martes, 6 de octubre de 2015

Policía Autonómica e ciclistas man a man.

Temos un enorme problema entre mans. Un problema que supera o eido deportivo, de lecer ou calquera outro. Un problema que se nos plantexa inmenso ante os humildes medios desta Asociación pero que tomamos a decisión de afrontalo con toda a responsabilidade e con toda a decisión do Rei David.
Resulta que os galegos estamos tratando de matarnos os uns ós outros nos nosos montes e iso é algo que nos negamos a asumir.


É por iso que vos anuniciamos a través do noso Facebook hai unhas datas que colliamos o touro polos cornos para sermos nós quen, como humildes representantes do noso colectivo, tratasemos de averiguar os prexuizos que os ciclistas irresponsables, que tamén os hai, poidan estar a xerar a outros usuarios e propietarios no monte; para coñecer cal pode ser ese "pecado mortal" que debe ser castigado coa propia vida; para abrir un diálogo e demostrar que somos quen de vivir e entendernos en paz; para convertir a vergonza de ser o lugar de España onde máis destas salvaxadas atopamos no orgullo de mostrar ó resto do Estado cál é o camiño.


O primeiro paso foi chamar a atención da Xunta de Galicia sobre un problema gravísimo a redor do cal non se están a tomar medidas de modo que o pasado 20 de Setembro fomos convocados polo Vicepresidente, Alfonso Rueda, a unha xuntanza cos principais responsables de cada sector administrativo con competencias na materia en San Caetano. E alá fumos... en bici, por suposto!



Nunha mesa na que, tras da exposición da ASCIGA, todos se mostraron escandalizados e horrorizados polo que está a acontecer e logo da decepción de comprobar de primeira man que non se estaban a tomar aínda medidas concretas nos viñemos co compromiso do Secretario Xeral de Medio Rural e Montes de que valoraría con serenidade as nosas propostas e, sobre todo, co do Comisario Xefe da Policía Autonómica de facer seguimento e investigar cada denuncia así como incluir as trampas nos montes como un elemento máis de estudo dos axentes desprazados a cada curruncho da nosa xeografía.

Non só iso, Silverio Blanco demostrou ser profundo coñecedor da problemática coa que se enfrontan a diario os axentes do Corpo que dirixe e puxo en valor a enorme importancia e tremendo valor social que supón o noso colectivo:

O descubrimento dos corpos sen vida de Laura e Marina en Cuenca, o de Carlos (veciño de Aríns) nas vías do tren en Compostela ou o vehículo do rapaz de 19 anos que tiña desaparecido en Rianxo son só tres exemplos da inmensa laboura de vixilancia que, sen sermos conscientes, levamos a cabo todos os ciclistas a diario por toda a nosa xeografía.


É un factor de tremendo valor social que non escapa ó coñecemento dos nosos CFSE e por iso recibimos nesa xuntanza un importante encargo: o de sermos GARDIÁNS DO MONTE GALEGO!

Facilitousenos, por parte da Unidade Adscrita da Policía Nacional á Xunta de Galicia a listaxe de direccións e contactos de todas as súas sedes, que vos rogamos que teñades ben á man a partir de agora, para dirixirvos á que vos corresponda directamente cando teñades calquera tipo de incidencia nas vosas rutas: tanto se atopades algúnha trampa ou elemento perigoso, un vertido ilegal, indicio ou sospeita de provocación de lumes ou calquera actividade relevante que poidades considerar ilegal.

Copiamos a continuación toda esa información a fin de que a poidades usar e facer chegar a claquera compañeiro interesado e aproveitamos para lembrar que nós tamén debemos ser cívicos e, agora máis, a nosa conducta exemplar:

  - Jefatura de la Unidad Adscrita en Santiago de Compostela: Tfno.:  981 546474/ Fax: 981 546482.
         r/ Roma 25-27   15781 Santiago de Compostela.
                             galipol.sala@xunta.es

 -Sede Provincial de A Coruña: Tfno.: 981 15 34 10/ Fax: 981 15 43 82.
         r/ Ronda de Nelle, 24   15005  A Coruña.
                               galipol.spco@xunta.es

 -Sede Provincial de Lugo: Tfno.: 982 25 26 11/ Fax: 982 25 26 67.
          r/ Ronda de Fingoi (Esquina Avda. Madrid) 27002 Lugo.
                                galipol.splu@xunta.es

 -Sede Provincial de Ourense: Tfno.: 988 24 12 00/ Fax 988 24 12 80.
            r/ Clara Campoamor, 9-17    32002 Ourense.
                                  secretaria.autonomica.secretaria.ourense@xunta.es

 -Sede Provincial de Pontevedra: Tfno. 886 20 61 42/ Fax 886 20 61 40
               Avda. Fernández Ladreda, 43     36003 Pontevedra.
                                  galipol.sppo@xunta.es

 -Sede Local en Vigo: Tfno.: 986 26 61 58/ Fax 986 26 79 09
                  r/Pateira, 7- Interior     36214 Vigo.
                                   galipol.slvi@xunta.es
  

Moitas gracias a todos e lembrade, agora máis ca nunca: ANDADE CON OLLO AÍ FÓRA!!

jueves, 14 de mayo de 2015

A ENQUISA DA VERGONZA DA DXT

Estes días vos vimos advertindo da estafa que dende as institucións se pretende cometer plegando o interese colectivo e a seguridade de todos ás gañas de amasar cartos duns poucos. Isa é a impresión que nos queda despois de sabermos que a obrigatoriedade do uso do casco, que non houbo valor de impoñela contra opinións, recomendacións i estudos científicos se pretende impoñer agora pola porta de atrás, mediante os novos baremos de indemnizacións en accidentes de tráfico que, unha vez aprobados, poderán dar paso a que a viuva dun ciclista esmagado por un camión non vexa un peso de indemnización polo feito de que ese día, o seu marido, o pai dos seus fillos, a súa vida... non puxese o casco para ir polo pan.

Ó mesmo tempo, de xeito paralelo, a Dirección Xeral de Tráfico está a levar a cabo unha malintencionada enquisa na que pretende, con falsedades i enganos, que cale na opinión pública a necesidade de que os ciclistas conten con un seguro de responsabilidade civil.

Este é o link da enquisa en cuestión: http://bicidgt.encuesta-t.com/

Acto seguido a aseguradora Maphre lanza unha campaña para a captación de ditos seguros. Este é o cartaz que vemos rodar pola rede:

A oferta fala dun seguro de 37€ sen maior concreción.



Dende a ASCIGA vimos de enviar ó ente dirixido por María Seguí un escrito poñendo de manifesto o noso malestar. 

Nada mellor para que coñezades a mensaxe que lle transmitimos que copiarvos o texto de xeito íntegro:









Texto: 

"Á DIRECCIÓN XERAL DE TRÁFICO


Ó abeiro das últimas medidas da Dirección Xeral de Tráfico en relación ó colectivo ciclista, que esta Asociación pretende representar, e en relación á situación da utilización da bicicleta en España, como afectados, resúltanos imperativo manifestar una serie de consideracións ó respecto.

É de público coñecemento que a postura desta Asociación respecto da actividade da DXT é moi crítica. Nin somos os únicos nin é unha postura inxustificada. Proba do primeiro é o vídeo gravado por Perico Delgado tras dimitir como colaborador de dito ente no que deixa ás claras as súas deficiencias na preocupación pola mobilidade ciclista.

Dicimos tamén que temos motivos fundados para criticar duramente á Dirección Xeral que encabeza actualmente dona María Seguí; de feito hai tempo que vimos “contando” nós mesmos as vítimas ciclistas nas nosas estradas fartos de tanta manipulación.

Agora vimos de coñecer a publicación dunha “enquisa” (http://bicidgt.encuesta-t.com/) na que de maneira falaz a DXT di preocuparse pola seguridade ciclista. O que se observa, en cambio, nas preguntas de dito “documento” é unha clara intención de interpor máis trabas á circulación en bicicleta polas nosas vías. De todas elas a máis flagrante, por sesgada e tendenciosa, que non imos pasar por alto e pola cal esiximos unha inmediata rectificación é a seguinte:

“3.2. En algunos países como Suiza existen seguros personales que cubren la responsabilidad del vehículo y del conductor ciclista en caso de accidente. ¿Implantaría este tipo de seguro para el vehículo y el conductor ciclista en España?”

En España existen seguros persoais que cobren dita responsabilidade, tanto privados como os que ofrecen todas e cada unha das Federacións de Ciclismo do noso territorio con cadansúa licenza. É obvio que na DXT coñecen perfectamente esta circunstancia e que a intención é, unha vez máis, manipular a opinión pública.

Por todo o exposto esiximos:
-            Pública RECTIFICACIÓN por parte da Directora Xeral, dona María Seguí.
-            RETIRADA INMEDIATA da publicación da súa páxina web e de calquera outro lugar de público acceso.
-            ELIMINACIÓN e destrución de todos os datos recollidos ata o de agora pola citada enquisa.
-            ABANDONO definitivo da iniciativa.
               
En Santiago de Compostela, a 12 de maio de 2015."


De novo e máis ca nunca: coidádevos aí fora A DXT NON PODE CONDUCIR POR ELES!

martes, 27 de enero de 2015

O Caso de Ezequiel Mosquera. Por Iván García Calaza.

“Eramos tres casos naquel momento en España, estaba claro que alguén se tiña que salvar” Ezequiel Mosquera,ex-ciclista profesional.




Xa pasaron catro anos e catro meses desde que, quizais, o galego Ezequiel Mosquera pasara de vivir en apenas uns días, o mellor momento da súa carreira xunto co peor pesadelo que puidera imaxinar. Tras uns comezos relativamente tardíos no ciclismo e o seu paso por Portugal, chegoulle a oportunidade no equipo da súa terra, o recén formado Xacobeo Galicia que lle daría a opción de disputar a Vuelta a España. No 2009 quedouse ás beiras do pódium, pero no 2010 non se lle escapou. Tras unha penúltima etapa de batalla co italiano Nibali na ascensión á Bóla do Mundo (que gañaría Mosquera) o galego non puido asaltar o liderado do italiano e firmou un meritorio segundo posto. Días despois, informouse pola prensa que dera un resultado anómalo nesa edición da Vuelta. 


O seu caso saíu a luz, o mesmo día no que Alberto Contador facía público o seu resultado por clembuterol no Tour de Francia, dous meses despois de que se lle detectara. Mosquera pasou a un segundo plano tanto polas institucións que dirixen este deporte, como pola esfera mediática. Cando tiña na man o mellor contrato da súa vida, impedíronlle seguir demostrando a súa valía. Pasou máis dun ano sen poder competir, mentres por exemplo Contador si o facía (aínda non se resolvera o seu caso); ata que a finais de 2011 foi sancionado polo Comité de Competición da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) con dous anos sen competir. 

A diferenza da posterior sanción a Alberto Contador (na que lle computaron dende que se lle atopara o seu resultado anómalo, polo que só estivo parado uns meses), Mosquera foi sancionado con dous anos desde o momento no que o Comité ditou esa sentenza, é dicir, realmente estivo 3 anos sen competir. Dada a súa idade, 37 anos, decidiu abandonar o ciclismo. 

O que non deixou foi a súa defensa. A mediados de setembro de 2014 a Audiencia Nacional comunicoulle que estimaba o seu recurso de apelación e anulou a resolución do Comité de Competición deixando sen efecto a sanción. A comezos deste 2015 a noticia facíase pública nos medios.


P: ¿Como te informas de que das un resultado anómalo na Vuelta a España 2010?

R: Infórmome por unha xornalista. Eu levanteime coa noticia de Contador e estaba mirando as noticias e de repente chámanme o teléfono e a xornalista avisoume do que pasaba. Despois horas máis tarde xa me informaron. As informacións que se daban era que utilizara esa substancia como enmascarador.

P: ¿É ese o procedemento a seguir?

R: Non, claro que non. O normal sería que mo comunicaran a min primeiro. Xa antes de abrir un expediente sancionador o normal sería que mo falasen e me dixesen “mira atopamos isto, ¿de onde ven?”.

P: Ao teu xuízo, ¿como foi tratado o teu caso polos medios?

R: Houbo de todo. Algúns defendéronme dende o primeiro momento, outros quedáronse a medio camiño e outros déronme caña por todos os lados.

P: Cres que se usou dalgunha maneira o teu resultado para tapar dalgún xeito o caso Contador?

R: Si si, a miña cabeza non pensa outra cousa. Eramos tres casos naquel momento en España (en referencia ao seu compañeiro de equipo David García, quen foi acusado de dopaxe e si que se demostrou o positivo neste caso) e estaba claro que alguén se tiña que salvar. Evidentemente íano salvar a el, contaba con todo o apoio.

P: Coincide tamén coa desaparición do Xacobeo Galicia, cres que tivo algo que ver en como se desenvolveu o teu caso?

R: A ver, non se trata de conspirar en exceso. Non podemos conspirar por todo. Quero pensar que non tivo nada que ver.

P: ¿Botaches en falta apoio institucional ou de compañeiros?

R: Se comparas o que había dun lado e do outro...

P: ¿Contabas con botar moitos máis anos no ciclismo ou o teu abandono estaba cerca?

R: Evidentemente un xa estaba nunha idade. É certo que eu comecei tarde no ciclismo. Empecei a correr con 18 anos e comecei a estar a un bo nivel aos 28, 29, 30 anos. Debido a isto cheguei fresco porque a carga de carreiras non foi moi forte, é dicir, o motor estaba ben; pero unha vez que pasas a barreira dos 40 anos aí xa pouco queda que facer.

P: Tiñas un contrato firmado con Vacansoleil e moitas posibilidades de correr o Tour. ¿Priváronche dese soño?

R: Si, eu tiña un contrato firmado co Vacansoleil e si que era un soño correlo Tour. Cando me ficharon e me dixeron que era o seu máximo líder no Tour treméronme as pernas. A min pódeme a presión, que realmente despois é igual ca Volta a España solo que en diferente sitio.

P: En principio ti non estabas sancionado, ¿por que non corres co Vacansoleil?

R: Eles en principio dixeron buff. Despois, eles non son parvos tiñan médicos de primeiro nivel e realmente apostaron por min e dixeron mentres non se demostre o positivo contamos contigo. Eu marchei de concentración con eles, fixen a pretemporada e tiña o meu calendario; Andalucía, Normandía, Giro...Pero cando estaba a punto de subir ao avión chamáronme e dixéronme “mira e que non podes ir”.

P: ¿Que fixeches tras esta negativa?

R: Eu seguín adestrando ata que me sancionaron. Pero daquela época prefiro non volver a recordala.

P: ¿Cando es informado da resolución da Audiencia Nacional?

R: A mediados de setembro.

P: ¿Como te sentes con esta resolución?

R: Aliviado por unha parte porque xa era moito tempo.

P: ¿Cres que a UCI recorrerá esta resolución?

R: Non sei o que fará, se recorre eu seguirei defendéndome como fixen ata o momento.

P: Tras a resolución, aínda hai xente que non está moi convencida, ¿que opinión tes ao respecto?

R: Cada un no seu traballo fai o que quere, eles saberán.

P: A finais do 2012 deuse un presunto novo caso de dopaxe dun ciclista galego, Álex Marque. Un ano despois demostrouse a súa inocencia. ¿Como ves o seu caso?

R: O tema de Álex quizais aínda foi peor co meu, porque lle cortou a súa carreira. Foi máis rápida a solución, pero máis dura. Ese rapaz é un crack, estaba ante a oportunidade da súa vida. Tivo que ser moi duro para él porque ademais coincidiu que lle detectaron unha enfermidade a súa nai naqueles mesmos tempo. Ese rapaz tivo que pasalo moi mal.

P: Tiña un contrato firmado con Movistar, ¿cres que foi utilizado a propósito ese suposto resultado para rescindirlle o contrato?

R: Dixen antes que non había que conspirar tanto. Eles son moi autónomos, é un equipo dunha elevada categoría. Demostrárono con Valverde que estivo sancionado e esperaron dous anos a que volvera. Quizais pois Marque era un corredor pouco coñecido, que viña de Portugal e entón, decidiron prescindir del.

P: Estase moi enriba de deportes como o ciclismo e o atletismo, ¿nos outros non hai dopaxe?

R: Quizais non todos os deportes teñan o mesmo nivel de esixencia. Creo que non hai nada máis duro que é unha volta ciclista de tres semanas. Dis, ¿o Ironman?, pero é un día e despois déitaste toda a semana. Tres semanas é moi duro. Pero está claro que si que hai deportes nos que a dopaxe tamén existe, pero mirase para outro lado.

P: ¿Como é a vida dun ciclista en tema de controis antidopaxe?

R: Témolo falado xa moitas veces o tema dos horarios. Que che cheguen a casa para facer un control, a veces queres ir o Corte Inglés, non te acordaches de meterte no ordenador e avisar e chéganche a casa facerche o control. Como non estás e tampouco avisaches que non ías estar; levas unha sanción.

P: Aquí en Galicia desapareceu o equipo ciclista e comezaron a vir etapas da Vuelta a España no canto, ¿que che parece?

R: Son diferentes maneiras de velo. Mellor non vou falar sobre iso.

P: ¿Que supón para a canteira do ciclismo galego a falta dun equipo profesional?

R: Co equipo profesional comezaba a saír xente porque vías que podías chegar a algo profesional. Sen o equipo, o único que queda é Portugal e alí desencántase. Con 23 ou 24 anos dis, non merece a pena; mellor deixo todo.

P: Tras abandonar o ciclismo, ¿a que te dedicas na actualidade?

R: Puxen dous proxectos en marcha. Por unha banda montei unha empresa de colocacións de eventos deportivos e pola outra unha liña de roupa. Polo momento está indo ben. Medrando día a día.





A parte da entrevista, Iván quixo equiparar o caso de Ezequiel co de Alberto Contador e ver o tratamento que ambos tiveron por institucións e medios de comunicación. Clicando no link podedes acceder á liña do tempo que deseñou Iván comparando ambos casos.

Só nos queda agradecer a Iván ter contado connosco para a realización do seu traballo e felicitalo polo resultado.

lunes, 26 de enero de 2015

III Ruta Brava



Era a primeira cita do ano e non podiamos faltar. “Mal, tarde e arrastro”, como nos recordou algún membro da organización, pero alí estivemos, jejeje.



Sabedores do bo facer do Clube BTT Os do Monte Bravo nas numerosísimas probas que organizan ó longo do ano (BTT, Trail, etc) nos presentamos nunha liña de saída ateigada de personalidades. Se ben se votou en falla ó “Xefe da manada”, atopamos un bo feixe de “jabalees” entre os que podemos destacar a Moncho e Kevin, que non podían faltar e que remataron cheos de lama ata as orellas, Era Visto…, o actor David Amor, así como corredores do máis selecto do noso pelotón amateur que darán batalla este ano, ca presenza destacada da nosa Campiona Eva Castro, i entre os que demos en falar con Brandán Márquez que se confesou “enchufado” na preparación do Campionato de España de Ultramaratón MTB que dará comezo o vindeiro 7 de Febreiro en Lleida. A por eles Tigre!!!




 





















Logo das palabras de alento de Moncho de Lameiro (Fede) arrancamos cara os montes de Teo coa dúbida de se nos enzoufariamos ata os eixos á conta das choivas dos últimos días. 



Xa nos primeiros quilómetros, coñecidos do ano anterior, a sensación colectiva era a de que a roupa de abrigo logo ía sobrar, xa que o sol saía con forza e incluso molestaba bastante dando de fronte obrigando ós bikers a andar moito máis atentos nas baixadas. Nos agardaba un gran día de BTT.

Aquí vos podedes ver no paso polo Km 5,5: (video)


A gran vantaxe de saír nunha proba deste tipo con calma, non como fixo un servidor o ano pasado no que no Km 5 xa ía co corazón na boca, é poder apreciar con máis detalle a paisaxe e todo o enorme traballo que nos regalan os organizadores en cada unha destas probas… amén das charlas e bromas con compañeiros de pedaladas. Ó longo da xornada, todos coincidimos en resaltar o traballo realizado: antes de nada hai que coñecer a zona para deseñar un percorrido tan completo, burocracia, papaleo, patrocinios, marcaxe, avastecementos, atención ós participantes… cousas que normalmente esquecemos os participantes pero que hai que facelas. E xusto é agradecelas ós que se parten o lombo durante semanas e pasan frío por nós.


Destacamos o deseño do percorrido porque se adaptou perfectamente ás necesidades dos que aínda están en pretemporada sen deixar de lado en ningún momento a diversión con zoas técnicas e baixadas rápidas nas que disfrutar da velocidade sobre a bici. Todos coincidimos en resaltar as zonas de “single track” a carón do río e con múltiples pasarelas preparadas polos membros do clube como a máis entretida e fermosa.


Como galegos e amantes da nosa terra que somos, sempre valoramos que estes trazados discorran pola beira dos ríos, cubertos de salgueiros, ou polas carballeiras que permanecen impunes ó paso do tempo. Tendes que ser conscientes de que deslizar a vosa bici sobre eses mantos de follas caídas é unha sensación que ningún biker pode experimentar a non ser que nos visite. Outro éxito desta ruta: poder promocionar o monte autóctono, o monte galego, o Monte Bravo (aí queda o chascarrillo).


Na xornada reinou o bo ambiente, como non pode ser doutro xeito coa categoría e clase dos bikers galegos, sen faltar unha ferramenta para unha avaría ou unha cámara para un pinchazo.


Na chegada o tempo foi o de menos, aínda entrando ó sprint (como mandan os cánones, jejeje). Poder disfrutar en boa compaña dunhas cervexas e unha reconfortante comida (e todo por 10 euriños) foi o broche de ouro a unha fantástica xornada de BTT, cortesía do Clube BTT Os do Monte Bravo.



Gracias por todo. Seguide así!!!