jueves, 21 de julio de 2016

"Behind the scenes", analizamos a polémica do Mont Ventoux con Iván Lorenzo



Hai uns días saltaba a polémica no Tour despois da etapa que remataba no Mont Vetoux, etapa que calificabamos de “chapuza” e na que, segundo o noso criterio tres dos máximos favoritos puideron ser sancionados.
A través do noso Facebook puidemos comprobar como as opinións eran de todos os gustos e quixemos afondar algo máis no tema xa que nos resultaba interesante e sempre é unha boa ocasión para coñecer algo máis deste mundo que tanto nos apaixona.

Hoxe falamos con Iván Lorenzo, Presidente do Comité Técnico de Árbitros da Federación Galega de Ciclismo.

Iván atópase nesa parte da carreira que adoita pasar desapercibida, están agochados, non saen na tele pero a súa labor é fundamental para que unha proba ciclista poida funcionar.

ASCIGA: Antes de nada nos gustaría coñecer como se lle da alguén por querer ser xuíz-árbitro? Xeralmente cando somos novos todos queremos ser Perico, Induráin, Contador... segundo a época.
IVÁN:  Sen dúbida, os rapaces teñen como espello aos grandes corredores, aqueles que lles fan levantarse do sofá e coller a bici despois de ver unha etapa do Tour, por poñer un exemplo.  No meu caso particular, fun ciclista federado ata a categoría cadete, logo centreime nos estudos universitarios pero continuei usando a bicicleta como cicloturista. Un tempo despois, hai xa dez anos, decidín volver a tomar contacto directo co mundo do ciclismo federado, pero desta vez, dende unha perspectiva obxectiva do mesmo,  como xuíz árbitro.

A: El cal é o camiño a seguir? Que preparación ou requisitos debe ter un xuíz-árbitro?
I: O primeiro que se lle esixe a un aspirante a xuíz árbitro (así é como se denomina á categoría na que se comeza neste estamento) é que se sinta atraído polo ciclismo, lóxicamente valórase tamén un mínimo de experiencia, normalmente a xente que toma a decisión de comezar na arbitraxe son excorredores ou mesmo antigos directores deportivos. O seguinte paso, logo dun ano como mínimo como aspirante a xuíz árbitro, é a preparación de cara ao exame de xuíz árbitro rexional, para logo continuar coa formación arbitral e chegar a acadar categorías arbitrais máis altas.

A: Unha vez aquí. Como é a groso modo un día de carreiras? Cal é o traballo antes, durante e despois da proba?
I: Loxicamente iso depende da proba ou modalidade en cuestión, pero o noso traballo comeza coa comprobación e estudo do regulamento particular da proba, que se realiza días antes da celebración da mesma, logo tamén é importante a labor administrativa, como a comprobación das licencias dos corredores. Xa durante a proba, a nosa labor radica no correcto transcorrer da proba a nivel deportivo, velando polo cumprimento dos regulamentos que rexen a mesma, así como validar as clasificacións tanto da etapa como dos pasos intermedios, se é o caso. O noso traballo, unha vez concluída a proba soe ser a de atender, se é preciso, as posibles reclamacións.

A: Agora que xa coñecemos un pouco mellor o voso traballo ímosche poñer a exame. Imos analizar as tres accións que comentabamos o outro día e ver o que di o Regulamento ó respecto e comparar a túa análise coa resolución adoptada no Tour:
A primeira acción á que faciamos referencia é o “tras coche” de Fabio Aru despois de sufrir unha avaría e ter que cambiar de bicicleta:



Curiosamente nesta ocasión si puidemos percibir o voso traballo durante a retransmisión da proba xa que todos escoitamos o asubiar dun pito en directo. Que significa ese pito?
I:  Ese silvatazo que se escoitou en directo foi realizado polo xuíz que nese momento presenciou esa acción, segundo o regulamento UCI, unha vez detectada esta acción en particular, ou mesmo outras que contempla o regulamento, o xuíz, antes de sancionar, debe advertir a acción ao corredor e ao vehículo en cuestión,  e así foi como se actuou neste caso particular.

A: Logo a acción de Aru, e do seu compañeiro podería ser merecedora de sanción? E cal podería ser?
I: Neste caso non, porque momentos despois da advertencia preceptiva do xuíz, a posible acción antiregulamentaria cesou, é dicir, o regulamento insiste en que para sancionar a acción esta debe ser continuada logo da advertencia do xuíz.





O que aconteceu na subida do Mont Ventoux foi todo un despropósito dende o punto de vista organizativo, niso estamos todos de acordo. No incidente coa moto víronse involucrados tres corredores: Mollema, Porte e Froome. Este último, líder da carreira, quebrou o cadro da súa bici quedando esta inservible. Todos vimos tamén como o británico botaba a correr cargando coa súa máquina abandonándoa apoiada a unha moto uns metros máis adiante.
Que di o Regulamento neste caso? Todos lemos e escoitamos falar do xa famoso artigo 14 pero, é aplicable a este caso?
I: O regulamento, loxicamente, non contempla todas as accións posibles nunha proba ciclista, e este é un claro exemplo. Aquí entra a interpretación do regulamento en cuestión, interpretación que debe ser realizada polo Xurado Técnico do Tour de Francia, 15 xuíces árbitros da elite mundial. Certamente o artigo 14 fala sobre a imposibilidade de realizar parte do percorrido sen bicicleta, pero non foi o que se adoptou nesta acción particular.
A: Pero Froome non foi sancionado, cal foi logo a resolución que se adoptou?
I: O artigo 2.2.029, que fala sobre  incidentes que poidan afectar ou falsear o desenrolo regular da proba, e aquí situaríamos ao público presente na subida do Mont Ventoux. O público non é un elemento de carreira, como poden ser os vehículos da cápsula de seguridade da proba, e, lembremos, a orixe do incidente foi a excesiva presencia de público, que provocou o frenazo da moto e a posterior caída dos corredores en cuestión, por tanto, baixo o meu criterio, decisión totalmente acertada por parte do Xurado Técnico.




Xa para rematar imos co colombiano Nairo Quintana. No medio do esperpento montado nas ramplas do último porto da xornada a cámara dun afeccionado puido gravar ó corredor agarrado nunha das rodas de reposto dunha moto de Mavic.
Neste caso que atopamos no Regulamento?
I:  Efectivamente accións como esta son antirregulamentarias.

A: Tampouco houbo sanción...
I: Existe unha máxima para sancionar a un corredor, o feito en cuestión debe ser visto directamente polos xuíces, nunca a través dun vídeo dun afeccionado; pensemos que nunha proba como o Tour de Francia participan arredor de 200 corredores, existen infinidade de cortes, especialmente nas subidas cara aos portos de montaña, de xeito que é case imposible controlar ao 100% as accións do corredores durante todo o percorrido. De tódolos xeitos, estou convencido de que este foi un feito puntual, e que non chegou a beneficiar claramente ao corredor en cuestión.

A: Xa só nos resta agradecer a Iván a súa atención e o seu tempo e agardamos non só ter arroxado algo de luz sobre as accións analizadas se non ter dado a coñecer o importante traballo que se realiza "behind the scenes" polos señores comisarios en cada carreira.

Agardamos tamén que a todos vos teña resultado esta publicación polo menos a metade de interesante que a nós realizar a entrevista. Sempre procuramos aprender algo de todo canto fagamos e hai que dí que non se pode saber de todo, pero é imprescindible ter o teléfono de quen o saiba, jejeje

martes, 15 de marzo de 2016

HOXE RODAMOS CON... Daniel López Parada



Hoxe desprazámonos ata a Coruña e acompañamos a Dani López nun dos seus adestramentos cara a comarca de Betanzos.





Con 22 anos recén cumpridos, sub23 último ano. Na súa primeira tempada de profesional e décimo terceira no mundo da competición. Lugar de nacemento: A Coruña.

Quedamos con el na Ponte Pasaxe. Nas aforas da cidade, onde o tráfico aminora e permite certa tranquilidade para falar. Son as primeiras pedaladas coa nova roupa do Burgos-BH pola zona de adestramento habitual, xa que Dani estivo gran parte do inverno adestrando polo mediterraneo, para preparar o inicio da tempada con carreiras World Tour de gran nivel.




Pregunta: Que leva a un rapaz de A Coruña a decantarse polo ciclismo?

Resposta: a miña forma de transporte sempre foi dando pedais, era un neno ó que nunca lle gustou camiñar. A parte deso cando fun medrando cada vez disfrutaba mais da bicicleta, foi ahi cando comecei a xogar ca bici no clube ciclista Cambre, con mais rapaces e onde me fixeron parte da sua familia ata os 18 anos.




P: Todos medramos con pósters e fotos pegados nas paredes da habitación. Que foto había no teu armario?

R: Nunca fun de idolos concretos, eran todos e ningun o mesmo tempo, eu trataba de aprender dos erros e das virtudes de toda a xente deste mundo do ciclismo.




P: Pensando na túa orixe, hai xa algunha persoa que supoña un piar importante na túa carreira? Aqueles que se nomean nas roldas de prensa cando se logran cousas importantes...

R: Despois de cada bo resultado sempre penso na miña familia, toda ela ó completo sempre me axudou e apoiou en absolutamente todo, por desgracia desde fai 2 anos para aqui faltame os meus abós, que formaban un pilar fundamental na miña vida tanto deportiva como personal, e cada bo resultado que acado, penso e dedícollo a eles.




P: Como ves o ciclismo en Galicia? Hai nivel? Hai carreiras? Hai clubes, canteira? Que votas en falla?

R: O mais necesario nestes intres para o ciclismo galego é un equipo profesional! Con este equipo habería máis afección, máis clubes, e con isto máis competencia e nivel. Creo que o equipo profesional galego é unha necesidade moi importante para o noso deporte, crea un soño alcanzable para todos os rapaces e rapazas que viven este deporte. Creo tamén que pode ser rentable a nivel publicitario, xa que cos poucos equipos españois que hai, sacar un equipo tería unha repercusión mediatica moi grande.




P: Cousas boas, tamén haberá?

R: A parte boa e que galicia sigue sacando corredores de bo nivel, validos moitos deles para correr no pelotón profesional.




P: Como encaixa o ciclismo na vida cotiá? Coñecen os teus amigos (non ciclistas) como é a túa “vida escura” cada vez que dasapareces para ir adestrar? Como cres que te ven?

R: Para isto o ciclismo e un dos deportes mais dificiles pola cantidade de horas que precisa de adestramento. E moi dificil facerlles entender isto aos colegas pero creo que xa estan afeitos.




P: Hoxe (polo día que saímos) é unha xornada tranquila pero, como é o adestramento ó longo do ano? Cantos quilómetros caeron adestrando no 2015?

R:  Son un ciclista que lle gusta e lle vai ben un bo número de horas, no 2015 creo que fixen uns 23.000 km entre competición e adestramentos. E creo que este ano vou camiño de aumentalo. 




P: En Galicia o tempo non axuda nada pero é sabido que para un profesional poucas veces quedar na casa é unha opción, como afrontas eses días de choiva e frío? Cóntanos algún truco ou segredo que nos poida facer a vida máis doada?

R: Este último inverno tomei a decisión de adestrar polas terras de Alicante, xa que pola sua climatoloxía e polo terreo é o lugar idóneo para adestrar. Despois de varios anos collendo resfriados e moita auga creo que foi a mellor opción.

Cando non queda outro remedio trato de saír con roupa de abrigo pero a menos cantidade de prendas posibles, a sensacion de frio moitas veces ven dada pola cantidade de auga que temos na nosa roupa. Eso si, sempre acompañado do meu chaleco (que fai os mesmos km ca min) para as baixadas largas.




P: E no referente ó tráfico, es dos que se indigna cos automobilistas? Dos que protesta? Dos que se resigna? Dos que teñen medo? Como te enfrontas ó tráfico?

R: Non son dos que me poño a gritar, eso si, si me atopo o vehiculo que me molestou nun semaforo ou nun atasco, as veces explicolle educadamente o que me molestou.




P: Imos agora co futuro. Agora nas filas do Burgos BH e meténdolle o manillar xa ós mellores do pelotón, que agardas desta tempada? Que podemos agardar nós de ti?

R:  Vai ser unha tempada dificil, sobretodo o inicio, o ritmo e moi superior, pero pouco a pouco espero ir progresando e aprendendo e a ver si podemos consiguir algun bon resultado na segunda mitade do ano.




P: Falabamos de que xa pelexas cos mellores nos últimos quilómetros, comentabas hai unhas datas no teu Facebook como un frenazo che fixera perder a roda de Greipel nunha chegada. Que sinte un ciclista cando se da conta de que xa está aí, que xa está petando na porta? E moi diferente “ese” pelotón ós que rodaches ata o de agora?

R: E unha sensacion espectacular, vas rodando no pelotón con xente que fai uns anos facias cola para que che firmaran a camiseta, khyrienka, Tom Bonen, Purito, Valverde... a medida que vas xirando a cabeza vas encontrando outro corredor ainda millor. E increible!! Casi tanto como a velocidade que levan jajajaja, que non se aprecia na tele o que tal é.




P: O noso deporte ten un argot moi extenso. Expresións, frases, berros de guerra... Cal é a túa favorita? Algo que nos axude a rematar de coñecerte un pouco mellor...

R: Pode sonar un pouco a risa pero eu era fan de Timon e Pumba de pequeno e me quedei con eso de Hakuna Matata (vive y se feliz)

Este deporte hay que disfrutarlo si non e moi sufrido.

No mundo da competicion teño unha mentalidade valiente e trato de contaxiarlla á xente e rapaces que podo.

viernes, 12 de febrero de 2016

Decepcionados pola Xunta de Galicia

Xuntanza de setembro en San Caetano (link) 



O pasado mes de setembro, como sabedes, fomos convocados polo Vicepresidente da Xunta de Galicia, a proposta desta Asociación a unha xuntanza en San Caetano cos máximos responsables da administración autonómica nun tema que nos ten tremendamente preocupados a todos co fin de comezar a traballar en buscarlle solucións. O tema non é outro que o das constantes trampas que aparecen nos nosos montes.

O primeiro, antes de expoñer as nosas inquedanzas e á vista das constantes chamadas que estabamos a recibir de medios de comunicación a nivel nacional, foi preguntar polas medidas que se tiñan tomado ou os traballos que se estaban a levar a cabo en tan delicado tema: Comisario Xefe da Policía Autonómica, Secretario Xeral para o Deporte, Secretario Xeral de Medio Rural e Montes e Vicepresidente da Xunta encolleron os hombreiros... O que se sinte obtendo tal resposta non o ides ler nestas liñas. Cada quen é libre de opinar.

Acto seguido escoitaron a exposición que ASCIGA levaba preparada co noso punto de vista sobre a orixe do problema e as iniciativas que criamos se podían comezar a tomar. Foi entregada copia a cada un dos asistentes e vós podedes botar unha ollada no seguinte link (http://asfaltoearros.blogspot.com.es/2016/02/nin-un-euro-quen-pona-trampas.html).


Tal como vos informamos naquel primeiro momento a mellor nova que nos trouxemos daquela xuntanza foi o compromiso do máximo representante da Policía Autonómica de prestar a máxima atención a este problema e ata onde temos coñecemento dito corpo ven cumprindo escrupulosamente con este cometido dende aquel día.

Imos camiño de cinco meses dende aquel día e seguimos agardando, e non só agardando, foron numerosas as chamadas ó Secretario Xeral de Medio Rural e Montes requeríndolle premura nun tema dunha importancia gravísima sen ter obtido a día de hoxe unha resposta satisfactoria de modo que vimos de remitirlle o seguinte mail que transcribimos de xeito literal:




"Estimado Señor Fernández – Couto, a presente ten relación co tema que nos xuntou o pasado setembro no despacho do Vicepresidente con vostede e cos máximos representantes da Xunta de Galicia, a proposta desta Asociación, co fin único de tratar de evitar que os conflitos que se están a dar nos nosos montes cheguen a causar a morte dalgún veciño. Algo que, como expuxemos xa naquela primeira toma de contacto, é só cuestión de tempo.



Fixemos público naquel momento o noso agradecemento á atención prestada e moi especialmente ó ofrecemento ó Comisario Xefe da Policía Autonómica de investigar a aparición de todas e cada unha das trampas que se atopen nos montes galegos. Ofrecemento co que dito Corpo está a cumprir escrupulosamente.



Do mesmo xeito faremos agora público que, fartos de agardar algún tipo de resposta ou acción por parte da Secretaría que vostede dirixe, e despois de telo instado persoal e directamente en varias ocasións non podemos máis que dar por concluída esta vía de traballo. Nin a acumulación de traballo nin a axenda poden ser escusa a tal demora posto que estamos a falar de evitar a morte dunha persoa, que chegará, e non ten vostede sobre a súa mesa ningún tema máis importante.



Obviamente isto non significa que a ASCIGA se desentenda do problema, continuamos a traballar noutras vías, explorando novos modelos co fin de chegar a un entendemento con todas as partes implicadas pero queda claro que o interese da Xunta de Galicia non é o ben da cidadanía neste caso e nos quedamos coa sensación que fomos convocados a aquela xuntanza co único fin político de “saír na foto”. Pero saír na foto con un representante desta Asociación leva aparellada unha responsabilidade, responsabilidade á que ninguén dende a Xunta de Galicia deu resposta neste tema.



Este comunicado non pecha as portas ó diálogo, todos sabemos que se pretenden presentar calquera tipo de documento de xeito consensuado co colectivo ciclista en Galicia a día de hoxe non teñen máis remedio que pasar polo filtro desta Asociación, e con tal obxecto quedamos á súa enteira disposición e agardamos que nos faga chegar os avances que acaden unha vez comecen a traballar.



Sen outro particular e agardando a súa resposta, reciba un cordial saúdo."





Como dí o propio texto non abandoamos a loita, simplemente non podemos consentir que se empregue esta Asociación nin a súa imaxe con fins políticos nin partidistas e non é outra a sensación que nos deixa a atitude dos responsables da Xunta de Galicia despois de estar case que cinco meses atrás deles para que inicien un camiño que debe levarnos a salvar vidas.

Queremos aquí facer notar o grande labor que están a levar a cabo os compañeiros da Asociación Pedaladas en Pontevedra que seguimos con atención e coa esperanza de poder extrapolala a cantos rincóns de Galicia como sexa necesario para mellorar a seguridade de todos no monte.