domingo, 8 de diciembre de 2013

I RUTA BTT CONCELLO DE VALGA


Alongouse un pouquiño esta tempada, deixando menos tempo ó descanso e á recuperación, e todo por culpa da I BTT Concello de Valga. O evento prometía, os rapaces levaban tempo traballando e, polas fotos que subían ás redes sociais, traballaban arreo.

Con estes indicios de bo facer nos plantamos no Pavillón polideportivo de Valga ás 8:15 da mañá para recolle-lo noso dorsal, e con el un Chupa-Chups e unha barriña enerxética, ahá! Avisando con tempo…


Todo un “despliegue” de medios: arco de meta, pancartas, motos, quads, bombeiros, ambulancias e todas esas “chorradas” que a Federación Galega de Ciclismo esixe xunto cos permisos, seguros… por algo será, non sí?


Os primeiros quilómetros polo medio do pobo detrás do quad viñeron ben para ir entrando en calor. Moito “mihura” nas primeiras prazas antes de soar o “chupinazo”. E alá imos, cara arriba, como non! A metáfora taurina non foi desacertada, de feito, o cumio do primeiro repeito semellaba talmente a “entrada en Estafeta”, qué animalada. Poucos quilómetros lle aguantámolo ritmo ós primeiros xa que deu en ser unha Ruta con enorme nivel entre os participantes e realmente rompepernas xa nestes primeiros compases tal como prometera a organización.

Camiños, pistas, corredoiras… cruzamos vairas estradas, sempre coa presenza de membros da organización e protección civil, feito que nos enche de confianza en nos leva a entrar con moito ímpeto nalgún camiño… non é BTT se non das co cú no chan. Unha primeira subida razoablemente longa estira xa o grupo e comezamos a buscar cada quen o noso lugar. Xa metidos en faena comprobamos como o traballo dos organizadores da o seu froito: a marcaxe é correcta, en cada punto conflitivo hai persoal dando indicacións, cada camiño, corredoira, “single track”, etc, foron coidadosamente limpados, unha mágoa non teren quitado a lama de aquel treito en torno ó quilómetro sete, jeje. Nesta parte é de salientar unha zoa de baixada cruzando unha carballeira con moita árbore e folla seca na que subiu case tanto o pulso como para arriba, pero por efecto da diversión, tremendas derrapadas!!!



 Rematada a “festa”, rápido comentario co biker co que rodaba entón (por aquí hai que volver!), e volta ó choio, veña a quita-lo prato e apreta-lo cú. Unha subida, esta vez sí esixente de verdade que nos levaba ó primeiro e único abastecemento sólido e líquido: auga en un xel e tira, moi eficientes os rapaces!!!

Ata o final outra dura subida, vistas espectaculares, trazado fermoso… moito traballaron as desbrozadoras!!!, zoas duras, repeitos, outra vez a lama, máis repeitos, todo marcado á perfección… fatiga.

Á mañá, quecendo, vira unha especie de cimentación de pedra a carón do Pavillón e zas!!! Saíndo dunha corredoira, alí a estaba. Veña rapaz que non queda nada, vamos!!! Arrea se non quedaba, os derradeiros cincocentos metros tiñan unha porcentaxe enorme e, ca ansia de rematar semellaron 5 km… un regaliño da organización, para que volvades o ano que ven, jejeje.

Á chegada, recollida de dorsais, os “currantes” preocupándose polas impresións dos que viñamos de disfrutar, duchas, pinchos… non se pode pedir máis. Un 10 pola organización, da man do CC Trisquel, e un 12 polo percorrido: duro, ben marcado, fermoso, variedade, vistas… Se non puidestes ir, anda por aí o track, de verdade que paga a pena. Eu o próximo ano, volvo!!!


Desta vez, ademáis, tivemos a ocasión e a fortuna de ser partícipes da organización desta ruta que pasou o exame, podemos dicir, que con nota. Nembargantes, ese resultado viña sendo labrado polo CC Trisquel dende longo tempo con un concienzudo traballo non só no campo de batalla, traballando nos montes da zona, senón na retaguardia, cun pesaroso pero necesario traballo de papeleos e permisos coas diversas Administracións e Comunidades de montes. Reunións, pegada de carteles alí onde houbese un Trisquel, chamadas intempestivas e máis de unha noite de sono, dalgún dos organizadores. Pero foi o prezo do traballo ben feito e dunha preparación axeitada para que os bikers desfrutasen.


Finalmente chegou o día. O día D. O 17 de novembro, tan marcado no noso almanaque dende facía tempo. Ainda co cansanzo do día anterior, no que ultimamos os detalles, tocou erguerse moi cedo. Un café quente e arrancando. Ainda co frío intenso dunha mañá de novembro, cos amigos da noite esgotando as últimas horas nas portas das discotecas da zona, chegamos ó centro de operacións do pavillón de Cordeiro, o noso cuartel xeral. Como xa coñecía o meu cometido, arranquei cun compañeiro para o avituallamento do quilómetro 21. Coa friaxe da mañá e apenas cunhas raiolas de sol montamos o avituallamento: froita, auga, barras enerxéticas, xeles, etc. Todo tiña que estar listo. O sol xa se deixa amosar pero o frío non cede.

Hora da saída e comezan a chegarnos as primeiras mensaxes ós móviles. “Saída”, “Comeza a ruta”, “Todo segundo o indicado”, “Aí os van!”. Entre conversa en conversa, no avituallamento facemos apostas do que tardarán en chegar onda nós os bikers e seguen chegando mensaxes. “Mimá, cómo van!”, “Van coma tiros!”. Tamén comezan a chegarnos as primeiras imaxes. Pronto sentimos chegar unha moto e, canda ela, o primeiro (e esperable, por certo) participante que, coma un raio, para no avituallamento, “reposta” e arranca de novo. A contagotas chegan os seguintes que, imitando ó primeiro, fan unha parada digna da Fórmula 1. Présa, auga, bebida, un xel, referencias de tempo, etc.


Pronto o traballo comezou a acumulársenos polo número de bikers. Non obstante, pese á carga de ocupacións, un percatábase de dúas cousas. A primeira, que había moita lama no percorrido. E segundo, para moitos seguramente a causa do anterior, os bikers mostraban facianas de satisfacción e aprobación, sobre todo cando lles preguntaba pola ruta, o trazado, etc. “Dura, pero bonita”, dicía un. “Perfecto todo, inmellorable”, sentenciaba outro. “Máis me vale enlamarme ¿senón a onde vai pensar a parienta que fun cando chegue á casa?”. A pesares das facianas de sufrimento dos que ían chegando, o bo  humor foi a tónica xeral e só tivemos que lamentar dúas caídas sen maiores consecuencias. Así dá gusto. ¡Un 10 para os participantes!


Precisamente o último dos bikers en chegar a onda nós presentaba un aspecto lamentable: sucio, mollado e algo aturdido. Sufrira unha caída e, pelexando, deu chegado ó avituallamento. Sen embargo, e ainda lamentando non poder rematar o percorrido completo, non dubidou en resaltar o duro pero persoalmente satisfactorio do tramo que realizara. Cargando co posto de avituallamento, deixando todo limpo e levando ó noso amigo accidentado arrancamos para a meta. O que alí os outros trisqueles tiñan montado era unha auténtica festa. Todo o mundo resaltaba o bonita que lles resultara a I Ruta BTT de Valga pero tamén a dureza do seu trazado pero todos manifestaban a vontade de repetir.

O fin de festa con pinchos e sorteos e unha homenaxe a un dos trisqueles, Iván (o protagonista do cartel), accidentado fai uns meses e que retomaba a bicicleta nesta ruta, puxeron o colofón a unha experiencia única. Unha experiencia que, acostumado a desfrutalas dende afora como participante, puiden vivir dende o interior e traballando cóbado con cóbado cos compañeiros do CC Trisquel e que me resultou enteiramente satisfactoria, sobre todo á vista da opinión xeral dos participantes, que é a que vale.  Esperamos que fose a primeira de moitas edicións, o traballo ben merece a pena.

Aquí vos deixamos o enlace para que a repitades ‘on board’.

2 comentarios: