viernes, 3 de mayo de 2013

II Ruta BTT Pedra da Cruz (Caldas de Reis)


O domingo pasado, día 28 de abril, na ASCIGA desprazámonos ata Arcos da Condesa (Caldas de Reis) para participar na II Ruta BTT Pedra da Cruz. Unha ruta impulsada polo éxito da súa primeira edición e levada a cabo gracias ó traballo da Peña Ciclista Umia e o grupo dos Escornabikes que, coa axuda das institucións colaboradoras, permitíu repetir, cando non mellorar, o resultado da antecesora no medio do grande ambiente dunha xornada de BTT, esta vez sí, coa salientable presencia do sol.

Climatolóxicamente, ainda que as predicións non eran as máis favorables, ó final tivemos un tempo soleado e puidemos divertirnos cunha das primeiras rutas BTT do ano sen lama e sen molladuras, por terreo seco na súa meirande parte. Esta circunstancia, sen discutir o tinte galego que a choiva lle imprime ás paisaxes, fixo que puidésemos desfrutar dunhas fenomenais vistas, dun rodar por terro firme e dun agradecido colorido durante o percorrido monte. Algo que seguramente agradecemos todos e cada un dos aproximadamente 300 participantes que nos congregamos. A ruta extendeuse por un trazado de 35,40 km, segundo o noso contaquilómetros, de constantes subidas e baixadas e sen apenas tregua, como se dunha montaña rusa se tratase, e sempre con vías alternativas ás trialeras.


Así as cousas, comezámola marcha facendo un percorrido pola zona, con tramos entre estreitos camiños entre casas das aldeas das cales saía a xente a animar, aplaudir e apupar ós participantes. Foi unha constante durante toda a xornada nos tramos que cruzaban ou circundaban as casas, sendo esta sobresaínte acollida unha das notas que os participantes coincidimos en sinalar.

Non tivemos que avanzar moito para chegar a unha pronunciada rampla que deu en prolongarse durante un par de quilómetros e que provocou unha criba nos participantes, dada a súa, por momentos, esixente pendente. Do mesmo xeito tiveron pequenos embotellamentos típicos das primeiras subidas en cada ruta, ainda que, gracias ós quilómetros previos o grupo chegou moi estirado e estas acumulacións de xente e as caídas foron, por fortuna, a excepción.

Despois dun pequeno tramo de terreo chan que picaba un chisco cara arriba, e con menos bikers no noso entorno, o camiño bifurcouse tendo que optar entre a trialeira e a senda alternativa. Cheos de optimismo optamos polo sempre arriscado disfrute dunha trialera. E, ¡a primeira na fronte!, sorpresiña da organización: a trialeira era cara arriba. Onde os que ibamos xuntos agardabamos unha baixada atopámonos de golpe unha impoñente parede que nos obligou a andar áxiles co cambio subindo coronas e, ós que non, a botar pé a terra. Rematado o suplicio, agora sí, tocou unha baixada longa por tramos entre preciosos camiños baixo as árbores con piso de herba (había que andar atentos para non ir ó chan por un patinazo) e por outros tramos por un firme repleto de paos e ramas polas recentes talas que tiveran lugar na zona e que deixaban o trazado moi perigoso, tanto para caídas como para pinchazos. Nós zafamos. 

Rematada a baixada, chegamos a un tramo de asfalto, moi agradecido para os rodadores. Avanzando entre bikers víase que o trazado rompepernas, apenas transcorridos uns quilómetros, comezaba a castigar as pernas e os grupos eran máis dispersos. Nova subida, sen grandes pendentes pero constante, ata chegarmos a unha nova bifurcación na que a senda cara a trialeira levaba a unha rampla moi traicioneira que obligaba a tirar de técnica na subida para dirixirse cara a aquela. Unha trialeira na que, acertada e preventivamente, a PC Umia tiñan apostado a un dos seus membros facendo as oportunas indicacións para os menos prestos na arte da baixada, xa que os primeiros metros eran    prácticamente unha caída ó vacío, tan verticais como perigosos (e que, asemade, ilustrou o cartel deste ano).


Salvado o tramo de baixada posterior á trialeira tocaron uns quilómetros de rodaxe nos que, xa con escasa presencia de bikers, foise formando un grupo de entorno á decena de ciclistas que levabamos un ritmo parello e moderadamente alto que a máis de un obrigou a apretar nas subidas ou a arriscar o físico nas baixadas para non quedarse posto que, mediada a ruta e a aquel ritmo, o físico xa non era o da saída. Coma se dunha colorida serpe se tratase o grupo rodaba uniforme e perfectamente enfilado polos camiños do monte caldense, adiantando ciclistas, aplaudido pola veciñanza e mantendo ese ritmo constante que non daba respiro. Se non trabamos amizade foi porque o ritmo non nolo permitía.

Chagamos ó avituallamento (pouco avanzada as dúas decenas de quilómetros) e alí, inevitablemente (mágoa), disolveuse a unión. Cada un seguiría o seu rumbo, quen sabe se nunha vindeira ruta... Recobradas parte das forzas, cun avituallamento completo, retomámola ruta e comezamos a debullar quilómetros da parte que restaba do camiño. En solitario durante boa parte deste percorrido, apenas se albiscaba algún biker no horizonte ou unhas curvas máis adiante cando o circuito se enrevesaba, facéndose cada vez unha tarefa máis complicada escalar algunha posición. Entre cada un de nós, agora, mediaba unha eternidade dun revirado camiño tal que, por intres, un tería a sensación de estar perdido de non ser pola abundancia de sinais deixados polos organizadores e os veciños, sempre moi amables cos participantes ó paso polo medio das casas.


E despois dunha prolongada subida e un tramo de monte no que a única excepción á maleza era o camiño polo que rodabamos, alcanzamos a unha última baixada por un tramo de monte castigado polas talas cos numerosos pés das árbores á vista realzados pola pintura coa que foran sinalados pola organización, o cal non evitou que nesa baixada se produciran varias caídas, entre elas a de quen subscribe estas liñas. Sen maiores consecuencias seguimos camiño do que sen dúbida é a sensación desta ruta, que vai camiño de selo seu símbolo: a trialeira final que pon a guinda á ruta. Unha trialeira longa e emocionante entre árbores moi próximas entre sí, por empinadas e estreitas sendas, con rochas polos lados, rápida e á par traicioneira, que esixe do biker sacar as mellores dotes no manexo do manillar e dos freos. Concentración, baixando a gran velocidade, cos troncos das árbores rozando os cóbados, pelexando por manter a roda dianteira no camiño e colgándose para atrás do sillín para estabilizar a bicicleta, así descorrían os segundos ata a súa desembocadura. Provocou algunhas caídas pero, á súa saída, as caras de satisfacción e delicia dos participantes, cando non de medo, eran de éxtase.

Unha paréntese. O enrevesado do trazado permitía, cousa que non é frecuente, achegarse a calquera punto da ruta sen grandes desplazamentos, ocasión que, persoalmente e rematada a ruta, non desperdiciei para ver de preto cómo a xente se desenvolvía neste último descenso. Mellor que as palabras que eu poida verter aquí son as expontáneas verbas dos saíntes da baixada. "A trialeira: un quince sobre dez de nota" afirmaba un participante, "Do mellor que vin", sentenciaba outro.


Un último sprint e alcanzámola meta, na que apenas había algunha bicicleta. Pouco máis de dúas horas que desfrutamos en todo o seu explendor, pero que sufrimos polo seu perfil rompepernas, abofé.

Foron dúas horas que bastaron para desfrutar dunha magnífica ruta que, de seguir por esta senda de traballo, vai camiño de ser un referente nas rutas BTT da comarca do Salnés. Por méritos, por traballo e polo bo ambiente creado ten tódalas trazas de que así será. Dende a ASCIGA animámosvos a participar en sucesivas edicións e comprobar de primeira man o bo facer da Peña Ciclista Umia e da Peña Ciclista os Escornabikes. De dez.

2 comentarios: