O pasado sábado 10 de agosto un pelotón de algo máis dun cento de bravos
deportistas acudiron “desafiantes” á chamada de Ezequiel Mosquera dende Os
Ancares. Nesta segunda edición da marcha que leva o nome do ciclista de Teo
houbo algunha novidade respecto da pasada edición pero o mesmo ánimo de
superación por parte de participantes e organizadores.
Logo do fallo intento do pasado mes de maio, no que 30 cm de neve nos
privaron de facer un só quilómetro, aínda que non das risas ós que demos
chegado a Piornedo, a organización tomou a axeitada decisión de dar comezo ó
percorrido neste novo intento dende Becerreá. Deste xeito a proba se fai máis
accesible ós participantes aínda que perde o punto mitolóxico do final na aldea
de Piornedo.
Chegados a Becerreá todo estaba disposto, recollida de dorsais e chip
(fundamental ter un tempo na ascensión ó Pan do Zarco para medirnos cos
profesionais cando eles se atrevan, jeje), un agasallo, control de firmas e a
formar. Na saída agradecemento do anfitrión ós bravos participantes,
presentación e entrega de agasallos ós padriños, Pedro Nimo e Fede Pérez, dos cales
un non queda seguro de saber quén
é o cómico e quén o atleta; advertencias de
rigor e partida cara o que Eze nos describía como “territorio comanche”. Por
diante catro duras ascensións cunha calor abafante e co coloso Pandozarco (“El
coloso en llamas”, qué calor!) apenas a 40 km da saída.
A primeira ascensión da xornada, o porto da Serra Morela. Se cadra unha das
subidas máis fermosas que coñezo. O asfalto está coma un prato, comeza nunha
zoa sombría entre árbores e á medida que vas ascendendo, con pendentes
razoablemente esixentes que permiten subir a ritmo, vai desaparecendo a
vexetación dando paso a unha paisaxe máis agreste onde o sol lle traballaba as
costas con ímpeto a todos os valentes. En cada unha das xa escasas sombras un
garda civil coa súa moto resgardándose do astro rei.
Coroouse a Morela en grupo, con algúns participantes descolgados e sufrindo
xa o que ía ser unha xornada para titáns. Arriba abastecemento, líquido e
sólido, e “parrafada”.
Continuámola marcha, un repeito, dor de pernas, baixada revirada, outro
repeito, máis dor de pernas, baixada rápida e revirada, un letreiro: “Comeza
Porto”. Velaí o ven!
A ascensión ó Pan do Zarco comeza cun regueiro de corredores ciscados ó
longo do percorrido por mor do perigoso da baixada e mailo feito de ter saído
algún grupo por diante. Tomándoo con calma nas primeiras ramplas, xa sabía o
que viña despois, as sensacións son moito mellores que na pasada edición,
semella que o duro adestramento se reflicte nas pernas… pasa Eze, a un ritmo
que che fai pensar que vas pinchado, cunha facilidade tremenda e o que ven á
mente de novo son os adestramentos, qué pouco valoramos o ciclismo de
competición!
Viramos á dereita en Murias onde xa sabía que chegaba a hora da verdade, a
algún acompañante de viaxe cólleo de sorpresa, sería moi interesante colocar un
micrófono nese punto e gravar as expresións da xente ó ver aquel “repeitiño”,
repeitiño que xa non suaviza ate 8 Km máis adiante…
Imos preparados: 34 de prato pequeno e 27 e 28 atrás, máis vale que sobre…
Pero non contabamos cun novo amigo: o sol. Non é o mesmo subir a 15 graos que
facelo a máis de 30. O pulso non baixa, levas sensación de ir gardando pero o 1
e mailo 9 permanecen como primeiras cifras na pantalla do pulsómetro, podes
pagalo máis adiante… Bebendo cada 100m comezas a pensar na auga que votaches
pola cabeza e polo lombo, pero tamén facía falla… unha animalada.
Repeito tras repeito os quilómetros van caendo e, molestias aparte, o ritmo
segue sendo constante. Avistámolas pallozas, onde sei que hai unha fonte coa
auga máis fresca e pura que te poidas imaxinar. Alivio… e sorpresa. Ó chegar alí
observo un numeroso grupo de veciños que se achegaran a ver ós bravos
deportistas en plena ascensión, e non viñeran sos: música, churrasco e café de
pota a disposición de quen viñese “apajarado”.
-Un bidón de auga que quedan mémos de 3 Km e quero mellorar o tempo do ano
pasado, jeje. Nunca medio litro de auga me chegara a tan pouco. Por fortuna ó
coroar a organización tiña previsto un bo abastecemento do que demos boa conta.
Reagrupamos e continuamos cara o Piornedo. A baixada é rápida e perigosa,
seguida dun repeito duro que nos volve facer retorcer a todos: ciclistas,
transmisións, cambios, llantas…
Cruzámo-lo Piornedo, aldea preromana, un fortín durante séculos que cada
ano, semella que voltará ser conquistado polos amigos de Ezequiel Mosquera a
golpe de pedal. Dúas ascensións por diante: o alto do Portelo e Pedrafita do
Cebreiro. Nada en comparación co pasado pero coa incertidume do prezo que o Pan
do Zarco nos tería feito pagar na súa
peaxe.
O pelotón completamente espallado, grupiños pequenos buscaban xa o ritmo
máis cómodo para irse achegando a Becerreá, fin deste Purgatorio ciclista que
unha magnífica organización nos ofrece ano tras ano.
O máis rápido empregou 5 horas e 20 minutos en completa-lo percorrido, o
máis lento 8 horas e 1 minuto. Eu non teño claro a cal darlle máis valor. Se
cadra o realmente importante fose rematar, ou dar coroado o “Coloso dos Ancares”;
ou se cadra o máis importante fose que ante tanto sufrimento e loita a bo
ambiente e o compañeirismo fosen a bandeira que todo o pelotón portou ate a
meta levando como estandarte o bo humor.
Noraboa a todos os que estivestes alí, e tende claro que lle podedes dicir
a todos, sen temor a equivocarvos, que: REALMENTE SODES BRAVOS!!!
¡Bravo también el reportaje. Moitas grazas!
ResponderEliminarEu estive o ano pasado, este non pude (aunque acabo de facelo mentalmente grazas a ti: qué envidia!); pero pal que ven repito fixo.
Unha aperta.
Luis Pérez
Alí nos veremos amigo Luis, unha aperta!!!
ResponderEliminarMoi boa crónica.
ResponderEliminarMágoa non poder estar alí con vos...
Para o ano cun pouco de sorte píllame de vacacións si se mantén a data, e ogallá poñan a saída máis cedo, para non sufrir tanto ca calor no Pan do Zarco.
Saúdiños.