Mostrando entradas con la etiqueta dopaje. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta dopaje. Mostrar todas las entradas

martes, 9 de julio de 2013

"Put me back on my bike", a dopaxe en xullo por favor!!!



Dicía miña avoa: "feita a lei, feita a trampa".

As sospeitas de dopaxe no Tour apareceron nos anos 30 da man da cocaína e as anfetaminas, usadas estas últimas polos exércitos de Hitler para combate-la fatiga e mante-la alerta da tropa, a dúbida sobre o seu consumo xa acompañaba a un Jaques Anquetil que se afanaba en beber leite ante as cámaras presentándoa como fonte única da súa fortaleza.


De aquí en diante a sospeita sobre o uso de sustancias que potenciasen o rendemento físico foi unha constante ate que o 13 de xullo de 1967, nas durísimas ramplas do Mont Ventoux, un desatado Tom Simpson, que trataba de remontar os minutos cedidos nas xornadas anteriores, perdía a vida provocando un punto de inflexión histórica no tema que hoxe nos ocupa. “Put me back on my bike” (Subídeme de novo á bici) murmuraba mentres a súa vida se lle escapaba das mans ó mesmo tempo que a vitoria que tanto ansiaba. Foi a mostra definitiva de que o desexo de vencer podía poñerse por enriba da propia vida na lista de prioridades dun deportista e de que se antollaba imprescindible exercer unha función paternalista sobre estes dende as institucións.
Podemos situar o piar virtual da loita contra a dopaxe na estrada que ascende ó Mont Ventoux e cuxa base é preservar a vida e a saúde do ciclista.
Unha longa listaxe de sospeitas e denuncias seguen a esta dramática etapa ata o día de hoxe. Algo cambiou, algo nos fixo perder o norte, ou máis ben ás institucións encargadas de velar polos ciclistas, e moi especialmente á UCI cando, décadas máis tarde, o presidente deste estamento internacional fala sen rubor de sancionar a un ciclista que leva anos tristemente falecido, Marco Pantani.



Dicía que algo nos quedou no camiño porque, tal como vimos de comentar, o obxecto principal no inicio da loita contra a dopaxe foi, e non debería deixar de ser, a preocupación pola saúde do ciclista. Todo así, me gustaría que o señor McQuaid nos explicase de qué xeito vela pola saúde de Chris Froome e Alberto Contador sancionando a un defunto; ou o que é máis grave: de qué forma se protexe ó propio Pirata? Neste caso está claro que a acción UCI, a federación italiana e resto de estamentos deportivos chegan con máis de 9 anos de retraso, e que claramente lle fallaron ó máis grande escalador de todos os tempos (co permiso da Águia de Toledo). Deste modo, igual que a sospeita da dopaxe planea sobre os deportistas, a sombra da avaricia sementa de penumbras toda a actuación do estamento internacional máis importante no mundo do ciclismo.

O feito de retirar os títulos a un defunto que, ó marxe doutras consideracións, non pode exerce-la súa defensa, coa base dunhas mostras de sangue que, nun claro ataque á intimidade e á personalidade do deportista, seguen sobrevivindo ó seu propietario a perpetuidade, ó igual que unha débeda nunha herdanza, para seguilo criminalizando e á espera de tempos mellores (economicamente falando) para a súa estirpe, ate o día do Xuizo final, non debe ser a fin nin o obxecto da loita contra a dopaxe. 




Tal como comentamos a morte de Simpson é o paradigma e o faro que debe guiar toda actuación por parte da UCI e resto de organismos encamiñadas neste senso.


A evolución do propio deporte e as intereses económicas que moven, a día de hoxe, ós equipos profesionais fan que a tentación e a iniciativa no uso de sustancias prohibidas non parta do propio deportista en moitas ocasións, se non de quen guía a súa carreira. Proba desta afirmación é claramente o uso da EPO, a súa administración resultaba máis económica ós equipos que realizar longas e custosas concentracións en altura que, casualmente, proporcionan os mesmos beneficiosos resultados. Hoxe en día, estandarizado o seu control nas análises, os equipos volven a Serra Nevada na pretemporada.


Volvendo agora ó encabezamento desta entrada: por qué non se escoita falar da dopaxe en xullo, en plena tempada? Por qué as “cazas de bruxas” sobre os ciclistas se producen anos despois cando as arcas do retirado están ate os topes de € ou $? Se algún mal produciu a dopaxe sobre a súa saude… non será xa un pouco tarde?


Ó contrario do que nos contan, a dopaxe non vai por diante do control posto que a evolución técnica é a mesma xa que nos atopamos no mesmo campo. Se coñecía o modo de eludir os controis de urina, igual que tras o positivo de Landis apareceron as micro-transfusións e do mesmo xeito que o que hoxe “da pulo” no pelotón é ter un TUE (algo así como “tratamento terapeutico autorizado”).


Lonxe do afirmado na entrevista-show con Ophra o que empurraba a Lance Armstrong nos seus sete Tours era a testosterona. Lastrado pola súa enfermidade, un certificado médico lle permitía aumentar de xeito artificial, durante a competición, os niveis dunha  sustancia que supón o 90% dun ciclista nunha volta de 3 semanas. Tema, o da sanción ó texano que xa temos tratado neste foro.


Insistimos ó longo deste artigo na necesidade de que a UCI se preocupe realmente da saúde dos ciclistas durante a súa vida en activo. Estase a disputar o Tour de 2013 e, burlando o poderoso velo co que os equipos e a propia UCI cobren os datos médicos dos profesionais (nada criticable, si se fixese o mesmo cos datos dos defuntos e a memoria do Pirata, por exemplo), coñecemos xa algún caso que pode preocupar ós que amamos este deporte e respectamos ós seus heroes.



“Chuletóns” aparte, a emerxente aparición no pelotón internacional de figuras que adoecen de enfermidades incompatibles co propio deporte tinguen de novo de sospeita a figura dos heroes. Co caso omiso da UCI, mentres estas vítimas da avaricia institucional sigan producindo pingües beneficios económicos seguirán arriscando a súa saúde, ou non. Son, por exemplo, os casos de Chris Froome aqueixado de bilharzia ou Nairo Quintana co "mal do defunto".


Non pretendo sementar sospeitas de ningún tipo dende aquí, e moito menos sobre os “titáns” máis duros do mundo do deporte, pero sí me gustaría someter unha cuestión a consideración: está a UCI a preocuparse pola saúde dos ciclistas?



Vos non sufrades enfermidades “raras” e seguide a disfrutar sobre a bici!!!
 



jueves, 17 de enero de 2013

Lance Armstrong: dopaxe programada ou caza de bruxas.


 
Esta é, ante todo unha opinión persoal, que me fun formando co paso do tempo. 
Hai xa uns cantos anos, cando Armstrong estaba a piques de bati-lo récord de 5 Tours do meu ídolo da infancia clamaba ó ceo por que aquel chulo e prepotente americano fose cazado nun control antidopaxe, xa que o supoñía un tramposo, aquel poderío non era normal.
Centos, non, miles de controis, e nada, todo negativo. Retirouse, “bueno, estarás contento” pensei, “deixáchesme a Induráin á altura do betún”. Pasaron os anos e pasaron os Tours e chegaron as envexas e a hora da vinganza, que dí un proverbio chinés que “é un prato que se serve frío”.
A sensación que teño cando se persegue desta forma a un gran deportista, sexa quen sexa, é a de unha tremenda inxustiza, como se se estivese levando a cabo unha “caza de bruxas”, de feito este mesmo verán podiamos ler en EuropaPress.es o seguinte titular: “Armstrong se confiesa cansado de la caza de brujas”. De modo que me plantexei tentar averiguar se era unha impresión miña e do propio americano ou se habería algo “negro” detrás desta historia (con isto non quero insinuar que o apoio público e notorio que Lance Armstrong mostrou ó anterior presidente Republicano dos EE.UU. poida ter molestado ó Premio Nobel da Paz de 2009, ou sí, como son galego non se sabe se vou ou se veño):



 O tema é sinxelo pero á vez paradigmático. O texto que tendes a continuación podédelo atopar na Wikipedia (popular instrumento de consulta do Século XXI) se introducides no buscador: “caza de brujas”. Nel só me limitei a engadir, da miña propia colleita, algún comentario que aparece subliñado. Dicía tal que así:

Os procesos en caso de bruxería se facían según o seguinte sistema:
1.-  Acusación. A miudo precedía á acusación unha fase de rumores que podía durar anos. A acusación podía ser debida a unha denuncia de unha bruxa ou bruxo que xa tiña sido detido posiblemente baixo tortura. Rara vez se permitía ás presuntas bruxas unha defensa.
2.- Detención. O cárcere, no sentido moderno, aínda non existía, polo que se mantiña ós presos nas denominadas “torres de bruxas” ou coloquialmente chamadas portadas do MARCA, que todavía se coñecen en moitos lugares.

Portadas da prensa deportiva do 23 de Outubro de 2012.

Non eran só para bruxos, senon para todo tipo de prisioneiros:
 (Por certo, Jesús España: “zas en toda la boca”, vivan as hemerotecas!).

3.- Interrogatorio. Normalmente se distinguían tres fases: o interrogatorio polas boas diante dun xuíz, con todas as garantías e no que a sentencia declarou xa ó deportista NON CULPABLE, o interrogatorio con explicación e mostra dos instrumentos de tortura, que podemos equiparar cas ameazas recibidas de parte da UCI, e o interrogatorio doloroso no que se infrinxe o castigo da retirada dos títulos conseguidos e prohibición de volver a competir, sen contar con ningunha proba e co único obxecto de presionar ó castigado para acadar a confesión, e no que se empregaba a tortura. Nos casos de procesos por bruxería, a limitación de unha hora non era respetada, nin os principios xurídicos básicos como a presunción de inocencia ou o dereito de defensa, xa que se trataba de un “crimen exceptum” (crimes excepcionáis) moi chamativo para a opinión pública pouco dada a ler máis alá do titular para se facer unha idea “ben formada”, ó que se esixía unha dureza especial. A miúdo se empregaban as empulgueras, a roda, o potro e a bota española. Tampouco se respetaba a regla habitual de que só se podía torturar a un preso tres veces, deste xeito o mesmo informe da fiscalía de EEUU no que UN XUÍZ DE VERDADE non atopou indicios de delito lle serve á UCI para sancionalo posteriormente con un simple “corta e pega”; e se ata ese momento non se producía a confesión, liberar ó preso. Anda mira!, un paso atrás dende a Idade Media.
4.- Probas ás bruxas. Nos procesos oficiais non se prevían as probas ás bruxas, de feito estaba prohibido o seu uso. Por contra o Código Mundial Antidopaxe dí que é o deportista (polo seu carácter de perito e experto científico – isto último é sarcasmo) o que debe proba-la procedencia das sustancias que se atopen no seu organismo, outro paso atrás?. Sen embargo, moitos tribunais usaron este elemento. A valoración das probas era tan diversa como o seu emprego, ás veces servían como proba forte e outras como proba débil. As seguintes son as máis coñecidas:
Proba da auga, con auga quente ou con auga fría.
Proba do lume, camiñar sobre él sen queimarse.
Proba da agulla, pinchar e que non saíse sangue.
Proba das bágoas, se cría que as bruxas non podían chorar.
Proba do peso, votala bruxa nun pozo e que se afundise para comproba-la súa inocencia.
Todas elas, totalmente faltas de rigor científico,  encamiñadas ó obxectivo de obte-la confesión ou a condea.
5.- Confesión. A comezos do Renacemento nadie podía ser xuzgado sen confesión, o que tamén era válido para os casos de bruxería. Pero debido a que se ignoraban as reglas que limitaban a tortura, a probabilidade de obter unha confesión se multiplicaba enormemente con respecto ós procesos normais, aqueles que se levan a cabo diante dun xuíz e coas debidas garantías.
6.- Interrogatorio para obter cómplices. Según a ciencia da bruxería, as bruxas debían atoparse en aquelarres “dopantes” e polo tanto unha bruxa debía coñecer a outras compañeiras de equipo. Nun segundo interrogatorio se preguntaba ás acusadas polos nomes de outras bruxas e bruxos, e ás veces baixo novas torturas ou baixo promesa de perdoa-las súas propias sancións, tal como safou Tyler Hamilton de pasar polo garrote vil. Así se alongaba a listaxe de sospeitosas xa que, baixo tortura, sempre se acusaba a máis persoas. O resultado eran procesos en cadea, xa “informa” algún xornal no noso país que o caso de Armstrong “destapará” outros entre os nosos deportistas.
7.- Axustizamento. Ó delito de bruxería lle correspondía a morte no lume, é dicir, a fogueira, na que eran queimadas vivas. Como acto piadoso se consideraba cortalle-la cabeza ou permitirlles que seguisen competindo no triatlón.


Espero que a lectura desta entrada vos resultase entretida e que vos sirva para entender o que non é máis que o meu humilde punto de vista. Todo o que engadín é certo, e resulta moi grave poder facer unha comparación deste tipo nos nosos días sen ter que recurrir a complexos artificios histórico-literarios. Eu só transcribín o que alguén escribiu un día na Wikipedia aplicándollo ó Caso Armstrong.
Na miña modesta opinión a solución para que o ciclismo recobre esa credibilidade perdida sería a completa eliminación da política e os intereses económicos das súas institucións. Din os xornais que pode ser o golpe definitivo ó ciclismo… iso nunca ocorrerá porque é un deporte demasiado fermoso e que nos supera transcendentalmente a todos como simples homo sapiens!