sábado, 24 de agosto de 2013

RUTAS BTT: A saída.

Un dos grandes problemas en canto á organización das rutas BTT, nas que tantos de nós gustamos de participar, xorde en canto se dá a sinal de comezo: a saída. 



As aglomeracións, embotellamentos, paróns, lentitude na circulación, enganchóns, caídas, problemas nos pasos estreitos… son propios das saídas das rutas e dificultan enormemente o paso dos primeiros quilómetros, sobre todo se neles nos topamos cunha subida, na que as diferencias entre os participantes se agudizarán e os referidos problemas irán a maiores. E se é a primeira ou unha das primeiras rutas BTT ás que acodes, pódeste mergullar nunha sensación de agobio e caos que che fagan renegar deste tipo de rutas. Trátase de circunstancias que, son perfectamente evitables, non só por parte das organizacións, que xa normalmente teñen previstas anticipadamente estas cuestións, senón tamén por parte dos participantes, quenes, mediante certos comportamentos, podemos esquivar estes problemas e disfrutarmos mellor destes eventos ciclistas.

Como dicimos, as organizacións das rutas BTT, que en Galicia acostuman a alcanzar un nivel sobresaínte, teñen previstas tódalas medidas necesarias para axeitar o percorrido ó número de participantes. Algunhas, por unha parte, optan por facer saídas progresivas en función da distancia a percorrer, é dicir, o inicio da marcha faise por grupos que se forman polos ciclistas en función do percorrido elixido (ruta longa ou curta, normalmente), o cal lles reporta maior fluidez de circulación a cada un dos grupos e ó conxunto en xeral. Un exemplo da efectividade deste sistema de saída puidémolo comprobar na I Ruta BTT Concello de Rianxo, organizada pola Peña Ciclista Castro Barburdo Por outra banda, non necesariamente de forma separada da anterior, a maioría das organizacións decántanse por un percorrido previo, normalmente entre 2 e 4 quilómetros, para que o grupo se estire e cada quen busque o seu sitio e tome posicións para afrontala ruta, algo que soe funcionar pero que queda ó abeiro da distancia dese percorrido, do número de participantes e outras circunstancias. Por citar algunha, foi a opción da BTTinto deste ano, ruta señeira na que, ainda que separaron ós da modalidade combinada, o groso dos participantes tomou a saída conxuntamente serpenteando por entre os edificios e as casas do concello de Ribadumia durante aproximadamente 4 quilómetros.


Pero as medidas anteriores poden ser realmente efectivas se os participantes adoptamos unha serie de comportamentos nas saídas, sobre todo se estamos a afrontar a nosa primeira ruta BTT. Trátase dunha serie de sinxelos consellos prácticos  que, ainda que “ninguén naceu aprendido”, contribuirán a mellorar o teu desfrute da ruta e, asemade, favorecer o desenvolvemento colectivo da mesma evitando incidencias nas que te poidas ver envolto. Convidámosvos a que aportedes as vosas propias experiencias e, dese xeito, contribuir á elaboración dun protocolo ‘made in’ ASCIGA.

  • Ten en consideración o percorrido que queres realizar de antemán. Con independencia de que logo cambies de idea, levar preconcebido o trazado que queres facer (se existe a opción) pode axudarche a afrontar a saída. Normalmente a organización pon a disposición dos participantes o perfil da ruta e as súas modalidades, o coñecido coma 'track' (en plataforma Wikiloc, ou semellantes).Se vas facer un trazado curto, non debes apresurarte nin obsesionarte por ter moita xente diante, por mor do tempo (ás veces limitado), estas posicións axéitanse mellor a quenes fan un percorrido longo e tí, en troques, poderás tomalo con máis calma. Polo tanto, se tés en mente facer o percorrido longo, preocúpate de posicionarte o máis adiante posible (¡non necesariamente na liña de saída!) para así, cando dea comezo a ruta non ter que estar tomando posicións cando a xente circula máis xunta, co perigo de provocar caída, nin andar apresurando a quenes queren facer a ruta con máis calma.
  • Ten presente a túa condición física. Fagas un trazado máis longo ou máis curto, máis duro ou máis suave, valora as túas aptitudes físicas á hora de posicionarte na saída. Ainda que as rutas non son competitivas, é propio deste tipo de eventos que existan premios para os máis rápidos polo que é recomendable que deixes as primeiras “liñas” de saída para os que van máis fortes e, se te ves capaz de aguantar o ritmo, debes procurarte unha praza nelas. Pensa que se vas a desfondar na primeira rampla e botar pé a terra, podes provocar caídas entre os que sí teñen forzas para subir ou unha caída en cadea se os que te circundan e seguen van “xustiños”.

  • Procura o teu ritmo. Ainda que é algo que se soe facer co paso dos quilómetros, axeitar a cadencia e o esforzo para distribuilo ó longo do trazado pode facerse perfectamente dende a saída. Observa ós demáis participantes, neses primeiros quilómetros “preliminares” ó verdadeiro percorrido, verás xente tomando posicións apresuradamente e outros que rodan de vagar. Entre uns e outros hai un mundo de beteteiros entre os que podes atopar alguén, ou un grupo, cun ritmo semellante e co que poidas ir cómodamente sen enturbiar o ritmo doutros (o grupo sempre se distingue mellor).
  • Anticípate. Se chegas cedo, máis que nada no caso de querer sair diante, e feitos os trámites necesarios previos (recollida de dorsal, estiramentos, cafeciño, etc.), sen maior dilación, colle o teu sitio na saída. Se te vas tomar a ruta con calma, como xa dixemos, non é preciso que te deas especial présa ainda que sí é mellor que non te demores xa que a saída require certa orde para facilitalo traballo da organización, e os membros desta prefiren ter á xente preparada e non a un grupo de bikers deambulando sen ton nen son, que poden desembocar nun caos de saída froito das présas.
  • Respeto. A regla universal das rutas BTT é igualmente aplicable á saída. Se non puideches tomar a posición que querías podes pedir que che cedan paso, pero ten presente que nadie está obrigado a facelo. Non te abras paso, non empurres a outros participantes, non provoques entullos onde non os hai por queres sair máis adiante. Así que se chegaches “tarde, mal e arrastro” sé consecuente con elo e tómao con calma. Do mesmo xeito, se outros bikers van adiantando e tomando posicións, déixaos pasar e non lles entorpezas gratuitamente o paso; suporán unha molestia menos cando percorras tramos máis saturados de bikers. Se es tí quen pide paso, faino amablemente: non tés ningunha prioridade e, se che ceden o paso, é unha cuestión de cortesía entre compañeiros.


A saída é un momento crucial das rutas tanto competitivas como non competitivas xa que son a semente da que vai partir todo o demáis e o que vai marcar o seu desenvolvemento. De ahí estes catro consellos, tan asequibles como esenciais, pero que de ser adoptados por cada participante individualmente, á hora de dar comezo a unha ruta BTT, poden mellorar o disfrute colectivo da mesma, sobre todo nas sempre multitudinarias saídas nas que tantos percances teñen lugar. Trátase, en suma, de que todos disfrutemos destes magníficos eventos que tan bo nivel acadan na nosa terra e dos que os participantes foráneos sempre deixan constancia.



Luis Miguel Martínez.

2 comentarios: