lunes, 7 de octubre de 2013

I RUTA BTT LAXE DOS BOLOS


O domingo día 29 de setembro tivemos o pracer de poder acudir ó estreo dunha nova ruta no sur de Galicia. A comarca do Umia, concretamente a parroquia de Saiar (Caldas de Reis) daba acollida á primeira edición da Ruta BTT Laxe dos Bolos, da man da peña ciclista os Escornabikes co apoio da fundación Galicia Sustentable, a Peña Ciclista Umia, Esmorga e outros colaboradores.


Anunciaban choiva abondosa para esa mañá pero a climatoloxía respectou ben ós participantes. Coas semanas de calor que levabamos, cos ceos cubertos e as chuvias da noite anterior quedou unha mañá sobresaínte para practicar ciclismo e disfrutar desa imaxe do monte galego desbordando cor verde, húmido, con pingueiras nas árbores, con lameiras exquisitas e unha temperatura máis que perfecta para dar pedais.

Así pois, rematados os prolegómenos, tomamos a saída uns 150 participantes, bastantes tendo en conta a climatoloxía dos días previos. Eu optei por tomar a saída dende a parte traseira, circunstancia que me dou a ocasión de poder atopar con vellos coñecidos, deses que non viches fai anos e vas a atopar nunha ruta BTT. Cousas da vida. Avanzando posicións, coma sempre neste tipo de eventos, un percátase pronto do bo ambiente imperante, entre comentarios e risotadas; todo nuns quilómetros de terreo chan ó longo dos cales o grupo se foi estirando.


Pronto irromperon no trazado as primeiras ramplas camiño do monte Xiabre e foron, paseniñamente, silenciando os comentarios e convertendo as risas en esbufos. Coñecedor do terreo polo que se movía a ruta, adoptei un ritmo medio alto que me fixo ir saltando cara adiante, de biker en biker, parando nalgún caso para preocuparme ás vítimas das primeiras avarías e pinchazos. Seguindo cara adiante, mantendo o ritmo e con boas sensacións nas pernas, as ramplas van quedando atrás. Rematada a primeira gran subida, tomamos unha trialera entre os pinos. A pica húmida e abundante entre algún burato e algunha pedra, facía que a bicicleta se deslizase rápida e áxilmente entre as árbores, pero esixindo certa técnica para non ir de fuciños ó chan nin probar a corteza dun pino galego.


Rematada esta trepidante baixada, rodei cun compañeiro do Armenteiraepunto (“malas compañías”, que diría miña nai) e con outro que ambos nos atopamos polo camiño; os tres fomos a bo ritmo dando comezo a unha nova subida. Unha nova subida que se prolongou durante quilómetros e quilómetros e na que só tivemos unha única paréntese, a do avituallamento, preto da canteira do Xiabre, practicamente no único tramo de asfalto que pisamos; un asfalto tan grata como sorprendentemente ausente da ruta. Alí, no avituallamento, recibimos uns inesperados apupos dunha veciña ó berro de "¡Veña, arreade que diante sólo van tres!". A muller galega, brava onde as haxa, sempre firme na crenza no esforzo e que non cede "nin nos amistosos". 

O noso grupete reemprendeu a marcha, con algunha que outra conversa, e ata apenas catro quilómetros do cumio avanzamos xuntos os tres, dado que foi xusto aí, nas ramplas máis duras, onde o noso amigo do Armenteiraepunto amosou que levaba un punto máis e o outro compañeiro un punto menos. Tanto é así que, pese ó bo ritmo mantido, rebentou ó berro de “¡Non podo cos c...óns!”. Eu tampouco tiña gasolina para moito máis, seguín como boamente puiden e quedei só entre ambos. Chegado ó último quilómetro, pechado de néboa, a ruta pisou asfalto, cousa que me fixo rodar máis cómodo e, inclusive, poñer un punto de ritmo máis ó tempo que infundín algo de ánimos noutros compañeiros ós que o alquitrán se lles atragantou e estaban a pasar un mal momento.


Logo diso a ruta derivouse cara unha baixada vertixinosa por pistas anchas, camiños con afiadas pedras e longuísimas trialeras rectas entre pinos de plantación, nas que a bicicleta se deixaba ir rápida pero perigosamente. Estas esixían andar espabilado cos freos posto que o terreo mollado producía un efecto deslizante moi notable. Os últimos 9 quilómetros desenvolvéronse por un terreo rompepernas de pistas de monte nas que a única perigosidade residía na gravilla que cubría a superficie e na que o meu exceso de presión nas rodas fíxome sufrir algún susto. Polo que logo souben, máis de un probou os barrancos que había ós lados por exceso de confianza. Pero abofé que o contou cun sorriso de ourella a ourella, pois a satisfacción foi a nota dominante.

Dúas horas e dezanove minutos de diversión polo monte e con tres compañeiros que me antecederon na chegada. Todos eles e os que foron alcanzando á meta coincidían unánimemente na boa valoración da ruta.



Quizáis o punto triste da xornada foi ter que comprobar in situ os efectos da man criminal do home, con numerosas e extensas zonas calcinadas do monte Xiabre que, coma no caso do Monte Pindo no norte de Galicia, roubáronlles ós participantes unhas vistas incomparables e indescriptibles das paraxes deste monte que domina a Ría de Arousa. Unhas manchas negras que tinguiron desa mesma cor o corazón de quenes sentimos como propio ese monte por frecuentalo tantas veces. 

Non obstante, a ruta foi un éxito rotundo tanto en participación coma en organización, sobre todo tendo en conta que se trataba da que agardemos que sexa a primeira das rutas Laxe dos Bolos. A guinda ó pastel foron refrescos, cervexas e empanada a fartar para tódolos valentes que se aventuraron a percorrer os montes da parroquia de Saiar no incríble trazado disposto polos Escornabikes. ¿Quen se apunta á seguinte?

2 comentarios: