sábado, 11 de mayo de 2013

VAMOS DE PASEO


Seguramente, sobre todo agora que se achegan os días de bo tempo, moitas veces pasastes por esa situación na que vos apetece sair a dar unha volta pola vosa vila ou cidade e desfrutar tranquilamente da bicicleta, sen apuros; ou experimentástedes as gañas de ir ó traballo en bicicleta; probablemente, sufriches as gañas de pedalear tranquilamente polas rúas coma o teu veciño coa súa BH Gacela (ou similar) restaurada; e cántas veces non te invadiron as gañas de facer unha rodaxe tranquila se che quedaron folgos se o entreno foi suave ou, sobre todo, tendo algún tipo de molestias.



O máis probable é que todos pasásemos por este tipo de situacións e nos plantexásemos, por unhas circunstancias ou outras, unha práctica do ciclismo máis turística. Agora ben, seguramente os inconvenientes que nos atopamos tumbaron esa posibilidade: a postura da túa bicicleta de carretera que che faría non ir tan cómodo; os pesados neumáticos da bici de montaña que convertirían o paseo nun auténtico entreno; non desgastar ó parvo esas cubertas que che sairon por un ollo da cara; os pedais automáticos que tes montados; ter que mudarse para non dar o cante; ou non ter unha bicicleta na casa que se apreste á restauración; e así ducias de motivos.


Non obstante debes ter presente que case que todos os fabricantes de bicicletas, conscientes do anterior e ávidos en cubrir as necesidades daqueles que gustamos de dar pedais, ofrecen fai tempo un catálogo de bicicletas, tradicionalmente denominadas “urbanas” ou de “paseo” por uns prezos módicos e perfectamente asumibles que farán as túas delicias e coas que podes desfrutar da túa cidade, moverte nela como peixe na auga, facendo o que máis che gusta e sen as incomodidades das outras bicicletas.

As vantaxes deste tipo de bicicletas son innumerables. Moitas de corte práctico, sinaladamente o feito de non ter que porse ningún calzado nin roupa específica, o cal as fai especialmente indicadas para desplazarse ó traballo ou quedar cos amigos. Presentan, asemade, vantaxes fisiolóxicas sobre todo na postura corporal á hora de pedalear xa que a posición erguida da espalda fai que esta sufra menos ó que se debe sumar o rodar suave dos estreitos neumáticos que montan e cuns xogos de combinacións platos-coroas que che permitirán chegar a calquer lado sen facer innecesarios esforzos; características que as fan idóneas para persoas maiores ou para quenes padecen doenzas nas costas que lles impiden optar por modalidades de ciclismo máis “agresivas” con tal doenza. Cunha bicicleta urbana contribuirás a melloralo teu estado físico e, se adestras con frecuencia e queres sair da monotonía dos exercicios e das series, atoparás unha boa forma de desconectar sen deixar de movelas bielas. Presentan vantaxes tamén de tipo estético xa que son bicicletas cun deseño clásico e ó mesmo tempo moi de tipo cosmopolita que fan que sempre estean de moda, ¿en cantas tendas de roupa das marcas máis recoñecidas non viches bicicletas de paseo a carón dos maniquís ou de preciadas prendas de moda? Debe engadirse, por necesidade, que, ademáis, non soamente contribuirás a minorala contaminación da túa cidade derivada do abusivo emprego do automóvil para traxectos curtos senón que tamén poderás sortealos atascos e incidencias do tráfico sen maior problema mentres os automovilistas quedan agardando; e, se serve de incentivo, ten en conta que afórralos cartos do combustible.


Ó contrario do que se poida pensar, non é necesario facer un gran desenvolso para facerse cunha destas bicicletas, das que as hai “unisex” ou con lixeiras variacións en función do sexo do destinatario. Ó contrario das bicicletas de carretera ou de montaña, nas que os accesorios se suprimen en pro da mellora dos compoñentes e o axuste do prezo final, estas bicicletas traen de serie todo o imprescindible para moverte pola cidade (luces dianteira e traseira, gardabarros, timbres, reflectores, cubrecadeas, etc) sen máis preocupación que a de collela e dar pedais. Os modelos polos que se poden optar son incontables. Na ASCIGA propoñémosvos sete posibles candidatas dispostas a ocupalos vosos paseos. Para non entrarmos en maiores disquisicións tomamos como prezo de referencia os 500 euros.


BH LONDON WAVE. A ‘made in spain’ por excelencia, con compoñentes de gran calidade e coidada ata no detalle, roda de 700 para unha rodaxe totalmente cómoda e pracenteira, e cun cuadro fabricado en aluminio 7005. Prezo: 469 euros.


FUJI CROSSTOWN 26 1.1 LOW STEP. A marca nipona, que está a lograr unha forte implantación no cilismo deportivo, non esquece o mundo das cidades. Con roda de 26 pulgadas, montada en Shimano e cunha horquilla de 63 mm, unha serie de características orientadas á procura da absoluta comodidade do ciclista. Prezo: 450 euros.


CUBE TOWN. A candidata alemana vennos realmente ben equipada sobre todo nos pequenos detalles como as luces LED e a suspensión Suntour NEX, cunha transmisión Shimano Alivio e unhas rodas de 622. O cadro incorpora a tecnoloxía ECG, siglas de Xeometría Eficiente e Confortable, que por sí soa explica o obxecto de comodidade eficiente desta marca no deseño das súas bicis urbanas. Prezo: 540 euros.


CONOR MALIBU. A marca navarra tamén se abre paso no mundo das bicicletas urbanas e faino da man do seu modelo Malibú, moi traballado en canto á calidade das pezas que incorpora, como acostuma Conor, e axustando o prezo de forma sorprendente. Con roda de 26 e suspensión tanto na horquilla coma na tixa, baixo o sillín, asegúranos unha comodidade máis que suficiente. Prezo: 439 euros.


ORBEA BOULEVARD. Co seu constante bo facer estético, perfectamente apreciable, esta marca sempre tivo un dos seus puntos fortes nas bicicletas urbanas e proba delo é o seu amplo catálogo entre as que se atopa a Boulevard que respira calidade Orbea por tódolos costados a un prezo de escándalo. Un único prato compensado coa amplia variedade de dentes das coroas e montada en roda de 700, en Orbea dudan de que atopes algo mellor para percorrela cidade. Prezo 400 euros.


B’TWIN ELOPS 9. Sempre pioneiros en relación calidade prezo e en ofrecer grandes productos ós usuarios que non queren gastar máis do necesario, a marca francesa ofrécenos este modelo montado en llantas cunha medida de 28 pulgadas (ollo, medida infrecuente) e moi equipada: guardabarros, cabalete, antirroubo de cuadro, portaequipaxes que soporta unha carga máxima de 25 kg, alumbrado por LED. Prezo: 499,95 euros.
  
SPECIALIZED WORK 2. Por poñer unha alternativa ó “look” máis clásico mostrámosvos este modelo de Specialized. Versatilidade, sencillez, robustez e alta calidade son as características da Work 2. Tres platos e sete piñóns, transmisión Shimano EZ Fire e rodas de 700 que farán que te movas na nas rúas como peixe na auga. Prezo: 499,90.


Como ben podedes comprobar, hai para tódolos gustos. Para un bo paseo dominical ou para ir a traballar dando pedais, as bicicletas urbanas ofrécenche unha fiabilidade mecánica sen parangón para que poidas chegar alí onde se che antoxe, sen ter que facer un gran desenvolso e, de paso, contribuindo a facer da túa vila un chisco máis saudable.

¡Xa non temos excusa!

4 comentarios: