jueves, 29 de agosto de 2013

Auténtica violencia de xénero.



Dende un primeiro momento fun moi crítico coa mal chamada lei de violencia de xénero, por unha banda porque fai quebrar un dos piares básicos de calquera sociedade moderna e que a nosa Constitución consagra no artigo 14: a igualdade. Non me vale a xustificación da discriminación positiva da parte máis feble, xa que non se trata de outorgar unha praza na administración ou unha beca, se trata do Código Penal, e no ámbito penal a discriminación só pode ser negativa.
Por outra banda o nome co que o goberno progresista nos presentou esta reforma foi un despropósito e unha patada na boca á gramática, xa que en Castelán, ó igual que no Galego, o xénero pertence ás cousas. As persoas teñen sexo.


E despois desta excursión lexislativa nos centramos no que nos importa. Queremos propoñer aproveitar a expresión “violencia de xénero” para aplicala onde acae mellor, isto é, á violencia que se exerce a diario dende un coche (masculino) cara unha bicicleta (feminino).
Son numerosos os paralelismos que se dan (salvando as distancias, co máximo respecto e sen frivolizar o máis mínimo) entre a situación de continuo acoso e maltrato que se dá entre automovilistas-ciclistas e maltratadores-maltratadas:


En ambos casos existe un claro desequilibro en canto ó que a forza física se refire.

O medo e a crenza de que non serve para nada leva ás vítimas a non denunciar.

O medo xera na parte feble un complexo que leva á vítima a tratar de evitar novas agresións e acosos renunciando a cousas ás que lexítimamente ten dereito.

Nos dous casos se emprega por parte do agresor a chamada “violencia psicolóxica”.

En moitas ocasións o resultado é a morte.



Proba destas últimas circunstancias atopámola os últimos días nada menos que no perfil que ten en Facebook a Garda Civil de Tráfico (ignoramos se de modo oficial) onde, despois de que o administrador compartise un vídeo que trataba de sensibilizar sobre as numerosísimas vítimas ciclistas, aparecían ducias de comentarios en contra do noso colectivo. Todos faltos de rigor, sen sustento normativo algún, e que non facían máis que reflexar por escrito a ignorancia gravísima da normativa reguladora do tráfico e as actitudes que os ciclistas sufrimos na estrada a diario. Transcribo algúns a modo de exemplo:

1.       ¿No se podría empezar a hablar del peligro que suponen los ciclistas en las vías?  O perigo supono circular nun vehículo a motor, está socialmente recoñecido así e por iso se esixe un seguro obrigatorio.
2.       Yo me pondré una cámara en el coche, y mandaré 2 denuncias al día, que son los ciclistas que me cruzo y que, teniendo carril bici, se lo pasan por el forro. Non existe absolutamente ningunha obriga de circular por un carril bici, polo de agora.
3.       Como respetemos a los ciclistas si el 99.99 % de ellos van como salvajes por las carreteras que no llevan casco .chaleco refletante .luz y cinturon de seguridad. Ó marxe do “cómico” que resulta o comentario, o feito de que un ciclista incumpla calquera norma non quere dicir que a súa vida non se deba respectar.
4.       Una carretera de montaña, sin arcén, como te encuentres dos ciclistas en paralelo y un vehículo de frente, en una curva cerrada a derechas, en subida, aunque vallas a sesenta, que el ciclista no va ni a 10, si no se produce el desastre, es un milagro y esto se da… más sentido común por parte de legisladores y ciclista. Este me gusta particularmente, me queda a dúbida de qué supón o seu autor que pasa se en lugar de dous ciclistas se atopa con un vehículo agrícola (tractor, segadora, alpacadora…).
5.       Llegando el día cuando tienen que tener bajo ley seguro de responsabilidad civil, carnet y que pagan impuestos para usar las carreteras, si todo mi respecto. Xa comentamos máis arriba por qué se esixe seguro ós vehículos a motor e non ás bicis, polo mesmo motivo non se lles esixe carnet e, polo que respecta ós impostos, todos pagámolo IVE das nosas bicis, o IRPF, etc. Supoño que o autor do comentario se refire ó Imposto de Circulación de Vehículos de Tracción Mecánica e a resposta sería tamén clara, nunha bici non se realiza o feito impoñible que fai nacer a obriga do pago de dito imposto, unha bici non xenera desgaste algún nas vías… a este respecto xa temos escrito algo neste blog.
6.       Las carreteras están hechas para los coches, no para las bicicletas. A bicicleta circulaba polas nosas estradas décadas antes de facelo o primeiro automóvil. Outro tema que xa temos tratado aquí.
7.       Para q carallo andan en la carretera? Este debe de ser veciño. Unha pena, eu non podo responder, supoño que cada quen terá o seu motivo, todos tan lexítimos coma os de quen vai en coche.
8.       Yo les veo bien tranquilos en filas de dos o tres charlando y no se retiran de la carretera que se supone que tienen que hacer una fila. Supoño que o autor deste comentario irá sempre calado no seu coche prestando a máxima atención ós sinais de tráfico, aínda que observando a súa ignorancia das normas que regulan a circulación (tienen que hacer una fila) ata o dubido. A pregunta é: sabe vostede que un grupo de 30 ciclistas circulando en línea ocupa 70 metros de estrada? Ónde pretende vostede adiantar con seguridade nese caso?
9.       El domingo iba a mi casa y tenía 3 ciclistas en paralelo, les llamé la atención y la respuesta fué un corte de mangas, que hago?? les atropello o me aguanto? Comezando por que empregar o claxon para recriminar unha acción a outro conductor está totalmente prohibido cabe preguntarse que é máis molesto: o dedo medio alzado ou o pitido na orella? O do atropello ímolo obviar polo de agora.
10.   Me gusta el video y tal y cual...pero por favor pido que saqueis un video que.diga "POR FAVOR CICLISTA CUANDO VEAS UN ARRIMATE AL ARCEN"....y tambien..que por favor si van ir de chachara por la carretera que se queden en casa coño! Outro ó que lle molesta que os ciclistas falen. Tamén lle hai que aclarar que non hai obriga de favorecer o paso ó coche (salvo ós vehículos prioritarios) pero sí unha obriga deste de axeita-la súa velocidade á do ciclista e deixar un mínimo de 1,5 m para adiantar.
11.   Lo malo de los ciclistas, es que si circulan dos o mas. Se creen los amos de la carretera. A ver si viendo el vídeo se les bajan los humos. Sen palabras.

Todos estes comentarios foron copiados tal como foron escritos, pido desculpas polas faltas pero non lles quixen cambiar nin unha coma. Son unha mostra clara de que o ciclista na estrada xera desconfianza, incluso odio, por parte dos restantes condutores e o máis grave é que ese xeito de pensar, que polo que se ve está bastante xeneralizado entre os automovilistas, se traduce en condutas que a diario nos poñen en grave perigo mentres que a DXT se limita a esixirnos que poñámo-lo casco.

Hai só uns días comezaba a Volta a España 2013 coa triste nova do falecemento de tres ciclistas nas 24 horas previas. Foi por iso que se manifestou ó respecto alguén que debe de ter algunha idea do que falamos, Joaquim “Purito” Rodriguez: “El ver una imprudencia de un ciclista no quiere decir que te acerques a él para darle un aviso o que le quieras amenazar, porque al final pasa lo que pasa y eso se traduce en una muerte".


Sempre que sacamos un tema que afecta á seguridade viaria nos gusta tamén propoñer unha solución. Este caso non vai ser menos. Todos temos escoitado a alguén falando na taberna ou entre amigos recoñecendo: “Se me volven examinar do carnét non aprobo nin de broma”. En efecto, a normativa cambia, esquecemos cousas e collemos malos costumes, é unha condición innata no home. Pero non estamos a falar da lista dos reis godos ou da táboa periódica. Estamos a falar de vidas, de moitas vidas. É por iso que a proposta só pode ir encamiñada a renovar os coñecementos elementais sobre seguridade viaria de forma periódica, que como vimos nos comentarios analizados é moi necesario. Resumindo: é indispensable establecer unha reválida das probas de aptitude para a licenza de conducir, tanto teóricas como prácticas.
Voltando ó paralelismo co que comezabamos, e reiterando o respecto total ás vítimas, semella que propoñer como solución a tanta morte o uso do casco resulta tan obsceno no caso do ciclista como no caso do maltrato machista.

Unha aperta, e coidádevos na estrada, xa sabedes que a DXT non pode “conducir por eles”!!!

1 comentario: