viernes, 7 de junio de 2013

II BTTINTO RIBADUMIA


2 de xuño de 2013. 8 am. A ASCIGA arriba a Ribadumia para afrontar con ilusión a II BTTinto, organizada por Salnés Bici, o Clube Ciclista Armenteiraepunto e o CDM Xesteiras.

Aparcamos na entrada do pobo e achegámonos para a recollida de dorsais xa montados nas bicis e con todo listo. Un claro ambiente BTTeiro nos rodea. Recollemos os dorsais e buscamos unha cafetería onde tomar un último café para entrar en calor antes de comezar a “disfrutar sufrindo”.  Aínda andan, de mañaneo, polas rúas algúns mozos ós que a noite non lles chegou a nada coas caras enzoufadas en viño barrantes que nos dan o seu apoio á súa maneira: “- Dame a bici a mín meu!”, jejeje.


Dorsal 1510:
Era para min un día moi especial e os motivos eran moitos e moi variados. Non chegaba nas mellores condicións físicas pero era importante completa-lo percorrido xa que era a derradeira saída con Carolina, a miña humilde Conor que me leva acompañando nos últimos anos e que sempre deu máis do que se lle pediu.

Na saída me dou de conta de que un erro de novato me vai dar problemas. Déralle demasiada presión ás rodas e, por enriba, da válvula traseira sae un “globo” e non me atrevo a afrouxar o tapón por medo a ter que desmonta-la roda… veremos o que pasa!


O máis importante, para poder ter unha xornada tranquila na que poder buscar un ritmo cómodo era evitar como fose os temibles atascos que, abofé, se ían producir nos primeiros repeitos. De modo que apretamos o que puidemos nos primeiros quilómetros ata que ese sobre-esforzo e as primeiras ramplas realmente duras me fan perdela roda do meu compañeiro, moito máis en forma ca min.
Unha vez só, e superado o problema dos atascos busco un ritmo axeitado que me permita ter ese “puntiño” extra nos repeitos duros para superalos sen vota-lo pé a terra. Me superan algúns “galos” que tiveran problemas nos primeiros quilómetros e lles facilito o paso o mellor posible xa que esa non é a miña “guerra”, non hoxe.

Non tardo e darme de conta de que a presión excesiva da roda traseira me vai dar problemas (dato para anotar en vermello no caderno da experiencia), a adherencia é case nula e me vexo obrigado a votar pé a terra, ante a chanza do grande Eze Mosquera: “a potencia sen control non serve de nada!”. Resignación, é día de ir tranquilos.

Varios “resbalóns” máis, e incluso unha caída a causa deste erro de novato non afearon en absoluto un percorrido espectacular que a organización da BTTinto mimou con moito esmero dando como resultado unha proba dura e esixente, tanto con subidas durísimas como con baixadas non menos temibles. A dicir verdade brutais! Proba disto poden ser os 6 evacuados dos que deron conta os servizos de Protección civil.


Das subidas, a parte de auténticas paredes que nos tiñan preparadas, resaltar unha longa e esixente ate o avituallamento do campo de golf que, situada cara o final do percorrido fixo doer as pernas, pero doer de verdade!

Nas baixadas nos consta que máis dun sufriu demasiado cunhas trialeras para xente brava, labradas a lume de neumático no lombo dalgún dos montes máis fermosos que coñecín. Os que nos animamos a afrontalas, despois das preceptivas advertencias dos membros da organización á entrada de cada unha (“Hai que telos ben postos”, nos dicía algún mentres nos ofrecían un camiño alternativo) chegamos de novo a Ribadumia coa satisfacción inmensa de sermos sabedores de que nada hai imposible para un biker e a súa bici cando ambos se levan ben.
Tamén deixa moi bo sabor de boca o ambiente nas aldeas e parroquias polas que discorreu o percorrido onde os veciños agardaban o paso dos participantes á veira dos camiños e os nenos berraban entusiasmados ante as evolucións dos que decidían atreverse coas trialeras. Abofé que algún cativo se atreveu pola tarde coa súa propia bici, jeje, na terra hai canteira!

Moi boas sensacións nas pernas nos últimos quilómetros me animaron a afrontar aquelas baixadas e a parte de rodaxe final a tope. As bestas abríndose ó galope ó meu paso foi a escena que deu inicio a un acto final onde a natureza cobra portagonismo e o sufrimento deixa paso ó disfrute.
A miña valoración persoal pode ser a seguinte: o percorrido inmellorable, a organización sobresaínte, e a pega pode ser o avituallamento líquido que, ó estar limitado a unha bebida por persoa, ben puidera contar con augas de 1/5 litro que, polo menos, encheran o bidón. Unha única chata nunha xornada fantástica que fixo ferver a sangue galega das miñas veas e un recordo: NON ÁS MINAS!!!


Dorsal 0933

Era o día dunha das grandes citas do BTT galego, o día da BTTinto 2013. Levantas a persiana e o sol do amencer dun esplendoroso día báteche na cara e pensas “Vai ser un gran día de BTT”. Camiño de Ribadumia, de madrugada, as tonalidades do amencer van dando paso ó brillo dun maxestuoso sol. Chegados ó noso destino, coa bicicleta xa pola man, percibes que a friaxe da madrugada ainda é notoria e os raios de sol na pel fai que a sensación sexa placenteira; no punto de saída ciclistas e bicicletas xa abundan. Observando semellante panorama, ratificas: “Efectivamente, vai ser un gran día de BTT”. Recollémolos dorsais e tomamos un café rápido, pero agradecido polo corpo, para tomarmos posicións na saída na parte dianteira para evitarmos os embotellamentos que se facían previsibles. 2.000 participantes na BTTinto 2013 así o facían presaxiar.

Daquela, cunha notoria presencia de bikers, en Ribadumia ainda quedaban uns cantos prolongando a festa nocturna, deambulando entre animosos e sorprendidos por unhas rúas cheas de bicicletas. Moitos deles esgotarían as súas últimas forzas para animala saída antes de retirarse ás súas casas.


Xusto antes saída, con Terio Carrera de speaker, ollamos cara atrás e observamos unha paisaxe dominada polo colorido dos cascos que semellaba non ter fin. Tomada a saída, eu afánome en gañar posicións ainda que non co ímpetu do meu compañeiro que, áxil dende o comezo, deu en adiantar posicións de modo fulgurante ata tal punto que o perdín de vista. Como era coñecedor de que o percorrido era longo e duro, e como non sabía cando ía poder facelo con certo sosego, decido comer e beber algo antes de adiantar algunhas posicións. Mentres o fago observo con grata sorpresa cómo os veciños de Ribadumia, da vila e das aldeas, invaden a beira das calzadas para animar efusivamente ós bikers, quenes responden con efusivos saúdos e algún que outro xesto ou invertida. Entre os participantes, as conversas nestas primeiras curvas eran animadas, con risas e bromas. Ata que o terreno comezou a empinarse cara arriba. Foi entón cando voces altas e as risotadas se transformaron nun tenue murmullo e posterior silencio, os cambios escomezaron a renxer precipitadamente. Cada un buscou o seu ritmo. Persoalmente considerei preferible tomar a ruta con paciencia polo que adoptei un ritmo medio-alto, conservador, sen abafar,  máis pendente do pulsómetro que outra cousa.


Mentres atrás se formou algún que outro embotellamento, polo que soubemos despois, comezo a pasar bikers mantendo o ritmo, seguindo algunha que outra roda. Avanzado un bo tramo de subida atopo de novo co meu compañeiro que, ainda que con bo ritmo, parecía estar pasando un momento complicado. Rodamos uns quilómetros xuntos pero rematamos separándonos. Atopo cun vello coñecido doutra ruta e decido seguir o seu ritmo. A subida continuaba e o antes agradecido sol facía agora que descendesen pola cara as primeiras pingas de suor. A cantidade de xente fai, por intres, que o avance se atranque nas partes técnicas ainda que sen formar atascos. Zonas de auga con pedras que sobresaen e lameiras profundas no medio da subida provocan as primeiras dificultades. Quen suscribe estas liñas, de feito meteu a pat... digo, a roda dianteira nun buraco que lle fixo saborear a terra. Non apreciei  no padal nada dos aromas do Barrantes, todo sexa dito. Sigo avanzando, agora en solitario, nunha eterna subida pola que rodaba Ezequiel Mosquera, cuxa roda tomo durante un par de quilómetros. “Un día grande de BTT, en tódolos sentidos”, penso. Ó paso polas aldeas, os veciños non dubidaban en ofrecer auga e ánimos ós participantes.

As zonas de baixadas eran técnicas, rápidas e relativamente longas, polo que se desfrutaban con gusto, ainda que en determinados puntos o aumento da verticalidade obligaba a sacar o mellor de un mesmo e a andar fino co manillar. Nestes primeiros tramos da BTTtinto non houbo tregua posto que non había apenas tramos chans para rodar: sempre ibamos para arriba ou para abaixo. Alcanzo así o primeiro avituallamento, previo paso por unha zona de vellos muros de pedra con estreitos pasos. Un avituallamento nutrido e abundante, ainda que dosificado pola organización. Coas pernas con boas sensacións, retomo o camiño e formo unha dupla cun compañeiro e amigo. Marcámonos un ritmo un punto máis alto do que eu xa levaba, o cal nos fai ir deixando atrás a outros participantes que tamén levaba unha carencia nada despreciable. Chegamos a unha zona dunha baixada longa paralela a un río, con pista limpa de grava na que se puido apretar con gusto, ainda do risco de ir parar directamente ó río. Tras un pinchazo reparado nun tris, retomámolo descenso.

Rematada esta gran baixada o tedio da subida volveu para as pernas, que ata ese intre responderon ben. Nembargantes esta nova subida, que nos levaría ata os campos de golf e a un avituallamento líquido, semellou interminable e as zonas de subida técnicas comezaron a facer sufrir ás pernas para aguantar o ritmo. Os escasos terrenos chans, prestos para unha rodaxe máis cosntante, permitiron “un respiro”. Despois do avituallamento comezou un tramo de terreo chan que picaba algo para arriba que, daquela e coa calor facendo mella, era todo un Tourmalet para min. Aquí, neste tramo, entorno ó quilómetro 30 apreciei que as sinais se difuminaban por momentos pero enseguida te decatabas do desvío pola presenza de sinais da ruta curta ou porque algún outro biker, presentes en todo momento, facía a advertencia. Despois dunha trialera na que parei a axudar a un biker que saía de entre os toxos, perdín ó meu anterior compañeiro e, en consecuencia, o ritmo que levabamos. Non obstante, o “rescatado” non iba coxo precisamente. Sería quen me acompañaría ata o final.

Un final repleto de trialeras e “a trialera”, unha caída case vertical entre árbores moi próximas entre sí, na entrada da cal se colocara un membro da organización suxerindo a vía alternativa se de verdade lle tiñamos aprecio á vida o que desmotivaba a uns e encendía a outros. Para rematar, un espectacular e grandioso trazado polo Bikepark na que as doses de adrenalina se mesturaban coa dor das numerosas caídas producidas, e das que eu fun partícipe. Os últimos quilómetros foron dun percorrido suave, bo para rodar, con algún que outro repeito. Neste tramo atopábase o derradeiro avituallamento cun nutrido surtido de callos e viño tinto que provocou que máis dun demorase a chegada máis do que debera.


Cheguei á meta. Un tempo de 3 horas e 12 minutos e cunha distancia marcada de 45,20 quilómetros. Pese ó gran número de participantes que había en meta púidose lavar as bicis sen colas e tomar un refresco dos ofrecidos pola organización sen agobios. Un gran traballo por parte de Salnés Bici, o Clube Ciclista Armenteiraepunto e o CDM Xesteiras, co destacado papel de Monso, deseñador desta gratificante tortura de circuito. A boa disposición e o traballo conxunto desta xente, coas institucións e patrocinadores que colaboraron, deron como resultado unha exitosa BTTinto 2013, ben que coas pegas inherentes á masificación. As paisaxes polas que nos fixeron circular e o bo ambiente de principio a fixeron que á miña mente acudise un pensamento: “¡Qué gran día de BTT!”. Moi recomendable, que por algo é a festa do BTT galego.






1 comentario: