martes, 15 de marzo de 2016

HOXE RODAMOS CON... Daniel López Parada



Hoxe desprazámonos ata a Coruña e acompañamos a Dani López nun dos seus adestramentos cara a comarca de Betanzos.





Con 22 anos recén cumpridos, sub23 último ano. Na súa primeira tempada de profesional e décimo terceira no mundo da competición. Lugar de nacemento: A Coruña.

Quedamos con el na Ponte Pasaxe. Nas aforas da cidade, onde o tráfico aminora e permite certa tranquilidade para falar. Son as primeiras pedaladas coa nova roupa do Burgos-BH pola zona de adestramento habitual, xa que Dani estivo gran parte do inverno adestrando polo mediterraneo, para preparar o inicio da tempada con carreiras World Tour de gran nivel.




Pregunta: Que leva a un rapaz de A Coruña a decantarse polo ciclismo?

Resposta: a miña forma de transporte sempre foi dando pedais, era un neno ó que nunca lle gustou camiñar. A parte deso cando fun medrando cada vez disfrutaba mais da bicicleta, foi ahi cando comecei a xogar ca bici no clube ciclista Cambre, con mais rapaces e onde me fixeron parte da sua familia ata os 18 anos.




P: Todos medramos con pósters e fotos pegados nas paredes da habitación. Que foto había no teu armario?

R: Nunca fun de idolos concretos, eran todos e ningun o mesmo tempo, eu trataba de aprender dos erros e das virtudes de toda a xente deste mundo do ciclismo.




P: Pensando na túa orixe, hai xa algunha persoa que supoña un piar importante na túa carreira? Aqueles que se nomean nas roldas de prensa cando se logran cousas importantes...

R: Despois de cada bo resultado sempre penso na miña familia, toda ela ó completo sempre me axudou e apoiou en absolutamente todo, por desgracia desde fai 2 anos para aqui faltame os meus abós, que formaban un pilar fundamental na miña vida tanto deportiva como personal, e cada bo resultado que acado, penso e dedícollo a eles.




P: Como ves o ciclismo en Galicia? Hai nivel? Hai carreiras? Hai clubes, canteira? Que votas en falla?

R: O mais necesario nestes intres para o ciclismo galego é un equipo profesional! Con este equipo habería máis afección, máis clubes, e con isto máis competencia e nivel. Creo que o equipo profesional galego é unha necesidade moi importante para o noso deporte, crea un soño alcanzable para todos os rapaces e rapazas que viven este deporte. Creo tamén que pode ser rentable a nivel publicitario, xa que cos poucos equipos españois que hai, sacar un equipo tería unha repercusión mediatica moi grande.




P: Cousas boas, tamén haberá?

R: A parte boa e que galicia sigue sacando corredores de bo nivel, validos moitos deles para correr no pelotón profesional.




P: Como encaixa o ciclismo na vida cotiá? Coñecen os teus amigos (non ciclistas) como é a túa “vida escura” cada vez que dasapareces para ir adestrar? Como cres que te ven?

R: Para isto o ciclismo e un dos deportes mais dificiles pola cantidade de horas que precisa de adestramento. E moi dificil facerlles entender isto aos colegas pero creo que xa estan afeitos.




P: Hoxe (polo día que saímos) é unha xornada tranquila pero, como é o adestramento ó longo do ano? Cantos quilómetros caeron adestrando no 2015?

R:  Son un ciclista que lle gusta e lle vai ben un bo número de horas, no 2015 creo que fixen uns 23.000 km entre competición e adestramentos. E creo que este ano vou camiño de aumentalo. 




P: En Galicia o tempo non axuda nada pero é sabido que para un profesional poucas veces quedar na casa é unha opción, como afrontas eses días de choiva e frío? Cóntanos algún truco ou segredo que nos poida facer a vida máis doada?

R: Este último inverno tomei a decisión de adestrar polas terras de Alicante, xa que pola sua climatoloxía e polo terreo é o lugar idóneo para adestrar. Despois de varios anos collendo resfriados e moita auga creo que foi a mellor opción.

Cando non queda outro remedio trato de saír con roupa de abrigo pero a menos cantidade de prendas posibles, a sensacion de frio moitas veces ven dada pola cantidade de auga que temos na nosa roupa. Eso si, sempre acompañado do meu chaleco (que fai os mesmos km ca min) para as baixadas largas.




P: E no referente ó tráfico, es dos que se indigna cos automobilistas? Dos que protesta? Dos que se resigna? Dos que teñen medo? Como te enfrontas ó tráfico?

R: Non son dos que me poño a gritar, eso si, si me atopo o vehiculo que me molestou nun semaforo ou nun atasco, as veces explicolle educadamente o que me molestou.




P: Imos agora co futuro. Agora nas filas do Burgos BH e meténdolle o manillar xa ós mellores do pelotón, que agardas desta tempada? Que podemos agardar nós de ti?

R:  Vai ser unha tempada dificil, sobretodo o inicio, o ritmo e moi superior, pero pouco a pouco espero ir progresando e aprendendo e a ver si podemos consiguir algun bon resultado na segunda mitade do ano.




P: Falabamos de que xa pelexas cos mellores nos últimos quilómetros, comentabas hai unhas datas no teu Facebook como un frenazo che fixera perder a roda de Greipel nunha chegada. Que sinte un ciclista cando se da conta de que xa está aí, que xa está petando na porta? E moi diferente “ese” pelotón ós que rodaches ata o de agora?

R: E unha sensacion espectacular, vas rodando no pelotón con xente que fai uns anos facias cola para que che firmaran a camiseta, khyrienka, Tom Bonen, Purito, Valverde... a medida que vas xirando a cabeza vas encontrando outro corredor ainda millor. E increible!! Casi tanto como a velocidade que levan jajajaja, que non se aprecia na tele o que tal é.




P: O noso deporte ten un argot moi extenso. Expresións, frases, berros de guerra... Cal é a túa favorita? Algo que nos axude a rematar de coñecerte un pouco mellor...

R: Pode sonar un pouco a risa pero eu era fan de Timon e Pumba de pequeno e me quedei con eso de Hakuna Matata (vive y se feliz)

Este deporte hay que disfrutarlo si non e moi sufrido.

No mundo da competicion teño unha mentalidade valiente e trato de contaxiarlla á xente e rapaces que podo.

viernes, 12 de febrero de 2016

Decepcionados pola Xunta de Galicia

Xuntanza de setembro en San Caetano (link) 



O pasado mes de setembro, como sabedes, fomos convocados polo Vicepresidente da Xunta de Galicia, a proposta desta Asociación a unha xuntanza en San Caetano cos máximos responsables da administración autonómica nun tema que nos ten tremendamente preocupados a todos co fin de comezar a traballar en buscarlle solucións. O tema non é outro que o das constantes trampas que aparecen nos nosos montes.

O primeiro, antes de expoñer as nosas inquedanzas e á vista das constantes chamadas que estabamos a recibir de medios de comunicación a nivel nacional, foi preguntar polas medidas que se tiñan tomado ou os traballos que se estaban a levar a cabo en tan delicado tema: Comisario Xefe da Policía Autonómica, Secretario Xeral para o Deporte, Secretario Xeral de Medio Rural e Montes e Vicepresidente da Xunta encolleron os hombreiros... O que se sinte obtendo tal resposta non o ides ler nestas liñas. Cada quen é libre de opinar.

Acto seguido escoitaron a exposición que ASCIGA levaba preparada co noso punto de vista sobre a orixe do problema e as iniciativas que criamos se podían comezar a tomar. Foi entregada copia a cada un dos asistentes e vós podedes botar unha ollada no seguinte link (http://asfaltoearros.blogspot.com.es/2016/02/nin-un-euro-quen-pona-trampas.html).


Tal como vos informamos naquel primeiro momento a mellor nova que nos trouxemos daquela xuntanza foi o compromiso do máximo representante da Policía Autonómica de prestar a máxima atención a este problema e ata onde temos coñecemento dito corpo ven cumprindo escrupulosamente con este cometido dende aquel día.

Imos camiño de cinco meses dende aquel día e seguimos agardando, e non só agardando, foron numerosas as chamadas ó Secretario Xeral de Medio Rural e Montes requeríndolle premura nun tema dunha importancia gravísima sen ter obtido a día de hoxe unha resposta satisfactoria de modo que vimos de remitirlle o seguinte mail que transcribimos de xeito literal:




"Estimado Señor Fernández – Couto, a presente ten relación co tema que nos xuntou o pasado setembro no despacho do Vicepresidente con vostede e cos máximos representantes da Xunta de Galicia, a proposta desta Asociación, co fin único de tratar de evitar que os conflitos que se están a dar nos nosos montes cheguen a causar a morte dalgún veciño. Algo que, como expuxemos xa naquela primeira toma de contacto, é só cuestión de tempo.



Fixemos público naquel momento o noso agradecemento á atención prestada e moi especialmente ó ofrecemento ó Comisario Xefe da Policía Autonómica de investigar a aparición de todas e cada unha das trampas que se atopen nos montes galegos. Ofrecemento co que dito Corpo está a cumprir escrupulosamente.



Do mesmo xeito faremos agora público que, fartos de agardar algún tipo de resposta ou acción por parte da Secretaría que vostede dirixe, e despois de telo instado persoal e directamente en varias ocasións non podemos máis que dar por concluída esta vía de traballo. Nin a acumulación de traballo nin a axenda poden ser escusa a tal demora posto que estamos a falar de evitar a morte dunha persoa, que chegará, e non ten vostede sobre a súa mesa ningún tema máis importante.



Obviamente isto non significa que a ASCIGA se desentenda do problema, continuamos a traballar noutras vías, explorando novos modelos co fin de chegar a un entendemento con todas as partes implicadas pero queda claro que o interese da Xunta de Galicia non é o ben da cidadanía neste caso e nos quedamos coa sensación que fomos convocados a aquela xuntanza co único fin político de “saír na foto”. Pero saír na foto con un representante desta Asociación leva aparellada unha responsabilidade, responsabilidade á que ninguén dende a Xunta de Galicia deu resposta neste tema.



Este comunicado non pecha as portas ó diálogo, todos sabemos que se pretenden presentar calquera tipo de documento de xeito consensuado co colectivo ciclista en Galicia a día de hoxe non teñen máis remedio que pasar polo filtro desta Asociación, e con tal obxecto quedamos á súa enteira disposición e agardamos que nos faga chegar os avances que acaden unha vez comecen a traballar.



Sen outro particular e agardando a súa resposta, reciba un cordial saúdo."





Como dí o propio texto non abandoamos a loita, simplemente non podemos consentir que se empregue esta Asociación nin a súa imaxe con fins políticos nin partidistas e non é outra a sensación que nos deixa a atitude dos responsables da Xunta de Galicia despois de estar case que cinco meses atrás deles para que inicien un camiño que debe levarnos a salvar vidas.

Queremos aquí facer notar o grande labor que están a levar a cabo os compañeiros da Asociación Pedaladas en Pontevedra que seguimos con atención e coa esperanza de poder extrapolala a cantos rincóns de Galicia como sexa necesario para mellorar a seguridade de todos no monte.
 

Nin un euro a quen poña trampas

Texto íntegro entregado ós máximos representantes da Xunta de Galicia na xuntanza mantida o pasado mes de setembro de 2015:




ASISTENTES:
Vicepresidente Xunta de Galicia
Secretario Xeral para o Deporte
Comisario UPA
Secretario Xeral de Medio Rural de Montes
Presidente ASCIGA


Con data 18 de agosto esta Asociación solicitou mediante correo electrónico unha xuntanza cos responsables administrativos correspondentes co fin de tratar un tema de máxima preocupación para o colectivo ó que pretendemos representar cal é o das cuantiosas trampas que están a aparecer nos nosos montes e que supoñen un enorme perigo para as persoas.

Tratamos de levar nós a iniciativa sabedores de que, salvo casos illados, estas trampas teñen un claro destinatario: o ciclista de montaña, en calquera das súas modalidades.

Tal como expresamos naquela solicitude a intención primeira desta xuntanza é a de coñecer co maior detalle posible as accións e iniciativas que dende as distintas institucións se poidan estar levando a cabo. Obviamente todo o que a continuación se expón quedará condicionado ós datos que poidamos recibir no día de hoxe ós cales non tiveramos acceso até  o momento.



CONTEXTUALIZACIÓN.

Non estamos ante un problema novo. Despois dun tempo coñecendo a existencia destas trampas, xa no 27 de marzo de 2014 o Faro de Vigo facíase eco da nosa denuncia ó SEPRONA por mor dun arame de espiño colocado de xeito temerario nunha pista do Monte Xesteiras.

A actuación dos axentes limitouse á retirada do arame sen mostrar o máis mínimo interese por descubrir a súa procedencia nin ó responsable.

Meses máis tarde, en setembro dese mesmo ano, aconteceu o que nos estabamos a temer. Diego González, o nome propio de toda esta barbarie, quedaba parapléxico a consecuencia do impacto contra unha pedra de grandes dimensións colocada “de forma maliciosa”, segundo o atestado policial, nun sendeiro do Monte Alba.

 
Como dicimos Diego é o nome propio deste problema, pero non é o único nin será o último nin máis grave se non se toman medidas serias e valentes para atallar un problema que se nos vai das mans.

PROBLEMÁTICA.

Somos ben sabedores de que non nos enfrontamos a un “inimigo” facilmente localizable e que as peculiaridades históricas do monte galego e os distintos intereses, fundamentalmente económicos, que o rodean xogan un papel importante. Os dereitos de propiedade, a madeira, a caza; coas súas respectivas variantes ó marxe da legalidade entre as que podemos citar o fenómeno dos lumes ou a caza furtiva xogan un importante papel en todo este quebracabezas, ó que hai que sumar a importante proliferación no uso da bicicleta de montaña que nos últimos anos está deixando ó descuberto problemas que, se ben xa existían con anterioridade (v. gr. pastores eléctricos), pasaban inadvertidos en zonas que permanecían intransitadas durante case que todo o ano.
Consideramos primeiro paso imprescindible, como temos por costume, facer un exercicio de autocrítica sobre o comportamento dos ciclistas nestas zonas xa que, como di unha frase acuñada por esta Asociación: “ninguén é mellor persoa polo mero feito de ir en bicicleta”. Coñecemos algunhas condutas irrespectuosas ou directamente incívicas dalgúns compañeiros que se soen circunscribir a pasos por zonas non autorizadas. E nese sentido estamos a traballar actualmente coa Federación Galega de Ciclismo na elaboración dun documento que axude ós nosos patrocinados a coñecer cales son as condutas a evitar nos montes.

Por contra, resulta tremendamente preocupante a postura doutros colectivos envoltos neste problema que nos sitúa no punto de mira da opinión pública como o lugar do noso Estado onde máis destas trampas se atopan. Por partes:
-                  Caza. Os problemas de convivencia proveñen de ambas partes xerando situacións de tremendo risco ó ser a caza unha actividade moi perigosa que se realiza en espazos abertos.

o       Ciclistas. Dun lado temos recibido queixas de cazadores que afirman que, formando parte de batidas organizadas, autorizadas e debidamente sinalizadas, atópanse de súpeto con ciclistas (e outras persoas) que fan caso omiso de tal sinalización asumindo un grave risco de resultaren feridos. Coa agravante de que nesas batidas adoitan empregar munición perigosa para a vida.

o       Cazadores. Do mesmo xeito, temos coñecemento de denuncias de clubs ciclistas que sofren a retirada da súa sinalización en marchas debidamente organizadas e autorizadas no mesmo día da proba por parte de cazadores tendo como resultado, non só a coincidencia de ambas actividades nunha mesma zoa, se non o agravamento que supón que haxa ciclistas “deambulando”en todas direccións perdidos buscando o percorrido correcto.

-                  Madeireiros. Outra frecuente fonte de conflito xurde coas talas masivas organizadas que incumpren, case que sistematicamente, a normativa deixando camiños impracticables que poden chegar a supoñer tamén perigo para quen por eles transita.

-                  Gandeiros. Como introduciamos antes, supón un problema o costume de evitar o paso do gando con cordeis, cables ou mesmo pastores eléctricos. Algo que, se ben sempre supuxo un risco, salta agora á palestra ó verse máis transitadas aquelas zonas que permanecían case desertas.

Hai pouco máis dun mes que falecía un home en Cantabria vítima dun destes elementos.

-                  Monte en man común. É a fonte máis visible de conflito, probablemente como consecuencia do caso de Diego González. Existen Comunidades de Montes que traballan de maneira exemplar con clubs ciclistas e outras entidades para o mantemento, conservación e perfecto aproveitamento dos espazos naturais. Pero desgraciadamente é o ámbito onde o problema máis se expande e se agrava e onde vemos que se cometen os atentados máis graves contra a seguridade cidadá.

O MONTE EN MAN COMÚN.
Por ser, como dicimos, o ámbito onde máis se agrava o problema cremos que merece unha atención especial. Resulta especialmente preocupante a postura que están a tomar algúns destes entes en relación ó ciclista de montaña.
Postura no proceso da Comunidade de Montes de Valadares. A MVMC de Valadares é parte no procedemento que se segue no Xulgado de Instrución número 6 de Vigo pola súa condición de responsable civil subsidiario polos feitos cometidos presuntamente polo seu vicepresidente e tres operarios da mesma. Nesta tesitura caben dúas posturas procesuais claramente diferenciadas:
Unha primeira sería a de desmarcarse totalmente da presunta actuación dos imputados desvinculándose por completo da súa postura. A outra, a que semella ter tomado a mencionada MVMC, foi a de apoiar as teses da defensa. É unha mágoa que esta Comunidade desaproveite tan boa oportunidade de condenar abertamente a violencia e persista nunha actitude puramente irracional.
Segundo consta no expediente xudicial do suceso no Monte Alba, existen actas da Comunidade de Montes de Valadares que falan de “facer o que sexa para sacar ós ciclistas do monte”.
Responsabilidade obxectiva. Dentro das xuntas veciñais, tivemos ocasión de comprobar que se está tratar de estender a falacia de que se un ciclista sufre un accidente “no noso monte, nos cae un paquete”. A idea falsa de que a responsabilidade civil subsidiaria ten carácter obxectivo está a ser usada, ignoramos se por descoñecemento ou con malicia, para botar abaixo acordos de colaboración, desautorizar probas ou directamente tratar de “sacar ós ciclistas dos montes”.
Neste punto podemos engadir tamén a colocación de letreiros que “prohiben” o paso de ciclistas por certas zonas nos que incluso se trataba de suplantar a identidade da propia Xunta de Galicia. O da imaxe pertencía á Comunidade de Montes de Armenteira e foi retirado ós poucos días ante a presión social.
Nesta outra imaxe queda tamén patente un dos problemas ós que faciamos referencia na parte de autocrítica. A circulación fóra de pista, como tal, debe estar autorizada debidamente polos propietarios (Comunidade de Montes de Baíña e Baredo), aínda así dubidamos seriamente da pertinencia e incluso da legalidade do letreiro da imaxe:
Reivindicacións absurdas e ameazas. No mes de agosto do presente ano aparecían varias trampas no Monte Castrove, entre elas (foto 3), unha estaca de máis dun metro coa punta afiada cravada no chan e dirixida directamente ó corpo de quen descendese por aquel camiño.
A propósito desta problemática, o 17 de agosto, no Telexornal da TVG (http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/telexornal-mediodia-1377106) puidemos escoitar as palabras do Presidente da devandita comunidade de montes. Nestas declaracións non se albisca a mínima pinga de autocrítica ou condena de semellantes actos, máis ó contrario, si observamos unha velada ameaza cando se afirma que os ciclistas non terían problemas se respectasen as rutas que a MVMC ten sinaladas e non saíran do seu trazado. Para o que si aproveitaba o señor Presidente era para queixarse das marcas de pintura en árbores e pedras coas que se marcan as distintas rutas.
RESUMO.
A modo de conclusión podemos tratar de distinguir dous tipos básicos de actuacións que poñen en perigo a seguridade cidadá, e sinaladamente a dos ciclistas de montaña:
De boa fe. Poderíamos clasificar aquí aqueles elementos ou utensilios que se veñen utilizando tradicionalmente para labores do agro en lugares pouco transitados que nunca causaron dano polo simple feito de que ninguén se topaba con eles. Un exemplo claro son os cables e pastores eléctricos que usan os gandeiros e cos que chegan a cortar o paso en camiños de uso público incluso sen sinalizalos minimamente.
De mala fe. Resultaría absurdo obviar este elemento nos casos onde existe un conflito previo e de súpeto aparecen artefactos tales como arame de espiño, táboas con cravos, pedras, troncos ou estacas.
Será importante ter en conta o carácter volitivo de cada caso para tratar de buscarlle unha solución axeitada.

ÁMBITOS DE ACTUACIÓN.
Concienciación. É imperiosa a necesidade de que a Administración comece unha campaña de concienciación a través de cantas canles de comunicación, directa e indirecta, dispón con todos os colectivos implicados neste tema co único fin de poñer un mínimo de raciocinio nas posibles disputas que poidan existir. Potenciar entes como SEPRONA ou os propios Axentes Forestais como mecanismos para a solución de calquera tipo de controversia amosando, ó mesmo tempo, unha clara vontade de actuar severamente contra quen faga uso de calquera tipo de violencia, por lexítimo que poida ser o interese que pretenda defender o responsable.
Neste senso, acudimos á xuntanza de hoxe coa dúbida de se as denuncias que recibe o SEPRONA recorren algún tipo de proceso máis aló da simple retirada das trampas.
Diálogo. Consideramos tamén imprescindible que a Administración actúe de mediador nun diálogo que debe existir entre os representantes dos distintos colectivos a fin, unicamente, de que todos eles coñezan as reivindicacións dos outros e as poidan transmitir ós seus representados.
A modo de exemplo: un ciclista ou sendeirista que se atopa con un grupo de cazadores pode ter a dúbida de se tratar de facerse escoitar dalgún xeito para advertir da súa presenza ou gardar silencio para non espantar algunha peza. 
Coerción. Do mesmo xeito que acontece coa obriga dos propietarios de manter limpas de maleza as fincas co fin de previr os lumes, con maior motivo aquí debe a Administración facer uso de todas as ferramentas das que dispón co fin de salvagardar a vida e a seguridade dos cidadáns.
Tanto no caso de propiedades privadas puras como no caso das MVMC onde, pola importancia que lle demos á hora de expoñer a problemática cremos necesaria unha actuación urxente, pódense tomar medidas. No caso dos montes en man común ben se podería levar a cabo introducindo no condicionado das subvencións que estes entes reciben a obrigatoriedade de manter
o monte libre de trampas e seren respectuosos con ciclistas, sendeiristas ou atletas podendo chegar incluso á retirada da subvención en caso de incumprimento.
Resulta paradigmático que a día de hoxe cos cartos dunha destas subvencións se estean a apoiar en sede xudicial as teses da defensa dunha persoa imputada por lesionar de gravidade a outro cidadán.

CONCLUSIÓN.
Non queremos deixar de agradecer a todos os presentes hoxe aquí a súa atención e rogar encarecidamente que todo o exposto sexa tido en conta de cara a futuras actuacións e que estas se leven a cabo coa maior presteza xa que, de non ser así, coidamos que non habemos tardar en lamentar o primeiro falecido polas causas aquí expostas, e iso é algo que Galicia non se pode permitir, nin os seus deportistas, nin os seus cidadáns, nin figuras históricas merecedoras da máxima protección como o monte en man común.