lunes, 17 de junio de 2013

Qué sabemos dos pedais?



Cando “coller un pedal” deixa de ter nada que ver con Bacardi ou Jonhy Walker desaparecen os efectos da resaca á par que comezan a rondar certas dúbidas pola túa cabeza. Cando un comeza neste mundo, ó igual que sucede con calquera outro deporte, entra coma un elefante nunha cacharrería. Co auxe que están a coller, por exemplo, as marchas BTT últimamente todos temos visto algún participante con camiseta de algodón, zapatillas NIKE ou a sudadeira atada á cintura. 

O noso propósito de hoxe é axudar a xente que poida estar a empezar e teña dúbidas sobre o material co que se facer, e sobre se este será axeitado ó uso que se lle vai dar.
Unha das inevitables pedras nas que tropeza cada afeccionado que empeza na bici son os pedais, peza esencial na bicicleta que ten tantas posibilidades e opcións como peixes hai no mar e que fai dubidar a moita xente, entre outras cousas, sobre cándo é o momento axeitado para pasarse ós famosos pedais automáticos.


Este tipo de pedal non é máis que o cumio dunha evolución técnica que ó longo do tempo tratou de fixar o pé ó pedal, mediante unhas tiras de coiro primeiro que impedían vota-lo pé ao chan con rapidez en caso dun apuro e que chegaban a facer auténticos estragos nos pés dos ciclistas profesionais. Co paso dos anos, deron nos modernos modelos que podemos ver hoxe nas tendas especializadas.


Considerada por moitos a evolución técnica máis grande no mundo do ciclismo, foi Bernard Hinault quen, tras unha lesión no talón de aquiles e, da man de Look, deu, xunto cos seus mecánicos, nesta solución que anos máis tarde acabarían acollendo todos os equipos unha vez que, en 1984 Hinault se convertiu no primeiro gañador do Tour de Fance con esta evolución montada na súa bici.
Esta novidade tamén remataría por dar o paso ó monte e aparecería máis tarde no mundo do Mountain Bike.


Comezamos pola modalidade para estrada:

Os pedais automáticos aquí teñen unha base máis ancha, buscando unha fixación firme en todo momento. Os modelos son infinitos, cada marca saca o seu. Evidentemente entre os máis coñecidos están os de Look, descubridores do sistema, e as marcas de sempre como pode ser a xaponesa Shimano.


Hai varias consideracións a ter en conta á hora de pasarse ós pedais automáticos. Primeiramente este paso compre dalo unha vez que as saídas coa túa amiga comezan a ser habituais e intensas. Os beneficios son numerosos, dende conseguir un pedaleo máis uniforme e eficaz ata evitar lesións. Non obstante cobra unha importancia radical a correcta colocación das calas (peza que se fixa á bota e que une esta ó pedal) nas botas xa que, de non ser así, as molestias e unha posible lesión de xeonllo non tardarán en aparecer. Como sempre, vos aconsellamos que acudades para elo ó voso mecánico de confianza que, a bo seguro saberá aconsellarvos e incluso montarvos as calas nas vosas zapatillas novas.

Con respecto ás calas, ó marxe dos distintos tipos que cada marca adapta ó seu propio pedal atopamos outra peculiaridade: o distinto nivel de fixación. En concreto, e por poñer un exemplo, Shimano distingue o grao de fixación das súas calas en función da cor das mesmas:

Negro. Aporta a máxima fixación. Como punto negativo atopamos que aumentan as probabilidades de lesión ó evitar calquera clase de movemento do pé para acomodalo ás necesidades biomecánicas.

Gris. Supoñen o compromiso entre comodidade e fixación ó 50%.

Vermello. Aumenta a comodidade xa que permiten a máxima movilidade do pé, polo outro lado a sensación pode asemellarse á de leva-lo pé completamente solto.
 
Calas Look

Imos ó monte:

Pasados xa ó mundo BTT, aínda que a función dos pedais automáticos é a mesma, a cousa cambiache bastante.

Para comezar todos somos conscientes de que no monte as probabilidades de ter que vota-lo pé ó chan repentinamente aumentan de maneira importante. É por iso que o sistema para sacalo pé resultará sempre moito máis sinxelo sen que isto limite demasiado a fixación de este ó pedal. A parte de iso o sistema funciona en ambas direccións, tanto cara dentro como cara fora, dependendo das diferentes necesidades do momento.

Aquí, para aqueles que aínda dubiden se deben optar polos automáticos, ou ben para aqueles que tamén usen a bici no seu día a día, existe a posibilidade de montar os pedais mixtos, que levan sistema automático por un lado e son planos polo outro.

Máis aló o que atopamos son fundamentalmente dúas opcións:
A primeira ben podería vir constituída por uns Shimano , M520, M540… (ou o equivalente de calquera outra marca) entre os distintos modelos a variación é só no peso e o funcionamento é igual de sinxelo. 


Este modelo de automático na nosa terra ten un problema: en Galicia chove, ou non? É raro o día que non atopes lama no teu camiño, lama que se introducirá tanto no pedal como na cala da zapatilla e che dará non poucos problemas se te tomas o BTT con algo de seriedade.

Como todo ten solución existe tamén o modelo Cranckbrothers. 

Un pedal sinxelísimo e consistente en pouco máis que dous arames unidos por un muelle. É máis lixeiro e, como tantas veces, a solución máis sinxela trae enormes beneficios. A terra e a lama se colan con facilidade polos seus ocos polo que as probabilidades de que se atasquen se reducen enormemente.

Pouco máis que engadir en canto ó que pedais se refire. Visita a túa tenda e o teu mecánico che axudará a valorar cál é o modelo que mellor se amolda ás túas necesidades. Logo deberás valorar o factor económico xa que os pedais e as zapatillas poden chegar a sumar “unha salsa” e non é preciso nin aconsellable ir “moi de pro”; se trata de buscar aquilo que necesitas.
Esperamos tervos servido de axuda para atopar os vosos novos pedais. Como sempre agradecermos a Oliveira Bike pola súa inestimable axuda e atención.

Ata a próxima... ídelle dando!

2 comentarios: