viernes, 12 de abril de 2013

I RUTA BTT CONCELLO DE RIANXO. 7 de abril de 2013.



O pasado día 7 de abril estreouse esta ruta que, dese xeito, veu a incorporarse ó calendario de rutas BTT. E a pesares de que o tempo chuvioso fixo acto de presenza, algo ó que xa estamos acostumados nas rutas celebradas estes últimos meses, non afectou ás gañas dos participantes de dar pedais polo monte e de disfrutar dun percorrido e, por suposto, non minguou un ápice sequera a boa labor e disposición dos membros da Peña Ciclistoturista Castro Barbudo e as institucións que colaboraron.

As adversas circunstancias climatolóxicas agudizáronse en certos momentos e puntos do trazado. Emporiso non podemos comezar doutro xeito esta entrada que non sexa trasladar a noraboa ós membros da organización, xa que ata no recanto máis perdido, distante e angosto de cada un dos trazados había un membro daquela fancendo indicacións, unha cinta que indicaba o camiño correcto ou unha frecha pintada. Foi unha constante, o cal contribuíu a que os participantes nos sentísemos tranquilos á hora de poder desviarnos e tamén seguros ante a reiterada visión de membros da organización que, dito sexa de paso, fixeron un esforzo titánico ante a adversidade do tempo. Os avituallamentos, completos e cun reparto coherente no trazado, tamén foron moi salientables e cualitativamente notables (os donuts leváronse a fama, pero o resto non tiña desprezo). As duchas en auga quente, as breves esperas para lavar as bicicletas e o banquete final constituiron un magnífico colofón a unha dura pero satisfactoria xornada de mountain bike.

Xa no que atinxe ó trazado, debemos mencionar que a particularidade desta ruta, a diferenza do dobre trazado das habituais (ruta curta – ruta longa), derivaba da posibilidade de optar por tres trazados: un de 20 km (iniciación), un de 40 km (ruta) e un de 60 km (maratón), distancias aproximadas. Por suposto, existía a posibilidade de mudar de un a outro en función das circunstancias que se fosen presentando, se ben non en excesivas ocasións, o cal é de agradecer para evitar embarallamentos de participantes e embotellamentos en moitos puntos do trazado e facela circulación máis fluída en cada un deles.

Os tres percorridos.

A ruta, algo que se vía vir, presentábase dura polo tempo chuvia e o frío que, coma os 500 e pico beteteiros, acudiron puntualmente á cita. Nós optamos pola ruta longa que, de acordo cos nosos contaquilómetros, extendeuse por un trazado de 55,40 km polos concellos de Rianxo e Dodro. Un trazado complicado e esixente.


Comezaba o percorrido cun paseo polo mercado, a medio montar ainda, e pola beira do mar de Rianxo. Pasados os primeiros quilómetros e o atasco causado nunha estreita ponte de madeira, dirixímonos terra adentro co grupo máis estirado xa. As dificultades non tardaron en aparecer posto que en certos puntos, e na escasa marxe de dous ou tres quilómetros, a auga “traballara” abondo e orixináronse zonas moi embarradas e outras con grandes pedras entre as que descorría a auga, zonas que rompían o pedalear de calquera que non estivese un pouco hábil. Naturalmente, nun punto ou noutro, o que máis e o que menos puxo pé a terra para superar bicicleta en man eses puntos. Superadas estas trabas iniciais o percorrido, sempre acompañado por unha lixeira choiva tornouse “normal”. Sen tempo para sacudirse a lama acumulada xa tan cedo, as subidas empezaron a esixir o mellor dos participantes con tramos de pendentes constantes, cortalumes e un percorrido paralelo á autopista moi divertido, que favorecía á rodaxe e que, sen dúbida, axudou a subila media de velocidade; xiro á dereita e a subir de novo unha pequena rampla que logo se tornou nunha subida infernal na que houbo que “tirar de peito” e amarrarse ó manillar, xa que ademáis parecía non ter fin. O premio estaba ó final da mesma.

Pasada esa primeira embestida, chegamos ó habituallamento, abundante e consistente, para facermos a primeira parada en boxes e a respostaxe. Os donuts de chocolate foron o mellor dos reconstituíntes: así o constataron tódolos participantes. Seguro que os que non pararon se arrepentiron. Retomamos a marcha, cruzámola C-550 (alto de Bexo) e, tras uns metros de “pisteo”, unha nova subida dura pero tamén bastante técnica polo estado lamoso do terreo, nuns lugares, e polas pedras e raíces, noutros. Unha baixada por un cortalumes conduciunos a unha pista de asfalto en baixada, moi agradecida, que remataba na Cruz do Abelán. Xiro á esquerda e paso por Teaio onde a xente do lugar, igual que ó longo da ruta, non cesou de apupar ós que pasabamos dando pedais.


A partir de ahí, todo arreciou. A chuvia comezou a caer con especial intensidade para porlle o toque épico (como se non o tivera xa) ó tramo que comezabamos: a subida ó alto da Muralla. Comezamos cunhas ramplas suaves pero que, co paso dos quilómetros, foron desgastando unhas pernas que para entón xa levaban 35 quilómetros e non respondían como a primera hora. Pero a subida non cesaba, non sendo algún “descansiño”, e a porcentaxe da pendente incrementábase. Irrompeu a néboa de súpeto, a referencia dos que ata entón tiñas detrás perdeuse e só advertías ós que tiñas uns metros diante cando os escoitabas conversar. Unha sensación de esforzo solitario indescritible. Despois de “enganchar” cun compañeiro de ruta, sen mediar unhas palabras que o cansazo nos impedía pronunciar sequera, a complicidade de ambos fixo que marcásemos un ritmo que nos permitise seguir adiante ós dous. É a esencia do compañeirismo solidario deste deporte. E chegados a unha lixeira baixada alcanzamos un novo avituallamento, novamente tan substancioso como agradecido.

E, por fin, a definitiva acometida á Muralla. Comezada en solitario e coas enerxías recargadas, as duras ramplas e especialmente unha durísima e empinada subida por un estreito camiño de a pé entre pinos polos que se desviuou a ruta, devolveronnos á crúa realidade da fatiga. Retomada a pista de grava que leva á cima, as dificultades multiplicáronse posto que apareceu unha choiva intensa e fría, a néboa volveuse mesta ata o indecible e, o peor de todo, comezou a soprar un aire ciclónico e brutal. Esas circunstancias converteron os dous últimos quilómetros da subida nun inferno, nunha auténtica tortura. O vento, frío e forte, parecía tirar con un ó chan, desviaba as trazadas, sacudía o chuvasqueiro ata parecer querer arrebatalo. Cada pedalada era un esforzo descomunal. E, por fin, a cima. O rapaz que coronou uns metros por diante miña,quizais sen ser consciente de que eu viña por detrás, alzou os brazos e pegou un berro de xúbilo e excitado por ter alcanzado o cumio.

Solidaridade dos bikers e boa organización.

Ainda co son dos eólicos azoutados polo vento, comezamos a baixada, cun dos membros da organización facendo indicacións ós participantes no medio daquel vendaval. Comezaba entón una longuísima baixada con moitas pozas de auga acumulada nos buratos que se iban presentando e con tramos de baixada realmente perigosos por cortalumes repletos de perigosas pedras que obrigaban a exprimila técnica baixando e a seleccionar ben “onde pisar” para non ir ó chan; outros tramos desa baixada descorreron por trialeras con enormes rotos e escalóns considerables ós que, por se iso fora pouco, se lle sumaran os enormes furados e regos creados pola auga. Todo para rematar por un tramo estreito tramo llano, picando cara abaixo, por un tunel de mimosas que veu a desembocar entre as casas das aforas de Rianxo. Un novo tramo de pisteo levounos ata un xenial e moi evocador tramo de dous ou tres quilómetros polo paseo marítimo rianxeiro. E con máis ou menos dificultades técnicas, alcanzamos a meta. Logo viñeron os tan tradicionais como simbólicos choques de mans e comentarios con quenes nos acompañamos nos últimos tramos ou entre quenes nos axudamos nalgún tramo e tivemos a oportunidade de vernos ó final, así coma o lavado de bicis e unha excepcional “comilona”, que a bo seguro saciou o estómago daqueles que desfondaron, e unha entrega de premios. Non recibimos ningún nin no sorteo, pero o noso premio xa fora ter desfrutado da Ruta.

Facer amigos é un dos múltiples alicientes das rutas BTT.

En resumo, unha ruta que, ainda que primeiriza, deixou o listón bastante alto tanto a nivel de organización como de trazado, algo no que os amigos da Peña Cicloturista Castro Barbudo tiveron moito que ver e ós que dende este espacio felicitamos e animamos a repetir na segunda edición. E, por suposto se non vos decides a sacala bicicleta do garaxe ou ou os teus amigos e máis tí queredes cambiar as rutas cotidianas soamente hai que facer un oco no mes de abril para apuntarse e a desfrutala bicicleta de montaña por Rianxo.

Aquí vos deixamos un enlace con algún dos retazos da ruta.

5 comentarios: