jueves, 26 de diciembre de 2013

O PEOR 2013 DAS NOSAS VIDAS. NON HAI OUTRO (POR SORTE)


Estamos a piques de rematar o 2013. Un ano cheo de sensacións agridoces, de noticias positivas para o noso colectivo e outras que non o son tanto, un ano con importantes novidades que nos tocan de preto, e outras que nos tocan... outras cousas. Case que acolléndonos a un comportamento tópico por estas datas, decidimos facer unha pequena análise, un balance do que nos supuxo este ano 2013 como colectivo.


Dende unha perspectiva POSITIVA, debemos facer mención de moitas anécdotas, cuestións e aspectos que nos imprimen certo optimismo de cara ó 2014. Neste 2013 puidemos demostrar que no ciclismo sabemos facer as cousas ben, loitar como colectivo, defendernos, solidarizarnos. Seguimos sendo eses que saímos ós montes e ás estradas co simple propósito de dar pedais e que, cando nos cruzamos con outros compañeiros, nos saudamos humildemente coma se nos coñecésemos “de toda a vida”; mentres que noutros deportes seguen repetíndose as pelexas entre afeccionados, con encontros de “alto risco” (así declarados), con desfalcos a facenda e dispendios de centos de millóns de euros que resultan insultantes nos tempos que corren. Somos un exemplo. Nese sentido, pese a que as axudas públicas se dirixen cara outros lados, o ciclismo segue moi vivo.

Este ano a Volta a España reviviu unha das edicións máis emocionantes que se recordan e, aínda que foi Horner quen se levou “o gato á auga”, todos quedamos abraiados co espectáculo que, xunto co americano, nos brindaron Nibali, Roche, Valverde, Cancellara, Purito, Pinot, Barguil, Pozzovivo e compañía. Un evento no que os ciclistas galegos mostramos que somos moitos e que nesta terra respiramos ciclismo e vivimos a bicicleta con paixón, como o amosou a masiva participación na etapa previa ó seu inicio con final no monte Lobeira e tamén abarrotando os arcéns co paso dos ciclistas nas etapas, coas beirarrúas das nosas vilas repletas de xente ata que non collía un alfiler, berrando e apupando en cada ascenso, deixándonos notar en todas as etapas. Somos terra de ciclismo. Abofé.

Na Volta a Portugal, dous galegos, Alex Marque e Gustavo César Veloso, coparon o podio este ano. E iso, por moito que se empeñen en borralo ou manchalo, é algo que non se esquece.


No Tour deste ano, dominado con puño de ferro por Chris Froome, ‘Purito’ Rodríguez , merecidísimamente declarado mellor ciclista do ano, dando guerra onde outros claudicaron acabou coándose no último escalón do podio nos Campos Elíseos, por detrás do corredor do Sky e de Nairo Quíntana.

Quizais, eventos deportivos aparte, a noticia do 2013 foi a irrupción de Fernando Alonso e o seu proxecto de equipo no pelotón internacional inicialmente destinado a absorber, licencia ProTour mediante, a estrutura do extinto Euskaltel. Xesto que no seu día loubamos na ASCIGA e que, faltaría máis, non deixaremos de facer pese ás discordancias co equipo vasco, cuxas excesivas pretensións e esixencias, malograron o proxecto. Difuminándose esta pretensión inicial nos últimos meses, ‘Magic’, afeccionado como é o ciclismo, persiste na procura dos elementos que lle permitan conformar un equipo ciclista e abofé que o acabará facendo.

No mundo da “roda gorda” tamén tivemos boas noticias. Puidemos corroborar que Jose Antonio Hermida co seu renovado título de campión de España e o seu podio na Copa do Mundo en Canadá, segue sendo o noso baluarte e que conserva gasolina para estar na pelexa cos de adiante, aínda que lonxe dos inalcanzables Absalon e Schurter (este último intratable). O noso galego por excelencia, Pablo Rodríguez Guede, continúa a súa progresión imparable. Este ano, nas filas do potente BH Suntour, deu un salto cualitativo e móstrase coma unha gran baza, renovando o campionato de España e con grandes actuacións no Campionato do Mundo. A gran promesa do Mountain Bike español segue progresando e é un galego. Non fai falla decir nada máis.


Outra galega, Lucía Vázquez, deunos unhas cantas alegrías no ano que esmorece e demostrou que hoxe por hoxe a nivel nacional non ten rival, proclamándose Campiona do Open de España de XCO, superando a Sandra Santayes, e, por se iso non lle chegase, tamén se erixiu en Campiona da Copa de Portugal. Pese a todo, soamente as limitacións e falta de apoios lle impediron acadar un gran resultado nas probas da Copa do Mundo nas que participou. Non obstante, vistos os resultados deste ano e o seu carácter loitador, para o 2014 os resultados semellan prometedores.


Pola súa parte, este ano vivimos unha das máis notables e esperadas noticias no noso deporte: o regreso da campeonísima Marga Fullana, quen, despois de cumprir a sanción que se lle impuxera, voltou con máis ganas que nunca de poñerse “ó choio”, participando en innumerables probas deportivas.

Ademais, este ano as rutas BTT, nas que tanto gustamos de participar e organizar, acadaron un éxito sobresaínte pese a que as axudas seguen a ser reducidas en comparación con outros deportes e eventos. Algo que nos vén a significar que o ciclismo, tamén o de montaña, non soamente está moi vivo senón que, pese ó pouco que poida gustar en certos sectores, segue medrando. O número de rutas segue incrementándose e, de feito, este ano vivimos o comezo de moitas delas que están chamadas a facerse un oco no calendario: BTT Concello de Valga, BTT San Martiño (Teo), BTT Laxe dos Bolos (Caldas de Reis), BTT Santiago de Compostela, BTT Concello de Rianxo, BTT Concello de Negreira, etc. Outras seguen consolidándose coma eventos xa consagrados coma a BTT Cidade de Ourense, que xa vai pola súa cuarta edición; a Ruta do Lacón (Cuntis) que medra cada ano; a xa tradicional Quedada do Carballiño que acadou este ano a súa terceira edición; e, como non, a BTTinto (Ribadumia) que en 2013 rozou os dous millares de participantes nun evento de enorme éxito en cantidade de participantes e calidade da organización. Dende a ASCIGA queremos manifestar o noso total e absoluto apoio ós organizadores para que manteñan estes eventos e os sigan celebrando, e ós bikers animámosvos a participar e a ser condescendentes cos erros cometidos: lembrade que aquí non acostumamos a dispoñer das axudas e as facilidades que outros deportes disfrutan.


Pese á importancia das cuestións positivas que vimos de mencionar, no que atinxe ás cuestións NEGATIVAS do 2013 debemos dicir que estas gañan e por goleada, quizais non en cantidade, pero si na súa importancia cualitativa.

En primeiro lugar, cómo non, as vítimas. Todas as palabras do mundo non bastarían para amosar unha ínfima parte da dor e a carraxe que nos produce ver cómo compañeiros e amigos se deixan a vida na estrada por, sinxelamente, saír a dar pedais sen facerlle mal a ninguén. E este ano 2013 foi especialmente luctuoso. Invádenos unha sensación de impotencia cando vemos, sobre todo, como os homicidas saen impunes pese á flagrancia dos seus delitos e ás probas de cargo contra eles, máis cando fuxen do lugar do delito, deixando ó ciclista moribundo, coma no caso de Óscar Bautista, reflectido no encabezado destas palabras; tendencia esta de fuxir que este ano, por desgracia, convirtiuse en moda. De toda esta impune barbarie baste o exemplo da conductora que, a pesar de estar a piques de varrer a un grupo enteiro de ciclistas en Barcelona, sen respectar distancia de seguridade no adiantamento, nin as normas para realizar dita maniobra, e atentando contra a seguridade da circulación, foise “de rositas” para a súa casa; e ós nosos compañeiros e, por extensión, ó colectivo ciclista ¿qué nos quedou? Pois palmadiña na espalda e “adeus, moi boas”. Quedámonos, como contrapunto, coa reivindicación de respecto para o colectivo, e que aquí reiteramos, feita na homenaxe ó noso compañeiro Cristóbal Hermida de Bueu, que morreu atropelado salvaxemente un camión por un ‘despiste’ do conductor. Levaba casco.


E é aquí cando a Directora da DXT, doña María Seguí, deu en “preocuparse” por nós erixíndose ela mesma en estandarte da nosa loita pola seguridade viaria. Mala hora na que o fixo. Vendeu, insistiu, porfiou, publicitou e verborreou unha e outra vez a falaz “priorización no uso da bicicleta” (así o vomitaron no texto do Regulamento) na nova regulación, ata o punto de ‘disfrazarse’ de ciclista, mentres afeccionados á bicicleta dos de verdade morrían nas estradas. ¿Cales eran as medidas para fomentar o uso da bicicleta e aumentar a seguridade do noso colectivo? Sorpresa, sorpresa: o uso do casco. Sí, coma o que levaba posto Cristóbal Hermida. O mesmiño. Non vamos a dicir nada máis do aquí dito e que xa vimos manifestando ó longo do ano. Soamente insistimos en que o esquecemento da Educación viaria (tantas veces mencionada neste espacio), que nos parece a máis axeitada medida, é un desgraciado tributo a todos os ciclistas que se deixaron a vida, sobre todo cando, como demostramos aquí, se manipulan as cifras de falecidos.


En segundo lugar, por se iso fose pouco, este ano a moda de “matar ciclistas” acadou especial renome e habitualidade nos montes: as trampas para ciclistas. Aínda que á señora Seguí pareza non importarlle, tamén no monte estamos sometidos ás normas de circulación, pero a día de hoxe aínda non nos explicou cómo o casco nos pode salvar dos arames de espiño á altura do pescozo nas baixadas, os cepos nos camiños, os punzóns escondidos, etc. E é que a man dos criminais.dito en termos modísticos, estivo en 2013 especialmente creativa e innovadora converténdose nunha “divertida” tendencia capaz de esganar a ciclistas, cortar xugulares ou amputar extremidades.


E non podemos deixar no tinteiro o sempiterno binomio dopaxe-ciclismo ou, por dicir as cousas como realmente son, a manipulación do binomio dopaxe-ciclismo, sinxelamente porque este nos tocou ben de preto. Lance Armstrong foi o caso mediático deste ano, caso do que se vén a lanzar recentemente un documental en plena sintonía coa opinión oficial. Deste caso xa temos falado aquí largo e tendido. Para nós, o caso sangrante e a inxustiza é o do estradense Alex Marque, vixente campión da Volta a Portugal quen, tendo a connivencia da UCI e todos os informes médicos acreditativos do tratamento e da infiltración nun xeonllo, vén de ser acusado falazmente de dopaxe; acusación que, de non ser polas probas esgrimidas polo propio Alex e as proclamas de todos os que o defendemos, serían asumidas gratuitamente pola sociedade a costa da presunción de inocencia que semella que para nós, os ciclistas, nin está nin se lle espera.

No deportivo, quedámonos coa nota negativa que nos supuxo o fracaso (non se nos ocorre outra forma de chamalo) da armada española nos Mundiais de Ciclismo celebrados en Florencia. Con membros coma Valverde, ‘Purito’, Contador, Castroviejo e demáis, levabamos a mellor selección en anos e, sen embargo, tivemos que conformarnos cos escalóns inferior do podio, ainda hoxe non entendemos por qué, ante a hábil xogada do portugués Rui Costa.


Para variar, seguimos sen dúas cousas que se nos albiscan como moi importantes: un equipo galego, o cal xa tiñamos; e a explicación da súa ausencia, mentres despilfarramos os cartos noutro tipo de eventos e mentres se nos intenta contentar cun par de etapiñas na Volta a España, non vaia a ser que protestemos moi alto, ¿non sí, Alberto?



Así pois remata un ano do que, pese ó moito e bo que vivimos, nin sequera de lonxe non podemos extraer conclusións positivas. Non só porque no que atinxe ós nosos problemas como colectivo se aportan solucións equívocas, que se adoptan “tarde, mal e arrastro”, senón porque todo balance será negativo namentres os ciclistas sigamos a ser vilipendiados sen que ninguén mova un dedo por nós, sen ter máis resposta que o silencio para as nosas reivindicacións.



Ninguén nos regalará nada. Por iso no 2014 co voso apoio, coas vosas ideas e coas vosas aportacións na ASCIGA seguiremos traballando por e para o colectivo ciclista e defendendo os nosos intereses. ¿Por qué? Porque un mundo con máis bicicletas, é un mundo mellor.

2 comentarios: