miércoles, 2 de diciembre de 2015

HOXE RODAMOS CON... Álex Regueiro.






Hoxe desprazámonos até Teo, preto de Compostela, e rodamos cara a Comarca do Barbanza con Alejandro Regueiro...





Alejandro chega ó punto de encontro puntual, tranquilo e rodando con moita clase enfundado no seu flamante maillot da Selección Nacional coa que ven de disputar o Campionato Mundial UCI en Richmond, EE.UU.



Escolle para nós unha ruta tranquila e con pouco desnivel para poder falar con tranquilidade:




Pregunta: Que leva a un rapaz de Teo a decantarse polo ciclismo?


Resposta:  Boas, pois a verdade é que comecei a andar en bici moi novo grazas a meu pai Carlos e ao meu tío Martín que xa saían con normalidade tanto na bici de carretera como na de montaña e claro, de novo, velos a eles saír e decidín probar a montarme nese "aparello con duas rodas" que tanto utilizaban eles.  Pouco a pouco foime enganchando ata convertirse na miña paixón.



P: Todos medramos con pósters e fotos pegados nas paredes da habitación. Que foto había no teu armario?


R:  Pósters non teño moitos pero sí teño varios ídolos ou referentes no mundo do deporte, xente como Ezequiel Mosquera ou como Froome son duas das persoas que máis admiro dentro do ciclismo.



P: Xa máis de preto, aínda que acabas de comezar (coma quen di), hai xa algunha persoa que supoña un piar importante na túa carreira? Aqueles que se nomean nas roldas de prensa cando se logran cousas importantes...


R:  Sobre todo toda a miña familia que supón un piar moi importante na miña vida, ademáis deles a os bos amigos que sempre están ahi. Tamén teño moito que agradecerlle a o meu adestrador e a os compañeiros de grupeta.



P: Como ves o ciclismo en Galicia? Hai nivel? Hai carreiras? Hai clubes, canteira? Que votas en falla?


R: En Galicia hai moito ciclismo, ben se ve que tanto os xuvenís como os élite e sub23 teñen moito nivel e moita calidade, o que falla son as carreiras xa que as poucas que hai aquí son ciruitos pequenos... Clubes de cadetes para abaixo hai  moitos, e corredores tamén, xa despoís vai minguando a cousa... Voto en falla máis carreiras de máis nivel tanto de xuvenís como de elite e sub23.



P: Cousas boas, tamén haberá?


R: SI , con esta nova directiva (da Federación) vese moito interés e motivación por facer as cousas ben...



P: Como es novo haberá moitos compañeiros e amigos que non saiban de que vai o tema. Coñecen os teus amigos (non ciclistas) como é a túa “vida escura” cada vez que dasapareces para ir adestrar? Como cres que te ven?


R: Os bos amigos saben o que hai, o sacrificado que é o ciclismo... As outras persoas que poden verme nalgunha foto de internet ou adestrando por Santiago e arredores non sei que poden pensar. Igual que estou tolo por sair tanto na bici (jaja)



P: Hoxe (polo día que saímos) é unha xornada tranquila pero, como é o adestramento ó longo do ano? Cantos quilómetros caeron adestrando no 2015?


R: Pois sí o día de hoxe foi bastante tranquilo, pero habitualmente non o é tanto, polo xeral adestro cinco ou seis días a semá, pero con máis carga de horas e con algunha serie polo medio. Este 2015 caeron 15.000 km. Estiven parado sobre un mes senon algúns máis aínda caían jaja



P: En Galicia o tempo non axuda nada e todos sabemos deses adestramentos que “contan dobre” (polo que adestras ti e o que deixan de adestrar os que quedan na casa), como afrontas eses días de choiva e frío? Cóntanos algún truco ou segredo que nos poida facer a vida máis doada?


R: Pois a verdade é que si, hai tempadas que se fan moi pesadas pola choiva e polo frio, se fas caso do tempo aquí non sales nada na bici polo que a única solución é mercar boa roupa de inverno, un bo chuvasqueiro e ter ganas de adestrar.



P: E no referente ó tráfico, es dos que se indigna cos automobilistas? Dos que protesta? Dos que se resigna? Dos que teñen medo? Como te enfrontas ó tráfico?


R: Por suposto, hai moitas persoas que respetan moito os ciclistas, pero hai outras que pensan que somos un estorbo na estrada, esas persoas son as que che pasan pegado cando vas pola estrada, das que che pitan para que te apartes, cando ocurre así por suposto que protesto xa que os que nos xogamos a vida somos nos que imos desprotexidos non eles dentro do coche que saben que como moito terán un pequeno raiazo se tiran con un... intento respetar todas as normas de circulación para convivir dunha maneira xusta cos automóbiles.



P: Imos agora co futuro. Es unha das flamantes fichaxes dunha das xoias galegas do ciclismo, o FROIZ. Que agardas desta tempada? Que podemos agardar nós de ti?


R:  Este ano vai ser o primeiro na categoría sub23 e o principal obxectivo e aprender o máximo posible, disfrutar e ser feliz facendo o que nos gusta. A verdade é que estou moi contento de poder correr cun gran equipo como é o Froiz, teño moitas ganas de comezar a correr con eles e aprender dos compañeiros con máis experiencia e axudalos en todo o que poida. E bueno, tamén intentarei gañar algunha pero ben sei que iso e moi complicado, por ganas e esforzo non será.



P: Esta fichaxe é froito dunha brillante tempada que, se ben non acababa de arrancar, rematou dun xeito brillante en Richmond. Como é un mundial de ciclismo? Como se vive dende dentro, e como espectador? Cal é o ambiente? Que cousas che chamaron a atención? ... hai que volver!


R:  O mundial foi a carreira máis importante da miña vida e tamén a máis especial , todas esas experiencias vividas eses días nunca imaxinei que podería vivir o que vivín ir con Purito, Valverde, Lobato... foi brutal, poder adestrar con eles, ver a Tv xuntos etc son detalles que nunca olvidarei. O ano anterior vivín o mundial de Ponferrada detrás das vaias, e xa me pareceu brutal, vivilo dende dentro foi unha terrible experiencia... Dende que volvín de alí teño claro o que quero ser e tamén o que estou disposto a sacrificar por cumplir a meu soño. Gracias a esa carreira decidín que realemente o que quero ser é ciclista, e ademáis de eso disfrutar moito polo camiño, que todo sacrificio e dedicación acaban tendo recompensa. Oxalá algún día poida volver e decir fai uns anos aquí comezou todo!





 










P: O noso deporte ten un argot moi extenso. Expresións, frases, berros de guerra... Cal é a túa favorita? Algo que nos axude a rematar de coñecerte un pouco mellor...


R: Unha frase que sempre penso cando estou nunha carreira subindo un puerto ou sufrindo polo llano dígome a para min, "ese vai peor que min, se a mi me doen as pernas a el máis!"

martes, 6 de octubre de 2015

Policía Autonómica e ciclistas man a man.

Temos un enorme problema entre mans. Un problema que supera o eido deportivo, de lecer ou calquera outro. Un problema que se nos plantexa inmenso ante os humildes medios desta Asociación pero que tomamos a decisión de afrontalo con toda a responsabilidade e con toda a decisión do Rei David.
Resulta que os galegos estamos tratando de matarnos os uns ós outros nos nosos montes e iso é algo que nos negamos a asumir.


É por iso que vos anuniciamos a través do noso Facebook hai unhas datas que colliamos o touro polos cornos para sermos nós quen, como humildes representantes do noso colectivo, tratasemos de averiguar os prexuizos que os ciclistas irresponsables, que tamén os hai, poidan estar a xerar a outros usuarios e propietarios no monte; para coñecer cal pode ser ese "pecado mortal" que debe ser castigado coa propia vida; para abrir un diálogo e demostrar que somos quen de vivir e entendernos en paz; para convertir a vergonza de ser o lugar de España onde máis destas salvaxadas atopamos no orgullo de mostrar ó resto do Estado cál é o camiño.


O primeiro paso foi chamar a atención da Xunta de Galicia sobre un problema gravísimo a redor do cal non se están a tomar medidas de modo que o pasado 20 de Setembro fomos convocados polo Vicepresidente, Alfonso Rueda, a unha xuntanza cos principais responsables de cada sector administrativo con competencias na materia en San Caetano. E alá fumos... en bici, por suposto!



Nunha mesa na que, tras da exposición da ASCIGA, todos se mostraron escandalizados e horrorizados polo que está a acontecer e logo da decepción de comprobar de primeira man que non se estaban a tomar aínda medidas concretas nos viñemos co compromiso do Secretario Xeral de Medio Rural e Montes de que valoraría con serenidade as nosas propostas e, sobre todo, co do Comisario Xefe da Policía Autonómica de facer seguimento e investigar cada denuncia así como incluir as trampas nos montes como un elemento máis de estudo dos axentes desprazados a cada curruncho da nosa xeografía.

Non só iso, Silverio Blanco demostrou ser profundo coñecedor da problemática coa que se enfrontan a diario os axentes do Corpo que dirixe e puxo en valor a enorme importancia e tremendo valor social que supón o noso colectivo:

O descubrimento dos corpos sen vida de Laura e Marina en Cuenca, o de Carlos (veciño de Aríns) nas vías do tren en Compostela ou o vehículo do rapaz de 19 anos que tiña desaparecido en Rianxo son só tres exemplos da inmensa laboura de vixilancia que, sen sermos conscientes, levamos a cabo todos os ciclistas a diario por toda a nosa xeografía.


É un factor de tremendo valor social que non escapa ó coñecemento dos nosos CFSE e por iso recibimos nesa xuntanza un importante encargo: o de sermos GARDIÁNS DO MONTE GALEGO!

Facilitousenos, por parte da Unidade Adscrita da Policía Nacional á Xunta de Galicia a listaxe de direccións e contactos de todas as súas sedes, que vos rogamos que teñades ben á man a partir de agora, para dirixirvos á que vos corresponda directamente cando teñades calquera tipo de incidencia nas vosas rutas: tanto se atopades algúnha trampa ou elemento perigoso, un vertido ilegal, indicio ou sospeita de provocación de lumes ou calquera actividade relevante que poidades considerar ilegal.

Copiamos a continuación toda esa información a fin de que a poidades usar e facer chegar a claquera compañeiro interesado e aproveitamos para lembrar que nós tamén debemos ser cívicos e, agora máis, a nosa conducta exemplar:

  - Jefatura de la Unidad Adscrita en Santiago de Compostela: Tfno.:  981 546474/ Fax: 981 546482.
         r/ Roma 25-27   15781 Santiago de Compostela.
                             galipol.sala@xunta.es

 -Sede Provincial de A Coruña: Tfno.: 981 15 34 10/ Fax: 981 15 43 82.
         r/ Ronda de Nelle, 24   15005  A Coruña.
                               galipol.spco@xunta.es

 -Sede Provincial de Lugo: Tfno.: 982 25 26 11/ Fax: 982 25 26 67.
          r/ Ronda de Fingoi (Esquina Avda. Madrid) 27002 Lugo.
                                galipol.splu@xunta.es

 -Sede Provincial de Ourense: Tfno.: 988 24 12 00/ Fax 988 24 12 80.
            r/ Clara Campoamor, 9-17    32002 Ourense.
                                  secretaria.autonomica.secretaria.ourense@xunta.es

 -Sede Provincial de Pontevedra: Tfno. 886 20 61 42/ Fax 886 20 61 40
               Avda. Fernández Ladreda, 43     36003 Pontevedra.
                                  galipol.sppo@xunta.es

 -Sede Local en Vigo: Tfno.: 986 26 61 58/ Fax 986 26 79 09
                  r/Pateira, 7- Interior     36214 Vigo.
                                   galipol.slvi@xunta.es
  

Moitas gracias a todos e lembrade, agora máis ca nunca: ANDADE CON OLLO AÍ FÓRA!!

jueves, 14 de mayo de 2015

A ENQUISA DA VERGONZA DA DXT

Estes días vos vimos advertindo da estafa que dende as institucións se pretende cometer plegando o interese colectivo e a seguridade de todos ás gañas de amasar cartos duns poucos. Isa é a impresión que nos queda despois de sabermos que a obrigatoriedade do uso do casco, que non houbo valor de impoñela contra opinións, recomendacións i estudos científicos se pretende impoñer agora pola porta de atrás, mediante os novos baremos de indemnizacións en accidentes de tráfico que, unha vez aprobados, poderán dar paso a que a viuva dun ciclista esmagado por un camión non vexa un peso de indemnización polo feito de que ese día, o seu marido, o pai dos seus fillos, a súa vida... non puxese o casco para ir polo pan.

Ó mesmo tempo, de xeito paralelo, a Dirección Xeral de Tráfico está a levar a cabo unha malintencionada enquisa na que pretende, con falsedades i enganos, que cale na opinión pública a necesidade de que os ciclistas conten con un seguro de responsabilidade civil.

Este é o link da enquisa en cuestión: http://bicidgt.encuesta-t.com/

Acto seguido a aseguradora Maphre lanza unha campaña para a captación de ditos seguros. Este é o cartaz que vemos rodar pola rede:

A oferta fala dun seguro de 37€ sen maior concreción.



Dende a ASCIGA vimos de enviar ó ente dirixido por María Seguí un escrito poñendo de manifesto o noso malestar. 

Nada mellor para que coñezades a mensaxe que lle transmitimos que copiarvos o texto de xeito íntegro:









Texto: 

"Á DIRECCIÓN XERAL DE TRÁFICO


Ó abeiro das últimas medidas da Dirección Xeral de Tráfico en relación ó colectivo ciclista, que esta Asociación pretende representar, e en relación á situación da utilización da bicicleta en España, como afectados, resúltanos imperativo manifestar una serie de consideracións ó respecto.

É de público coñecemento que a postura desta Asociación respecto da actividade da DXT é moi crítica. Nin somos os únicos nin é unha postura inxustificada. Proba do primeiro é o vídeo gravado por Perico Delgado tras dimitir como colaborador de dito ente no que deixa ás claras as súas deficiencias na preocupación pola mobilidade ciclista.

Dicimos tamén que temos motivos fundados para criticar duramente á Dirección Xeral que encabeza actualmente dona María Seguí; de feito hai tempo que vimos “contando” nós mesmos as vítimas ciclistas nas nosas estradas fartos de tanta manipulación.

Agora vimos de coñecer a publicación dunha “enquisa” (http://bicidgt.encuesta-t.com/) na que de maneira falaz a DXT di preocuparse pola seguridade ciclista. O que se observa, en cambio, nas preguntas de dito “documento” é unha clara intención de interpor máis trabas á circulación en bicicleta polas nosas vías. De todas elas a máis flagrante, por sesgada e tendenciosa, que non imos pasar por alto e pola cal esiximos unha inmediata rectificación é a seguinte:

“3.2. En algunos países como Suiza existen seguros personales que cubren la responsabilidad del vehículo y del conductor ciclista en caso de accidente. ¿Implantaría este tipo de seguro para el vehículo y el conductor ciclista en España?”

En España existen seguros persoais que cobren dita responsabilidade, tanto privados como os que ofrecen todas e cada unha das Federacións de Ciclismo do noso territorio con cadansúa licenza. É obvio que na DXT coñecen perfectamente esta circunstancia e que a intención é, unha vez máis, manipular a opinión pública.

Por todo o exposto esiximos:
-            Pública RECTIFICACIÓN por parte da Directora Xeral, dona María Seguí.
-            RETIRADA INMEDIATA da publicación da súa páxina web e de calquera outro lugar de público acceso.
-            ELIMINACIÓN e destrución de todos os datos recollidos ata o de agora pola citada enquisa.
-            ABANDONO definitivo da iniciativa.
               
En Santiago de Compostela, a 12 de maio de 2015."


De novo e máis ca nunca: coidádevos aí fora A DXT NON PODE CONDUCIR POR ELES!