miércoles, 13 de febrero de 2013

Ollos de gato.



Son moitos os problemas que suscita a circulación con bicicleta polas estradas, en concreto resulta moi preocupante o número de ciclistas falecidos e que esta sexa a única cifra que continúa a medrar sen que, aparentemente, a administración tome medidas co obxetivo de recurtala.

O que habitualmente sae coa súa compañeira á estrada é bo sabedor de que un dos problemas máis conflictivos son os arcéns non practicables. É sabido que o ciclista debe circular polo arcén “cando este sexa practicable”. Pero a falta de practicabilidade desta parte da calzada é unha circunstancia que case sempre escapa á percepción dos conductores motorizados que ven: un arcén pavimentado de metro e medio, e un ciclista “insolente” que ousa  ocupar parte do seu carril, sen percatarse das condicións reais daquela parte da calzada, condicións tales como: gravilla, cristais, tornillos e pezas de vehículos, animais mortos, latas de refrescos, barras de Aluminios Cortizo, etc… Todos estes obxetos están presentes en certos tramos dos arcéns e impiden unha circulación segura para o ciclista.

Non obstante quero facer hoxe unha breve reflexión acerca dos OLLOS DE GATO, inseparables amigos do ciclista na estrada ós que hoxe lles toca recibi-la miña humilde crítica.

Ollo de gato é o nome coloquial que recibe esa peza reflectante que se coloca pegada ó asfalto a carón da liña que delimita o carril e que serve para tratar de evitar posibles saídas de vía durante as horas con menos luz, e que o Regulamento Xeral de Circulación denomina sinais de balizamento horizontais.
Estas balizas foron inventadas en 1933 polo británico Percy Shaw, quen, viaxando no seu coche unha noite escura puido evitar unha saída de vía gracias a que as luces do seu vehículo se reflectiron nos ollos dun gato á veira da estrada.




A peza orixinal ten dous reflectantes redondos que semellan os ollos dun gato. Trátase de dúas esferas de vidro adheridas a unha peza de goma que se deforma ó paso do tráfico, todo rodeado dun borde de ferro que facía, ademáis, unha función semellante á de unha banda sonora (non confundir con BSO). Existe un caso documentado en 1999 no que se produciu a morte dunha persoa polo desprendemento dunha destas pezas e o posterior impacto na súa cara. Isto provocuo que paulatinamente se fosen substituíndo polo modelo de plástico que podemos ver nas nosas rúas.

A súa colocación non é inútil, cumpren unha función esencial e importante, e aínda que moitas veces non nos percatemos da súa presencia cando conducimos motorizados, sí que son eficaces á hora de delimitar as dimensións do carril durante a noite; e non se pode negar que claquera medida que aporte seguridade debe ser valorada positivamente.

Problemas que observamos:

Inobservancia. Como queira que sexa os nosos protagonistas de hoxe acaban desaparecendo dos seus emprazamentos. A qué pode ser debido? Obviamente ó paso do tráfico motorizado. Este sí é un tema preocupante, se os ollos de gato saltan polos aires e desaparecen só se pode deber a un motivo: os conductores motoriazados, eses que pasan pitando indignados e desafiando o 1,5m de seguridade cando o ciclista invade o carril, ocupan “algo máis” que o espazo que teñen reservado á súa circulación invadindo o arcén e producindo así o desprendemento destas sinais de balizamento. Esto pode deberse a diferentes motivos, como por exemplo a un despiste, a unha manobra evasiva ou a aqueles que gustan de corta-las curvas (ojo se cierra ras!).

Ineficacia. De non saír voando, os ollos “superviventes”, non sempre cumpren coa sua función xa que en non poucas ocasións perden as pezas que reflicten a luz dos faros convertíndose nun obxeto inherte a efectos de seguridade vial.

Duplicidade. En bastantes das nosas estradas a revisión destes instrumentos de seguridade por parte da administración se limita a colocar unha nova ringleira deles sen retira-los vellos (tal como se ve na imaxe seguinte), o que nos leva ó seguinte punto.



Perigo. Debido á zona onde están situados (a máis próxima á liña que delimita carril e arcén) atópanse na zona de tránsito ideal do ciclista xa que é a que menos suciedade acumula e por iso supón, non so un importunio, senón tamén un perigo para éste.

Circulación en grupo. É unha circunstancia agravante. Cando varios ciclistas circulan en grupo (ben sexa en liña ou en paralelo) surxe un problema engadido. Evidentemente o que “tira do grupo” (o primeiro) ve perfectamente calquer obstáculo que se aproxima. Para aqueles que non adoitedes saír en grupo, sabede que normalmente o que “goberna” o grupo avisa ó que o segue con un sinxelo xesto e así sucesivamente cando se achega un obstáculo co fin de poder evitalo; isto non sucede así cos ollos de gato xa que (entre outras cousas) case non poderiamos suxeitar o manillar pola proximidade á que se atopan entre sí. Como consecuencia as posibilidades de que unha das unidades que circula no medio do grupo se “coma” todos os ollos de gato é moi alta co conseguinte perigo para él, para o grupo e para a circulación en xeral.



Polo dito ata o de agora os ollos de gato cumpren unha función na seguridade das nosas vías. Pero ó mesmo tempo xeneran un perigo para unha importante parte dos seus usuarios. Logo non estaría de máis votar un vistazo e revisar os nosos arcéns.



Propostas:

O obxecto do balizamento horizontal é tratar de evitar as saídas de vía nas zonas pouco iluminadas, logo a primeira idea sería revisar se é precisa a súa colocación nas zonas suficientemente iluminadas.

Un segundo paso podería ser valorar a necesidade da súa colocación ao longo de toda a vía e ver se se podería limitar únicamente ás curvas, cruces e todos aqueles lugares onde pode resultar complexo distinguir por ónde discorre o noso carril cando circulamos motorizados de noite, eliminándoos así das rectas, por exemplo.

Xa como esixencia fundamental estaría a de eliminar todos aqueles que xa non cumpren a súa función polo deterioro sufrido co paso do tráfico motorizado e, sobre todo, evitar a colocación de novos instrumentos sen eliminar previamente os vellos.



Ó marxe do dito existe unha solución ideal para todos. Ven de presentarse un proxecto en Holanda gañador do premio ó “Mellor concepto futurista” nos premios de deseño de aquel país (Dutch Desing Awards). Se trata da construcción dunha vía “intelixente” que se comezará a construir este ano.

En concreto, a parte que nos interesa deste proxecto é a relativa á pintura. Consiste en substituila pintura existente por unha con un alto contido en novos materiais capaces de capta-la luz do día, almaceala e ila liberando ós poucos durante a noite, de forma semellante ó material “luminova” que se usa nos reloxos de pulseira e que permite mirar a hora na escuridade. Se cadra non é o momento máis axeitado para plantexar ideas deste tipo que supoñen un gasto para a administración, ou si, trátase de salvar vidas e como dicía o famoso anuncio de Frigo: “a vida é cuestión de prioridades”.





domingo, 10 de febrero de 2013

Somos distintos, pero... ¡un respeto!


Dende a irrupción dos vehículos automóviles nas vías públicas (moi posterior á das bicicletas) a situación dos usuarios das mesmas, particularmente a dos ciclistas, mudou en tódolos sensos. A aparición a finais do século XIX e comezos do XX dun vehículo de considerable volume e capaz de alcanzar grandes velocidades foi relegando á marxe das estradas, primeiro por costume, logo por leis ad hoc, ó resto de usuarios da vía pública co pretexto de que aqueles vehículos motorizados puidesen desplazarse causando os menos perigos posibles. Esta circunstancia abocou na consecuencia, aínda imbuída na mente de moitos conductores, de que os coches en xeral son os amos e señores da estrada, mentres que os demáis se deben “botar a un lado”, nunca mellor dito.



Co paso dos anos este pseudorazoamento foi calando, e a carestía daquela primitiva normativa, consuetudinaria ou lexislativa, foi manifestándose como evidente. Emporiso, xurdíu a idea de crear unha delimitación espacial mediante a cal, cun trazado de liñas lonxitudinais, se separaba o espazo da estrada destinado ós vehículos a motor, a calzada, do espazo para o resto de usuarios,sinaladamente ciclistas e peatóns, que é o coñecido como arcén. Era a consolidación do automóvil como rei da estrada e a marxinación definitiva dos demáis. Non obstante, nesa vontade de mellora das estradas e das rúas das cidades o salto definitivo veu dado coa introducción no antigo arcén dun elemento que illaba ó peatón, como usuario exclusivo do mesmo, da estrada: a beirarrúa ou acera. Un elemento que, efectivamente, supuxo un notable avance na seguridade peonil e na ornamentación urbanística pero que denostou definitivamente ó arcén como parte da vía pública e ó ciclista como usuario do mesmo, chegando a ser reducido aquel ó mínimo e, inclusive, facéndoo inexistente. É dicir, un destino parello ó do ciclista.


Así as cousas, a problemática quedou prácticamente reducida a unha sinxela cuestión bifronte pero que aínda hoxe carece de solucións aceptables: os ciclistas, que quedaron relegados a un moi minorado arcén, e os vehículos a motor, aínda baixo o influxo da concepción señorial da estrada.

Sen embargo, xa centrándonos no noso país, os diferentes corpos normativos reguladores da circulación viaria, facendo caso omiso das diversas circunstancias que atinxen a colectivos tan diferenciados como o son ciclistas e automovilistas empéñanse en mesturalos como se se tratase de entidades xurídicamente análogas cando non é así. Emporiso, dende a ASCIGA, consideramos insuficiente a existencia de normas para o ciclista “metidas con  calzador” no Código de circulación, a xeito de excepcións ou apuntamentos ás normas para os vehículos automóviles, e avogamos pola existencia dun corpo de normas específico para o ciclista como suxeito diferenciado. Diversas son as razóns que nos impulsan.

-         Non é concebible tratar como situacións de igualdade, sobre todo no tocante ás sancións, situacións manifestamente desiguais nas que existe un suxeito débil, como é o ciclista, e un suxeito preponderante, o automóvil.

-         Os medios polos que se moven son asimesmo diversos. Ainda que ambas forman parte integrante deso que todos coñecemos como estrada é unha realidade indiscutible que as políticas públicas e os coidados limítanse ó mantemento da calzada mentres que o arcén, se existe, acaba converténdose no caldeiro do lixo dos automovilistas, ó que se arroxan todo tipo de obxectos sen que sexan obxecto de limpeza, co perigo que iso conleva para os ciclistas. Recordámosvos que na ASCIGA facemos acopio de fotografías e todo tipo de documentos nese senso, e que nos podedes facer chegar, en pos da denuncia.


-         O ciclista emprega o seu propio esforzo para moverse e desplazarse, sexa para un simple recado ou sexa para un adestramento de longa distancia. En calquer caso, dita circunstancia debe imperativamente convertelo nun usuario privilexiado e deben provérselle os medios para poder facelo e deben poder ser denunciados por calquer medio os abusos de superioridade dos restantes usuarios.

-         As normas sancionadoras dos ciclistas deben ser atenuadas cando non suprimidas, a cuxo efecto a ASCIGA interesa a creación dun código específico ou un apartado no Reglamento de circulación na que se conteñas as conductas reprobables, e soamente as de maior lesividade. Téñase en conta que cando un ciclista comete unha infracción é precisamente este quen asume un risco, pero un risco no que soamente pon en perigo a súa propia vida, que, ainda non reputándose como excusa bastante, marca unha importante diferencia respecto dos “despistes” ó volante que, sabido é, deixan un diario e constante regueiro de mortos, infractores e inocentes.

-         Promovemos a utilización dun catálogo de aparellos electrónicos que non entorpezan a circulación do ciclista, tales como poden ser reproductores MP3 ou teléfonos móviles acoplados no manillar. Non é aceptable que se permita a manipulación de certos equipamentos de serie en automóviles tales complexas pantallas táctiles de utilidades varias ou aparatos de radio de enorme complexidade, e a cotío con decenas de funcións, co perigo que dita manipulación supón, e que se sancione o emprego de sinxelos, case rudimentarios aparellos de música que non crean perigo.

-         Os automóviles, dende sempre, e cada día máis, incorporan elementos de seguridade activa e pasiva cualitativa e cuantitativamente funcionais que permiten garantir a seguridade do conductor en circunstancias normais e que este saia ileso de accidentes de carácter leve o cal implementa a falsa creencia de que aquel se pode distraer en zonas de reducida velocidade por esa confianza na seguridade propia. Nembargantes, un incidente que para un automóvil pode revestir carácter leve pode ser sinónimo de morte se as circunstancias fan que nesa situación concorra un ciclista dado que os elementos de seguridade deste se reducen ó casco, se se pode reputar como tal.

Non promovemos unha dictadura do ciclista nas estradas nin sequera unha amnistía respecto das sancións, senón que loitamos por unha auténtica XUSTIZA VIARIA, co pretexto de buscar unha normativa máis coherente e lóxica coa realidade das estradas. Unha realidade da que, moitas veces por desgracia, temos un fidedigno coñecemento, o cal nos lexitima para sabermos qué é o que precisamos. Cremos que poñendo o noso gran de area contribuiremos a facer das nosas estradas uns camiños mellores para todos.

miércoles, 6 de febrero de 2013

Oda ás vellas.

A paixón pola bici nace moi cedo cando por primeira vez eres capaz de manter o equilibrio e dominala sentes algo especial que xa nunca se separará de ti, igualmente que outras cousas che acompañarán onde queira que vaias con ela. Pensando e recordando experiencias da miña vida descubrín unha curiosa constante nas “nosas” aventuras: AS VELLAS.

Sexa polo carácter que dá a experiencia, sexa polo enorme corazón que latexa no seu peito, sexa polo que sexa a muller galega ten algo especial que ó chegar a certa idade as rebiste dun aura especial e que podería diferenciar a unha vella galega en carqueira parte do mundo.




Xa de nenos, nas primeiras aventuras, en compaña de meu primo e cunhas fantásticas Cross BH comezamos a percorre-los montes de Dodro ós fins de semana. Non fallaba o día no que atopabas algunha vella dunha pequena aldea veciña que, estranada de ver a dous cativos sós por aqueles lares, se preocupaba por nós co seu mitico: “e logo de quen sodes?”. Sempre podiamos contar con elas para guiarnos, atopar unha fonte ou conseguir algunha peza de froita para o camiño. Porque a muller galega é nai!

Na nosa aldea xa era máis complexo, xa eramos coñecidos e as relacións coas vellas máis tirantes. Nós comezabamos a experimentala velocidade deixándonos caer camiño abaixo por entre os muros de pedra que mesturaban cheiro a esterco e a empanada recén feita. Por contra a elas lles molestaba que andivésemos todo o día “facendo o Fitipaldi por diante da porta”. Porque a muller galega é dona da súa casa!

Alá onde chegues te cruzarás unha vella apañando herva nun campío, tirando dun carro da compra ou dunha carretilla repletiña de grelos. Sexa como sexa non hai mellor método para atopar unha fonte coa auga máis fresca que poidas imaxinar ou para asegurarte de que vas na dirección correcta que acudir a elas. Porque a muller galega  ten corazón!

Vai facer un ano da última edición da Andaina da bisbarra do Sar que por primeira vez acollía a categoría BTT. Foi un interesante desafío, e moi dura sinceiramente.  Pouco antes do quilómetro 25, comezando o ascenso á Muralla, e marchando nun grupiño con 4 BTTs máis, nos atopamos con outro participante que viña de volta, monte abaixo, branco coma un papel de fumar… - Imos mal por aquí? – Non, pero ahí diante hai unha vella cunha motoserra na man que dí que esto e dela e que por ahí “non pasa nin dios!”. Cincocentos inscritos tiveron que vairalo percorrido. Porque a muller galega ten xenio!

En xuño os Amigos de Ezequiel Mosquera organizaron a primeira edición da marcha ciclodeportiva que leva o nome do magnífico ciclista de Teo. O desafío era subir, tras máis de 100 Km, o que dín que pode ser o porto máis duro da península: Pandozarco, unha auténtica parede de 10 Km capaz de facer votar o pé ó chan ó campión máis bravo. A ascensión comeza na aldea de Murias e, ós 2 Km se desvía (á dereita) da ascensión ó Porto de Ancares onde finalizou a 14 ª etapa da Volta a España 2012. A organización, prevendo que algún participante non fose quen de remata-lo percorrido por mor da dureza desta ascensión colocou o seguinte letreiro naquel cruce:

Na organización comentaban tras remata-la proba que moi poucos participantes optaran pola opción “menos dura”. Quizáis tivese algo que ver que, entre un grupo de mozas que animaba á veira da estrada naquel punto, houbera unha vella cunha vara mallando nos que trataban de seguir de fronte e berrándolles: “pasa por alí!, ou tí non eres bravo!? Porque sí amigos, a muller galega, ante todo, é brava!



É un "algo" especial o que distingue ás nosas mulleres: dicían Heredeiros da Crus que: “ás galegas criamolas nós, con pan de millo, caldo e filloas”, Carlos Blanco dí que sen a súa nai nunca houbera aprendido a relear: “canto me das por sacarche esa merda de xoubas de diante?” e a nosa Rosalía: “Miña nai, miña naiciña! Como miña nai ningunha, que me quentou a cariña coa calorciña da súa”.

É distinta, ten algo máxico, a muller galega é especial, e ó chegar á vellez desplega con toda explendor o seu carácter igual que as mimosas tinguen de cor os nosos montes ó pasalo inverno; Luis Davila vía así a pasada edición da Volta a España:

Algo podedes ter seguro, se vosa nai é unha brava galega, levades algo no sangue máis potente que calqueira tipo de dopping, ata que a UCI decida prohibir competir ós galegos!