sábado, 26 de abril de 2014

ENTREVISTA: LUCÍA VÁZQUEZ.


Nesta publicación entrevistamos a Lucía Vázquez, abandeirada do ciclismo do galego e todo un referente no mountain bike, que no pasado ano 2013 se proclamou campiona do Open de España de XCO e campiona da Taça de Portugal, ademais de participar en diversas probas internacionais, sinaladamente nas probas da Copa do Mundo de XCO (Nove Mesto e Albstadt). 

Sobre a bicicleta é unha loitadora ata a médula, unha guerreira inquebrantable, cunha clase e unha calidade sobresaínte e que, como boa galega, endexamais dá nada por perdido. No trato directo resulta agradable no trato, de moita calidade humana e carisma, humilde, sempre cun constante sorriso e transmite ilusión e optimismo en cada palabra.

ASCIGA. Despois dos grandes éxitos acadados no 2013 imaxinamos que as expectativas depositadas neste 2014 son maiores. ¿Qué esperas desta temporada que vén de comezar baixo a continuidade do proxecto do Vicma Bike Team? ¿Cómo se presenta esta temporada o equipo?

LUCÍA VÁZQUEZ. Espero ensinar unha Lucía Vázquez moi forte e que pode loitar por uns bos resultados internacionais. Como dis, as espectativas para o equipo son maiores, pero nós non sucumbimos á presión e imos facer o que sabemos facer: competir e facelo ben. Son unha privilexiada por formar parte de este equipo; admiro a boisima organización para os poucos medios económicos que teñen; o traballo e esforzo dos directores do equipo a expensas da súa vida persoal é admirable e é unha pena que non se vexan apoiados máis económicamente. O ambiente no equipo é boisimo, e isto fai que os nervos das probas non existan e respiremos un ambiente de risas continuamente, apoio e compañerismo.

Esta tempada van un paso máis na progresión internacional e David Valero e eu imos estar competindo todo o mes de maio por centroeuropa.


ASCIGA. Imaxinamos que o camiño para chegar a onde estás foi moi duro. E supoñemos que aínda hoxe as trabas a superar son moitas, tal e como manifestaron as bikers en Valladolid no Open de España  cando protagonizaron unha sentada con enorme eco nos medios.

L.V. Eu teño a sorte que sempre contei coa axuda dos meus pais, sen eles eu non estaría onde estou hoxe. Tamén tiven a sorte de que os xefes dos equipos nos que estiven me axudaron en todo o que podían. É difícil querer chegar a un nivel ou que che esixan un nivel para que te leve a selección española a un campeonato do mundo e que teñas que buscarte a vida para chegar a el; que teñas que ir a copas do mundo pola túa conta, por exemplo. É moito diñeiro para unha soa proba e por iso eu tardei moitos anos en poder competir nunha e agora somos un par as que podemos permitirnos esas viaxes.

Por outro lado está o feito de que ás bikers femininas nos seguen valorando coma fai 15 anos: as mulleres somos as últimas nas parrillas de salida, as que menos voltas damos porque... 'pobriñas'; os medios de comunicación ou nas crónicas de competicións danlle máis importancia ós homes cun párrafo grande e a nosa carreira resúmena en dúas frases; o tema dos horarios: a peor hora para competir é para nos… Son moitas cousas que noutros países a valoración e a afluencia de rapazas nas competición é igual que os homes pero en España seguimos sen evolucionar e sen deixar de ser tan machistas.

E falando de machismo: haino. E moito, sobretodo por parte dos máster españois. Isto e impensable en Portugal, levo varios anos competindo alí e NUNCA escoitei unha mala palabra sobre ser ciclista femenina ou á hora de pedirche paso durante a competición. En España, rara é a proba que non escoite algo.


ASCIGA. Sandra Santanyes, Marga Fullana, Rocío Martín, Anna Villar, … ¿a competencia preséntase máis dura que nunca entre as bikers nacionais?

L.V. Houbo un tempo, cando comecei, que o nivel de féminas español era moi bo; a era de Marga Fullana, de Janet Puiggros, de Silvia  Rovira... Tías referentes nas Copas do Mundo. Desafortunadamente, desapareceu e agora temos máis ou menos o mesmo nivel, estamos moi axustadas en España, pero este nivel non chega para destacar en Copas do Mundo. Marga, que parece regresar, Anna e Sandra, que levan moitos anos na élite española pero sen destacar a nivel internacional, Rocío Martín e eu, que agora nos estamos facendo un oco entre elas; pero é moi difícil elevar o nivel cando temos tan poucos apoios e non podemos sair a competir fóra de España para que o noso nivel suba.


ASCIGA. Gunn Rita, Sabine Spitz, Jolanda Neff, Julie Bresset, Tania Zakelj... ¿qué che transmiten eses nomes? ¿Veremos a Lucía Vázquez pelexando con elas? ¿A priori, a quén ves como favorita este ano?

L.V. Envexa. Envexa de dónde están, e todos os apoios que elas teñen. ¿Eu con elas?  Oxalá, pero nin no mellor dos meus soños. Para min xa é un  logro  o verme nunha saía con elas. Me levan anos luz de experiencia e nivel, e coa miña idade e posibilidades económicas nunca vou chegar ao seu nivel.

Tiña como favoritas  a Julie e Maja, o ano pasado rodaron  moi forte no mundial, pero despois da primeira Copa do Mundo, ver que a xovencisima Jolanda Neff venceu cómoda... ¡¡¡esa rapaza vai dar moita guerra!!!


ASCIGA. Trala túa experiencia na Copa do Mundo de XCO e en Portugal, ¿cales son as túas impresións acerca de cómo se trata o mountain bike no resto do mundo e cómo se trata en España?  

L.V. Que en España estamos anos luz. Este ano leveime unha alegría ó ver que o Open de España volvia a ter puntos UCI. Iso está atraendo moita máis xente, a extranxeiros e dalle máis nivel. O que fagan un reportaxe para Teledeporte tamén é un paso moi bo para o mountain bike español. Vese que estamos mellorando, pero ainda queda moito por facer. Deberíase de apoiar máis ós equipos para que poidan desprazarse e así aumentaría o número de equipos participantes na Copa. Se as inscripcións fosen máis baratas tamén atraería a máis aficionados a probar o competir toda a Copa.


E, sobre todo, o que mais boto de menos son circuitos puros de mountain bike. En Portugal, xa sexa unha proba ‘de pueblo’ ou unha Taça, se curran uns circuitazos, moi semellantes os das copas do mundo, con trialeras, zonas artificiais tipo rock garden, saltos... Circuitos duros e para nada rodadores que son os que nos encontramos normalmente no Open de España.

ASCIGA. Sobre o ciclismo sempre planea a sombra da dopaxe e sempre parece que para o ciclista non existe a presunción de inocencia e si a presunción de culpabilidade, a diferencia da defensa a ultranza do deportista que se fai noutros deportes; Jose Antonio Hermida en 2006 (declarado inocente despois da ser suspendido) ou, recentemente, Alex Marque son boa proba desa discriminación. Persoalmente, ¿cómo ves o problema? ¿Por onde pasarían as posibles solucións?

L.V. O peor deste tema é que ós xornalistas gústalles a ‘chicha’. Se foches campión de España ou campión do Mundo, iso dá igual. Pero como deas positivo xa teñen noticia para un mes. É moi triste este tema. Eu penso que son inocentes ata que se demostre o contrario e con probas, e que os xornalistas deberían agardar ata un veredicto final porque fan moitísimo dano e o deportista queda manchado para sempre ainda que sexa inocente. É unha lacra que temos que soportar os ciclistas, cando non é o noso deporte o que máis casos de dopaxe ten.


ASCIGA. Na ASCIGA vimos denunciando fai tempo dúas circunstancias que nos preocupan: primeiro, que a única cifra de falecidos que se incrementou no 2012 (último ano con datos oficiais) foi a do colectivo ciclista; e, segundo, que ultimamente se ven constatando a colocación nos montes de trampas para ciclistas que xa causaron numerosos feridos. ¿Cómo se ve o problema dende a perspectiva dunha persoa que, por esixencias profesionais, ten que pasar tantas horas enriba da bicicleta?

L.V. Adestrar na carretera dame moito respeto; sempre vou moi segura, o máis pegada ó exterior do arcén, aminorando en cruces con pouca visibilidade, con precaución na cidade... Porque xa teño levado os meus sustos aínda que por sorte nunca me pasou nada grave. Témonos que respetar os dous colectivos, tanto ciclistas como conductores. Nós respetando as sinais, semáforos, cruces e circulando polo arcén.  E os conductores deben manter a distancia de seguridade ó adiantarnos, se poden facelo e senón a esperar. E ese é o problema, que vivimos nun ambiente non que non hai respeto: a xente está con présa, estresada e non están ó que teñen que estar. Máis conciencia e respeto, por favor. Os ciclistas xóganse a vida cando o que creo que están a facer é desfrutar do seu deporte.

E o das trampas no monte... pois sobran as palabras. É unha lacra á que hai que porlle fin canto antes.

ASCIGA. Comentas que vas a pasar o mes de maio xunto co teu compañeiro de equipo David Valero competindo por Europa, ¿Cómo afrontas ese mes?

L.V. É importantisimo competir fora de España para acadar un bo nivel, e esta tempada, gracias o equipo e a dous patrocinadores personais, Ence e Cabo de Peñas, vou ter a posibilidade de estar ese mes competindo en Austria, Alemania e República Checa. Con moita ilusión e ganas de seguir aprendendo. Espero que os meus “males” xa vaian pasando e poder demostrar o meu nivel pelexando por un bo resultado internacional.

ASCIGA. Fálame dos patrocinadores, ¿é dificil conseguir apoios?

L.V. O meu equipo axúdame en todo o que poden, pero faltan máis axudas económicas para sufragar todos os gastos e poder competir fóra de España, e por iso esta pretemporada estiven buscando empresas que me quixeran apoiar, e tiven moita moitisima sorte que dúas empresas como son Ence e Cabo de Peñas me presten a súa axuda. Gracias a eles  teño a posibilidade de seguir coa miña progresión internacional e poder continuar competindo, porque mesmo me estaba plantexando se merecía a pena continuar sacrificándome sen axudas.


ASCIGA. ¿Cómo vai o Open de España? ¿Das por perdida a xeral?

L.V. Este ano estáseme complicando a xeral do Open de España por una amenia e pola miña alerxia, que me está atando moi forte. Xa en Valladolid costoume rematar a proba, e en Jerez, ainda que estaba un pouco mais recuperada, entre a fatiga do día anterior e unha calor axfisiante, ó que eu non estou acostumada, porque en Galicia levamos meses de choiva e humidade, non puiden rendir o que eu dou. Todo iso estame complicando o poder vencer o Open de España outra vez. Eu non desisto nin me deprimo, quedan ainda 3 probas, ou 6 probas se contamos as tamen puntuables do sábado, así que todo pode pasar, non está nada perdido.


ASCIGA. Venciches no primeiro eliminator que se celebrou en España. ¿Qué tal foi a túa experiencia? ¿a victoria anímate a competir no eliminator  das copas do mundo?

L.V. O eliminator non me chamaba a atención, porque eu non son explosiva, pero tiña que competir e facelo o mellor posible para conseguir puntos para a xeral. A manga de clasificación foi ben, e clasifiqueime co segundo mellor tempo, e logo na de eliminator foi mais fácil do que me pensaba. Logo de ver puros eliminator das copas do mundo, esta non a considero como tal. Sorprendime coa victoria, algo impensable para min xa que, repito, non son nada explosiva.

E ¿nas copas do mundo? Para nada. Este tipo de probas son un espectáculo para o público pola explosividade, as zonas técnicas que acostuman existir nos trazados, e eu non son boa en ningunha de esas cousas.


ASCIGA. Vés de vencer a Rías Baixas Bike Race, una proba por etapas de 3 días, ¿Cómo foi a túa experiencia tendo en conta que ti es de probas de XCO?

L.V. A experiencia encantoume e penso repetir. Non entraba nos meus plans competir, porque non estou preparada para ese tipo de probas, facer moitos quilómetros na BTT e menos no meu estado de anemia non mo podo permitir, pero a organización comentoumo, vin que as etapas eran preto da miña casa e picoume a curiosidade de probar.

Sabia que a primeria etapa ía a levala ben, pero que as seguintes ían a ser eternas para min, e para a miña sorpresa non foi así. Cada día atopeime mellor, e proba diso é o resultado nas clasificacións xerais cos homes, na que o primeiro día quedei de 50, na segunda etapa de 39 e na última de 34. Sorprendeume a adaptación do meu corpo á fatiga, e cada día recuperaba mellor.

Pero co que mais me quedo é co compañerismo e os ánimos dos participantes.


ASCIGA. Na primeira da Taça de Portugal subiches o podium e acompañada por dúas grandes internacionais, as polacas Paula Gorycka y Moika Zur. ¿Cómo foi?

L.V. Levaba unhas semanas tendo malas sensacións, entre a anemia e a alerxia, que este ano estame atacando forte, pero o sábado vendo o percorrido da carreira as sensacións foron boas e iso animoume moito. E o domingo esas sensacións continuaron e por iso, por primeira vez esta tempada, puiden ensinar cal e o meu verdadeiro nivel. Rodei moi rápido e fixen unha boa carreira. As polacas separaronse un pouco na terceira volta, pero logrei alcanzar a Moika e rodei con ela a última volta, pero ela está con un puntiño que eu non teño nestes momentos e por iso logrou sacarme uns metros na meta. Estou moi contenta e déronme moita tranquilidade esas sensacións, porque quere dicir que Lucía segue ahí, ainda que no resto das probas, por mor dos meus problemas físicos, non o podo demostrar.

ASCIGA. Xa centrándonos en ti, cando estás competindo e estás nun momento de máximo esforzo, ¿tes algún lema, frase feita ou tema musical que che veña á mente?

L.V. Intento sempre mirar para adiante, coller algunha referencia e ir cara ela. Tamén acostumo animarme moito: “¡qué ben vas, Lucía!”, “¡ese é o ritmo!”, cousas así.

ASCIGA. ¿Qué añoras de Galicia ou da túa túa Vilaboa natal cando compites fóra?

L.V. Ver verde, ver campos e pasear por eles co meu can.


ASCIGA. ¿Qué fai Lucía Vázquez cando non está dando pedais?

L.V. ¡¡¡Non sei como fago que sempre teño algo que facer!!! Tiven que buscarme un traballo que me permitise un horario flexible para adestrar e viaxar e encontrei o de consultora de beleza de Mary Kay, dando clases de beleza ou chamando clientas.

E cando non é eso... os meus momentiños para estar cos meus, ler e pasear co meu can.

ASCIGA. ¿Qué consellos lles das a todos aqueles que queren seguir os teus pasos e, sobre todo, ás rapazas que se inician nesto da bicicleta de montaña?

L.V. Que se lles gusta esto e teñen os mínimos apoios de seus pais e xefes de equipo, adiante. Que loiten polos seus soños e polo que lles gusta. O camiño é complicado e vanse atopar con obstáculos pero se desfrutan co que fan, o placer e a satisfacción de facer o que che gusta non cho quita ninguén. Este do mountain bike é un mundo incríble e cando entras nel absórbete coma unha droga adictiva.



Moitas gracias e moita sorte nesta temporada que está nos seus comezos. Agardamos que veña repleta deses tan merecidos éxitos, tanto a nivel nacional como a nivel internacional. Tamén desexamos que a túa situación e a das grandes bikers atope pronto, sobre todo a nivel de patrocinios, o recoñecemento que merecen. Dende a ASCIGA transmitímosche todo o noso a apoio e ánimo para o logro dos teus obxectivos.

2 comentarios: