Aspirina (sustancias tremendamente potenciadoras do rendemento físico, ironía, que poden arroxar un resultado positivo nunha proba anti-doping)... e de non ser así poderá ser sancionado.

Percepción social e prensa.

Lonxe do que dixemos ó falar da "purga e prevención", semella que existe unha percepción inxustificada de calquera atleta de fondo como un “dopado en potencia”. Moitos, non todos, dos ataques que se soen producir contra deportistas “tildados” de dopados proveñen dun total descoñecemento. Como mostra un botón: Nunha publicación que pretendía honra-la memoria de Marco Pantani no noso perfíl en Facebook, algúns amigos atacaban ó “Pirata”, sancionado por posesión de substancias dopantes, dicindo “ía ate as orellas”, “deu positivo” ou “que non o pillaran máis veces non quere dicir que non se dopara”, obviando o feito de que nunca dera positivo, a súa sanción, insistimos, fora por posesión.

A estes ataques sistemáticos, que propugnan a “presunción de culpabilidade”, tan habituais na opinión e percepción pública contribúen notoriamente os nosos medios de comunicación. É paradigmático o paralelismo entre a acusación ó Pirata no noso Facebook e a realizada hai tempo por MARCA na súa portada na que, tras ser acusada pola fiscalía de suministro de substancias dopantes a outros atletas, afirmaban de Marta Dominguez que “también era mentira”, insinuando claramente que a atleta tiña competido dopada cando acadou os seus trunfos, circunstancia que de ningún xeito fora posta en dúbida pola investigación policial. Feito polo que remataron pedindo desculpas, desculpas que nunca repararían o dano feito á imaxe da deportista nin á da súa profesión.








Recentemente vimos de coñecer que o diario galo Le Monde vai continuar a súa cruzada para destapar a relación de Real Madrid C.F. e F.C. Barcelona co Doutor Eufemiano Fuentes. O xornalista que firmou o artigo dí agora que hai unha "vontade de matar á prensa que investiga" (enlace).



Consecuencias da falacia.

Esta caza de bruxas sobre os profesionais ten tamén as súas consecuencias e "utilidade práctica" para certos axentes. Aquela "presunción de culpabilidade" leva a resultados tremendamente inxustos. Dous exemplos:

1.- En 2006 Jose Antonio Hermida foi separado da selección no mundial de Nova Zelanda pola RFEC por estar implicado supostamente na Operación Puerto. A temeridade do ente federativo tomando unha decisión inxusta e inxustificada rematou na xustiza ordinaria cunha sentencia favorable a Hemida ó cal tiveron, ademáis, que indemnizar.

2.- Xa no 2013, e tamén como eco da Operación Puerto, o equipo Blanco Pro Cycling suspende de modo "profiláctico" a Luis León Sanchez. O Tribunal de Arbitraxe da propia UCI deu a razón ó murciano dando comezo así a un calvario cun equipo que o tratou cual ovella negra, aínda quedando a súa limpeza e integridade profesional fora de toda dúbida tras da investigación.

Conclusións.

Estas son catro pinceladas dun tema tremendamente complexo que pretenden arroxar un pouco de luz sobre un problema non tan escuro e no cal a postura da ASCIGA é firme e dura: NON QUEREMOS DOPAXE NO CICLISMO. Pero do mesmo xeito non imos consentir que se siga a impulsar o principio irracional de "presunción de cupabilidade" que pendura sobre todo deportista de fondo cal Espada de Damocles. Circunstancia que, por outra banda, están a consentir e a permitir, incluso, que se negocie con ela as Federacións, Axencias e demáis institucións encargadas de velar pola limpeza no deporte e, sobre todo e non o esquezamos, POLA SAÚDE DOS DEPORTISTAS!