jueves, 21 de julio de 2016

"Behind the scenes", analizamos a polémica do Mont Ventoux con Iván Lorenzo



Hai uns días saltaba a polémica no Tour despois da etapa que remataba no Mont Vetoux, etapa que calificabamos de “chapuza” e na que, segundo o noso criterio tres dos máximos favoritos puideron ser sancionados.
A través do noso Facebook puidemos comprobar como as opinións eran de todos os gustos e quixemos afondar algo máis no tema xa que nos resultaba interesante e sempre é unha boa ocasión para coñecer algo máis deste mundo que tanto nos apaixona.

Hoxe falamos con Iván Lorenzo, Presidente do Comité Técnico de Árbitros da Federación Galega de Ciclismo.

Iván atópase nesa parte da carreira que adoita pasar desapercibida, están agochados, non saen na tele pero a súa labor é fundamental para que unha proba ciclista poida funcionar.

ASCIGA: Antes de nada nos gustaría coñecer como se lle da alguén por querer ser xuíz-árbitro? Xeralmente cando somos novos todos queremos ser Perico, Induráin, Contador... segundo a época.
IVÁN:  Sen dúbida, os rapaces teñen como espello aos grandes corredores, aqueles que lles fan levantarse do sofá e coller a bici despois de ver unha etapa do Tour, por poñer un exemplo.  No meu caso particular, fun ciclista federado ata a categoría cadete, logo centreime nos estudos universitarios pero continuei usando a bicicleta como cicloturista. Un tempo despois, hai xa dez anos, decidín volver a tomar contacto directo co mundo do ciclismo federado, pero desta vez, dende unha perspectiva obxectiva do mesmo,  como xuíz árbitro.

A: El cal é o camiño a seguir? Que preparación ou requisitos debe ter un xuíz-árbitro?
I: O primeiro que se lle esixe a un aspirante a xuíz árbitro (así é como se denomina á categoría na que se comeza neste estamento) é que se sinta atraído polo ciclismo, lóxicamente valórase tamén un mínimo de experiencia, normalmente a xente que toma a decisión de comezar na arbitraxe son excorredores ou mesmo antigos directores deportivos. O seguinte paso, logo dun ano como mínimo como aspirante a xuíz árbitro, é a preparación de cara ao exame de xuíz árbitro rexional, para logo continuar coa formación arbitral e chegar a acadar categorías arbitrais máis altas.

A: Unha vez aquí. Como é a groso modo un día de carreiras? Cal é o traballo antes, durante e despois da proba?
I: Loxicamente iso depende da proba ou modalidade en cuestión, pero o noso traballo comeza coa comprobación e estudo do regulamento particular da proba, que se realiza días antes da celebración da mesma, logo tamén é importante a labor administrativa, como a comprobación das licencias dos corredores. Xa durante a proba, a nosa labor radica no correcto transcorrer da proba a nivel deportivo, velando polo cumprimento dos regulamentos que rexen a mesma, así como validar as clasificacións tanto da etapa como dos pasos intermedios, se é o caso. O noso traballo, unha vez concluída a proba soe ser a de atender, se é preciso, as posibles reclamacións.

A: Agora que xa coñecemos un pouco mellor o voso traballo ímosche poñer a exame. Imos analizar as tres accións que comentabamos o outro día e ver o que di o Regulamento ó respecto e comparar a túa análise coa resolución adoptada no Tour:
A primeira acción á que faciamos referencia é o “tras coche” de Fabio Aru despois de sufrir unha avaría e ter que cambiar de bicicleta:



Curiosamente nesta ocasión si puidemos percibir o voso traballo durante a retransmisión da proba xa que todos escoitamos o asubiar dun pito en directo. Que significa ese pito?
I:  Ese silvatazo que se escoitou en directo foi realizado polo xuíz que nese momento presenciou esa acción, segundo o regulamento UCI, unha vez detectada esta acción en particular, ou mesmo outras que contempla o regulamento, o xuíz, antes de sancionar, debe advertir a acción ao corredor e ao vehículo en cuestión,  e así foi como se actuou neste caso particular.

A: Logo a acción de Aru, e do seu compañeiro podería ser merecedora de sanción? E cal podería ser?
I: Neste caso non, porque momentos despois da advertencia preceptiva do xuíz, a posible acción antiregulamentaria cesou, é dicir, o regulamento insiste en que para sancionar a acción esta debe ser continuada logo da advertencia do xuíz.





O que aconteceu na subida do Mont Ventoux foi todo un despropósito dende o punto de vista organizativo, niso estamos todos de acordo. No incidente coa moto víronse involucrados tres corredores: Mollema, Porte e Froome. Este último, líder da carreira, quebrou o cadro da súa bici quedando esta inservible. Todos vimos tamén como o británico botaba a correr cargando coa súa máquina abandonándoa apoiada a unha moto uns metros máis adiante.
Que di o Regulamento neste caso? Todos lemos e escoitamos falar do xa famoso artigo 14 pero, é aplicable a este caso?
I: O regulamento, loxicamente, non contempla todas as accións posibles nunha proba ciclista, e este é un claro exemplo. Aquí entra a interpretación do regulamento en cuestión, interpretación que debe ser realizada polo Xurado Técnico do Tour de Francia, 15 xuíces árbitros da elite mundial. Certamente o artigo 14 fala sobre a imposibilidade de realizar parte do percorrido sen bicicleta, pero non foi o que se adoptou nesta acción particular.
A: Pero Froome non foi sancionado, cal foi logo a resolución que se adoptou?
I: O artigo 2.2.029, que fala sobre  incidentes que poidan afectar ou falsear o desenrolo regular da proba, e aquí situaríamos ao público presente na subida do Mont Ventoux. O público non é un elemento de carreira, como poden ser os vehículos da cápsula de seguridade da proba, e, lembremos, a orixe do incidente foi a excesiva presencia de público, que provocou o frenazo da moto e a posterior caída dos corredores en cuestión, por tanto, baixo o meu criterio, decisión totalmente acertada por parte do Xurado Técnico.




Xa para rematar imos co colombiano Nairo Quintana. No medio do esperpento montado nas ramplas do último porto da xornada a cámara dun afeccionado puido gravar ó corredor agarrado nunha das rodas de reposto dunha moto de Mavic.
Neste caso que atopamos no Regulamento?
I:  Efectivamente accións como esta son antirregulamentarias.

A: Tampouco houbo sanción...
I: Existe unha máxima para sancionar a un corredor, o feito en cuestión debe ser visto directamente polos xuíces, nunca a través dun vídeo dun afeccionado; pensemos que nunha proba como o Tour de Francia participan arredor de 200 corredores, existen infinidade de cortes, especialmente nas subidas cara aos portos de montaña, de xeito que é case imposible controlar ao 100% as accións do corredores durante todo o percorrido. De tódolos xeitos, estou convencido de que este foi un feito puntual, e que non chegou a beneficiar claramente ao corredor en cuestión.

A: Xa só nos resta agradecer a Iván a súa atención e o seu tempo e agardamos non só ter arroxado algo de luz sobre as accións analizadas se non ter dado a coñecer o importante traballo que se realiza "behind the scenes" polos señores comisarios en cada carreira.

Agardamos tamén que a todos vos teña resultado esta publicación polo menos a metade de interesante que a nós realizar a entrevista. Sempre procuramos aprender algo de todo canto fagamos e hai que dí que non se pode saber de todo, pero é imprescindible ter o teléfono de quen o saiba, jejeje

No hay comentarios:

Publicar un comentario