lunes, 12 de agosto de 2013

III RUTA BTT DO XESTEIRAS (Cuntis)


O domingo pasado, un caluroso día 11 de agosto, celebrouse na localidade pontevedresa de Cuntis unha nova edición dunha das rutas BTT máis señaladas durante o periodo estival: a III Ruta BTT do Xesteiras. A localidade termal, un ano máis, deu acollida a un gran número de participantes que acadou a cifra de 463 inscritos para a ruta BTT e 87 para a andaina. Nin a calor presente dende as primeiras horas matinais nin a dureza do percorrido, análogo ó da edición anterior, botaron para atrás ós participantes que acudiron, se cabe con máis ganas, á convocatoria do CDM Xesteiras e incentivados polo bo saber facer nestos mesteres dos seus integrantes, especialmente a do animoso e retranqueiro speaker. E, como non podía ser menos, a ASCIGA participou desta festa do BTT.


Así pois, concluidos os prolegómenos demos comezo á ruta puntualmente e con ACDC soando de fondo, devorando os primeiros quilómetros cun paseo polas rúas de Cuntis, nas que os veciños saían á porta uns para aplaudir e animar ós participantes e outros atraidos polo cuantioso dos mesmos. Dado que tomei a saída na parte central-traseira do grupo, e como a intención era facer a ruta longa, vinme na necesidade de ir adiantando posicións de xeito constante e, por momentos, difícil, collendo algún embotellamento breve, pero esta circunstancia deume a ocasión de departir e comentar con moitos dos participantes e constatar, risas mediante, o bo ambiente que reinaba.


Despois de pasados algúns camiños de monte e pistas polas aldeas da zona, nas que os veciños animaban, entramos xa definitivamente no monte con estreitos camiños entre arboredas, por intres, frondosas. Arredor do quilómetro 5 o terreo comezou a picar cara arriba de xeito progresivo, coas primeiras ramplas que obrigaron xa a tirar de pedal con intensidade, se ben as zonas máis chans permitían recuperar ben. Despois dun breve problema cun pao que se ensarillou na patilla do cambio, retomei a marcha e seguín superando bikers que, a maior ou menor ritmo, pedaleaban con ánimo decidido. Non tardaron en divorciarse a ruta curta e a ruta longa, a cal porfiei en seguir. A dificultade desta opción pronto se fixo evidente cando se comezaron a acumular, unha tras outra, ramplas que, ainda sen presentar unha dureza excesiva, sí fixo que algúns puxesen pé a terra e foron metendo fatiga por doses nas pernas. A calor, xa entón, facíase asfixiante e poñía un punto de dureza a maiores. Os tramos ó abrigo das sombras eran bendecidos polos participantes máis que nunca.


Seguiron uns tramos de rodaxe sen ramplas, pero de pendente constante, sempre ascendendo, serpenteando polos montes da zona, entre espectaculares pinares. Pasados uns quilómetros así, un pequeno tramo en baixada conduciunos, virando á dereita, á primeira das dificultades serias da xornada: o  impoñente cortalumes do Couselo; unha subida duns 350 metros, moi empinada constantemente e con tres picos de inclinación sitos na entrada, parte central e saída. Na entrada a brutal e repentina inclinación obrigaba a tirar de potencia e técnica no manexo da bicicleta, ó tempo que andar áxiles co cambio de desarrollo para non botar pé a terra, solución pola que moitos optaron; seguidamente mantendo o ritmo e a cadencia afrontei a restante subida entre xente que desistía e outros que intentaban infructuosamente montar de novo na bicicleta. Superado o pico central, cheguei con folgos á derradeira rampla que, cun plus de esforzo por mor dos cambios de “carril” que obrigaban a facer os que se paraban, dei en superar. Restaban apenas uns metros de subida, xa máis levadeira, para chegarmos ó avituallamento. Foi nese punto que reapareceu o speaker para, nun dos momentos de maior esforzo, azuzar ós ciclistas cos seus comentarios. Un dos momentos divertidos da xornada, ainda que a máis dalgún os comentarios non lle facían moita gracia.


Despois do nutrido avituallamento, continuaba a ruta por unha senda en ascenso con partes técnicas polo estado do terreo, marcado ainda na súa morfoloxía pola forte erosión da auga caída este inverno. Cada vez os participantes a superar eran menos e os ritmos destes xa eran para terlle respeto. Así as cousas, seguidamente veu un terreo de baixada, limpa e con pista ancha para que as miñas xa tocadas pernas recuperasen un chisco. Foi así que o terreo empinou para arriba de novo con zonas que poñían a proba o manexo de pedais e manillar, cada vez con maior pendente ata chagar a unha brutal subida por unha trialera. Un trago e ¡alá vamos! Subindo co manillar pegado á boca, sentado apenas na punta do sillín fun avanzando, metro a metro, pedalada a pedalada, entre outros bikers que xa botaran pé a terra pero que apupaban ós que subiamos como se fosen ‘hooligans’ (¡qué grande é o ciclismo!), con palmadas, berros e aplausos. Ainda dei sacado algún respiro para agradecelo. Paseniñamente, uns metros máis adiante alvisquei o final desta subida, que era unha pedra que obrigaba a dar un último e contundente golpe de pedal. Apenas recuperado o alento e avanzados unha ducia de metros... ¡sorpresa! Subida polo cortalumes que dá a estación meteorolóxica. Arriba, a maioría dos poucos que se animaran a intentalo subían coa bicicleta de lado. Con “calma e boa letra” comecei a ascensión. Por intres pensei en botar pé a terra pero, vendo a cima cada vez máis preto e vendo que as pernas respondían apretei nun esforzo final que me permitíu alcanzalo cumio.


Comezaba neste punto unha prolongada baixada por pistas anchas ata chegar a un novo avituallamento líquido. Logo seguín por unha trialera que baixaba serpenteando pola ladeira do Xesteiras cun terreo inclinado á dereita que puña a proba a habilidade dos que por alí pasaron. Uns metros máis adiante, nova baixada, esta vez polas xa famosas trialeras do Xesteiras por unha estreitísima senda entre as árbores, cunhas trazadas perigosas, técnicas, rápidas por intres e, sobre todo, moi divertidas. Cos brazos destrozados da baixada, tocou unha nova subida de dous ou tres quilómetros para unhas pernas que xa experimentaban fatiga e un corpo no que a calor xa facían mella. Ó final desta había un avituallamento líquido que todos agradecemos enormemente. Aquí comecei unha nova baixada na que dei en xuntarme con outros tres bikers que, xuntamente, fixemos os últimos dez quilómetros relevando e tirando forte, a un ritmo brutal, apretando nas baixadas e exprimindo as pernas nas subidas. Atopamos coa sorpresa de termos que cruzar un río, o cal ó principio nos extrañou, pero que, confirmado que a ruta descorría por alí, a molladura dos pés foi unha bendición. Despois de desviarnos nun cruce chegamos á meta os catro xuntos.


Un tempo de 2 horas e 19 minutos sobre unha distancia de 33,4 km. Un tempo de esforzo e desfrute froito do traballo dunha experimentada e constante labor dos membros do CDM Xesteiras e organizacións colaboradoras, soamente eclipsada pola indesexable interferencia dun malnacido que, segundo nos enteramos, porfiou en facer desaparecer e alteralas sinais e indicacións deixadas coidadosamente para a ruta. Esa foi a causa de que moitos, entre eles eu, sufrísemos desvíos ou desorientacións de maior ou menor grao.


Pese ó anterior, tanto a ruta en sí mesma coma a labor persoal realizada para facela posible foron de dez. O CDM Xesteiras non defrauda e, dende aquí, transmitímosllela nosa noraboa. Un trazado divertido de principio a fin, un gran ambiente de ciclismo, unha ruta que nos impregna de monte galego, diversión a raudales dende a saída ata a entrega de premios (simbolizado no gran speaker), avituallamentos completos, etc. Non falta ningún ingrediente para non incluila nas grandes rutas do almanaque BTT. O que é seguro é que para o ano repetiremos, e animámosvos a todos a apuntarvos e participar desta festa do ciclismo.

4 comentarios: