martes, 27 de enero de 2015

O Caso de Ezequiel Mosquera. Por Iván García Calaza.

“Eramos tres casos naquel momento en España, estaba claro que alguén se tiña que salvar” Ezequiel Mosquera,ex-ciclista profesional.




Xa pasaron catro anos e catro meses desde que, quizais, o galego Ezequiel Mosquera pasara de vivir en apenas uns días, o mellor momento da súa carreira xunto co peor pesadelo que puidera imaxinar. Tras uns comezos relativamente tardíos no ciclismo e o seu paso por Portugal, chegoulle a oportunidade no equipo da súa terra, o recén formado Xacobeo Galicia que lle daría a opción de disputar a Vuelta a España. No 2009 quedouse ás beiras do pódium, pero no 2010 non se lle escapou. Tras unha penúltima etapa de batalla co italiano Nibali na ascensión á Bóla do Mundo (que gañaría Mosquera) o galego non puido asaltar o liderado do italiano e firmou un meritorio segundo posto. Días despois, informouse pola prensa que dera un resultado anómalo nesa edición da Vuelta. 


O seu caso saíu a luz, o mesmo día no que Alberto Contador facía público o seu resultado por clembuterol no Tour de Francia, dous meses despois de que se lle detectara. Mosquera pasou a un segundo plano tanto polas institucións que dirixen este deporte, como pola esfera mediática. Cando tiña na man o mellor contrato da súa vida, impedíronlle seguir demostrando a súa valía. Pasou máis dun ano sen poder competir, mentres por exemplo Contador si o facía (aínda non se resolvera o seu caso); ata que a finais de 2011 foi sancionado polo Comité de Competición da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) con dous anos sen competir. 

A diferenza da posterior sanción a Alberto Contador (na que lle computaron dende que se lle atopara o seu resultado anómalo, polo que só estivo parado uns meses), Mosquera foi sancionado con dous anos desde o momento no que o Comité ditou esa sentenza, é dicir, realmente estivo 3 anos sen competir. Dada a súa idade, 37 anos, decidiu abandonar o ciclismo. 

O que non deixou foi a súa defensa. A mediados de setembro de 2014 a Audiencia Nacional comunicoulle que estimaba o seu recurso de apelación e anulou a resolución do Comité de Competición deixando sen efecto a sanción. A comezos deste 2015 a noticia facíase pública nos medios.


P: ¿Como te informas de que das un resultado anómalo na Vuelta a España 2010?

R: Infórmome por unha xornalista. Eu levanteime coa noticia de Contador e estaba mirando as noticias e de repente chámanme o teléfono e a xornalista avisoume do que pasaba. Despois horas máis tarde xa me informaron. As informacións que se daban era que utilizara esa substancia como enmascarador.

P: ¿É ese o procedemento a seguir?

R: Non, claro que non. O normal sería que mo comunicaran a min primeiro. Xa antes de abrir un expediente sancionador o normal sería que mo falasen e me dixesen “mira atopamos isto, ¿de onde ven?”.

P: Ao teu xuízo, ¿como foi tratado o teu caso polos medios?

R: Houbo de todo. Algúns defendéronme dende o primeiro momento, outros quedáronse a medio camiño e outros déronme caña por todos os lados.

P: Cres que se usou dalgunha maneira o teu resultado para tapar dalgún xeito o caso Contador?

R: Si si, a miña cabeza non pensa outra cousa. Eramos tres casos naquel momento en España (en referencia ao seu compañeiro de equipo David García, quen foi acusado de dopaxe e si que se demostrou o positivo neste caso) e estaba claro que alguén se tiña que salvar. Evidentemente íano salvar a el, contaba con todo o apoio.

P: Coincide tamén coa desaparición do Xacobeo Galicia, cres que tivo algo que ver en como se desenvolveu o teu caso?

R: A ver, non se trata de conspirar en exceso. Non podemos conspirar por todo. Quero pensar que non tivo nada que ver.

P: ¿Botaches en falta apoio institucional ou de compañeiros?

R: Se comparas o que había dun lado e do outro...

P: ¿Contabas con botar moitos máis anos no ciclismo ou o teu abandono estaba cerca?

R: Evidentemente un xa estaba nunha idade. É certo que eu comecei tarde no ciclismo. Empecei a correr con 18 anos e comecei a estar a un bo nivel aos 28, 29, 30 anos. Debido a isto cheguei fresco porque a carga de carreiras non foi moi forte, é dicir, o motor estaba ben; pero unha vez que pasas a barreira dos 40 anos aí xa pouco queda que facer.

P: Tiñas un contrato firmado con Vacansoleil e moitas posibilidades de correr o Tour. ¿Priváronche dese soño?

R: Si, eu tiña un contrato firmado co Vacansoleil e si que era un soño correlo Tour. Cando me ficharon e me dixeron que era o seu máximo líder no Tour treméronme as pernas. A min pódeme a presión, que realmente despois é igual ca Volta a España solo que en diferente sitio.

P: En principio ti non estabas sancionado, ¿por que non corres co Vacansoleil?

R: Eles en principio dixeron buff. Despois, eles non son parvos tiñan médicos de primeiro nivel e realmente apostaron por min e dixeron mentres non se demostre o positivo contamos contigo. Eu marchei de concentración con eles, fixen a pretemporada e tiña o meu calendario; Andalucía, Normandía, Giro...Pero cando estaba a punto de subir ao avión chamáronme e dixéronme “mira e que non podes ir”.

P: ¿Que fixeches tras esta negativa?

R: Eu seguín adestrando ata que me sancionaron. Pero daquela época prefiro non volver a recordala.

P: ¿Cando es informado da resolución da Audiencia Nacional?

R: A mediados de setembro.

P: ¿Como te sentes con esta resolución?

R: Aliviado por unha parte porque xa era moito tempo.

P: ¿Cres que a UCI recorrerá esta resolución?

R: Non sei o que fará, se recorre eu seguirei defendéndome como fixen ata o momento.

P: Tras a resolución, aínda hai xente que non está moi convencida, ¿que opinión tes ao respecto?

R: Cada un no seu traballo fai o que quere, eles saberán.

P: A finais do 2012 deuse un presunto novo caso de dopaxe dun ciclista galego, Álex Marque. Un ano despois demostrouse a súa inocencia. ¿Como ves o seu caso?

R: O tema de Álex quizais aínda foi peor co meu, porque lle cortou a súa carreira. Foi máis rápida a solución, pero máis dura. Ese rapaz é un crack, estaba ante a oportunidade da súa vida. Tivo que ser moi duro para él porque ademais coincidiu que lle detectaron unha enfermidade a súa nai naqueles mesmos tempo. Ese rapaz tivo que pasalo moi mal.

P: Tiña un contrato firmado con Movistar, ¿cres que foi utilizado a propósito ese suposto resultado para rescindirlle o contrato?

R: Dixen antes que non había que conspirar tanto. Eles son moi autónomos, é un equipo dunha elevada categoría. Demostrárono con Valverde que estivo sancionado e esperaron dous anos a que volvera. Quizais pois Marque era un corredor pouco coñecido, que viña de Portugal e entón, decidiron prescindir del.

P: Estase moi enriba de deportes como o ciclismo e o atletismo, ¿nos outros non hai dopaxe?

R: Quizais non todos os deportes teñan o mesmo nivel de esixencia. Creo que non hai nada máis duro que é unha volta ciclista de tres semanas. Dis, ¿o Ironman?, pero é un día e despois déitaste toda a semana. Tres semanas é moi duro. Pero está claro que si que hai deportes nos que a dopaxe tamén existe, pero mirase para outro lado.

P: ¿Como é a vida dun ciclista en tema de controis antidopaxe?

R: Témolo falado xa moitas veces o tema dos horarios. Que che cheguen a casa para facer un control, a veces queres ir o Corte Inglés, non te acordaches de meterte no ordenador e avisar e chéganche a casa facerche o control. Como non estás e tampouco avisaches que non ías estar; levas unha sanción.

P: Aquí en Galicia desapareceu o equipo ciclista e comezaron a vir etapas da Vuelta a España no canto, ¿que che parece?

R: Son diferentes maneiras de velo. Mellor non vou falar sobre iso.

P: ¿Que supón para a canteira do ciclismo galego a falta dun equipo profesional?

R: Co equipo profesional comezaba a saír xente porque vías que podías chegar a algo profesional. Sen o equipo, o único que queda é Portugal e alí desencántase. Con 23 ou 24 anos dis, non merece a pena; mellor deixo todo.

P: Tras abandonar o ciclismo, ¿a que te dedicas na actualidade?

R: Puxen dous proxectos en marcha. Por unha banda montei unha empresa de colocacións de eventos deportivos e pola outra unha liña de roupa. Polo momento está indo ben. Medrando día a día.





A parte da entrevista, Iván quixo equiparar o caso de Ezequiel co de Alberto Contador e ver o tratamento que ambos tiveron por institucións e medios de comunicación. Clicando no link podedes acceder á liña do tempo que deseñou Iván comparando ambos casos.

Só nos queda agradecer a Iván ter contado connosco para a realización do seu traballo e felicitalo polo resultado.

1 comentario: