domingo, 23 de noviembre de 2014

AGARRA O MANILLAR DA TÚA SEGURIDADE!


E, por fin, hoxe celebrouse a tan agardada marcha reivindicativa NON MAIS BÁGOAS!. E a pesares das  adversas circunstancias meteorolóxicas non podemos máis que cualificar o seu resultado como ÉXITO ROTUNDO. Éxito porque nin o adverso do tempo vos puido parar; éxito porque amosamos que se nos unimos non só somos máis fortes; éxito porque, todos xuntos e co apoio dos que non puideron estar, fixémonos ver e escoitar; éxito porque despois de moitos días de intenso traballo co acto de hoxe demos un pequeno gran paso en prol da nosa seguridade e, por extensión, do noso dereito á vida. NON MÁIS BÁGOAS foi o noso berro e hoxe. 

E grazas a vós, os ecos dese berro chegaron ós oídos de moita xente que, posiblemente, mañá se tomará uns segundos antes de adiantar de xeito imprudente a un ciclista. Xente que se fixo un pouco máis consciente de que as trampas no monte  non son unha broma. Se logramos simplemente iso, todo o de hoxe terá merecido a pena, abofé.

Como vos recalcamos no acto de hoxe, un dos obxectivos cos que naceu a ASCIGA é a seguridade dos ciclistas nas estradas.

Temos a triste honra de ter as peores cifras de ciclistas falecidos nas estradas de toda Europa, a pesares de non ser o estado no que máis uso se fai deste medio de transporte. Unha media de 70 vidas anuais (cifra que xa superamos este ano) non é un dato que poida deixar ó marxe unha Asociación como a nosa. De modo que pronto nos puxemos a traballar.

Dende un primeiro momento nos negamos a pensar que a administración, principalmente a DXT, fose impermeable a un problema tan grave como o que hoxe nos ocupa e fixese oídos xordos. A todas luces non é así. De modo que como vos adiantamos no acto final da Marcha NON MÁIS BÁGOAS, imos derivar o peso e a responsabilidade de mellorar estas cifras sobre os principais interesados: os ciclistas.

A ninguén lle importa máis ese 1,5m e ninguén coñece mellor ca vos o que acontece a diario nas estradas. Os propios axentes da Garda Civil de Tráfico recoñecen que pouco poden facer ante infraccións que nunca se cometen ante os seus ollos. Pero as consecuencias ben as coñecemos todos.

Por aí guiámo-la nosa iniciativa. Centos de quilómetros, traballo de campo, investigación xurídica, normativa e comparada, que deu os seus froitos nunha idea. Idea que gracias á inestimable colaboración da Federación Galega de Ciclismo demos en presentar á Dirección Xeral de Tráfico co fin de atar até o derradeiro cabo antes de facela pública. E para iso imos a empregar todos os medios que a Lei pon nas nosas máns.


A idea non é outra que a de que cada un de vos sexa gardián da seguridade de todos. Seremos os vixías do cumprimento das normas de circulación que nos afectan. Cada vez que o condutor dun vehículo a motor te increpa, te saca da vía, non che cede o paso ou non respecta ese 1,5m… en fin, cada vez que xoga coa túa vida e o asumes como normal te estás a converter no seu cómplice. Non dubides que mañá o volverá a facer, e pasado, ata que algún de nós dea cos osos no chan. Só así poderemos facer efectivas as normas sancionadoras e o seu fin de prevención xeral para que o temor a ser multado exerza o seu cometido. Trátase, recalcamos, de falarlle co único linguaxe que os conductores imprudentes entenden: “200 euros de multa e catro puntos do carnet”.

“E qué lle vou facer?” É ben sinxelo: MATRÍCULA, VÍA, DATA E HORA. Son os datos que a DXT precisa para abrir un procedemento contra ese condutor e notificarlle que ten sido denunciado por unha infracción grave do Regulamento Xeral de Circulación. Con todo o que iso conleva.

O Regulamento Sancionador en Materia de Tráfico contempla esta posibilidade da denuncia voluntaria que podedes efectuar perante unha patrulla, nun cuartel da Garda Civil de Tráfico, nunha Oficina da DXT ou mesmo de xeito telemático na súa web.


"REGLAMENTO DEL PROCEDIMIENTO SANCIONADOR EN MATERIA DE TRÁFICO, CIRCULACIÓN DE VEHÍCULOS A MOTOR Y SEGURIDAD VIAL. 


Artículo 7 Requisitos de las denuncias de carácter voluntario por hechos de circulación
a) La denuncia podrá formularse verbalmente ante los agentes de vigilancia del tráfico más próximos al lugar del hecho, o por escrito dirigido a la Jefatura de Tráfico o a la Alcaldía del lugar de la infracción, según ostente una u otra la competencia para instruir el expediente.
b) Se harán constar en la denuncia los datos y circunstancias que se consignan en el artículo 5 del presente Reglamento (“la identidad del denunciado, si fuere conocida, una relación circunstanciada del hecho, con expresión del lugar, fecha y hora y el nombre, profesión y domicilio del denunciante”).
c) Si la denuncia se presentase ante los agentes de vigilancia del tráfico, se formalizará por ellos el reglamentario boletín de denuncia, en el que se hará constar, además de los requisitos consignados en el apartado anterior, si personalmente comprobó o no la infracción denunciada, así como el nombre y domicilio del particular denunciante, remitiendo el boletín a la Jefatura de Tráfico o Alcaldía competente para su tramitación, sin perjuicio de entregar un duplicado al denunciado si fuere posible."

Son varios, e ambiciosos, os obxectivos desta iniciativa:
  •    Denunciar de xeito efectivo condutas temerarias que nos custan vidas cada semana.

  •   Concienciar ós restantes condutores nun ámbito no que, até o de agora, semellan sentirse impunes xogando con vidas alleas.

  •    Dar á DXT unha ferramenta útil para coñecer a fondo un problema grave e do que non están realmente ó tanto, en parte, pola nosa culpa.


A mensaxe é clara e sinxela: cada vez que xoguen coa túa vida DENUNCIA, PORQUE A TÚA SEGURIDADE ESTÁ NAS TÚAS MANS.

2 comentarios: