martes, 30 de abril de 2013

Novo Regulamento xeral de circulación I


Como todos sabedes estase a preparar a futura reforma do Regulamento Xeral de Circulación para o cal a DXT ven de presentar un primeiro borrador ou anteproxecto. Na ASCIGA nos fixemos con unha copia do mesmo e lle votamos un vistazo ós apectos máis salientables no que á circulación en bicicleta se refire. O noso cometido é doble: por unha banda estar atentos ós traballos que se levan a cabo na preparación do futuro Regulamento e por outro poñervos sobre aviso de antemán das modificacións ás que nos imos ter que ater a partires da súa aprobación, publicación e entrada en vigor.
Son varios os aspectos e modificacións que nos afectan e de distinta consideración polo que os trataremos separadamente para facelo coa mellor claridade posible.

Comezamos polo Preámbulo do anteproxecto. Nesta parte do texto se adoita expoñe-los motivos da norma a aprobar, os obxectivos que persegue e os medios que propón para acadalos. Logo, non estaría de máis que esta exposición de motivos “casara” co que o texto proposto establece, non credes? É de sentido común, que é o menos común dos sentidos, e este texto é unha clara proba desto último. De tal xeito que a exposición de motivos fala de fomenta-la bicicleta "como medio de transporte preferente y cada vez más integrado en el flujo circulatorio de los vehículos”, ademáis de afirmar que “La pérdida de protagonismo de los vehículos a motor y, por el contrario, el auge de otros medios para desplazarse, es un cambio cultural importante que es necesario trasladar a la norma con el objeto de dotar a los usuarios de las vías de la necesaria seguridad jurídica*”. CON UN PAR!. Grandilocuentes frases, sospeitosamente próximas ás recomendacións do informe publicado pola Comisión Europea relativo á seguridade viaria, e que non teñen nin o máis mínimo reflexo na regulación que se expón seguidamente (“de cotío”, que diría Feijóo). Semella que o noso lexislador cre que os observadores europeos só lén a exposición de motivos das normas que aproba e que basta con escribir fermosas falacias para contentalos.

Moi polo contrario o que atopamos realmente no texto articulado dista moito do que parece ofrece-lo preámbulo, quedando patente a estafa lexislativa que se pretende perpetrar. Estafa que perpetuará a vulnerabilidade dos máis febles na estrada, así como as vergonzantes cifras de falecidos vítimas da violencia viaria.

Sen embargo, e a pesares do que lemos neste Preámbulo a “promoción da bicicleta” se fai a condición de non dificulta-lo tráfico motorizado e centrando a seguridade do ciclista na seguridade pasiva (obriga do uso do casco, etc), obviando as situacións de violencia viaria que este sofre a diario, naturalizando os homicidios producidos nas estradas, propoñendo como solución o uso do casco e culpabilizando claramente ás vítimas. Na nosa modesta opinión, tal solución sería equiparable a propoñer á muller maltratada que poña casco, ou leve armadura na casa para evitar aqueles malos tratos que, por outra banda, condeamos coa mesma rotundidade e dende o máximo respeto e afecto cara as súas vítimas.

Deixando para próximas publicacións que propoñe-la obrigatoriedade do uso do casco en zona urbán demostra a tremenda ignorancia da DXT, autora do anteproxecto, posto que sería un precepto completamente ilegal, imos tratar de abordar outra chata que observamos no texto, que pode dar lugar a dúbidas, e que claramente provén dese afán rococó de levár ó extremo o uso de termos que dean á exposición unha imaxe de grandilocuencia ignorando completamente o que tales termos significan. Este erro non é outro que o de confundir “seguridade viaria” con “seguridade xurídica*” xa que, aínda que o texto non aporta (como se verá en futuras publicacións) nin unha nin a outra, non debe ser a segunda o obxeto deste Regulamento senón a primeira, e principalmente dirixida a aqueles que perden a vida pola deficiente regulación existente.

Votamos en falta, nun texto que pretende “priorizar” o uso da bicicleta, algún dato sobre a sinestralidade deste colectivo que sirva para valorar mínimamente as medidas propostas. Se na DXT os precisan, témolos nós!

Nos parece, cando menos, atrevido “inaugura-la regulación xurídica da bicicleta” no noso estado, con un capítulo exclusivo dentro do Regulamento, sen ter atendido ás regulacións de países europeos que nos levan décadas de vantaxe.

Para facer da bicicleta, tal como afirma falazmente este preámbulo, “un medio de transporte preferente” non só é preciso tomar medidas que favorezan o seu uso, senon tamén medidas que desincentiven o uso dos vehículos a motor. Neste foro xa temos exposto a posibilidade de reformar o Imposto de vehículos de tracción mecánica para aplicalo en virtude dos quilómetros percorridos.

Nada máis polo de agora, pero lembrade que isto é só o Preámbulo!

2 comentarios: