miércoles, 8 de octubre de 2014

"La Vuelta" en € (Capítulo I)

Vimos de disfrutar dun dos maiores espectáculos ciclistas do mundo na nosa terra. Non hai dúbida de que todos os afeccionados, e os que non o sexan, quedamos encantados vendo a loita das figuras máis importantes do mundo do ciclismo nas nosas estradas. A moitos, incluso, nos pasaron pola porta.

Para a historia quedará a vitoria de Contador en Pandozarco, o bravo ataque de Purito ou o "pau de Froome".


Non obstante a ninguén se lle escapa que o esforzo económico que as distintas administracións teñen que soportar para contar co paso de La Vuelta polos nosos Concellos ten que ser importante. Críticas a este gasto chegan dende fora do mundo do deporte e do ciclismo: aqueles que opinan que poida haber outras prioridades a día de hoxe; e mesmo dende dentro: os que opinan que ese diñeiro non é máis que o pago da débeda que o Goberno de Feijoó ten co ciclismo galego pola extinción do Equipo Xacobeo.

Evitando entrar en valoracións máis profundas, e dentro dos nosos limitados medios, imos tentar de arroxar un pouco de luz sobre este tema e facernos unha idea de cánto nos custa ós galegos o paso de La Vuelta.

Unha das primeiras cousas que nos chama a atención é que, dende o día mesmo da presentación das etapas con saída e chegada no noso territorio, que tivo lugar no Gaiás, escoitamos falar ó Director do evento, Javier Guillén, dun suposto "retorno económico" do gasto que hoxe nos ocupa. Este termo técnico trata de facer referencia a todos os beneficios que supostamente ten o paso do evento polos nosos concellos en euros.

Como exemplo: a Deputación da Coruña estimou que o paso da proba deportiva pola súa capital deixaría un total de 360.000€. Todos comprendemos como o veciño do Ézaro que ten unha taberna ó pé da subida ó mirador poida ter visto sensiblemente incrementadas as súas vendas de café ós fins de semana dende o día que Purito se coroou alí no 2012. Pero diso a falar de 360.000 € sen dar máis datos nin publicar o estudo do que supostamente se extrae ese dato hai uns cantos pasos. Se pode dicir que hai unha importante falla de transparencia que impide constrastar ditos datos coa realidade. E até aí pode chegar a análise.

Pola outra banda, a dos gastos, e tamén cunha importante falla de transparencia, imos tendo coñecemento de parte das cifras que manexa o evento.

Así as cousas, e a día de hoxe podemos ter unha idea do custe que etapa CRI de Compostela "El final del Camino" supuxo para as arcas da Xunta.

O pasado catro de Agosto se publicaba un primeiro contrato con obxecto: PROMOCIÓN DO TURISMO DE GALICIA A TRAVÉS DA ETAPA 21ª SANTIAGO DE COMPOSTELA-SANTIAGO DE COMPOSTELA (CIR), DA VOLTA CICLISTA A ESPAÑA, por un total de 289.256,20 € sen IVE. 

Esta cantidade viuse incrementada finalmente nun total de 55.000 € sen IVE nun contrato complementario.

Isto deixa unha cantidade final despois de impostos de: 416.550 €. Unha cantidade considerable nunha etapa de 10 Km polas rúas da nosa capital.

"E até aí podemos ler".

Nada máis polo de agora, aparte de aclarar, por unha banda, que esta cifra corresponde únicamente ó gasto da Xunta na Promoción do turismo a través da CRI de Compostela e, por outra, reiterar o noso compormiso de continuar compartindo convosco os datos que teñamos sobre o gasto de Deputacións e Concellos tanto nesta como nas restantes etapas que tiveron lugar en Galicia.

Poida que algún día cheguemos a saber cánto custou traer La Vuelta a Galicia.

2 comentarios: