jueves, 17 de abril de 2014

I RUTA BTT CIDADE DE PONTEVEDRA


A finais do mes pasado, concretamente o día 30 de marzo, a ASCIGA tivo a ocasión de estar presente na inauguración dunha das novas rutas BTT das que, por fortuna, comezan a poboar o mapa da nosa terra. Tratábase da I Ruta BTT Cidade de Pontevedra, a cal tiña a súa saída no mesmo centro da capital do Lérez, en plena avenida Montero Ríos e o seu espectacular marco arquitectónico. Ademáis, un euro da inscripción ía destinado a unha causa solidaria. Todo un acerto por parte do CC Farto, que viñera traballando arreo en montar todo aquel circo.

Esta ruta BTT presentou dous aspectos organizativos novedosos e que non queremos pasar por alto:


Por unha parte tratouse dunha Ruta BTT organizada case única e exclusivamente a través de redes sociais (Facebook). Á marxe das tradicionais pegadas de carteis alá onde chegase un membro da organización, o “boca a boca” e as reportaxes en prensa, radio e televisión, o núcleo do traballo organizativo e informativo para os participantes xestionouse a través da plataforma Facebook, cun perfil creado específicamente para o evento. Neste senso, e dende a nosa humilde opinión, sobre todo en atención a outros clubes que decidan facer o propio, débense por en alza varias cuestións sobre este modo de organización:

-      O aspecto plausible da idea reside, fronte ós tradicionais foros e páxinas, no modo máis dinámico e cercano que outorga ós participantes entre sí e de correlacionarse coa organización, sendo coñecedores case instantáneamente dos traballos e novidades da Ruta así como de poder facer suxerencias en tempo real. Algo no que porfiou ben a organización da Ruta BTT Cidade de Pontevedra, xa que á marxe da información que periódicamente iba colgando no perfil foise respondendo correcta e puntualmente ás dúbidas formuladas de xeito privado. Sen dúbida, o que cabilou na posibilidade de empregar o Facebook como cartel da ruta atinou posto que as ferramentas desta rede social multiplicaron a difusión do evento.


-      Un posible aspecto negativo deste modus operandi estivo no feito de que, quizáis por mor da magnitude do evento e o cuantioso traballo sobre o terreo, o perfil de Facebook desta Ruta non sempre era constante nas publicacións e ás veces daba imaxe de pouco coidado nas formas. E a nosa non era unha opinión illada. Ainda que se trate dun evento de ocio, non deixa de ser a imaxe dunha organización baixo cuia responsabilidade ían a quedar centos de persoas que participan nese evento e que gustan de ver seriedade nos que “mandan”; e as presas por colgar a información e ter actualizado o perfil non deben desmerecer o traballo no monte, ainda que este sexa o importante de verdade e que, como máis adiante reiteraremos, foi impecable. Ninguén é perfecto, e moito menos na primeira ruta.


Outra das novidades que presentou a I Ruta BTT Cidade de Pontevedra, foi precisamente o feito de implantar unha ruta oficial para a cidade capitalina. Iniciativas que dende a ASCIGA sempre aplaudiremos. A organización, dito claramente, botoulle un par do que lle había que botar e, cos papeis en man e as desbrozadoras e eixadas ó lombo, puxéronse a ello cos trámites administrativos e traballaron arreo para que a súa cidade tivese unha ruta BTT como mandan os cánones. Ben é certo que o percorrido era en parte herdeiro do da Ruta do Pichinela, celebrada en 2013 e á que pasa a suceder, pero o traballo de organización, o poder de convocatoria e, sobre todo, o éxito final desta de 2014 superou con creces o da súa precedente.


Así as cousas, recollidos os dorsais, este que escribe realizou un breve quencemento pola avenida Montero Ríos; un espazo que, naquela fría mañá, xa se atopaba repleto de bikers que lle daban ó palique animadamente, apuraban os últimos tragos dun agredecidamente quente café ou facían os derradeiros axustes na montura. Colocado na saída, os participantes fóronse agrupando tralo arco conformando unha masa multicolor que se extendeu por ducias de metros. Non era de extrañar pois a participación roldou o millar de bikers, vidos de tódolos recantos de Galicia e máis alá.


Unha vez en marcha, o enorme grupo de bikers fixemos un percorrido de apenas un par de quilómetros polas rúas de Pontevedra, entre os aplausos, os ánimos e os berros dos pontevedreses que saían á rúa e ós balcóns a pesar do ceo gris, case negro, que ameazaba con choiva.

Non tardamos en adentrarnos nos montes que rodean a cidade, como tampouco tardou o terreo en comezar a empinar cara arriba. Os cambios comezaron a ruxir e as cadeas a escalar piñóns. A ruta estendíase agora por unhas interminables subidas, maioritariamente por pistas anchas, doadas de rodar pero que ían mallando as pernas, pero tamén por algún ‘single track’, que  nos obrigou a pornos ‘de a un’, e puntuais zonas técnicas, nas que pernas, cambios e riñóns se vían necesitados de coordinación para superalas. Na parte traseira, dada a cantidade de xente, produciuse algún embotellamento, se ben foron anecdóticos e sen excesivas demoras para os implicados. Pasaban os quilómetros e, a pesares da presencia dalgunha zona de descanso máis levadeira (que aínda así picaba cara arriba), o terreo continuaba a ser maioritariamente de ascenso sen tregua. Adiante, o ritmo era forte xa que pronto dei en rodar en solitario e os bikers que me ía atopando polo camiño cada vez eran menos. Foi nesas cando, de xeito coordinado coas primeiras pingas de choiva, previo paso pola contorna do lago Castiñeiras e á beira do quilómetro 18, alcancei o avituallamento.



Coas forzas renovadas, aínda coa auga caindo do ceo e sen chuvasqueiro (dadas as miñas optimistas e erróneas expectativas meteorolóxicas), arranquei de novo. Despois dun pequeno ascenso, o percorrido da ruta pasaba a converterse un terreo rompepernas con subidas e baixadas que lle ían dando ese ‘toque’ a unhas pernas que, polo de pronto, respondían ben. Pista ancha con algunha zona rota por mor das choivas invernais, que outorgaban un rodar moi agradecido con puntos de certa rapidez despois de tanta subida. A choiva xa cesara e, logo do segundo pase pola zona do lago Castiñeiras, pronto comezamos a recoller os froitos da subida e a atoparnos con baixadas, algunhas de auténtica vertixe. Trialeras con lama, cortalumes dos que non se ollaba o final por mor da néboa, baixadas por zonas empedradas... Todas sinaladas de xeito impecable, coas pertinentes advertencias, e sempre con membros da organización prestos a axudar, dando ánimos e facilitando a información precisa. Nalgún caso acompañados de veciños do lugar que non dubidaban en aplaudir ós valentes que le lanzaban por alí abaixo como alma que leva o diaño ou con berros: “¡Dálle, dálle!” “¡Que non vos vexa eu parar!”.

Despois da zona de baixada percorremos unha zona de pisteo que nos conduciu ata a pista de asistencia á autovía. Uns quilómetros moi rodadores e que as pernas, aínda estupefactas coas baixadas que viñan de deixar atrás, agradeceron coma auga de maio e nos dirixiron cara unha zona asfaltada, preludio da entrada en Pontevedra e do consecuente final de ruta. Alí, en plena avenida Montero Ríos, apenas había uns cantos bikers certificando que a miña posición fora realmente boa, entre os 10 primeiros bikers. A medida que os demais participantes ían chegando o ambiente, entre caras enlamadas, lavados de bicis e uns pinchos, era puramente festivo, corroborando que a I Ruta BTT Cidade de Pontevedra fora un éxito.

No que atinxe ó trazado, a única pega que poderiamos poñer é que un pico de dureza a maiores non estaría de máis (algo no que moitos recordaron a antecesora Ruta do Pichinela), sen que elo debese supoñer un obstáculo insalvable para os que van máis xustos de forzas. Tamén poderiamos apuntar o feito de que toda a subida se acumulase ó principio da ruta e toda a baixada cara o final; claro que nesta circunstancia xa entran non só os gustos de cada un senón tamén a holografía do terreo.


En calquera caso podemos dicir con toda satisfacción que, por fin, a capital ten unha ruta BTT digna do seu nome. Lograr o millar de participantes na primeira edición é todo un hito. E todo gracias ó traballo levado a cabo polo CC Farto. Agardamos que repitan o ano que vén (tamén o pastel de chocolate) porque, se así é, os afeccionados ó BTT non dubidaremos en estar alí de novo.

Aquí vos deixamos un enlace a un vídeo da I Ruta BTT Cidade de Pontevedra para que vos vaiades facendo as ganas de apuntarvos á seguinte edición.


Crónica: Luís M. Martínez.

2 comentarios: