sábado, 23 de febrero de 2013

II RUTA DO LACON (Cuntis)



O pasado día 17 de febreiro no marco da festa gastronómica do Lacón con grelos celebrouse en Cuntis a II Ruta do Lacón de BTT. Unha edición á que acudiron arredor de 800 bikers animados polo éxito da anterior edición e sen que o chuvioso tempo supuxese inconveniente algún. Todo o contrario, a auga que caía do ceo púxolle á cita un punto épico ó que os presentes, dende o máis novo ó máis vello e dende os profesionais ós noveles, se negaron a renunciar. E, como non podía ser doutro xeito, a xénese da ASCIGA estivo presente.


Na travesía polos montes acompañounos un dos grandes do ciclismo galego actual, Gustavo César Veloso; o percorrido resultou moi entretido con sinuosos trazados en cada tramo e con nutridos avituallamentos, cunha ruta longa (45,37 km segundo o noso contaquilómetros) e unha curta (de arredor de 30 km), de menor dificultade física. Unha saída e primeiros quilómetros moi concorridos polo grande número de participantes, e cos inconvenientes propios desa circunstancia, a medida que o grupo se foi estirando o estupendo trazado deseñado polo CDM Xesteiras mostrou todo o seu esplendor, obligando ós bikers a dar o mellor de sí, sobre todo na ruta longa. O entrecruzamento da ruta curta coa longa producía pequenos embotellamentos pero permitía personalizar o percorrido ó gusto do “consumidor”, é dicir, á medida de cada un dos participantes segundo como fosen respondendo as pernas.


¿Qué nos atopamos no percorrido? Pois o ceo ameazante de choiva foi unha constante durante toda a xornada e inclusive chegou a caer algunha pinga pero, por fortuna, non chegou a descargar de forma persistente. Así as cousas, despois da selectiva subida inicial o percorrido levounos por camiños polo alto dos montes da comarca, lama, cruces de regatos, lama, subidas infernais, lama, camiños rotos a carón de ancestrais valos de pedra, lama, longos tramos por camiños de monte, lama, algún tramo por entre casas e, por suposto, unhas trialeras que culebreaban entre os pinos e eucaliptos polas que, habida conta da lama que se formou na superficie, facían que os bikers practicasen máis surf que BTT. Trepidante. Con moitas caídas (algunhas dolorosas) e coas típicas averías e estropicios, pero trepidante. E con moita lama. Un final rompedor de constantes subidas e baixadas que nos levaron de novo á vila termal para, con longas colas, poder lavar as maltreitas bicicletas e desprendelas da densa capa de lama que as cubría, pero coa satisfacción de ter completado un esixente percorrido. A cara de sufrimento era común en moitos bikers, pero porriba desa circunstancia estaba ese sorriso velado que lucía na faciana de todos como mellor expresión dunha boa xornada de mountain bike polo monte galego e á que a peculiar meteoroloxía galega non quixo faltar.



Non podemos menos que agradecer e destacar o sobresaínte papel da organización do CDM Xesteiras (www.cdmxesteiras.com), que se superan cada vez que teñen entre mans unha ruta e que manexaron con solvencia o enorme número de participantes, ós que asistiron en todo momento con consellos, reparacións e incluso con rescates na auga. Como non todo é dar pedais, hai que poñer en alza, dese mesmo xeito, o bo ambiente reinante, do que quen subscribe estas liñas pode dar boa conta, que contribuíu a mellorar o resultado final da ruta; unha Ruta do Lacón que, pese á súa xuventude, xa ten o seu sitio no almanaque das rutas importantes.

4 comentarios: